DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 04 de novembro de 2008 Páx. 20.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2008 pola que se convocan tres bolsas de formación na área da estatística pública deste organismo.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas en que se basea a actividade estatística da comunidade autónoma, e encoméndalle ao Instituto Galego de Estatística (IGE), entre outras funcións, o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellorar o coñecemento da realidade social e económica de Galicia.

Coa finalidade de fomentar a formación no eido da estatística pública,

RESOLVO:

Facer públicas as bases que rexen esta convocatoria.

Primeira.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva tres bolsas de formación na área da estatística pública no IGE, coa finalidade de incentivar a formación e preparación de persoal cualificado nesta área.

As bolsas concederanse, unha, para a licenciatura en matemáticas con orientación curricular en estatística e investigación operativa, outra, para a licenciatura de ciencias económicas, outra para as licenciaturas ou titulacións equivalentes de matemáticas (sen orientación curricular en estatística e investigación operativa), administración e dirección de empresas, socioloxía, informática ou enxeñaría. Se non houbese solicitantes coas titulacións requiridas nalgunha das bolsas, recorrerase á orde de puntuación con independencia da titulación académica.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia

3. Ter rematado os estudos con posterioridade a xaneiro de 2005 e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións de licenciado ou equivalente en:

-Matemáticas, con orientación curricular en estatística e investigación operativa.

-Ciencias económicas.

-Socioloxía, informática, enxeñaría, administración e dirección de empresas, matemáticas (con distinto perfil do exixido anteriormente) .

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación estatística convocada polo IGE.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación destas bases reguladoras e da resolución da convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento da súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

Os candidatos só poderán presentar unha solicitude. A presentación de dúas ou máis solicitudes invalidará todas as presentadas.

Terceira.-Contía da bolsa e aplicación orzamentaria.

O importe da bolsa será de novecentos euros (900 €) brutos mensuais, que se farán efectivos, polo importe líquido, na conta bancaria que sinale o bolseiro, con cargo á aplicación orzamentaria 07.80.581A.480.0 dos orzamentos do IGE para o ano 2009.

Con cargo á mesma aplicación orzamentaria para o ano 2009 e durante o período de goce da bolsa, o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Dado que o expediente se tramita de forma anticipada á aprobación dos orzamentos do ano 2009, queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Cuarta.-Duración da bolsa e prórroga

A bolsa terá unha duración de 12 meses contados desde a data de incorporación do bolseiro á sede do IGE, sito no Complexo Administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, e nunca antes do 1 de xaneiro de 2009.

Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga das bolsas por un novo período de doce meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo de informe de conformidade do servizo en que reciba a formación o bolseiro.

Quinta.-Solicitudes e documentación

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por notario ou por funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea deberase presentar a documentación equivalente.

2. Certificación do padrón municipal.

3. Certificación académica completa, conforme o modelo oficial das universidades galegas, en que se fará constar a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG 57, do 23 de marzo).

Os/as solicitantes que teñan cursado os seus estudos en universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou castelán, deberán acompañala da correspondente tradución xurada. A certificación indicará: cualificacións máxima e mínima do sistema de avaliación correspondente, cualificación mínima necesaria para aprobar, número de convocatorias esgotadas e cualificacións obtidas en cada unha das convocatorias.

4. Curriculum vitae do solicitante, no cal se sinalará a formación e a experiencia no campo da estatística. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados documentalmente.

5. Título correspondente ou, en defecto deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

6. Declaración xurada de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións.

7. Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Sexta.-Lugar e prazo de presentación

As solicitudes e a documentación que se sinalan na base quinta presentaranse no rexistro xeral deste organismo, sito no complexo administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n 15703 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sétima.-Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes levarase a cabo por unha comisión, que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

Vogais: dous, nomeados entre o persoal funcionario do IGE polo seu director.

Secretario: nomeado polo director do IGE entre os funcionarios do organismo. Actuara con voz e sen voto.

Oitava.-Criterios de avaliación

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

-Expediente académico, ata un máximo de 4 puntos, utilizándose para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005 da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo).

-Cursos, seminarios e outras actividades de formación directamente relacionadas coa estatística ou con ferramentas informáticas de uso habitual no tratamento e análise de datos, ata un máximo de 1 punto.

-Cursos de idiomas, homologados polas universidades ou escolas oficiais de idiomas, ata un máximo de 1 punto.

-Estar en posesión do Celga 3 ou curso de iniciación ao galego puntuarase con 0,25 puntos e estar en posesión do Celga 4 ou curso de perfeccionamento de galego puntuarase con 0,50 puntos.

Novena.-Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo para a presentación de instancias e no prazo máximo de 10 días constituirase a comisión de avaliación, que procederá ao exame da documentación.

Efectuado o exame de todas as solicitudes, a comisión de avaliación elaborará a lista provisional de admitidos e excluídos, onde figurarán as causas de exclusión, en que se requira o interesado para que nun prazo de dez días hábiles complete ou emende as deficiencias. Transcorrido o dito prazo sen que se proceda a completar ou emendar as deficiencias, considerarase desistido da súa solicitude, procedéndose segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos consonte o establecido na base oitava e confeccionará a lista provisional de posibles bolseiros, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de cinco días hábiles.

Rematado este prazo, a comisión de avaliación resolverá as reclamacións e elaborará a lista definitiva de posibles bolseiros.

A comisión elevará ao director do IGE unha proposta de concesión para a designación dos titulares.

Cos restantes admitidos elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que os bolseiros seleccionados non se incorporasen na data establecida, cando o bolseiro renunciase á bolsa ou cando se procedese á súa revogación.

Décima.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación proposta de concesión, esta convocatoria resolveraa o director do IGE. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director do IGE no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A notificación da resolución aos titulares farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992, dando así mesmo a oportuna publicidade no DOG.

Ademais, a aceptación da bolsa comportará a autorización ao IGE de:

1. Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas cando proceda, agás nos supostos legalmente establecidos.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2ª c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o IGE publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Décimo primeira.-Aceptación da bolsa.

No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación das bolsas, os candidatos seleccionados de-berán comunicar por escrito ao IGE a aceptación. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o bolseiro renuncia expresamente.

No momento da incorporación, os candidatos seleccionados deberán acreditar que están ao día nas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, e que non teñen pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante documento orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por notario ou por funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os seleccionados incorporaranse no prazo que se indique na notificación da concesión, debendo proceder á sinatura dun documento no cal se comprometa a cumprir as obrigas derivadas da súa condición de bolseiro. A incorporación dentro do prazo será condición necesaria para o perfeccionamento da condición de bolseiro e, en consecuencia, para a percepción da axuda correspondente.

O bolseiro que non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste su-posto o director do IGE procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao primeiro candidato que figure na lista que para tal efecto elaborase a comisión de avaliación, conforme a base novena.

Décimo segunda.-Obrigas dos bolseiros.

Os bolseiros seleccionados comprometeranse a:

-Cumprir co réxime de formación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orienta-ción e dirección dos funcionarios que se designen para tales efectos.

-Presentar antes de rematar o período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación desenvolvida.

-Permanecer no centro o tempo necesario e indispensable para a súa formación.

-Gardar o segredo estatístico respecto dos datos a que teñan acceso, segundo o disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

-Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

-Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

-Presentar antes do último pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo terceira.-Titor ou coordinador.

Os bolseiros estarán coordinados e dirixidos no desenvolvemento da súa bolsa por un titor, que será funcionario do IGE.

Décimo cuarta.-Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral ou funcionarial entre o bolseiro e o IGE.

Os bolseiros non poderán difundir ou comunicar a información estatística a que teñan acceso na súa formación, salvo coa autorización expresa do director do IGE; deberán facer constar neste caso que a información foi obtida polo goce dunha bolsa concedida polo IGE.

Décimo quinta.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do titular, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de antelación en escrito dirixido ao director do IGE, quen poderá, polo período que reste, concederlla ao candidato que corresponda segundo a lista que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.

A renuncia inhabilitará os titulares para efectos de presentación en vindeiras convocatorias.

Décimo sexta.-Réxime xurídico e impugnabilidade

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e supletoriamente a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo sétima.-Duración do procedemento.

Segundo o establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Decimo oitava.-Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos interesados farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web do IGE (www.ige.eu). Este xeito de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución aos titulares, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992.

Décimo novena.-Incompatibilidade.

As bolsas reguladas nesta convocatoria serán incompatibles con ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación convocada polo IGE.

Así mesmo, serán incompatibles coa percepción de calquera retribución de carácter laboral ou profesio-nal e coa percepción da prestación por desemprego.

Vixésima.-Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das bolsas e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O director poderá revogar o desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade exixibles; en tal suposto, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, procederá o director do IGE na forma prevista na base novena desta convocatoria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director do IGE poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2008.

Ángel L. Tarrío Tobar

Director do Instituto Galego de Estatística

Ver referencia pdf "21400D007P012.PDF"