DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Martes, 04 de novembro de 2008 Páx. 20.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 22 de outubro de 2008 pola que se crea un ficheiro que contén datos de carácter persoal existente na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

O artigo 39.4º da Constitución española establece que os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

A Convención sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989 no artigo 19 obriga aos Estados Parte a adoptar todas as medidas lexislativas, administrativas, sociais e educativas apropiadas para protexer o neno contra toda forma de prexuízo ou abuso físico ou mental, descoido ou trato neglixente, malos tratos ou explotación, incluído o abuso sexual.

O Grupo de Traballo Maltrato Infantil do Observatorio da Infancia, creado polo Consello de Ministros o 12 de marzo de 1999 e integrado no Ministerio de Educación, Política Social e Deporte, impulsa a creación de rexistros unificados de maltrato nas comunidades autónomas como instrumento clave para coñecer a dimensión do problema.

Ao abeiro do Plan Estratéxico Galego da Infancia e da Adolescencia (PEGIA), e en estreita colaboración co Observatorio Estatal da Infancia, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar traballa para mellorar os sistemas de detección e notificación das situacións de desprotección da infancia. Así, para avanzar na súa prevención, xunto co funcionamento do Teléfono da Infancia, creouse unha base de datos denominada Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI), instrumento centralizador e decisivo que implica todas as áreas en contacto directo coa infancia: servizos sociais, sanidade, educación e corpos de seguridade.

O obxectivo do Rexistro Unificado de Maltrato Infantil é detectar calquera alerta de maltrato infantil e actuar coa maior rapidez posible. Co RUMI creouse unha base de datos central na que se gardarán todas as notificacións, acaben ou non en denuncia, de calquera acción contra un menor. Para que o RUMI funcione dun modo rápido y eficaz implícanse os servizos sociais, sanitarios, educativos e policiais, establecendo protocolos de actuación.

A posta en funcionamento do RUMI, supón unha recollida constante de datos de carácter persoal, polo que, para darlle axeitadas garantías xurídicas no ámbito do dereito á intimidade persoal e á protección de datos, considerouse necesaria a creación dun ficheiro de datos de carácter persoal.

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación de ficheiros.

Mediante esta orde, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar crea o ficheiro con datos de carácter persoal do Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI), que se cita no anexo, nos termos e condicións establecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 2º.-Dereitos dos afectados polos ficheiros.

As persoas afectadas polos ficheiros poden exercitar o seu dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento de datos cando proceda, diante do órgano responsable de cada ficheiro.

Artigo 3º.-Utilización dos ficheiros para fins de investigación ou estatísticos.

Nos casos en que se necesite utilizar datos de carácter persoal para algunha investigación ou tratamento estatístico relacionados con estes ficheiros, estes faranse con datos disociados. De non ser posible a disociación, solicitarase o consentimento expreso aos cidadáns para poder utilizar os datos con ese fin.

Artigo 4º.-Garantías de utilización dos ficheiros.

Os titulares dos órganos administrativos responsables do ficheiro que se crea mediante esta orde, adoptarán as medidas necesarias para asegurar que os datos de carácter persoal automatizados que se atopen nel se utilicen para a finalidade para a que foron recollidos e para facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos no artigo 18 da Constitución española, na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO

1. Ficheiro: Rexistro Unificado de Maltrato Infantil (RUMI).

a) Finalidade do ficheiro e usos previstos para o mesmo: detectar, rexistrar, unificar e cuantificar as alertas de maltrato infantil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretenda obter datos de carácter persoal ou que resulten obrigados a subministralos: menores en situación de maltrato ou sospeita de maltrato, datos identificativos do notificador (persoal de Asuntos Sociais, de servizos sanitarios, ensino e forzas de seguridade).

c) Procedemento de recollida dos datos de carácter persoal: formularios en papel normalizados.

d) Estrutura básica do ficheiro e tipos de datos de carácter persoal incluídos nel: os datos de carácter persoal están contidos nun ficheiro de carácter mixto, e son os seguintes:

Datos de características persoais.

-Nome e apelidos.

-Data nacemento.

-Domicilio.

-Teléfono.

-Sexo.

-Datos de familia.

Datos de circunstancias sociais.

Outros datos especialmente protexidos.

-Saúde

-Vida sexual.

Datos relativos a infraccións penais ou administrativas.

e) Cesións de datos de carácter persoal e, se é o caso, transferencias que se prevexan a terceiros países: órganos xudiciais e aqueloutros a que obrigue a normativa de protección da infancia.

f) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro: Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Secretaría Xeral do Benestar. Dirección Xeral de Acción Social.

g) Servizo ou unidade diante do que se poden exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Secretaría Xeral do Benestar. Dirección Xeral de Acción Social. Subdirección Xeral de Menores. Complexo administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela (A Coruña).

h) Nivel de medidas de seguridade adoptadas: nivel alto.