DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Luns, 03 de novembro de 2008 Páx. 19.991

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 28 de outubro de 2008 para o acceso á carreira profesional do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade e integrado no réxime estatutario polos procesos previstos no Decreto 91/2007.

A teor do artigo 8 do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade (DOG nº 100, do 25 de maio), tras o remate dos procesos de integración nel regulados establecerase o procedemento para que o persoal laboral fixo en 31-12-2005, que tivese optado pola súa integración no réxime estatutario, poida acceder ao recoñecemento previo do nivel de desenvolvemento profesional, de conformidade co Decreto 155/2005, do 9 de xuño, sobre un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 122, do 13 de xuño); e co Acordo de mesa sectorial do 12 de xuño de 2006 polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e as bases de

negociación do réxime definitivo de carreira profesional, publicado en virtude de Resolución do 28 de xullo de 2006 (DOG nº 115, do 11 de agosto).

A cláusula adicional oitava do Acordo do 21 de xuño de 2007, publicado por Resolución do 25 de outubro de 2007 (DOG nº 208, do 26 de outubro) fai a mesma previsión en relación co acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, que optase pola súa integración no réxime estatutario.

O mesmo Decreto 91/2007 establece que mediante orde da Consellería de Sanidade determinaranse os requisitos e o sistema de avaliación para o acceso ao recoñecemento previo do nivel profesional en termos parangonables aos recollidos para o persoal estatutario nas disposicións que o desenvolven, tendo en conta as características propias de funcionamento das institucións do ámbito de aplicación do decreto. Así mesmo, determinará o procedemento para presentación de solicitudes e recoñecemento do nivel de desenvolvemento profesional con determinación do alcance e a efectividade deste. O decreto determina tamén os efectos económicos de cada grao para as categorías de licenciados e diplomados sanitarios. O Acordo do 21 de xuño de 2007, pola súa parte, establece os efectos económicos para as categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

Esta orde estruturouse en nove artigos:

Do artigo 1 ao 6 establécense unha serie de normas de aplicación común para todas as categorías como é o ámbito de aplicación, procedemento de acceso e efectos do recoñecemento recollendo as liñas xerais do réxime de carreira establecidas nas tres normas vixentes que regulan o acceso do persoal estatutario ao réxime extraordinario de desenvolvemento profesional.

A apertura do prazo para solicitar o acceso a cada grao realizarase por resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

Realízase unha aclaración especial canto aos servizos prestados, cuxo cómputo incluirá os servizos prestados como persoal laboral na mesma categoría ou especialidade previos á integración (o artigo 7.4º do Decreto 91/2007 di que serán considerados para todos os efectos como servizos prestados no réxime estatutario).

Os artigos 7, 8 e 9 establecen normas específicas para as categorías de licenciados e diplomados sanitarios, e de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

Os criterios de avaliación son os establecidos para cada categoría nas respectivas normas de carreira.

Constituiranse comités de avaliación de carreira en cada entidade, segundo o establecido nos acordos de diplomados sanitarios e de persoal de xestión e servizos e sanitario de formación profesional, aos que lles corresponderá a avaliación e proposta de recoñecemento dos graos. No caso dos licenciados sanitarios, non se crearon comités de centro, polo que a avaliación e proposta corresponderalle á Comisión Técnica de Avaliación.

Esta orde foi obxecto de negociación no seo da Mesa Sectorial.

Por todo o que antecede, en virtude das competencias conferidas pola Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, e polo Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o sistema de avaliación, así como o procedemento para a presentación de solicitudes, para o acceso ao réxime extraordinario de carreira profesional do persoal que resultou integrado no réxime estatutario segundo o previsto no Decreto 91/2007.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación ao persoal laboral fixo do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade o 31 de decembro de 2005, e que resultou integrado no réxime estatutario como consecuencia dos procesos de integración derivados do Decreto 91/2007.

Artigo 3º.-Procedemento de acceso á carreira profesional.

3.1. Por resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde efectuarase a correspondente convocatoria que abrirá o prazo para solicitar o recoñecemento de cada grao.

Esta resolución determinará en todo caso:

a) O baremo aplicable, de conformidade cos criterios de avaliación establecidos nesta orde para cada categoría.

b) O prazo de presentación de solicitudes, que será como mínimo de vinte días hábiles.

c) A documentación que deberá presentar o solicitante.

As solicitudes serán resoltas nos tres meses seguintes á finalización do prazo para a súa presentación. Caso de non notificarse a resolución nese prazo, entenderanse desestimadas.

3.2. O profesional deberá presentar solicitude no citado prazo, acompañándoa da acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos ou de estar en condicións de cumprilos no día anterior á data de efectos a que se refire o artigo 5º.3, para o acceso a cada un dos graos.

3.3. O recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional realizarase mediante resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, logo da proposta do comité de avaliación correspondente.

Na resolución que se dite, que porá fin á vía administrativa, especificarase o grao acadado e os seus efectos así como os medios de impugnación que caiba interpoñer contra ela.

3.4. Prescindirase dos méritos vinculados directamente coa actividade asistencial ou profesional, na correspondente avaliación, no caso dos profesionais que permanecesen nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde ou situación equivalente prevista na normativa laboral.

b) Os períodos de permisos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade

e) Incapacidade temporal.

Artigo 4º.-Efectos do recoñecemento da carreira profesional.

O recoñecemento dos sucesivos graos da carreira profesional outorgará aos profesionais os seguintes dereitos:

a) A súa constancia para os efectos do currículo.

b) A acceder ao grao superior de acordo co establecido nesta orde, sempre que se acrediten o tempo de servizos prestados e os demais requisitos exixidos.

c) Ao aboamento do complemento de carreira na contía correspondente ao grao de encadramento.

Artigo 5º.-Complemento de carreira.

5.1. Cada un dos graos aboarase nas contías previstas para persoal estatutario nas seguintes normas: Decreto 155/2005, do 9 de xuño, (DOG nº 112, do 13 de xuño) sobre o réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios; Acordo do 4 de xullo de 2006, sobre carreira profesional do persoal das categorías de diplomados sanitarios (DOG nº 155, do 11 de agosto); e Acordo do 21 de xuño de 2007 (DOG nº 208, do 26 de outubro) sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

Durante a implantación do sistema, a contía anual por grao recoñecido será a seguinte:

-Persoal licenciado sanitario: as contías anuais que se perciban por este complemento devengaranse en 12 mensualidades, a razón de 3.000 euros/ano por nivel recoñecido.

A contía que se percibiu no ano 2007 incrementarase, a partir do año 2008, na porcentaxe fixada na Lei de orzamentos para as retribucións dos empregados públicos.

-Persoal diplomado sanitario: durante a implantación do sistema, a contía anual será a seguinte:

Ver referencia pdf "21300D001P007.PDF"

As contías no exercicio 2013 calcularanse sobre as contías do ano 2012, actualizadas cos incrementos respectivos que se establezan nas leis de orzamentos dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012. A partir de 2014 as contías terán as actualizacións anuais previstas nas leis.

5.2. O complemento de carreira profesional obtido en virtude deste proceso percibirase sempre que o profesional se manteña en activo na categoría pola que accedeu á carreira profesional. De pasar a excedencia nesa categoría para ocupar outra, non levará consigo a percepción do complemento, con excepción dos supostos de promoción interna recollidos no Acordo do 21 de xuño de 2007, para as categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

5.3. Os efectos económicos de cada un dos graos, de acordo co disposto no Decreto 91/2007, do 26 de abril e no Acordo do 21 do xuño de 2007 son os seguintes:

Persoal das categorías de licenciado sanitario:

Grao I: efectos do 1 xullo de 2007.

Grao II: efectos do 1 xullo de 2008.

Grao III: efectos do 1 xullo de 2009.

Grao IV: efectos do 1 xullo de 2010.

Persoal das categorías de diplomado sanitario, e de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional:

Grao I: efectos do 1 xullo de 2008.

Grao II: efectos do 1 xullo de 2009.

Grao III: efectos do 1 xullo de 2010.

Grao IV: efectos do 1 xullo de 2011.

Artigo 6º.-Cómputo dos servizos prestados.

Para efectos de réxime extraordinario de acceso a carreira profesional, o cómputo dos servizos prestados, para cada un dos graos, como persoal laboral nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 91/2007, realizarase nos termos regulados no Decreto 155/2005, do 9 de xuño (DOG nº 112, do 13 de xuño), Acordo de 4 de xullo de 2006 (DOG nº 155, do 11 de agosto), e Acordo do 21 de xuño de 2007 (DOG nº 208, do 26 de outubro).

Artigo 7º.-Persoal licenciado sanitario (normas específicas).

7.1. O réxime de carreira profesional aplicable ao persoal licenciado sanitario é o establecido no Decreto 155/2005, do 9 de xuño, (DOG nº 112, do 13 de xuño) sobre o réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario das categorías de licenciados sanitarios, coas particularidades que se establecen no Decreto 91/2007, do 26 de abril e nesta orde.

7.2. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento do grao os profesionais que o soliciten deberán cumprir ou estar en condición de cumprir, na data de efectos establecida no artigo 5º.3 para cada grao, os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional na mesma categoría e especialidade que se indica a continuación:

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 18 anos.

Grao IV: 23 anos.

d) Ter participado nos cinco exercicios inmediatamente anteriores á data da solicitude nos obxectivos asistenciais, reflectidos nos programas especiais do complemento de produtividade variable da fundación pública sanitaria ou empresa pública na cal estivese prestando servizos, e acreditar o seu cumprimento nun 70% en cada un dos cinco exercicios ou nun 75% de media nos ditos exercicios. Esta acreditación realizarase mediante certificación do director xerente da entidade de que se trate, de conformidade coa avaliación do cumprimento de obxectivos efectuada.

e) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos.

f) Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma.

7.3. Procedemento de avaliación.

7.3.1. Correspóndelle á Comisión Técnica de Avaliación realizar a avaliación das solicitudes e emitir a proposta de recoñecemento do grao de carreira profesional.

7.3.2. Cando por razóns da organización do traballo establecida, un profesional non puidese acreditar a súa participación nos programas de obxectivos do complemento de produtividade variable, quedará exonerado do requisito a que se refire a alínea d) do artigo anterior. Porén, o xerente da entidade emitirá certificación acreditativa deste extremo, así como informe detallado da súa participación nos resultados da actividade da entidade conforme se estableza nas condicións da avaliación.

7.3.3. Cando un profesional non incluído no parágrafo anterior non puidese acreditar o cumprimento do requisito a que se refire a alínea d) do artigo anterior, a comisión técnica de avaliación poderá emitir informe favorable sobre a solicitude dun interesado á vista, entre outros aspectos, do currículo docente e investigador, ou participación na xestión, sempre e cando as ditas actividades foren alleas ao programa de obxectivos do complemento de produtividade variable e se apreciase nelas un interese redundante na mellora do servizo asistencial, así como das peculiaridades da fundación pública sanitaria ou empresa pública na que prestase servizos que fosen determinantes e diferenciadoras da actividade asistencial desenvolvida polo profesional, de tal xeito que non puidese ser avaliada nos termos previstos nos parágrafos anteriores desta disposición.

Artigo 8º.-Persoal diplomado sanitario (normas específicas).

8.1. O réxime de carreira profesional aplicable ao persoal diplomado sanitario é o establecido no Acordo de mesa sectorial do 12 de xuño de 2006 polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e as bases de negociación do réxime definitivo de carreira profesional, publicado en virtude de Resolución conxunta do 28 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde, e da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional (DOG nº 115, do 11 de agosto), coas particularidades que se establecen nesta orde.

8.2. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento do grao os profesionais que o soliciten deberán cumprir ou estar en condición de cumprir, na data de efectos establecida no artigo 5º.3 para cada grao, os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional na mesma categoría que se indica a continuación:

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

d) Obter a avaliación favorable do comité avaliador da respectiva fundación/empresa pública sanitaria ou, de ser o caso, da comisión técnica de avaliación.

e) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos.

f) Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma.

8.3. Criterios de avaliación.

8.3.1. O recoñecemento dos sucesivos graos requirirá a avaliación favorable dos méritos do interesado relacionados cos seguintes aspectos do seu desenvolvemento profesional:

a) Actividade do profesional nos ámbitos da documentación asistencial e informativa que se determinen. Cando para un colectivo, servizo ou unidade específico resulte imposible, difícil ou inapropiado utilizar a documentación sanitaria e informativa como obxecto de avaliación, esta adaptarase ás características específicas da súa prestación de servizos.

b) Formación continuada acreditada e actividade docente.

c) Compromiso coa organización. Entre outras, consideraranse relacionadas con este aspecto do desenvolvemento profesional as seguintes actividades: participación en actividades de formación especializada; participación en comités internos ou proxectos institucionais; exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión.

d) Resultados de actividade (con indicadores obxectivables).

8.3.2. Os méritos e baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos serán os establecidos nas resolucións da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional publicadas para o acceso a cada grao de réxime extraordinario de carreira profesional do persoal diplomado sanitario.

8.4. Comités de avaliación.

Constituirase un comité de avaliación en cada fundación/ empresa pública sanitaria. A súa composición determinaraa a comisión de seguimento do citado Acordo do 12 de xuño de 2006, garantindo, en todo caso, a participación de profesionais das categorías de diplomados sanitarios obxecto de avaliación.

Correspóndelles a estes comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

Artigo 9º.-Persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional (normas específicas).

9.1. O réxime de carreira profesional aplicable ao persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional é o establecido no Acordo do 21 de xuño de 2007, publicado por Resolución conxunta da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde, e da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional (DOG nº 208, do 26 de outubro) de acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, coas particularidades que se establecen nesta orde.

9.2. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento do grao os profesionais que o soliciten deberán cumprir ou estar en condición de cumprir, na data de efectos establecida no artigo 5º.3 para cada grao, os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría e/ou especialidade, obtida a través dos procesos previstos no Decreto 91/2007.

b) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional na mesma categoría que se indica a continuación:

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

d) Obter a avaliación favorable do comité avaliador da respectiva fundación/empresa pública sanitaria ou, de ser o caso, da comisión técnica de avaliación.

e) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos.

f) Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma.

9.3. Criterios de avaliación.

3.1. O recoñecemento dos sucesivos graos requirirá a avaliación favorable dos méritos do interesado relacionados cos seguintes aspectos do seu desenvolvemento profesional:

a) Desempeño do posto: valorarase o nivel de desempeño nas actividades principais dos postos e/ou, segundo o caso, as actividades de colaboración.

b) Valoración en todo caso e, como mínimo, da formación continuada acreditada e a derivada do Plan de formación das administracións públicas.

c) Actividade docente.

d) Compromiso coa organización. Entre outras, consideraranse relacionadas con este aspecto do desenvolvemento profesional as seguintes actividades: participación en comités internos, na elaboración de protocolos de mellora dos procedementos de traballo, proxectos institucionais; exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión; así como outros aspectos de formación complementaria (mestrados e cursos superiores e de especialización relacionados coas funcións propias do posto de traballo, curso básico de prevención de riscos laborais, e formación en materia de xestión e organización sanitaria.

3.2. Os méritos e baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos serán os establecidos nas resolucións da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional publicadas para o acceso a cada grao de réxime extraordinario de carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional.

9.4. Comités de avaliación.

Constituirase un comité de avaliación en cada fundación/ empresa pública sanitaria. A súa composición determinarase pola comisión de seguimento do citado Acordo do 21 de xuño de 2007.

Correspóndelles aos comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade