DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2008 Páx. 19.938

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 8 de outubro de 2008 pola que se crean ficheiros que conteñen datos de carácter persoal existentes na Consellería de Vivenda e Solo, no eido da renda básica de emancipación dos mozos de Galicia.

O artigo 18.1º da Constitución española garante o dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, pola súa parte, o artigo 18.4º da Constitución española establece que a Lei limitará o uso da informática para garantir o honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

A sentenza do Tribunal Constitucional nº 292/2000, do 30 de novembro, declarou o dereito recollido no artigo 18.4º da Constitución española como autónomo do recollido no artigo 18.1º, sinalando que este dereito fundamental á protección de datos, a diferenza do dereito á intimidade do artigo 18.1º, con quen comparte o obxectivo de ofrecer unha eficaz protección constitucional da vida privada persoal e familiar, atribúe ao seu titular un feixe de facultades que consiste, na súa maior parte, no poder xurídico de impoñer a terceiros a realización ou omisión de determinados comportamentos. A concreta regulación do cal debe establecer a lei. Aquela que conforme o artigo 18.4º da Constitución española debe limitar o uso da informática. Quedando conceptuado, así como dereito fundamental autónomo, sendo os seus principios recollidos na propia Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD).

Pola súa banda, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, aprobou o Regulamento de desenvolvemento da LOPD (BOE nº 17, do 19 de xaneiro de 2008); en adiante RDLOPD.

De conformidade co establecido no artigo 20 da LOPD, a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

Tendo en conta todo o anterior e, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante esta orde a Consellería de Vivenda e Solo crea os ficheiros con datos de carácter persoal de propietarios e de arrendatarios, para efectos da renda básica de emancipación, regulada por Real decreto 1472/2007, do 2 de novembro, publicado no Boletín Oficial del Estado nº 267, do 7 de novembro de 2007.

A xestión da renda básica de emancipación dos mozos na Comunidade Autónoma de Galicia está regulada na Orde do 26 de decembro de 2007, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 3, do 4 de xaneiro de 2008.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da LOPD e o artigo 54 do RDLOPD, deberá indicarse na disposición de creación de ficheiros, está contida nos anexos desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e usos dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal rexistrados nos ficheiros da Consellería de Vivenda e Solo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Neste sentido, a finalidade do ficheiro de arrendatarios é tramitar e resolver as solicitudes de subvencións ao obxecto de favorecer o arrendamento, facilitando, pola súa vez, a emancipación da mocidade.

Pola súa banda, a finalidade do ficheiro de arrendadores é controlar que a información e os datos que facilitan os arrendatarios é veraz, co fin de poderlles conceder as correspondentes subvencións.

Para cumprir as finalidades dos ficheiros, é preciso comunicar os datos ao Ministerio de Vivenda co obxecto de que este proceda ao pagamento das axudas aos beneficiarios destas. Para este fin non será preciso o consentimento dos interesados. As comunicacións de datos faranse en cumprimento do artigo 11.2º c) da LOPD e do artigo 10.4º a) do RDLOPD, segundo os cales será posible a cesión de datos sen o consentimento do interesado cando o tratamento responda á libre e lexítima aceptación dunha relación xurídica cuxo desenvolvemento, cumprimento e control implique necesariamente a conexión do dito tratamento con ficheiros de terceiros. Neste caso, a comunicación só será lexítima en canto se limite a finalidade que a xustifique.

Artigo 4º.-Seguridade dos ficheiros.

Serán responsable dos ficheiros a Consellería de Vivenda e Solo. Os titulares dos órganos administrativos adoptarán as medidas de xestión e organización necesarias para aseguraren a confidencialidade, seguranza e integridade dos datos, así como as dirixidas a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na LOPD e no RDLOPD.

Artigo 5º.-Xestión dos ficheiros.

Conforme o artigo 2º da Orde do 4 de xaneiro de 2008, a xestión das axudas levaraa a Consellería de Vivenda e Solo a través das catro sociedades públicas de xestión urbanística de Galicia as cales terán a consideración de encargados do tratamento dos datos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2008.

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO

Ficheiro de renda básica de emancipación: arrendatarios

-Finalidade do ficheiro: tramitar e resolver as solicitudes de subvencións e favorecer o arrendamento, facilitando, pola súa vez, a emancipación da mocidade.

-Persoas afectadas: os arrendatarios que soliciten axudas para o pagamento da renda e/ou para o pagamento do aval ou da fianza.

-Procedemento de recollida de datos: mediante os impresos oficiais, en formato de papel, que presentan os propios interesados.

-Estrutura básica dos ficheiros e tipo de datos de carácter persoal recollidos nestes: os datos de carácter persoal están contidos en ficheiros mixtos, de carácter automatizado e de papel, e serán os seguintes:

Nome e apelidos.

NIF.

Enderezo completo.

Teléfono.

Correo electrónico.

Ingresos.

Vida laboral.

Número da Seguridade Social.

-Cesións de datos: prevense, para os efectos de garantir a execución da xestión da renda de emancipación. Neste senso, as únicas cesións de datos que se prevén serán ao Ministerio de Vivenda para os efectos do pagamento efectivo das axudas aos beneficiarios destas.

-Órganos da Administración responsables dos ficheiros: Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo.

-Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: secretaría xeral, Área Central, s/n. Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela (A Coruña) ou en calquera das sociedades públicas de xestión urbanística (Xestur A Coruña, Xestur lugo, Xestur Ourense e Xestur Pontevedra), debendo remitir estas últimas á Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo as correspondentes solicitudes ou reclamacións relativas ao exercicio de tales dereitos.

-Medidas de seguranza: nivel alto.

A) Ficheiro de renda básica de emancipación: arrendadores.

-Finalidade do ficheiro: controlar que a información e os datos que facilitan os arrendatarios é veraz, co fin de poderlles conceder as correspondentes subvencións.

-Persoas afectadas: os arrendadores das vivendas cuxos inquilinos soliciten as subvencións.

-Procedemento de recollida de datos: mediante os impresos oficiais, en formato de papel, que presentan os arrendatarios.

-Estrutura básica dos ficheiros e tipo de datos de carácter persoal recollidos nestes: os datos de carácter persoal están contidos en ficheiros mixtos, de carácter automatizado e de papel, e serán os seguintes:

Nome e apelidos.

NIF.

Número de conta.

Referencia catastral do inmoble do que é propietario.

-Cesións de datos: prevense, para os efectos de garantir a execución da xestión da renda de emancipación. Neste senso, as únicas cesións de datos que se prevén serán ao Ministerio de Vivenda para que lles poida pagar as axudas aos beneficiarios destas.

-Órganos da Administración responsables dos ficheiros: Secretaría Xeral da Consellería de Vivenda e Solo.

-Servizos ou unidades ante os que se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición: Secretaría Xeral, Área Central, s/n. Polígono das Fontiñas. Santiago de Compostela (A Coruña).

-Medidas de seguranza: nivel básico.