DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2008 Páx. 19.906

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2008 pola que se adxudican as axudas para o fomento da investigación e a innovación empresarial do procedemento IN841D, convocadas pola Orde do 25 de abril de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 88, do 8 de maio).

Pola orde da Consellería de Innovación e Industria, do 25 de abril de 2008 (DOG nº 88, do 8 de maio), convocáronse as axudas para o ano 2008 para o fomento da innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondentes aos sete procedementos ou modalidades de axuda seguintes:

-IN841A: plataformas tecnolóxicas.

-IN841B: realización de estudos de viabilidade.

-IN841C: realización de proxectos de innovación.

-IN841D: cofinanciamento de proxectos subvencionados con anterioridade noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais.

-IN841E: preparación de novos proxectos para a participación noutras convocatorias de axudas doutras administracións estatais e internacionais.

-IN841G: dotacións de laboratorio ou departamentos de I+D.

-IN841H: investimentos innovadores.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da citada orde da convocatoria, atendendo ás dispoñibilidades de crédito e ás propostas elaboradas pola comisión de valoración prevista no artigo 9 da orde da convocatoria, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Concederlles as axudas para o cofinanciamento de proxectos subvencionados con anterioridade noutras convocatorias de axudas estatais e internacionais (procedemento IN841D) aos beneficiarios que se relacionan no anexo D-I desta resolución, nas contías que se sinalan, que supoñen un total de 201.843,24 euros para o ano 2008.

Segundo.-Para poder percibir as axudas correspondentes á anualidade de 2008, os beneficiarios deberán presentar, na data límite do 15 de novembro de 2008, a documentación indicada no artigo 17 da Orde do 25 de abril de 2008 (DOG nº 88, do 8 de maio), así como no artigo 6 do anexo IV da citada orde de convocatoria.

Terceiro.-A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación adoptará as medidas necesarias para a instrución dos correspondentes expedientes de gasto.

Cuarto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde da convocatoria suporá a perda do dereito a percibir a subvención correspondente.

Quinto.-Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2008.

P.D. (Orde 31-1-2006, DOG nº 24)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria

Ver referencia pdf "21200D006P018.PDF"