DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Venres, 31 de outubro de 2008 Páx. 19.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 24 de outubro de 2008 pola que se modifican os importes máximos subvencionables nas distintas modalidades do Programa do cheque asistencial establecidos na Orde do 26 de marzo de 2004 e na Orde do 23 de abril de 2007 e se modifican as porcentaxes de participación das persoas beneficiarias no financiamento dos servizos incluídos no programa establecidas no artigo 10 da Orde do 5 de decembro de 2000.

O Decreto 176/2000, do 22 de xuño, regula o Programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial. A Orde do 5 de decembro de 2000, modificada pola Orde do 30 de abril de 2001, desenvolve o citado decreto e establece, no seu artigo 10, os importes máximos subvencionables das distintas modalidades do cheque.

A Orde do 26 de marzo de 2004, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 63, do 31 de marzo, modificou os importes máximos subvencionables das distintas modalidades do Programa do cheque asistencial establecidos na Orde do 5 de decembro de 2000, modificación que se completou coa actualización do importe máximo subvencionable na modalidade de atención de axuda no fogar a través da Orde do 23 de abril de 2007 (DOG nº 89, do 9 de maio) de modificación da Orde do 26 de marzo de 2004 citada.

O incremento dos custos na prestación dos servizos asistenciais unida ao incremento, nestes últimos anos, do IPC, aconsella modificar os importes máximos subvencionables das distintas modalidades do Programa do cheque asistencial establecidos na Orde do 26 de marzo de 2004 e na Orde do 23 de abril de 2007.

Por outra banda, o mantemento das porcentaxes de coparticipación das persoas beneficiarias do cheque sobre o custo total dos diferentes servizos incluídos no programa e establecidos no punto segundo do artigo 10 da Orde do 5 de decembro de 2000, pola que se regulan as axudas económicas para a atención de persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial e a inclusión no programa das entidades prestadoras de servizos sociais, modificada pola Orde do 30 de abril de 2001, suporía un considerable incremento da participación do/a beneficiario/a no custo do cheque, o que determinaría, en moitos casos, a imposibilidade, por parte das persoas usuarias, de acceder ás diferentes modalidades do programa.

Co obxecto de evitar tales prexuízos ás persoas usuarias, cómpre diminuír a achega mínima da persoa beneficiaria nas diferentes modalidades do cheque, para os efectos de manter a súa achega nunha cantidade acorde á capacidade económica das persoas usuarias.

En consideración ao exposto, e en virtude das funcións atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modificación dos importes máximos subvencionables das distintas modalidades do Programa do cheque asistencial.

1. Os importes máximos subvencionables do cheque asistencial en función dos custos das distintas modalidades do programa serán os que a seguir se detallan:

Residencias:

-Custo máximo da residencia asistida: ata 1.200 euros/mes.

-Cheque para residencia asistida: ata 648 euros/mes

Centros de atención diúrna:

-Custo máximo da praza: 515 euros/mes.

-Custo máximo da praza a media xornada: 300 euros/mes.

-Cheque para centro de atención diúrna: ata 298,7 euros/mes.

-Cheque para centro de atención diúrna a media xornada: 174 euros/mes.

Estadía temporal ou programas de respiro:

-Custo máximo (ata 60 días/ano): 1.200 euros/mes.

-Cheque para estadía temporal ou programas de respiro: ata 648 euros/mes.

Atención de axuda no fogar:

-Custo máximo do servizo: ata 11 euros/hora e ata 1.320 euros/mes.

-Cheque para axuda no fogar: ata 957 euros/mes.

2. Os importes previstos nesta orde considéranse importes máximos de conformidade co establecido no artigo 7 do Decreto 176/2000, do 22 de xuño.

3. As entidades adheridas ao Programa de cheque asistencial que desexen actualizar os prezos que teñan autorizados deberán presentar a correspondente solicitude no rexistro xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común durante o mes de outubro de cada ano.

Artigo 2º.-Modificación do punto segundo do artigo 10 da Orde do 5 de decembro de 2000.

O punto segundo do artigo 10 da Orde do 5 de decembro de 2000, queda redactado como segue:

«Para os efectos do cálculo da subvención considerarase que a persoa beneficiaria, coa colaboración, se é o caso, da súa unidade de convivencia ou de quen lle preste axuda, participará cos seus ingresos no pagamento da contía mínima do 42% sobre o custo total da modalidade de atención diúrna, do 46% na modalidade de atención residencial, estadía temporal ou asistencia a programas de respiro e, no caso da modalidade de atención de axuda no fogar, participará na contía mínima do 27,5% sobre o custo total deste servizo. A contía máxima mensual subvencionable será, en consecuencia, a diferenza resultante entre os importes máximos establecidos segundo a modalidade e as achegas das persoas beneficiarias.

Na modalidade de cheque-residencia, a contribución da persoa beneficiaria nunca poderá ser inferior á establecida para as persoas beneficiarias de centros residenciais públicos dependentes da comunidade autónoma e que, nestes momentos, sen prexuízo da súa ulterior modificación segundo os criterios que fixe para o efecto o Consello Territorial dentro do Sistema de Atención á Dependencia, está fixada nun 75% dos seus ingresos líquidos, exceptuando pagas extraordinarias e tendo como límite máximo o custo real da praza».

Disposicións transitorias

Primeira.-Para o ano 2008, as solicitudes de actualización presentadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde e non resoltas poderán resolverse de conformidade cos criterios establecidos nela.

Segunda.-Durante o ano 2008, as entidades adheridas ao Programa de cheque asistencial que desexen actualizar os prezos que teñan autorizados deberán presentar a correspondente solicitude no Rexistro xeral da Xunta de Galicia ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común no prazo de quince días contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os importes previstos nesta orde terán efectos económicos a partir do un de outubro do ano 2008.

Segunda.-Facúltase a persoa titular do centro directivo con competencias en materia de benestar para ditar as resolucións que resulten necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar