DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 30 de outubro de 2008 Páx. 19.814

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de outubro de 2008 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión de axudas a organismos públicos ou semipúblicos para a realización de proxectos de transformación de buques pesqueiros para a súa reconversión, con fins de formación ou de investigación no sector pesqueiro ou para actividades distintas da pesca (con financiamento do Fondo Europeo da Pesca).

A mellora da calidade de vida nas comunidades pescadoras do noso litoral está ligada á adopción de prácticas de pesca responsables e accións de diversificación económica e de promoción sociocultural que permitan poñer en marcha programas de desenvolvemento sustentable.

Na definición e posta en marcha destes programas de desenvolvemento sustentable, é necesario un apoio das institucións e organismos públicos e semipúblicos, tanto nos aspectos técnicos e de información como naqueles de formación, investigación aplicada á resolución dos problemas que as comunidades non poden abordar ou naqueles de posta en marcha de actividades que, a modo de experiencia dinamizadora, promovan o desenvolvemento sustentable.

O Fondo Europeo da Pesca (FEP), nos seus considerandos previos á adopción do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, establece: 2) O obxectivo da política pesqueira común debe ser a explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura, no contexto dun desenvolvemento sustentable que teña en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais de maneira equilibrada; (32) Procede establecer medidas de acompañamento da política pesqueira común, en particular para reducir o seu impacto socioeconómico mediante a aplicación de estratexias de desenvolvemento local para un desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras; (33) Atendendo á diversidade de situacións e rexións no seo da comunidade, a política de desenvolvemento das zonas pesqueiras debe formar parte dun enfoque integrado baseado nunha estratexia territorial apropiada e adaptada ao contexto local, estar tan descentralizada como sexa posible, promover

a participación de axentes locais, basearse nun planeamento ascendente, permitir as operacións de pequena escala e garantir unha ampla participación do sector privado.

Consecuentemente, no seu artigo 4º establece: as intervencións do FEP terán como obxectivo: f) Promover o desenvolvemento sustentable e a mellora da calidade de vida en zonas con actividades no sector da pesca.

Polo tanto, o FEP establece un marco de actuación que considera as actividades que permitan realizar programas de desenvolvemento sustentable, nas que se inclúen aquelas de investigación, formación ou diversificación económica en ámbitos non pesqueiros.

Entre os diversos eixes e medidas que establece, no capítulo III Eixe prioritario 3: medidas de interese público, determina o ámbito da intervención no seu artigo 36: 1. O FEP poderá financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente as empresas privadas, que contribúan a conseguir os obxectivos da política pesqueira común. 2. Estas medidas poderían estar relacionadas con: f) Modificación para a reconversión de buques pesqueiros.

Esta medida é desenvolta no artigo 42, modificacións para a reconversión de buques pesqueiros, no que determina o marco de apoio: O FEP poderá apoiar a transformación de buques pesqueiros para a súa reconversión, con pavillón dun Estado membro e rexistrados na comunidade, con fins de formación ou de investigación no sector pesqueiro ou para actividades distintas da pesca. Estas operacións limitaranse aos organismos públicos ou semipúblicos.

Existindo posibilidades deste tipo de transformación de buques pesqueiros para usos en investigación, formación, turismo pesqueiro e outras actividades, é preciso establecer o marco normativo para a concesión das axudas que prevé o FEP e recolle o Programa estratéxico de España e de Galicia.

Con esta finalidade, é conveniente convocar axudas para incentivar a realización, por parte das entidades públicas e semipúblicas, de proxectos de transformación de buques pesqueiros para a súa reconversión, con fins de formación ou de investigación no sector pesqueiro ou para actividades distintas da pesca, con dimensión e proxección suficiente para contribuír á dinamización das comunidades pescadoras. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas destinadas á realización de proxectos de transformación de buques pesqueiros para a súa reconversión, con fins de formación ou de investigación no sector pesqueiro ou para actividades distintas da pesca conforme as normas contidas nesta orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade. As citadas axudas contan co apoio financeiro do Fondo Europeo da Pesca.

Artigo 2º.-Fins.

Poderán acollerse a estas axudas os proxectos de actuación que teñan como obxectivo transformar buques pesqueiros que causen baixan definitiva no rexistro da frota pesqueira operativa en buques dedicados á investigación, a formación, o uso como buques de inspección e control do litoral, de observación do medio mariño, turísticos ou calquera outra finalidade non pesqueira, sempre e cando sexa realizada por entidades públicas ou semipúblicas e a súa licenza de pesca se suprima con carácter definitivo.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 42º, así como nas disposicións concordantes do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, e na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

As convocatorias rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

As axudas quedaran limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

As axudas financiaranse con cargo a fondos do FEP (61%) e da Comunidade Autónoma de Galicia (39%).

2. Na convocatoria do ano 2008 o importe global máximo das axudas será de trescentos sesenta e seis mil cincocentos euros (366.500 euros), dos que corresponden ao ano 2008 douscentos sesenta e seis mil cincocentos euros (266.500 euros), que se concederán con cargo ao programa 722.A e á partida orzamentaria 14.04.722.A.780.2. (código de proxecto 2007 00 580) do orzamento en vigor; e ao ano 2009, cen mil euros (100.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria correspondente de cada ano.

3. En cada anualidade sucesiva ata 2013, fixarase mediante unha orde complementaria o crédito plurianual existente con esta finalidade.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. As entidades públicas e semipúblicas que teñan un fin social axeitado á finalidade do proxecto consonte o artigo 2º, que teñan a súa sede en Galicia e que realicen a súa actividade nesta comunidade, ou ben aquelas que, tendo sede fóra da comunidade autónoma, posúan delegación permanente en Galicia e realicen actividades con continuidade.

Para efectos desta orde, consideraranse entidades semipúblicas aquelas persoas xurídicas recoñecidas como tales pola normativa vixente ou aquelas que, sen estaren recoñecidas expresamente como tal, reúnan simultaneamente os seguintes requisitos:

a) Estaren constituídas como asociacións sen ánimo de lucro ou como fundacións conforme a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

b) Teren como obxecto social a realización de actividades que beneficien colectividades xenéricas de persoas.

2. Cando a solicitude se presente mediante unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 35.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación e selección.

1. As solicitudes das axudas deben ser efectuadas polos representantes legais das entidades e formalizadas no modelo do anexo.

2. As solicitudes poderán ser presentadas ao longo de todo o ano, e a súa selección resolverase nunha única proposta anual que se realizará con anterioridade ao 31 de maio de cada ano para as propostas presentadas con anterioridade ao 30 de marzo. Para a convocatoria de 2008, o prazo axustarase ao establecido na disposición transitoria desta orde.

3. Realizada a proposta anual prevista e de non esgotarse o crédito orzado para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova proposta de adxudicación de axudas ata o límite do crédito dispoñible con anterioridade ao 15 de outubro de cada ano para as axudas presentadas antes do 30 de setembro.

4. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente, poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa nese sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

5. A finalización do prazo de presentación de solicitudes será o 30 de marzo de 2013, e a derradeira resolución de concesión, en maio de 2013.

6. As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo desta orde, debendo ser presentadas no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou no das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Igualmente, e de conformidade co artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no DOG as subvencións concedidas do xeito que establece o mencionado precepto.

A solicitude en formato electrónico poderase descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (http://webpesca.xunta.es/pescacms/opencms/WebPesca/).

Artigo 7º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse para os distintos proxectos nas contías e cos límites máximos que se indican:

1. Axuda concesible.

1.1. O importe non poderá superar o máximo de 7.000 euros por metro de eslora total do buque transformado cando os gastos se refiran a obras sobre os elementos estruturais do buque ou a súa motorización, cunha contía global máxima da axuda por proxecto de 200.000 euros.

1.2. O financiamento do proxecto con recursos propios das entidades solicitantes será valorado para efectos da concesión da axuda no momento da súa avaliación, tendo en conta a porcentaxe desta sobre o total.

2. Prazo de execución do proxecto.

O prazo necesario para a execución do proxecto non excederá os 18 meses.

Artigo 8º.-Gastos elixibles e non elixibles.

1. Son gastos elixibles para efectos de financiamento os seguintes:

1.1.Os gastos de reforma estrutural do buque para adaptalo á finalidade prevista.

1.2. Os gastos de reparación, mellora ou renovación dos equipamentos propulsores.

1.3. Os gastos de equipamento en seguridade conforme o exixido pola normativa en razón da finalidade do buque.

1.4. Os gastos de equipamentos de navegación e comunicación necesarios consonte o tipo de buques.

1.5. Os gastos de adquisición de equipamentos e material necesario para desenvolver a finalidade prevista para o buque, tales como material científico e de laboratorio, equipamentos para a formación, equipamentos para a observación do medio e outros que neste ámbito se xustifiquen debidamente pola finalidade e o proxecto presentado.

1.6. Os gastos de contratación de servizos necesarios para a elaboración ou execución do proxecto.

1.7. Os gastos de adaptación para lles facilitar a accesibilidade a bordo a persoas con discapacidade cando a finalidade do buque permita o acceso ao público.

En calquera caso, todos os gastos para os que se solicita financiamento deberán estar descritos con precisión tanto en tipo como en contía, e debidamente explicados e/ou xustificados os elementos que determinaron a valoración, mediante achega documental ou normativa.

Deberá estar valorado por separado o importe dos traballos que afecten os elementos estruturais do buque.

A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto no que se refire ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

2. Non son gastos elixibles os que se relacionan:

2.1. Os derivados da adquisición ou do cambio de titularidade do buque.

2.2. Os de persoal que poida derivar da transformación e/ou posta en funcionamento do buque.

2.3. Os dos investimentos en terra que poidan derivar da transformación e/ou posta en funcionamento do buque.

2.4. Os impostos, taxas e outros pagamentos recuperables polo solicitante.

Artigo 9º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere o custo global de realización do proxecto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación por duplicado (orixinal e copia), seguindo o modelo da ficha de proxecto anexa a esta orde:

1. Fotocopia compulsada do DNI do asinante da solicitude.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

d) Memoria descritiva da entidade solicitante que comprenda unha breve descrición do seu obxecto social, órganos de goberno, organización e relación de actividades do ano anterior en relación co obxecto da orde con inclusión do orzamento de ingresos e gastos.

3. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria e orzamento que conteña unha descrición detallada do proxecto: finalidade, obxectivos, resultados esperados, persoal necesario, responsable deste, experiencia da entidade promotora, asesores e colaboradores externos, currículos das persoas que realizarán o proxecto, custo, calendario de realización e prazo global, anualidades do financiamento e importes anuais, continuidade do proxecto e calquera outro aspecto que se considere de interese. A memoria debe conter a xustificación de todos aqueles requisitos e limitacións establecidos nas disposicións desta orde.

6. Permiso de execución das obras de reforma, expedido pola capitanía marítima correspondente e, consecuentemente, proxecto técnico para a execución, se é necesario.

7. Plan económico en que se indique a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional. Forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

8. Certificacións de encontrarse ao día no cumprimento das obrigas fiscais e tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, segundo o disposto no artigo 20 desta orde.

9. Copia da documentación do buque sobre o que se vai intervir: folla de asento, certificados, inscrición no censo operativo de pesca e solicitude de baixa neste. Outros que acrediten a disposición e condición do buque.

10. Declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto.

11. Acta de non inicio das obras no buque obxecto da transformación.

A non presentación dos documentos recollidos nos puntos 1, 2, 3, 5 e 9 xunto coa solicitude será causa de arquivo da solicitude, sen máis trámite.

Artigo 11º.-Tramitación e resolución.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, tendo en conta os orzamentos dispoñibles e os criterios de baremación, seleccionará de entre os proxectos presentados, aqueles candidatos a recibir a axuda.

A tramitación das solicitudes será realizada polo Servizo de Estudos Pesqueiros da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como instrutor do expediente.

A selección será realizada, por proposta do instrutor, por unha comisión de avaliación formada polo subdirector de Ensino e Investigación Mariña, que a presidirá, e tres persoas designadas pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, da que se dará conta nos taboleiros de anuncios da consellería, xunto cos proxectos seleccionados. Como secretario, actuará un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, designado pola persoa titular desta.

A resolución de concesión das axudas solicitadas realizarase en dúas fases:

1. Fase de instrución, selección e proposta.

Previamente á intervención da comisión, o instrutor revisará as solicitudes para comprobar que cumpren os requisitos da orde e se ateñen a ela. Se observase algunha deficiencia corrixible, concederalle ao solicitante un prazo de 10 días para emendala, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. As solicitudes que se manteñan serán trasladadas á comisión de avaliación.

A comisión de avaliación poderá seleccionar os proxectos tal e como foron presentados, requirir documentación técnica ou informes complementarios aos devanditos proxectos, ou solicitar, se o considera de interese, a reformulación da solicitude para axustala aos requirimentos da norma ou da dispoñibilidade orzamentaria. Unha vez notificado este requirimento aos solicitantes, no prazo fixado na notificación ou no máximo de quince (15) días naturais desde a recepción destas, deberán ser presentados os documentos complementarios e técnicos requiridos e as adaptacións propostas. Recibida esta documentación, será examinada polo instrutor, o cal, de observar algunha deficiencia en relación co solicitado, proporá o arquivo do expediente e terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Fase de concesión.

Examinadas as solicitudes aceptadas, a comisión elevará a proposta de concesión, onde figurará, polo menos, o nome ou razón social do beneficiario, o nome abreviado do proxecto, a puntuación acadada na baremación, o importe global da axuda proposta e a súa desagregación por anualidades e aplicacións orzamentarias e o prazo de execución.

Cando se trate de proxectos presentados por unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, faranse constar expresamente na resolución da concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que van aplicar cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

Esa proposta enviaráselle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, que ditará a pertinente resolución de concesión ou denegación da axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta orde, no prazo máximo de seis meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes deberán entenderse desestimadas. No prazo de dez (10) días contados desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren pertinente.

3. Delegación da facultade de concesión.

Consonte o establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 12º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Os criterios de baremación que a comisión de avaliación terá en conta para seleccionar os proxectos son os seguintes:

a) A calidade técnica do proxecto ata 30 puntos.

b) A súa localización en concellos dependentes da pesca e menores de 10.000 habitantes, ata 20 puntos. En concellos menores de 20.000 habitantes e maiores de 10.000 habitantes, ata 10 puntos.

c) A vinculación da entidade solicitante co sector marítimo e pesqueiro, ata 20 puntos.

d) A finalidade do proxecto, ata 20 puntos, consonte a seguinte relación: formación, turismo, observación do medio e similares, 20 puntos; inspección e control do litoral e similares, 15 puntos; usos científicos ou calquera outra finalidade non pesqueira, 10 puntos.

e) O grao de financiamento do proxecto con recursos propios da entidade, ata 10 puntos.

2. Na concesión das axudas terase en conta o grao de cumprimento das obrigas derivadas das axudas recibidas, se é o caso, en anteriores convocatorias para os mesmos fins.

Artigo 13º.-Prazo de execución das actividades obxecto da axuda.

O prazo en que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder os 18 meses.

Cando o prazo de realización sexa fixado en datas anteriores ao límite establecido no paragrafo anterior e o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar o prazo, poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder a data tope fixada para a realización da actividade obxecto da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 14º.-Control das actividades obxecto da axuda.

Para os efectos de facilitar o control financeiro da axuda, os solicitantes comprométense a reflectir nunha conta específica da súa contabilidade os movementos correspondentes á axuda.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da comunidade autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o lugar e as empresas onde se van realizar os traballos obxecto da axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución sinalados na memoria de solicitude ou calquera outra modificación, seralle comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denegar a devandita modificación.

A citada dirección xeral establecerá as medidas necesarias, para efectos de facer a comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda, consonte o establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Pagamento.

Pagamento da axuda.

O beneficiario deberá acreditar perante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

O pagamento tramitarase logo da finalización da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión, ou o que resultase como consecuencia da prórroga concedida; ou ben, se corresponde á primeira anualidade, en decembro do ano de concesión. Para tal efecto, o beneficiario deberá presentar na dirección xeral antes mencionada, dentro do prazo dun mes a partir da data de finalización do proxecto, a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

a) Memoria sinxela de realización do proxecto, onde consten as incidencias que puidesen darse na execución deste, o grao de cumprimento dos obxectivos marcados na memoria de presentación do proxecto e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros, polo menos, en dúas copias orixinais.

b) Facturas en duplicado orixinal ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados, acompañadas dos correspondentes xustificantes bancarios de pagamento desas facturas, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e achegarse o xustificante de ingreso na Facenda Pública.

c) Declaración responsable en que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autonómico, local ou institucional.

d) Certificacións xustificativas de que os beneficiarios figuran ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non sexan debedores en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou non teñan débeda ningunha, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma, ou documento que indique que se lle encomenda a comprobación á Administración.

e) Certificación do estaleiro ou empresa realizadora do traballo de que este foi realizado.

Na xustificación da axuda, cando o importe do gasto unitario supere a contía de 30.000 euros no caso execución de obras ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, as tres ofertas de diferentes provedores, solicitadas con anterioridade á contratación. A elección entre as ofertas presentadas realizarase segundo criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente na memoria xustificativa a elección cando non recaia na proposta máis económica.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

A non presentación da xustificación da realización da actividade obxecto da axuda no prazo marcado será motivo da súa revogación.

No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 33 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Poderán realizarse pagamentos parciais ata un máximo do 80% do importe da axuda ou anticipos de ata un máximo do 10% do importe concedido, consonte o establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, non derrogado neste extremo concreto pola Lei de subvencións de Galicia, por non opoñerse ás súas prescricións e estaren previstos eses pagamentos nos artigos 14.1º i) e 31 da propia lei. En caso de se realizaren pagamentos parciais ou anticipados, deberán prestarse as correspondentes garantías nos casos e formas establecidas polo mencionado artigo 17º.

Artigo 17º.-Outras condicións.

1. En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda e nun lugar visible do buque farase constar a súa transformación con axuda do Fondo Europeo da Pesca e da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, mediante a instalación dunha placa ou calquera outro elemento onde consten os símbolos gráficos oficiais correspondentes.

2. A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios axustarase ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os rendementos financeiros xerados polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 18º.-Obriga de reintegro.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda está obrigado a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Autorizacións do beneficiario.

De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante non ten débedas e está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións. Igualmente, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderánselle requirir ao interesado.

Artigo 21º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PE629A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería:

http://webpesca.xunta.es/pescacms/opencms/WebPesca/

b) O teléfono 981 54 61 76 da devandita dirección xeral.

c) Por correo electrónico ou presencialmente no Servizo de Estudos Pesqueiros.

Disposición transitoria

Única.-Para a convocatoria de 2008, o prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao de publicación no DOG desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para desenvolver esta disposición.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.- No non previsto nesta orde observarase o que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da nosa comunidade autónoma, no que non se opoña ao establecido na Lei de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "21100D005P046.PDF"