DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 30 de outubro de 2008 Páx. 19.805

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de outubro de 2008 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento de concesión de axudas para a realización de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos levados a cabo por unha entidade en cooperación cun organismo científico ou técnico (con financiamento do Fondo Europeo da Pesca).

O desenvolvemento dunha pesca sustentable necesita da I+D+i para modificar as técnicas e procesos actuais ou introducir outros novos que permitan acadar os obxectivos que garantan esta. Na posta a punto destas novas técnicas, a investigación e o desenvolvemento representan un papel esencial no seu estudo e deseño que precisa completarse con medidas de transferencia ás empresas e entidades do sector pesqueiro, que son os que teñen que aplicalas na realidade.

A adopción de prácticas sustentables na pesca necesita, en moitos casos, comprobar na actividade diaria que os procedementos, tecnoloxías e medidas de xestión realmente cobren os obxectivos para os que foron deseñados. En moitos dos casos isto só é posible se se realizan probas a nivel real para comprobar os resultados.

Permitir a realización destas experiencias a escala real é un elemento máis da cadea de I+D+i, e facilita a transferencia aos interesados dos coñecementos desenvoltos nos centros de investigación, á vez que permite contrastar os datos e resultados e obter novos coñecementos.

O Fondo Europeo de Pesca (FEP), nos seus considerandos previos á adopción do Regulamento (CE) nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, establece: 2) O obxectivo da política pesqueira común debe ser a explotación sustentable dos recursos acuáticos vivos e da acuicultura, no contexto dun desenvolvemento sustentable que teña en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais de maneira equilibrada; (7) A política pesqueira común e, polo tanto, o FEP, deben incorporar as prioridades da comunidade en materia de desenvolvemento sustentable, definidas nas conclusións dos consellos europeos de Lisboa do 23 e 24 de marzo de 2000 e de Gotemburgo do 15 e 16 de xuño de 2001. (31) O FEP debe apoiar tamén medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprenden normalmente as empresas privadas.

Consecuentemente, no seu artigo 4º establece: as intervencións do FEP terán como obxectivo: «... b) promover un equilibrio sustentable entre os recursos acuáticos vivos e a capacidade de pesca da frota pesqueira comunitaria; c) promover un desenvolvemento sustentable da pesca interior; d) potenciar a competitividade das estruturas de explotación e o desenvolvemento de empresas economicamente viables no sector da pesca;...».

Polo tanto, o FEP establece un marco de actuación que recolle as actividades que permitan realizar programas de desenvolvemento sustentable, nas cales se inclúen aquelas de investigación, desenvolvemento e innovación en ámbitos pesqueiros.

Entre os diversos eixes e medidas que establece, no capítulo III Eixe prioritario 3: medidas de interese público, determina o ámbito da intervención no seu artigo 36: «1. O FEP poderá financiar medidas de interese público de maior alcance que as medidas que emprendan normalmente as empresas privadas, que contribúan á consecución dos obxectivos da política pesqueira común. 2. Estas medidas poderían estar relacionadas con: ...e) proxectos piloto».

A citada medida é desenvolta no artigo artigo 41 Proxectos piloto 1. O FEP poderá apoiar proxectos piloto, incluída a utilización a título experimental de técnicas de pesca máis selectivas, dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos, levados a cabo por un axente económico, unha asociación comercial recoñecida ou calquera outro organismo competente designado con este fin polo Estado membro, en cooperación cun organismo científico ou técnico.

Existindo interese na realización deste tipo de proxectos piloto, é preciso establecer o marco normativo para a concesión das axudas que prevé o FEP e recollen os Programas Estratéxico e Operativo de España e de Galicia.

Con esta finalidade, é conveniente convocar axudas para incentivar a realización, por parte das entidades interesadas, de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos, levados a cabo por unha entidade en cooperación cun organismo científico ou técnico. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas destinadas á realización de proxectos piloto dirixidos á adquisición e difusión de novos coñecementos técnicos, levados a cabo por un axente económico, unha asociación comercial recoñecida ou calquera outro organismo competente recoñecido, en cooperación cun organismo científico ou técnico, conforme as normas contidas nesta orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade. Esas axudas contan co apoio financeiro do Fondo Europeo da Pesca.

Artigo 2º.-Fins.

Poderán acollerse a estas axudas os proxectos piloto que teñan como obxectivo:

a) Probar, en condicións próximas ás condicións reais do sector produtivo, a viabilidade técnica ou económica dunha tecnoloxía innovadora co fin de adquirir e divulgar coñecementos técnicos ou económicos da tecnoloxía en cuestión.

b) Permitir a realización de probas sobre plans de xestión e de asignación do esforzo pesqueiro, incluído, se é o caso, o establecemento de zonas de veda, co obxecto de avaliar as consecuencias biolóxicas e financeiras, e a repoboación experimental.

c) Desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade das artes de pesca, reducir as capturas accesorias, os descartes ou o impacto ambiental, en particular no fondo mariño.

d) Probar outros tipos de técnicas de xestión pesqueira presentados por entidades que cumpran os requisitos determinados no artigo 5 desta orde e desenvoltos en cooperación e baixo seguimento e control dun organismo científico ou técnico.

Non poden acollerse a estas axudas os proxectos que teñan como finalidade a pesca exploratoria en calquera das súas posibles modalidades.

Artigo 3º.-Marco normativo.

Estas axudas enmárcanse dentro do preceptuado no artigo 41, así como nas disposicións concordantes do Regulamento (CE) Nº 1198/2006 do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, e na normativa básica do Estado.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

1. As subvencións concédense con cargo ás aplicacións orzamentarias que en cada un dos anos de vixencia do actual Programa Operativo FEP 2007-2013 sinale a correspondente Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma.

As convocatorias rexeranse polas bases e condicións establecidas nesta orde e, se é o caso, pola normativa reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto.

As axudas quedarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

As axudas financiaranse con cargo a fondos do FEP (61%) e da Comunidade Autónoma de Galicia (39%).

2. Na convocatoria do ano 2008 o importe global máximo das axudas acadará o importe dun millón trescentos cincuenta mil euros (1.350.000 euros), dos que corresponden ao ano 2008 setecentos mil euros (700.000 euros), que se concederán con cargo ao programa 722.A e á partida orzamentaria 14.04.722.A.780.1. (código de proxecto 2007 00 579) do orzamento en vigor; ao ano 2009, trescentos cincuenta mil euros (350.000 euros), e ao ano 2010, trescentos mil euros (300.000 euros), con cargo ás aplicacións orzamentarias correspondentes de cada ano.

3. En cada anualidade sucesiva ata 2013, fixarase por unha orde complementaria o crédito plurianual existente con esta finalidade.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas:

1.1. As empresas, as cooperativas ou as asociacións empresariais e de cooperativas recoñecidas, sempre que o seu obxecto social teña relación directa cos obxectivos do proxecto piloto.

1.2. Organizacións de produtores pesqueiros recoñecidas e entidades de interese colectivo consonte a definición da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

1.3. Centros tecnolóxicos ou calquera outro organismo de investigación e desenvolvemento con participación privada maioritaria.

2. Os beneficiarios só poden presentar as súas solicitudes en cooperación cun organismo científico ou técnico, tanto público como privado. Os correspondentes á epígrafe 1.3 deberán contar coa cooperación dun organismo público.

3. Os beneficiarios deben ter a súa sede social en Galicia e realizar a súa actividade nesta comunidade. Poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, tendo a sede social fóra da comunidade autónoma, posúan delegación permanente en Galicia e realicen actividades con continuidade.

4. Cando a solicitude se presente mediante unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución da concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención para aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no artigo 35.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo de presentación e selección.

1. As solicitudes das axudas deben ser efectuadas polos representantes legais das entidades e formalizadas no modelo do anexo.

2. As solicitudes poderán ser presentadas ao longo de todo o ano, resolvéndose a súa selección nunha única proposta anual que se realizará con anterioridade ao 31 de maio de cada ano para as propostas presentadas con anterioridade ao 30 de marzo. Para a convocatoria de 2008, o prazo axustarase ao establecido na disposición transitoria desta orde.

3. Realizada a proposta anual prevista e de non esgotarse o crédito orzado para a anualidade correspondente, poderá realizarse unha nova proposta de adxudicación de axudas ata o límite do crédito dispoñible con anterioridade ao 30 de outubro de cada ano para as recibidas con anterioridade ao 15 de outubro.

4. Aquelas solicitudes que non puidesen ser atendidas no período correspondente poderán ser tomadas en consideración no período seguinte, no caso de que o solicitante faga manifestación expresa nese sentido, sen que isto supoña preferencia ningunha como criterio de selección.

5. A finalización do prazo de presentación de solicitudes será o 30 de marzo de 2013, e a derradeira resolución de concesión, en maio de 2013.

6. As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo desta orde, debendo ser presentadas no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou no das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Igualmente, e de conformidade co artigo 15 da Lei de subvencións de Galicia, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicará no DOG as subvencións concedidas do xeito que establece o mencionado precepto.

A solicitude en formato electrónico poderase descargar na páxina web da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (http://webpesca.xunta.es/pescacms/ opencms/WebPesca/).

Artigo 7º.-Requisitos dos proxectos.

Os proxectos terán un seguimento científico adecuado e unha avaliación cualitativa apropiada dos informes técnicos, co fin de producir resultados significativos, segundo establece o Regulamento de aplicación do FEP (R.A./FEP) no seu artigo 19. Os informes técnicos estarán á disposición pública.

Os proxectos consonte o artigo 19.4º del R.A./FEP non serán de carácter comercial directo e os beneficios xerados durante a aplicación dun proxecto deducíranse da axuda pública concedida, tal e como estipula o artigo 19 del R.A./FEP.

O prazo de realización do proxecto non será superior aos 30 meses.

Artigo 8º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse para os distintos proxectos nas contías e cos límites máximos que se indican:

1. A contía global máxima da axuda por proxecto é de 700.000 euros, axustándose a súa desagregación interna ao determinado no artigo 8º e podendo cubrir a totalidade dos gastos realizados.

2. O financiamento do proxecto con recursos propios das entidades solicitantes será valorado para efectos da concesión da axuda no momento da súa avaliación, tendo en conta a porcentaxe desta sobre o total.

3. Se na realización do proxecto se xerasen ingresos, o beneficio obtido será deducido do importe global da axuda.

Artigo 9º.-Gastos elixibles e non elixibles.

1. Son gastos elixibles para efectos de financiamento os seguintes:

1.1. Os gastos de asistencia técnica para o desenvolvemento do proxecto cun límite máximo do 50% do orzamento total.

1.2. Os gastos de adaptación do buque ou das instalacións para a realización do proxecto, cun límite máximo do 10% do orzamento total.

1.3. Os gastos derivados do funcionamento do buque ou das instalacións postas á disposición do proxecto, cun límite máximo do 20% do orzamento total.

1.4. Os gastos de construción de prototipos para a realización do proxecto, cun límite máximo do 75% do orzamento total.

1.5. Os gastos de aluguer de buques, equipos ou instalacións, cun límite máximo do 20% do orzamento total.

1.6. Os gastos de seguimento científico e técnico, cun límite máximo do 20% do orzamento global.

1.7. Os gastos de persoal de nova contratación necesario para o desenvolvemento do proxecto, cun límite máximo do 20% do orzamento total.

1.8. Os gastos de adquisición de equipamentos e material científico e de laboratorio e outros que neste ámbito se xustifiquen debidamente pola finalidade e o proxecto presentado, cun límite máximo do 20% do orzamento total.

1.9. Os gastos de difusión dos resultados, cun límite máximo do 20% do orzamento total.

2. En calquera caso, todos os gastos para os cales se solicita financiamento deberán estar descritos con precisión na solicitude presentada, tanto en tipo como en contía, e debidamente explicados e/ou xustificados os elementos que determinaron a valoración, mediante achega documental ou normativa.

Deberá estar valorado por separado o importe dos traballos que corresponden aos agrupamentos de gastos do parágrafo primeiro deste artigo.

A comisión de avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto no que se refire ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

3. Non son gastos elixibles os que se relacionan:

3.1. Os de posta á disposición do proxecto de buques, equipamentos ou instalacións propias do beneficiario.

3.2. Os de persoal propio do solicitante que participe no proxecto.

3.3. Os non incluídos en calquera das desagregacións do artigo 9º.1.

Os gastos correspondentes aos puntos 1 e 2 deste número poderán considerarse como financiamento propio do proxecto se así se fai constar e se valora o seu importe consonte o establecido no número 9º.2.

Artigo 10º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere o custo global de realización do proxecto.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, agás o establecido no parágrafo anterior, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Documentación.

Xunto coa solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación por duplicado (orixinal e copia), seguindo o modelo da ficha de proxecto anexa a esta orde:

1. Fotocopia compulsada do DNI do asinante da solicitude.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo.

d) Memoria descritiva da entidade solicitante que comprenda unha breve descrición do seu obxecto social, órganos de goberno, organización e relación de actividades do ano anterior ao de presentación, con inclusión do orzamento de ingresos e gastos.

3. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria e orzamento que conteña unha descrición detallada do proxecto: finalidade, obxectivos, resultados esperados, persoal necesario, responsable deste, experiencia da entidade promotora, organismo científico ou técnico asociado, experiencia deste na área dos obxectivos do proxecto, asesores e colaboradores externos, currículos das persoas que realizarán o proxecto, custo, calendario de realización e prazo global, anualidades do financiamento e importes anuais, divulgación dos resultados e calquera outro aspecto que se considere de interese. A memoria debe conter a xustificación de todos aqueles requisitos e limitacións establecidos nas disposicións desta orde.

6. Proxecto técnico para a execución, se é necesario.

7. Plan económico en que se indique a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional. Ingresos esperados, se é o caso, e aplicación ao proxecto. Forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

8. Certificacións de encontrarse ao día no cumprimento das obrigas fiscais e tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor, conforme o disposto no artigo 21º desta orde.

9. Documento do organismo científico ou técnico asociado ao proxecto que acredite a súa participación.

10. Documento de avaliación preliminar do proxecto realizado polo organismo científico ou técnico participante, sobre a súa oportunidade e aspectos ou elementos sobre os que se vai traballar para estudar a súa viabilidade técnica e/ou económica.

11. Declaración relativa a todas as subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto.

A non presentación dos documentos recollidos nos puntos 1, 2, 3, 5 e 9 xunto coa solicitude será causa de arquivo da solicitude, sen máis trámite.

Artigo 12º.-Tramitación e resolución.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, tendo en conta os orzamentos dispoñibles e os criterios de baremación, seleccionará, de entre os proxectos presentados, aqueles candidatos a recibir a axuda.

A tramitación das solicitudes será realizada polo Servizo de Estudos Pesqueiros da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como instrutor do expediente.

A selección será realizada, por proposta do instrutor, por unha comisión de avaliación formada polo subdirector de Ensino e Investigación Mariña, que a presidirá, e tres persoas designadas pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, da que se dará conta nos taboleiros de anuncios da consellería, xunto cos proxectos seleccionados. Como secretario actuará un funcionario da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, designado pola persoa titular desta.

A resolución de concesión das axudas solicitadas realizarase en dúas fases:

1. Fase de instrución, selección e proposta.

Previamente á intervención da comisión, o instrutor revisará as solicitudes para comprobar que cumpren os requisitos da orde e se ateñen a ela. Se observase algunha deficiencia corrixible, concederalle ao solicitante un prazo de 10 días para emendalas, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. As solicitudes que se manteñan serán trasladadas á comisión de avaliación.

A comisión de avaliación poderá seleccionar os proxectos tal e como foron presentados, requirir documentación técnica ou informes complementarios aos devanditos proxectos, ou solicitar, se o considera de interese, a reformulación da solicitude para axustala aos requirimentos da norma ou da dispoñibilidade orzamentaria. Unha vez notificado este requirimento aos solicitantes, no prazo fixado na notificación ou no máximo de quince (15) días naturais desde a recepción destas, deberán ser presentados os documentos complementarios e técnicos requiridos e as adaptacións propostas. Recibida esta documentación, será examinada polo instrutor, o cal, de observar algunha deficiencia en relación co solicitado, proporá o arquivo do expediente e terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Fase de concesión.

Examinadas as solicitudes aceptadas, a comisión elevará a proposta de concesión, onde figurará, polo menos, o nome ou razón social do beneficiario, o nome abreviado do proxecto, a puntuación acadada na baremación, o importe global da axuda proposta e a súa desagregación por anualidades e aplicacións orzamentarias e o prazo de execución.

Cando se trate de proxectos presentados por unha agrupación de entidades sen personalidade xurídica propia, faranse constar expresamente na resolución da concesión os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención que se aplicará por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

A citada proposta enviaráselle á conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, quen ditará a pertinente resolución de concesión ou denegación da axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta orde, no prazo máximo de seis meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido ese prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes deberán entenderse desestimadas. No prazo de dez (10) días contados desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición perante a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres (3) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que consideren pertinente.

3. Delegación da facultade de concesión.

Consonte o establecido no artigo 7.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, delégase na directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a resolución destas axudas.

Artigo 13º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Os criterios de baremación que a comisión de avaliación terá en conta para seleccionar os proxectos son os seguintes:

a) A calidade técnica do proxecto e o seu carácter innovador, ata 40 puntos.

b) As características do beneficiario, ata 20 puntos: os presentados por entidades de carácter asociativo, 20 puntos; os presentados por axentes comerciais, 10 puntos.

c) O carácter público ou privado do organismo científico ou técnico de seguimento, ata 5 puntos: os públicos, 5 puntos; os demais, 3 puntos.

d) A experiencia do organismo científico ou técnico de seguimento na finalidade do proxecto e o programa de seguimento, ata 10 puntos.

e) O grao de financiamento do proxecto con recursos propios, ata 20 puntos: o 20% ou máis, 20 puntos; ata o 20%, proporcional á porcentaxe de financiamento propio.

f) A repercusión do proxecto nos distintos subsectores da pesca, ata 15 puntos: na pesca costeira artesanal, 15 puntos; na acuicultura, 10 puntos; na pesca litoral, 5 puntos; noutros subsectores, 3 puntos.

g) Segundo a finalidade do proxecto, ata 10 puntos: probar outros tipos de técnicas de xestión pesqueira, 10 puntos; desenvolver e probar métodos para mellorar a selectividade das artes de pesca ou o impacto ambiental, 8 puntos; a realización de probas sobre a repoboación experimental, 6 puntos; a realización de probas sobre plans de xestión e asignación do esforzo pesqueiro, 4 puntos; aplicar boas prácticas ambientais, 2 puntos; outras, 1 punto.

Artigo 14º.-Prazo de execución das actividades obxecto da axuda.

O prazo en que debe ser realizada a actividade obxecto da axuda será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder os 24 meses.

Cando o prazo de realización sexa fixado en datas anteriores ao límite establecido no parágrafo anterior e o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este, poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada.

A directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ditará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder a data tope fixada para a realización da actividade obxecto da axuda.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 15º.-Control das actividades obxecto da axuda.

Para os efectos de facilitar o control financeiro da axuda, os solicitantes comprométense a reflectir nunha conta específica da súa contabilidade os movementos correspondentes á axuda.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da comunidade autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que sexa requirida por estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o lugar e empresas onde se van realizar os traballos obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución sinalados na memoria de solicitude ou calquera outra modificación, seralle comunicada á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para efectos de aprobar ou denegar esa modificación.

A citada dirección xeral establecerá as medidas necesarias, para os efectos de facer a comprobación efectiva da realización das actuacións obxecto da axuda, consonte o establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Pagamento.

Pagamento da axuda.

O beneficiario deberá acreditar perante a entidade concedente a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o desfrute da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

O pagamento tramitarase logo da finalización da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión, ou o que resultase como consecuencia da prórroga concedida; ou ben, se corresponde á primeira anualidade, en decembro do ano de concesión. Para tal efecto, o beneficiario deberá presentar na dirección xeral antes mencionada, dentro do prazo dun mes a partir da data de finalización do proxecto, a seguinte documentación por duplicado (orixinal e fotocopia):

a) Memoria sinxela de realización do proxecto, onde consten as incidencias que puidesen darse na súa execución, o grao de cumprimento dos obxectivos marcados na memoria de presentación do proxecto e outros aspectos de interese, á que se xuntará documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros, polo menos en dúas copias orixinais.

b) Facturas en duplicado orixinal ou fotocopias compulsadas dos gastos realizados, acompañadas dos correspondentes xustificantes bancarios de pagamento desas facturas, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude. No caso de pagamentos de salarios, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e achegarse o xustificante de ingreso na Facenda Pública.

c) Declaración responsable en que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autonómico, local ou institucional.

d) Certificacións xustificativas de que os beneficiarios figuran ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, non sexan debedores en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou non teñan débeda ningunha, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma, ou documento que indique que se lle encomenda a comprobación á Administración.

e) Certificación do organismo científico ou técnico da realización do seguimento das actividades xustificadas.

Na xustificación da axuda, cando o importe do gasto unitario supere a contía de 30.000 euros no caso execución de obras ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá achegar, como mínimo, as tres ofertas de diferentes provedores, solicitadas con anterioridade á contratación. A elección entre as ofertas presentadas realizarase segundo criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente na memoria xustificativa a elección cando non recaia na proposta máis económica.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro certificará a execución completa das actividades obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

A non presentación da xustificación da realización da actividade obxecto da axuda no prazo marcado será motivo da súa revogación.

No caso de que o solicitante non cumprise cos requisitos exixidos ou os requirimentos recibidos, estará obrigado a proceder ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 33 e 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Poderán realizarse pagamentos parciais ata un máximo do 80% do importe da axuda ou anticipos de ata un máximo do 10% do importe concedido, consonte o establecido nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, non derrogado neste extremo concreto pola Lei de subvencións de Galicia, por non opoñerse ás súas prescricións e estar previstos os citados pagamentos nos artigos 14.1º i) e 31 da propia lei. En caso de realizarse pagamentos parciais ou anticipados, deberán prestarse as correspondentes garantías nos casos e formas establecidas polo mencionado artigo 17º.

Artigo 18º.-Outras condicións.

1. En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a súa realización cunha axuda do Fondo Europeo da Pesca e da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, mediante a instalación dunha placa ou calquera outro elemento onde consten os símbolos gráficos oficiais correspondentes.

2. A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios axustarase ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os rendementos financeiros xerados polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 19º.-Obriga de reintegro.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda está obrigado a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21º.-Autorizacións do beneficiario.

De acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, co fin de acreditar que o solicitante non ten débedas e está ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións. Igualmente, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puidesen ser obtidos polo órgano xestor, poderánselle requirir ao interesado.

Artigo 22º.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código PE628A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería http://webpesca.xunta.es/pescacms/opencms/WebPesca/.

b) O teléfono 981 54 61 76 da devandita dirección xeral.

c) Por correo electrónico ou presencialmente no Servizo de Estudos Pesqueiros.

Disposición transitoria

Única.-Para a convocatoria de 2008 o prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais, contados a partir do seguinte ao de publicación no DOG desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-No non previsto nesta orde observarase o que establece o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da nosa comunidade autónoma no que non se opoña ao establecido na Lei de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "21100D004P037.PDF"