DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Xoves, 30 de outubro de 2008 Páx. 19.775

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 242/2008, do 9 de outubro, polo que se regulan a natureza, os fins e os órganos de goberno das escolas universitarias de enfermaría dependentes da Consellería de Sanidade.

A Consellería de Sanidade posúe a titularidade das escolas universitarias de enfermaría da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Estas escolas foron creadas no seu día polas distintas administracións públicas que posuían a titularidade dos respectivos complexos hospitalarios coa finalidade de incrementar a capacitación do seu persoal.

Son centros adscritos ás universidades de Galicia, en virtude da sinatura do convenio, do 7 de febreiro de 1985, entre o Instituto Nacional da Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela, do Convenio do 10 de outubro de 1989, entre a Universidade de Vigo e a Deputación Provincial de Ourense, e o regulado na Lei 11/1989, do 20 de xullo, de universidades de Galicia e no Decreto 3/1990, do 11 de xaneiro, de segregación de centros e servizos da Universidade de Santiago de Compostela e da súa integración nas novas universidades da Coruña e Vigo.

Neste momento, o desenvolvemento das universidades, xunto coas exixencias de ordenación que presenta o obxectivo de integración no Espazo Europeo de Educación Superior, supón unha oportunidade de mellora da organización dos centros adscritos e de orientación ás previsibles necesidades para a implantación dos títulos de grao.

Para procurar a maior calidade da formación impartida nas escolas universitarias de enfermaría de titularidade da Consellería de Sanidade e, ao mesmo tempo, a maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento cara á súa utilidade na formación dos futuros profesionais do sistema sanitario, procede efectuar unha regulación uniforme da súa natureza, dos seus fins e dos seus órganos de goberno.

Este decreto aborda os aspectos organizativos das escolas universitarias de enfermaría dependentes da Consellería de Sanidade, atendendo á necesidade de maior eficiencia no seu funcionamento. En todo o relativo ao réxime para as adscricións, así como nos aspectos académicos e docentes, aplicarase o disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril.

En consecuencia, por iniciativa das conselleiras de Sanidade e de Educación e Ordenación Universitaria, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do nove de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza das escolas universitarias de enfermaría.

As escolas universitarias de enfermaría de titularidade da Consellería de Sanidade da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, son centros docentes de formación universitaria, en que se cursa a titulación de diplomatura de enfermaría, máster e doutoramento, de acordo coa normativa vixente, e aqueloutras titulacións que no futuro se determinen. O título de diplomado en enfermaría é expedido pola universidade á cal cada unha está adscrita. O/a propietario/a dun centro adscrito constitúe a súa entidade titular.

Artigo 2º.-Fins das escolas universitarias de enfermaría.

Os fins das escolas universitarias de enfermaría son os seguintes:

-Formar profesionais de enfermaría, atendendo ás necesidades socio-económicas e sanitarias do Estado español.

-Promover a investigación en enfermaría.

-Contribuír á mellora da asistencia sanitaria, mediante a organización e participación en actividades de formación.

-Contribuír ao perfeccionamento científico, técnico e humanístico dos profesionais de enfermaría.

-As actuacións que se desenvolvan de cara á consecución dos citados fins levaranse a cabo integrando en todo caso a perspectiva de xénero, consonte o disposto polo artigo 27 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e home, o artigo 15 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Artigo 3º.-Dependencia das escolas universitarias de enfermaría.

1. As escolas universitarias de enfermaría dependen da Consellería de Sanidade, a quen lle corresponden todos os aspectos xerenciais e técnicos delas.

2. As escolas universitarias de enfermaría son centros docentes adscritos ás universidades respectivas do Sistema Universitario de Galicia (en diante SUG), cuxos estatutos cumpren nos artigos que lle son de aplicación.

3. A EUE da Coruña está adscrita á Universidade da Coruña. A EUE de Lugo está adscrita á Universidade de Santiago de Compostela. As EUE de Ourense e Vigo están adscritas á Universidade de Vigo.

4. Correspóndenlle á universidade de adscrición de cada escola universitaria de enfermaría, as competencias recollidas na normativa vixente, tanto a nivel estatal como autonómico, e nos respectivos estatutos e normas de desenvolvemento relativas aos centros adscritos.

Artigo 4º.-Órganos de goberno.

Son órganos de goberno das escolas universitarias de enfermaría os que a continuación se relacionan:

1. Órganos colexiados.

a) O Padroado.

b) A xunta de escola.

2. Órganos unipersoais.

a) O/A presidente/a do Padroado.

b) O/A director/a.

c) O/A secretario/a académico/a.

d) O/A subdirector/a, de considerarse necesario o seu nomeamento.

Artigo 5º.-O Padroado das escolas.

O Padroado é o máximo órgano de goberno da escola universitaria de enfermaría. A súa composición será designada polo/a conselleiro/a de Sanidade.

Artigo 6º.-Composición do Padroado.

O Padroado das escolas estará composto por:

a) Membros natos:

-O/A conselleiro/a de Sanidade, ou persoa en que delegue, que o preside.

-O/a director/a da escola.

-Dous representante da Consellería de Sanidade.

-O/A reitor/a da universidade a que se adscribe o centro con competencias na materia ou persoa en quen delegue.

-O/a delegado/a da universidade a que se adscribe o centro.

-O/a director/a de enfermaría do complexo hospitalario da área de saúde en que se sitúe a escola.

-O/a director/a de enfermaría de Atención Primaria da área de saúde en que se sitúe a escola.

-O/a secretario/a académico/a, que actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

b) Membros electivos:

-Un/unha representante do profesorado, elixido/a de entre os profesores pola xunta de escola.

-Un/unha representante dos alumnos/as, elixido/a de entre os representantes na xunta de escola.

Na súa composición, procurarase, na medida do posible, unha participación equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 7º.-Duración do mandato dos vogais do Padroado.

Os vogais electivos do Padroado terán un mandato, renovable, por períodos de tres anos.

O mandato dos vogais suxeitos a termo por razón do seu cargo e, se é o caso, da súa condición de estudante, expirará ao perderse a dita condición.

Artigo 8º.-Funcións do Padroado.

O Padroado das escolas universitarias de enfermaría terá as seguintes funcións:

-Elixir o/a director/a da escola entre unha terna proposta polo titular do centro. O/a director/a será nomeado/a polo/a reitor/a da universidade.

-Nomear o profesorado por proposta da xunta da escola.

-Comunicar á Consellería de Sanidade o nomeamento do profesorado, unha vez concedida a venia docendi.

-Aprobar as retribucións do profesorado.

-Aprobar o orzamento e o balance anual.

-Aprobar o plan anual de necesidades da escola.

-Aprobar o regulamento de réxime interno e as modificacións que, se é o caso, se determinen.

-Aprobar a creación e a amortización das prazas de profesorado.

-Participar na elaboración das liñas estratéxicas e programáticas da escola así como nas directrices e os procedementos para a súa aplicación nos ámbitos da organización das ensinanzas, a investigación e os recursos humanos.

-Aprobar os acordos e convenios docentes, de formación continua e de investigación, no marco das competencias que teñan as escolas de enfermaría, respectando as competencias que determinen os estatutos da universidade.

-Aprobar e/ou ratificar os convenios de colaboración con outras institucións.

-Aprobar a constitución da comisión de selección de profesorado.

-Propoñer á universidade o número de alumnos de novo ingreso.

-Adoptar cantas decisións excedan a xestión ordinaria da escola.

-Calquera outra competencia que lle atribúan as disposicións legais vixentes.

Artigo 9º.-Réxime de funcionamento do Padroado.

O Padroado reunirase de xeito ordinario unha vez ao ano como mínimo. Con carácter extraordinario cando o considere o/a seu/súa presidente/a ou un terzo dos seus compoñentes. O Padroado adoptará os seus acordos por maioría simple e o/a presidente/a exercerá, en caso de empate, o voto de calidade.

Artigo 10º.-Xunta de Escola.

A Xunta de Escola é o órgano colexiado de goberno dela.

Artigo 11º.-Composición da Xunta de Escola.

A Xunta de Escola estará composta por:

-O/a director/a, que a convocará e presidirá.

-O/a subdirector/a.

-O/a secretario/a académico/a.

-O/A administrador/a.

-Un representante da Consellería de Sanidade.

-Delegado/a da universidade.

-Dous profesores con dedicación completa.

-Dous profesores con dedicación parcial.

-Un representante de alumnos de cada curso.

Na súa composición procurarase unha participación equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 12º.-Funcións da Xunta de Escola.

A Xunta de Escola terá as seguintes funcións:

-Supervisar a xestión dos diferentes órganos de goberno unipersoais e a administración do centro.

-Informar o padroado sobre a creación, modificación ou implantación de novas titulacións e estudos.

-Formular anualmente, antes do comezo do curso académico, o plan docente da escola.

-Organizar, supervisar e informar sobre as actividades docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito de competencia, coordinar e supervisar o desenvolvemento dos contidos mínimos das materias impartidas, de acordo cos plans de estudo e cos obxectivos establecidos para a titulación.

-Programar os servizos e uso de equipamentos da escola e mais supervisar a súa xestión.

-Elaborar o regulamento de réxime interno da escola e elevalo ao padroado.

-Adoptar as medidas disciplinarias recollidas no regulamento de réxime interno.

-Organizar actividades de formación permanente e de extensión universitaria.

-Elaborar o plan anual de necesidades da escola para elevalo ao padroado.

-Elevar ao padroado todas aquelas decisións adoptadas e que sexan do seu ámbito de competencia para a súa aprobación ou tramitación definitiva.

-Propoñer ao padroado as retribucións do profesorado.

-Calquera outra que lle atribúan as disposicións legais vixentes e os estatutos das respectivas universidades.

Artigo 13º.-Réxime de funcionamento da Xunta de Escola.

A xunta realizará, como mínimo, tres reunións ordinarias durante o ano académico convocadas polo/a secretario/a académico/a por orde do/a director/a. Con carácter extraordinario cando o considere o director/a ou por pedimento de 1/5 dos membros que a compoñen. A orde do día será elaborada polo/a director/a, quen deberá incluír calquera cuestión solicitada por, polo menos, unha quinta parte dos membros da xunta, sempre que esta non estivese xa incluída na orde do día da convocatoria. A xunta adoptará os seus acordos por maioría simple e o director exercerá, no caso de empate, o voto de calidade.

Artigo 14º.-O/a director/a.

O/a director/a da escola ten a representación da escola e exerce as funcións de dirección e xestión desta.

Artigo 15º.-Elección do/a director/a.

Será elixido/a polo padroado de entre unha terna de profesionais sanitarios con vinculación estable e dedicación completa nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde propostos polo/a titular do centro, con titulación igual ou superior á/ás titulación/s cuxas ensinanzas imparte a escola. O seu nomeamento corresponde ao reitor/a da universidade a que se adscribe a escola.

Artigo 16º.-Mandato do/a director/a.

1. A duración do mandato do/a director/a será de catro anos e poderá ser reelixido.

2. O/A director/a cesará nas súas funcións ao final do seu mandato, por pedimento propio ou como consecuencia dunha moción de censura, aprobada pola maioría absoluta do padroado.

3. Terá dedicación completa á súa tarefa de dirección durante todo o seu mandato.

Artigo 17º.-Funcións do/a director/a.

Corresponden ao/á director/a as seguintes funcións:

-Representar a escola.

-Presidir e convocar a xunta da escola e fixar a orde do día das súas sesións.

-Executar e facer cumprir os acordos adoptados pola Xunta de Escola.

-Solicitar á universidade a correspondente venia docendi para o profesorado.

-Velar polo cumprimento da legalidade en todas as actuacións da escola, polo bo funcionamento dos servizos e polo mantemento da disciplina académica.

-Dirixir e coordinar as actividades da escola en todas as ordes da súa competencia.

-Proporlle ao/á conselleiro/a o nomeamento e cesamento do/a subdirector/a e do/a secretario/a académico da escola.

-Velar polo cumprimento das funcións do persoal de administración e servizos adscrito á escola.

-Asinar os convenios previamente autorizados polo padroado.

-Propor ao padroado a designación ou cesamento do profesorado e persoal non docente de acordo coa normativa vixente.

-Velar pola execución dos orzamentos aprobados polo padroado.

-Autorizar no ámbito das súas competencias todos os actos que se realicen no centro.

-Calquera outra que lle atribúan os estatutos da correspondente universidade.

Artigo 18º.-O/a subdirector/a.

Por proposta do/a director/a da escola poderá haber un/unha subdirector/a da escola.

Artigo 19º.-Nomeamento do/a subdirector/a.

O/A subdirector/a será nomeado polo/a conselleiro/a de Sanidade, por proposta do director/a aprobada polo padroado de entre os profesores con dedicación completa.

Artigo 20º.-Cesamento do/a subdirector/a.

O/A subdirector/a cesará no seu cargo por pedimento propio, por causa legal sobrevida ou por decisión do/a conselleiro/a de Sanidade, por proposta do/a director/a, aprobada polo padroado.

Artigo 21º.-Funcións do/a subdirector/a.

Corresponden á/ao subdirector/a as seguintes funcións, que serán asumidas polo/a director/a, se é o caso:

-Programar as actividades docentes e colaborar na elaboración do plan de organización docente.

-Coordinar a programación e desenvolvemento das ensinanzas teóricas e prácticas, de acordo cos plans de estudos vixentes.

-Proporcionar os datos estatísticos, docentes e organizativos necesarios para a elaboración dos plans económicos.

-Velar polo cumprimento dos criterios de selección e avaliación do alumnado.

-Supervisar directamente o rendemento docente do profesorado e alumnado.

-Elaborar a memoria anual de actividade.

-Elevar á dirección a proposta das medidas disciplinarias que estean recollidas no regulamento de réxime interior.

-Asumir as funcións que lle sexan delegadas explicitamente polo director, e substituílo na súa ausencia.

Artigo 22º.-O/A secretario/a académico/a.

O/A secretario/a é o fedatario/a dos actos e acordos dos órganos de goberno e administración da escola.

Artigo 23º.-Nomeamento do/a secretario/a académico/a.

O/A secretario/a será nomeado/a polo/a conselleiro/a de Sanidade por proposta do/a director/a da escola.

Artigo 24º.-Cesamento do/a secretario/a académico/a.

O/A secretario/a cesará no seu cargo por pedimento propio, por causa legal sobrevida ou por decisión do/a conselleiro/a de Sanidade, por proposta do/a director/a.

Artigo 25º.-Funcións do/a secretario/a académico/a.

Corresponden ao/á secretario/a as seguintes funcións:

-Efectuar a convocatoria das sesións dos órganos colexiados da escola.

-Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións dos órganos colexiados.

-Colaborar coa dirección na programación da actividade docente.

-A formación e custodia dos libros de actas dos órganos colexiados da escola.

-A recepción e custodia das actas de cualificación de exames.

-A expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais da escola.

-A custodia do selo da escola e do rexistro deste.

-A publicidade dos acordos dos órganos colexiados da escola.

-Calquera outra función que lle delegue o/a director/a ou que lle encomenden as disposicións legais vixentes.

Artigo 26º.-A/o administrador/a da escola.

O/A administrador/a da escola é responsable da súa xestión económico-administrativa, que responde ante a dirección da súa xestión.

Asume as tarefas de administrador/a da escola o/a directivo/a responsable económico do centro de gasto a que se adscriba a escola.

Artigo 27º.-Funcións do/a administrador/a da escola.

Corresponden ao/á administrador/a as seguintes funcións:

-Executar as normas que teñan relación coa actividade económica e orzamentaria da escola, definidas pola Consellería de Sanidade.

-Executar de acordo coa dirección o plan de necesidades, programando as adquisicións segundo as normas de procedemento establecidas para o efecto pola Consellería de Sanidade e o centro hospitalario en que se sitúa a responsabilidade da xestión económico-administrativa.

-Elevar á dirección o plan económico anual aprobado pola Consellería de Sanidade.

-Presentar os resultados económicos anuais á Xunta de Escola.

-Facer un inventario dos bens da escola e realizar as comprobacións periódicas oportunas, así como cando o consideren necesario os órganos de goberno e a dirección.

-Propor as medidas que coide convenientes para o mellor funcionamento económico e orzamentario da escola.

-Realizar os trámites en relación cos gastos de funcionamento da escola que lle sexan requiridos polos órganos de xestión da consellería e do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 28º.-O/A delegado/a da universidade.

É o/a representante da universidade na escola e será o/a encargado/a de levar a cabo o control académico, asegurando a representación no centro docente dos órganos de goberno da universidade.

Artigo 29º.-Nomeamento do/a delegado/a da universidade.

Será designado/a polo/a reitor/a da universidade, podendo ser substituído en virtude dos criterios que adopte a propia universidade.

Disposición transitoria

No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto, as escolas universitarias de enfermaría de titularidade da Consellería de Sanidade deberanse adaptar ao devandito decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría contradigan o disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Facúltase o/a conselleiro/a de Sanidade para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Santiago de Compostela, nove de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza