DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 28 de outubro de 2008 Páx. 19.526

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 237/2008, do 16 de outubro, polo que se modifica o Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 5 que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da comunidade autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

Nos últimos anos a prensa gratuíta incrementou a súa presenza no escenario informativo dos medios en Galicia, contribuíndo á diversificación da oferta informativa mediante a edición de xornais escritos integramente en lingua galega. Estas iniciativas teñen unha importante incidencia, tanto polos contidos informativos que axudan á difusión da realidade galega, coma pola súa contribución á normalización da lingua. Estes medios contribúen así ao acceso do galego ao mundo da comunicación, aumentando deste xeito a presenza da lingua galega nos medios de comunicación de masas e na publicidade, o cal permite avanzar cara a unha oferta informativa, lúdica, cultural e formativa completa en galego.

Así, esta disposición ten por obxecto modificar a redacción ao artigo 4 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, que regula as axudas co fin de que teñan a consideración de actividade subvencionable as cabeceiras de difusión, total ou maioritariamente, gratuítas.

Polo exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 4 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, no sentido seguinte:

Suprímese a alínea c) do citado artigo.

Disposición derradeira

Primeira.-Autorízase o secretario xeral de Comunicación para ditar as resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza