DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Luns, 27 de outubro de 2008 Páx. 19.474

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 236/2008, do 16 de outubro, polo que se modifica o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

En execución das bases establecidas pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, así como das previsións contidas na Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, así mesmo recollidas na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que derroga a anterior, dítase o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 145, do 29 de xullo de 2005.

A experiencia acumulada tras os procesos selectivos convocados por este organismo ao abeiro do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, puxo de manifesto a necesidade de introducir modificacións na puntuación da fase de concurso dos procesos selectivos de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, dentro do respecto aos límites e requisitos mínimos fixados pola normativa de rango superior.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación da mesa sectorial, e logo de ser oídas as organizacións sindicais no trámite de audiencia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame número 1195/08 do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación no Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o parágrafo segundo do artigo 23 («concurso-oposición») do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, cuxo teor literal pasa a ser o seguinte:

«2. A puntuación máxima da fase de concurso non poderá exceder do corenta por cento da puntuación máxima atinxible no proceso selectivo».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a conselleira de Sanidade para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade