DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 23 de outubro de 2008 Páx. 19.315

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 232/2008, do 2 de outubro, sobre o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese para a comunidade, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1º.28 da Constitución española de 1978, o que implica a potestade lexislativa e regulamentaria, e a función executiva, segundo o disposto nos artigos 27.18º e 37 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En exercicio desa competencia aprobouse a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

O artigo 22 da citada Lei 8/1995 establece que o Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia o conforman os bens declarados de interese cultural, os catalogados e aqueloutros a que fai referencia o seu artigo 1.3º e que, sen estaren incluídos entre os anteriores, merezan ser conservados, e dispón a súa creación como instrumento básico de protección adscrito á Consellería de Cultura.

O citado texto legal dedícalle á regulación do procedemento de inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia unicamente o seu artigo 23, o cal determina que a dita inclusión requirirá a tramitación previa do expediente pola Consellería de Cultura, e que lle serán aplicables as normas xerais do procedemento administrativo.

Esta parca regulación fai necesario que se determine un procedemento administrativo específico que canalice a actuación da Administración pública e permita sistematizar os actos administrativos precisos de cara á inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, para garantir e conxugar os dereitos dos administrados e o propio interese público, mediante o establecemento dun medio regulado de expresión da vontade administrativa, que asegure a xustiza e o acerto nas resolucións que se adopten, con sometemento pleno á lei e ao dereito.

Á vista do exposto, e tendo presente a ausencia de regulación específica, cómpre regular o procedemento de inclusión de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, coa finalidade de darlle a este instrumento de protección do patrimonio cultural de Galicia o contido previsto polo lexislador na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a regulación do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e do procedemento de inclusión de bens no dito inventario.

Capítulo II

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia

Artigo 2º.-Concepto.

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia creado pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, é o instrumento administrativo en que se relacionan os bens declarados de interese cultural e os bens incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e se inscriben os bens inventariados.

Artigo 3º.-Fins.

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia ten por finalidade:

1. Facilitar a tutela xurídico-administrativa do patrimonio cultural de Galicia e a aplicación do réxime xurídico que corresponda a cada ben.

2. Contribuír ao coñecemento do patrimonio cultural servindo de apoio ás actividades de investigación, conservación e enriquecemento deste.

3. Facer posible a difusión do patrimonio cultural de Galicia mediante a consulta do seu contido.

Artigo 4º.-Estrutura.

1. Para os efectos xurídico-administrativos o Inventario xeral do patrimonio Cultural de Galicia estrutúrase nas seguintes seccións:

a) Patrimonio inmoble.

b) Patrimonio moble.

c) Patrimonio inmaterial.

2. Cada unha das seccións expresadas na epígrafe anterior organizarase nas seguintes categorías:

a) Bens declarados de interese cultural.

b) Bens catalogados.

c) Bens inventariados.

Artigo 5º.-Contido.

1. Para os efectos da tutela xurídico-administrativa, a inscrición dos bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia conterá os datos que se establecen no anexo a este decreto.

2. A relación de bens declarados de interese cultural e catalogados terá o mesmo contido que o previsto no anexo a este decreto.

3. En todo caso, no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia anotaranse todos os actos administrativos, negocios xurídicos e resolucións administrativas que teñan por obxecto os bens nel inscritos e que afecten o contido da inscrición, así como os resultados dos estudos realizados sobre eles. As/os propietarias/os ou persoas titulares doutros dereitos reais sobre estes bens están obrigados a comunicar ao Inventario xeral calquera modificación, alteración ou acto xurídico que os afecte.

4. Así mesmo, será obxecto de anotación preventiva a incoación dos procedementos de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural.

Artigo 6º.-Cancelación.

1. As inscricións e anotacións cancelaranse cando queden sen efecto as inclusións de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

2. As anotacións preventivas cancelaranse por resolución ou caducidade do procedemento de inclusión no inventario xeral.

Artigo 7º.-Órgano competente.

A formación e conservación do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia é competencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen será competente para efectuar as inscricións, anotacións e cancelacións correspondentes.

Artigo 8º.-Consulta.

O Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia será obxecto de consulta pública nas condicións que se especifican a continuación:

a) A consulta da documentación administrativa do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia realizarase nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Será necesario o consentimento expreso da persoa titular dos bens para a consulta pública dos datos referentes á súa titularidade e valoración económica.

c) A localización dos bens mobles farase pública unicamente nos supostos en que resulte exixible a visita pública a estes ou conste a autorización expresa do seu titular.

Capítulo III

O procedemento de inclusión de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia

Artigo 9º.-Inclusión de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

1. A inclusión de bens no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia requirirá a tramitación previa do procedemento administrativo pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, consonte co regulado neste decreto.

2. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 22 e na disposición adicional segunda da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, incorpóranse ao Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, automaticamente:

a) Os bens declarados de interese cultural.

b) Os bens incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

c) Os bens recollidos nos catálogos das Normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra aprobadas por orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 3 de abril de 1991

d) Os bens contidos nos catálogos de calquera outra figura de planeamento.

Artigo 10º.-Incoación do procedemento.

1. Para os efectos de determinar a procedencia de incluír un ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar das persoas titulares de dereitos sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia o exame deles, así como as informacións e a documentación que coide pertinentes.

2. A incoación do procedemento de inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia realizarase sempre de oficio mediante resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, quen por propia iniciativa, quen, por instancia de calquera persoa física ou xurídica. Transcorridos seis meses desde a presentación da solicitude sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a pretensión.

3. A denegación da incoación, cando esta for promovida mediante solicitude, deberá ser motivada e deberá notificárselles aos solicitantes.

4. Incoado o procedemento, o ben será obxecto de anotación preventiva no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 11º.-Contido do acto de incoación.

1. A inclusión dun ben no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia poderá realizarse de forma individual ou colectiva.

2. A incoación do procedemento realizarase mediante resolución motivada, que incluirá, como mínimo, os seguintes extremos:

a) No suposto de inclusión individualizada, ademais da identificación do ben e unha breve descrición deste, recolleranse aqueles elementos que deban considerarse afectados pola inclusión.

b) Cando se trate da inclusión colectiva de varios bens bastará a súa identificación e localización.

c) Cando se trate de actividades constitutivas do patrimonio inmaterial, describirase o ámbito que as soporta ou o territorio onde se producen, incluída a relación daqueles documentos ou obxectos que se consideren vinculados a elas por coadxuvar á súa conservación, coñecemento e valoración.

d) As medidas provisionais propostas, cando se considere necesario, para o período de duración da protección cautelar.

Artigo 12º.-Contorno de protección.

1. Cando se trate de bens inmobles, na resolución pola que se incoe o procedemento poderá establecerse un contorno de protección específico do ben obxecto de inclusión.

2. De non ser así, serán de aplicación, pola posible afección ao ben, as seguintes áreas de protección xenéricas, que estarán constituídas por unha franxa cunha profundidade medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe de:

a) 50 metros cando se trate de bens do patrimonio etnográfico.

b) 100 metros cando se trate de arquitectura relixiosa, civil e militar.

c) 200 metros cando se trate de restos arqueolóxicos.

3. Cando varios elementos singulares se articulen nun conxunto, a área de influencia trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto e abranguerá a totalidade daquel.

4. Estes contornos de protección xenéricos poderán ser obxecto de adaptación no planeamento urbanístico correspondente, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 13º.-Publicación e notificación da incoación.

1. A incoación do procedemento de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. Seralles, así mesmo, notificada ás/aos propietarias/os dos bens ou persoas titulares doutros dereitos sobre estes que se puidesen ver afectados.

2. Cando se trate de bens inmobles ou de actividades constitutivas do patrimonio inmaterial, comunicaráselles en todo caso aos concellos afectados.

3. Notificaráselles, así mesmo, ás persoas ou entidades que instasen a inclusión e ás/aos demais interesadas/os no procedemento.

Artigo 14º.-Instrución.

1. Cando o procedemento se refira a bens inmobles ou ao patrimonio inmaterial acordarase a apertura dun período de información pública que se prolongará por espazo de vinte días, e daráselles audiencia aos concellos e organismos afectados por espazo de quince días.

2. Cando se trate de bens inmobles ou do patrimonio inmaterial deberá solicitarse informe á Comisión Territorial de Patrimonio Histórico competente por razón do territorio. Cando se trate de bens mobles solicitarase informe á Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

3. As alegacións e informes recibidos uniranse ao expediente e serán obxecto de consideración para a adopción da resolución que proceda.

Artigo 15º.-Resolución.

1. A resolución que poña fin ao procedemento de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia correspóndelle ao mesmo órgano que acordou a súa incoación. A dita resolución deberáselles notificar ás/aos interesadas/os, así como aos concellos afectados cando se trate de bens inmobles ou do patrimonio inmaterial, e publicarase no Diario Oficial de Galicia.

2. En todo caso a resolución incluirá a identificación do ben, e, no suposto de inclusión individualizada a determinación daqueles elementos que deban considerarse afectados pola inclusión. Se se trata de actividades constitutivas do patrimonio inmaterial, describirase o ámbito que as soporta ou o territorio onde se producen, incluída a relación daqueles documentos ou obxectos que se consideren vinculados a estas por coadxuvar á súa conservación, coñecemento e valoración.

3. A resolución poderá establecer instrucións particulares que concreten para os bens obxecto de inclusión a forma en que deben materializarse as obrigas xerais que atinxen ás/aos propietarias/os e persoas titulares de dereitos reais sobre eles.

Artigo 16º.-Caducidade.

Transcorridos seis meses desde a data da incoación do procedemento sen que for ditada resolución, entenderase caducado o procedemento, sen que se produza inscrición ningunha e cesará o réxime de protección cautelar que se previu na incoación.

Artigo 17º.-Arquivo das actuacións.

1. Cando da tramitación do procedemento se conclúa que o ben non posúe valores de relevancia suficiente para a súa inclusión no inventario xeral, o órgano que acordou a súa iniciación poderá ditar resolución pola que o procedemento se deixe sen efecto e se ordene o arquivo das actuacións.

2. En todo caso será preceptivo o trámite de audiencia previo á resolución, no que se lles porá de manifesto o actuado ás/aos propietarias/os, persoas titulares de dereitos sobre o ben que puidesen verse afectados, e calquera outro interesado, para que, no prazo de quince días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

3. Coa mesma finalidade, cando o procedemento se refira a bens inmobles e ao patrimonio inmaterial daráselles igualmente trámite de audiencia aos concellos nos que estean situados os bens afectados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os custos de funcionamento do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia non suporán incremento do gasto público e financiaranse con cargo ao orzamento de gastos da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Segunda.-Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de patrimonio cultural para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento do disposto neste decreto, e establecer, mediante orde, a determinación da estrutura do Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia, aprobar os plans e programas destinados á súa ampliación e mellora, e definir as instrucións para a recolla, elaboración, consulta pública e xestión dos contidos do inventario xeral.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO

I. Bens inmobles.

A. Datos sobre o ben.

1. Denominación e código de identificación.

2. Descrición.

a) Do inmoble.

b) Das súas partes integrantes, pertenzas e accesorios.

c) Do contorno de protección.

3. Categoría de protección.

4. Data de inclusión no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia e da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

5. Localización.

a) Provincia.

b) Concello.

c) Parroquia.

d) Lugar.

e) Situación xeográfica concreta en coordenadas U.T.M.

6. Datos culturais e tipolóxicos.

a) Adscrición cultural.

b) Adscrición tipolóxica.

7. Estado de conservación.

a) Grao.

b) Alteracións.

c) Intervencións realizadas.

B. Situación xurídica.

1. Titular/es do dereito de propiedade.

a) Nome e apelidos ou razón social.

b) Enderezo.

2. Posuidores ou titulares de dereitos reais.

a) Nome e apelidos ou razón social.

b) Enderezo.

c) Título xurídico.

3. Transmisións da titularidade.

C. Documentos gráficos.

Reportaxe fotográfica de conxunto e de detalle do ben inmoble.

II. Bens mobles.

A. Datos sobre o ben.

1. Título ou denominación e código de identificación.

2. Descrición.

a) Técnicas.

b) Materia.

c) Medidas.

3. Categoría.

4. Localización.

a) Provincia.

b) Concello.

c) Parroquia.

d) Lugar.

e) Enderezo.

5. Datos histórico-artísticos.

a) Autor.

b) Escola.

c) Época.

6. Estado de conservación.

a) Grao.

b) Alteracións.

c) Intervencións realizadas.

B. Situación xurídica.

1. Titular/es do dereito de propiedade.

a) Nome e apelidos ou razón social.

b) Enderezo.

2. Posuidores ou titulares de dereitos reais.

a) Nome e apelidos ou razón social.

b) Enderezo.

c) Título xurídico.

3. Transmisións da titularidade e traslados.

C. Documentos gráficos.

Reportaxe fotográfica de conxunto e de detalle do ben moble.

III. Patrimonio inmaterial.

A. Datos sobre o ben.

1. Denominación e código de identificación.

2. Descrición.

a) Definición e formulación.

b) Delimitación conceptual histórica.

c) Características técnicas.

3. Categoría.

4. Localización.

a) Provincia.

b) Comarca.

c) Concello.

d) Parroquia.

e) Lugar.

5. Datos histórico-etnográficos.

a) Cronoloxía.

b) Área de implantación.

c) Funcionalidade.

d) Lugar de orixe.

e) Outros datos.

6. Estado da súa persistencia ou da súa vixencia.

a) Condición.

b) Modificacións.

7. Bibliografía.

B. Documentos gráficos.

Reportaxe fotográfica e/ou audiovisual.