DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 17 de outubro de 2008 Páx. 19.023

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de emprego doméstico en Galicia.

O Real decreto 1179/2008, do 11 de xullo, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de emprego doméstico, pertencente á familia profesional de servizos socioculturais e á comunidade, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de emprego doméstico en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de emprego doméstico queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: emprego doméstico.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: servizos socioculturais e á comunidade.

Terceiro.-Competencia xeral.

Realizar as tarefas de limpeza de superficies e moblaxe da vivenda, de elaboración de alimentos, de lavado e pasada do ferro, de cosido básico manual e de arranxo de camas, con selección e emprego das técnicas, os útiles, os produtos e os electrodomésticos para garantir a hixienización do domicilio e permitir a dispoñibilidade de uso das camas, a roupa de fogar, as pezas de roupa de vestir e o consumo de alimentos, cumprindo coa normativa de prevención de riscos laborais.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan deseguido:

a) Efectuar a limpeza dos cristais das fiestras e os marcos circundantes, de ser o caso, para lograr a retirada de sucidade, utilizando os útiles e os produtos pertinentes, e evitando os riscos derivados da acción.

b) Realizar a limpeza de paredes, portas, rodapés e ornamentos, así como a ventilación da vivenda, con selección dos útiles, os produtos e os procedementos, para garantir a eficacia e a calidade da tarefa.

c) Executar a limpeza de chans e alfombras, con selección dos utensilios, os produtos e os procedementos para empregar acordes ao material constituínte, para garantir a eliminación de residuos e de manchas, a desinfección e a conservación.

d) Realizar a compra de alimentos e produtos para surtir e repor a despensa, consonte un orzamento establecido e tendo en conta as datas de caducidade.

e) Organizar, manipular e almacenar os produtos adquiridos nos espazos habilitados para preservar a súa conservación, con mantemento da hixiene en todo o proceso.

f) Cociñar os alimentos para o seu consumo posterior, en función da planificación, respectando os tempos de preparación e as normas de conservación.

g) Limpar a louza, os utensilios, os electrodomésticos e as superficies utilizadas tras o proceso de elaboración e consumo de alimentos, para manter a cociña en condicións hixiénicas saudables, e reordenar o espazo e os seus elementos.

h) Efectuar o proceso de lavado e secado da roupa de fogar e das pezas de roupa de vestir, evitando a súa deterioración, para lograr a súa limpeza e permitir a súa posterior utilización.

i) Realizar a pasada do ferro á roupa para garantir a súa hixiene, a súa conservación e a súa estética, e distribuíla posteriormente.

j) Realizar o cosido ou o remendo básico da roupa utilizando os útiles e as técnicas acordes ao tecido e á necesidade que presente a peza de roupa, para garantir a súa reparación e o seu aspecto axeitado.

k) Preparar as camas contribuíndo ao descanso, á limpeza e á orde, para permitir a súa utilización.

l) Seleccionar o tratamento para aplicar en función do tipo de moblaxe que se atope no espazo en que se interveña, empregando os útiles e os produtos necesarios e tendo en conta os aspectos que condicionan a actuación, para alcanzar os resultados esperados.

m) Eliminar os residuos situados nas papeleiras e comprobar o seu total baleiramento para facilitar a súa ulterior utilización.

n) Hixienizar e desinfectar os aseos aplicando técnicas e produtos de limpeza, para garantir o resultado.

o) Cumprir as normas en materia de seguranza, saúde laboral e seguranza alimentaria.

p) Adaptarse aos diversos postos de traballo, así como a novas situacións laborais xeradas como consecuencia dos cambios producidos na evolución da súa profesión.

q) Manter relacións fluídas coas persoas usuarias do servizo e participar na organización e no desenvolvemento das tarefas para a consecución dos obxectivos asignados, mantendo unha actitude tolerante, e respectando a súa intimidade e as súas preferencias.

r) Manter relacións fluídas cos membros do grupo en que se estea integrado e participar activamente na organización e o desenvolvemento das tarefas colectivas, para a consecución dos obxectivos asignados, mantendo unha actitude tolerante e respectando o traballo do resto do persoal.

s) Resolver problemas e tomar decisións individuais, seguindo normas establecidas ou procedementos definidos dentro do ámbito da súa competencia, e consultar as ditas decisións cando a súa repercusión sexa importante.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Emprego doméstico, SSC413_1 (Real decreto 1179/2008), que inclúe as seguintes unidades de competencia:

-UC1330_1: realizar a limpeza de domicilios particulares, en domicilio particular.

-UC1331_1: realizar o proceso de elaboración de alimentos nas súas fases de compra, organización, manipulación, cociñado e conservación, en domicilio particular.

-UC1332_1: efectuar o proceso de lavado, pasada do ferro e cosido básico manual de pezas de roupa de vestir e roupa de fogar, e a preparación de camas, en domicilio particular.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade profesional por conta propia e por conta allea, nos ámbitos público e privado. Así mesmo, este persoal está capacitado para realizar a limpeza e a preparación de domicilios particulares.

2. Sectores produtivos. Localízase no sector doméstico, nas seguintes actividades produtivas: limpeza e mantemento do domicilio; lavado, pasada do ferro e cosido básico manual de pezas de roupa de vestir e de roupa de fogar; preparación de camas, e compra e elaboración básica de alimentos.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Limpador/a doméstico/a.

-Cociñeiro/a doméstico/a.

-Pasador/a de ferro doméstico/a.

-Empregado/a de fogar.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan deseguido:

-ME0088. Limpeza doméstica.

-ME0089. Cociña doméstica.

-ME0090. Acondicionamento de camas, pezas de roupa de vestir e roupa de fogar.

-ME0091. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécese no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor aos vinte días ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: limpeza doméstica.

-Código: ME0088.

-Duración: 117 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Determina e valora os factores que condicionan o desenvolvemento da limpeza de domicilios particulares.

-CA1.1. Recoñeceuse e valorouse a influencia que ten a presenza de persoas no espazo para limpar, e indicouse a actuación que se deba seguir.

-CA1.2. Describiuse o xeito de facer uso responsable da auga e da enerxía durante a limpeza de domicilios particulares, e explicáronse as consecuencias do consumo equilibrado.

-CA 1.3. Describíronse os riscos laborais asociados á limpeza de domicilios particulares, así como o momento e o espazo en que adoitan presentarse, e indicouse o xeito de os previr.

* RA2. Aplica técnicas de limpeza da moblaxe e dos obxectos localizados no interior de domicilios particulares, para o que determina os procedementos, os útiles e os produtos necesarios.

-CA2.1. Indicouse o xeito de levar a cabo a ventilación de espazos, considerando o tempo indispensable e o momento necesario para a realizar.

-CA2.2. Describiuse a maneira de realizar a retirada selectiva de residuos en domicilios particulares, e argumentouse a súa necesidade e os beneficios ambientais.

-CA2.3. Identificáronse os materiais que configuran a moblaxe e os obxectos tipo de domicilios particulares, en relación cos procedementos para a súa limpeza.

-CA2.4. Xustificouse a utilización de útiles e produtos, así como o procedemento de limpeza, en función do tipo de moblaxe e dos obxectos para limpar, co fin de evitar a alteración das súas calidades.

-CA2.5. Estableceuse o xeito de inspeccionar con posterioridade o lugar de intervención, para detectar restos de sucidade non retirados.

-CA2.6. Nun suposto práctico de limpeza da moblaxe e dos obxectos dun domicilio particular:

-Abríronse as fiestras para ventilar as estancias durante o tempo indispensable.

-Extraeuse a información útil ou salientable para levar a cabo a limpeza, cunha valoración previa da moblaxe e dos obxectos.

-Identificouse o tipo de material de que se compón a moblaxe, e seleccionouse o procedemento de limpeza acaído.

-Determinouse a secuencia lóxica da tarefa e o tempo estimado de execución que permitan alcanzar os resultados previstos.

-Realizáronse as tarefas previas á limpeza para preparar as condicións necesarias que permitan a execución.

-Elixiuse o útil e preparouse o produto escollido seguindo as instrucións de uso e dosificación.

-Aplicouse o procedemento, o útil e o produto para lograr os resultados desexados, e verificouse a súa consecución.

-Mantivéronse en uso os útiles empregados e garantiuse a súa conservación.

* RA3. Aplica os procedementos para limpar paredes, portas, chans, rodapés e alfombras de vivendas, logo da selección dos útiles e dos produtos de uso doméstico acordes ao contexto e á actuación.

-CA3.1. Explicouse o xeito de examinar o espazo de actuación para organizar a limpeza de chans e alfombras para garantir a súa conservación, en función dos seus materiais constituíntes, e prevíronse os riscos asociados ás tarefas.

-CA3.2. Recoñecéronse as características que haxa que considerar para levar a cabo a limpeza de paredes, portas, chans, rodapés e alfombras, e valoráronse os materiais constituíntes.

-CA3.3. Identificouse o xeito de levar a cabo a limpeza de paredes, portas, chans, rodapés e alfombras, determináronse as accións, seleccionáronse e aplicáronse útiles e produtos específicos, e prevíronse os riscos derivados da acción.

-CA3.4. Explicáronse e puxéronse en práctica as técnicas de limpeza, de varrido, aspirado, pasada da mopa e fregado, en relación co tipo de material a que se apliquen.

-CA3.5. Xustificouse a selección de útiles, aparellos electromecánicos de doado manexo e produtos de uso doméstico, en función do tipo de material que se limpe.

-CA3.6. Relacionouse o procedemento de limpeza de manchas coas superficies en que se adoitan achar, e púxose en práctica a súa limpeza.

-CA3.7. Realizouse unha táboa de frecuencia de limpeza dunha vivenda tipo, con valoración dos tempos.

-CA3.8. Nun suposto práctico de limpeza de paredes, portas, chans, rodapés e alfombras:

-Extraeuse a información útil ou salientable para levar a cabo a limpeza, tendo en conta o contexto de actuación.

-Organizouse o propio traballo e definiuse a secuencia da tarefa e o tempo estimado de execución para lograr os resultados esperados.

-Identificouse o tipo de material constituínte seleccionado e axustouse a el a técnica de limpeza.

-Desprazáronse os obxectos situados dentro do espazo de intervención e que interfiran a acción de limpeza.

-Seleccionouse o útil e o produto, en caso necesario, e dosificouse o produto de limpeza consonte as súas aplicacións.

-Aplicouse a técnica, o útil e o produto, e verificouse a consecución dos resultados esperados.

-Colocouse a moblaxe previamente desprazada, para respectar a distribución inicial e a orde.

-Utilizouse a auga e a enerxía de xeito responsable en todo o proceso.

-Prevíronse os riscos laborais derivados da intervención.

* RA4. Aplica técnicas de limpeza de cristais de fiestras e elementos do contorno (marcos, persianas e reixas), selecciona útiles e produtos acordes á tarefa, e comproba a súa eficacia e a súa utilidade, evitando riscos.

-CA4.1. Identificáronse e explicáronse as condicións especiais de risco desde o punto de vista da altura, e determináronse as actuacións para a súa prevención.

-CA4.2. Describíronse as características dos cristais das fiestras e dos elementos do contorno, a súa localización e o tipo de sucidade existente neles, en relación co procedemento de limpeza acaído.

-CA4.3. Explicouse o procedemento de limpeza consonte as características dos cristais das fiestras e os elementos do contorno, e describíronse os útiles e os produtos de limpeza.

-CA4.4. Nun suposto práctico de limpeza de cristais de fiestras e elementos do contorno:

-Extraeuse a información relevante para a levar a cabo e organizar o seu propio traballo, especificando a secuencia da tarefa e o tempo estimado de execución, así como as medidas de prevención, para evitar accidentes.

-Elixiuse o útil e o produto, e xustificouse a elección.

-Aplicouse o procedemento empregando os útiles e os produtos seleccionados.

-CA4.5. Describiuse o xeito de revisar os cristais das fiestras e os elementos do contorno, detectando restos de sucidade que puideran quedar despois da limpeza, e explicouse o procedemento para corrixir erros.

1.2. Contidos básicos.

Procedemento e organización do traballo de limpeza en domicilios particulares:

-Funcións.

-Organización do traballo.

-Espazos en domicilios.

-Tempo e frecuencia.

-Presenza de persoas no domicilio.

-Riscos laborais: normativa. Prevención de riscos domésticos.

-Auga e enerxía. Uso responsable.

Caracterización de elementos na limpeza do domicilio particular:

-Aseo e hixiene no domicilio. Adaptación á clientela.

-Tipos e materiais constituíntes.

-Útiles e pequenos electrodomésticos de uso doméstico: tipos, xeitos de utilización e riscos asociados.

-Produtos de limpeza doméstica: tipos, emprego, manipulación, etiquetaxe e riscos.

Técnicas e procedementos de limpeza de superficies, chans e cristais en vivendas:

-Limpeza e hixienización de superficies en domicilios.

-Técnicas de limpeza de chans e alfombras: varrido, aspiración, uso de mopa e fregado.

-Moblaxe e obxectos: procedementos de limpeza.

-Fiestras e elementos do contorno: procedementos de limpeza.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar a limpeza de domicilios particulares.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Limpeza da moblaxe e dos obxectos no interior de domicilios particulares.

-Limpeza de paredes, portas, chans, rodapés e alfombras.

-Limpeza dos cristais das fiestras e elementos do contorno.

2. Módulo específico: cociña doméstica.

-Código: ME0089.

-Duración: 163 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Aplica procedementos de compra consonte as necesidades dun fogar e un orzamento establecido.

-CA1.1. Indicouse o proceso para a observación e a comprobación da carencia de alimentos e produtos necesarios na despensa.

-CA1.2. Seleccionouse o tipo de establecemento para realizar a compra consonte unha lista dada, logo de valorar os existentes e comprobar o cumprimento da normativa como medida de seguranza.

-CA1.3. Determináronse os pasos para realizar a compra dos alimentos e dos produtos previstos, e indicáronse as posibilidades do seu transporte en condicións de seguranza.

-CA1.4. Interpretouse a información das etiquetas en función da normativa establecida referente á conservación e a manipulación dos alimentos.

-CA1.5. Recoñecéronse e enumeráronse os aspectos da normativa sobre riscos laborais referentes á manipulación de cargas e aos riscos ergonómicos.

* RA2. Aplica procedementos de almacenaxe de alimentos, utensilios e outros produtos de uso domiciliario, con garantía da súa preservación e da súa conservación en condicións de hixiene.

-CA2.1. Examináronse e diferenciáronse os produtos atendendo ao tipo de actuación que requiren para a súa almacenaxe e a súa conservación.

-CA2.2. Identificáronse e xustificáronse os espazos para a colocación e a almacenaxe dos produtos, considerando as súas características, as súas condicións de conservación e a súa accesibilidade.

-CA2.3. Nun suposto práctico de almacenaxe e conservación de alimentos e produtos de fogar:

-Estableceuse a urxencia dos alimentos e dos produtos para a súa almacenaxe en función das súas características e das súas necesidades.

-Manipuláronse os alimentos que así o requiran para permitir a súa almacenaxe e a súa conservación extremando as medidas de hixiene.

-Determinouse a almacenaxe dos produtos nos lugares axeitados para a súa conservación e o seu posterior uso, e identificáronse os riscos ergonómicos relativos á manipulación de cargas.

* RA3. Aplica técnicas domésticas de cociña para a elaboración de menús en función das características e as necesidades dos comensais, respectando os tempos de preparación e as normas de conservación.

-CA3.1. Interpretáronse receitas de cociña e adecuáronse as cantidades e o tempo en función do número e das necesidades dos comensais.

-CA3.2. Describiuse o enxoval, os utensilios e os electrodomésticos que se utilizan na elaboración de menús, así como os seus riscos.

-CA3.3. Describíronse os procedementos previos ao cociñado: desconxelación, lavado, corte dos ingredientes, etc.

-CA3.4. Explicáronse as técnicas de cociña doméstica (asar, cocer, fritir, pelar, picar, etc.) e sinaláronse, en cada caso, as fases de aplicación, os procedementos, os tempos, os útiles, as condicións de seguranza e os resultados esperados.

-CA3.5. Describíronse as técnicas domésticas de conservación de alimentos: refrixeración, conxelación, deshidratación, etc.

-CA3.6. Nun suposto práctico de elaboración e preparación dun menú en función das características e as necesidades dos comensais:

-Garantíronse as condicións de seguranza e hixiene.

-Definiuse a secuencia da tarefa e o tempo estimado de execución para alcanzar o resultado esperado.

-Seleccionáronse os útiles e os electrodomésticos.

-Seleccionáronse alimentos cuxo tratamento asegure a inocuidade, e procurouse limpar a froita, as verduras e as latas antes de as abrir.

-Efectuouse a preelaboración do cociñado: desconxelado, lavado, corte, etc.

-Preparáronse os produtos atendendo á técnica de cociña que requiran, en función das características do alimento e das necesidades dos comensais.

-Identificáronse e evitáronse os riscos laborais nos procedementos.

-En caso necesario, preparáronse os alimentos para a súa conservación.

-CA3.7. Recoñeceuse a normativa relacionada coa manipulación, a elaboración e a conservación de alimentos para permitir as condicións de seguranza.

* RA4. Aplica procedementos de limpeza e posterior reordenación de espazos, útiles e materiais empregados no proceso de cociñado.

-CA4.1. Seleccionouse e explicouse o procedemento para realizar a limpeza da louza e dos útiles empregado na conservación, o cociñado e o consumo de alimentos.

-CA4.2. Explicouse o lavado á man e o xeito de utilización dun lavalouzas para garantir o uso racional da auga.

-CA4.3. Explicouse o proceso de clasificación e retirada dos residuos xerados durante o cociñado e o consumo, consonte a normativa.

-CA4.4. Describiuse o xeito de limpar o espazo e os electrodomésticos empregados na elaboración de menús, tendo en conta as normas de seguranza.

-CA4.5. Nun suposto práctico de limpeza de utensilios, accesorios e electrodomésticos:

-Seleccionouse e xustificouse o procedemento de limpeza en función das súas características.

-Colocáronse os útiles, os accesorios e os electrodomésticos limpos nos espazos habilitados para eles, e xustificouse a acción.

-CA4.6. Estableceuse o procedemento de limpeza das superficies e dos espazos utilizados, con previsión da posterior recolocación dos elementos para garantir a orde inicial.

2.2. Contidos básicos.

Técnicas de compra de alimentos e produtos para domicilios:

-Procedementos de compra: necesidades do fogar, orzamento e capacidade de almacenaxe. Lista da compra.

-Publicidade e ofertas.

-Etiquetaxe.

-Despensa: tipos, organización e mantemento.

-Establecementos: tipos.

-Vantaxes e inconvenientes.

Técnicas de almacenaxe e organización de alimentos e produtos no domicilio:

-Clasificación e colocación de alimentos e produtos.

-Manipulación e conservación previa de alimentos para a súa almacenaxe. Medidas de refrixeración e conxelación.

-Caducidade.

Cociñado de alimentos no domicilio:

-Procedementos previos ao cociñado.

-Técnicas domésticas de cociña: asar, cocer, fritir, pelar, picar, etc.

-Enxoval, útiles e electrodomésticos: manual de instrucións e utilización.

-Presentación e mantemento para o consumo.

Limpeza de cociña no domicilio:

-Produtos de limpeza: tipos, manipulación e riscos asociados.

-Procedementos de limpeza.

-Electrodomésticos.

-Preservación ambiental.

-Uso racional da auga.

-Residuos e reciclaxe: tipos, clasificación, retirada e contedores.

Prevención de riscos na compra, a organización, a manipulación, a elaboración e a conservación de alimentos e produtos no domicilio:

-Normativa sobre riscos laborais e manipulación de alimentos.

-Riscos asociados á actividade laboral.

-Mantemento das condicións de seguranza.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar o proceso de elaboración de alimentos nas súas fases de compra, organización, manipulación, cociñado e conservación, en domicilio particular.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Realización da compra de alimentos e produtos para abastecer e repor a despensa.

-Organización, manipulación e almacenaxe dos produtos adquiridos nos espazos habilitados para preservar a súa conservación.

-Cociñado de alimentos.

-Limpeza da louza, utensilios, electrodomésticos e superficies utilizadas logo do proceso de elaboración e consumo de alimentos.

3. Módulo específico: acondicionamento de camas, pezas de roupa de vestir e roupa de fogar.

-Código: ME0090.

-Duración: 140 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Aplica técnicas de lavado e secado de pezas de roupa de vestir e roupa de fogar (sabas, toallas, cortinas, etc.), con valoración da súa limpeza e da súa conservación.

-CA1.1. Explicáronse os riscos asociados á recollida da roupa das dependencias do domicilio, tanto para o persoal como para a roupa.

-CA1.2. Identificouse e xustificouse a actuación na clasificación e na preparación da roupa, antes da súa limpeza.

-CA1.3. Explicáronse os tipos de procedementos de lavado, e sinaláronse as súas vantaxes e os seus inconvenientes en relación cos tipos de pezas de roupa e as indicacións de fábrica.

-CA1.4. Describíronse os electrodomésticos para o lavado e o secado da roupa, interpretáronse os manuais de funcionamento, particularmente o seu xeito de utilización e de conservación, e indicáronse os produtos para utilizar.

-CA1.5. Explicouse o proceso de lavado e recollida da roupa, e valoráronse os condicionantes que o determinan.

-CA1.6. Nun suposto práctico de limpeza de roupa:

-Recolleuse a roupa de vestir e de fogar das dependencias, consonte as instrucións dadas, e prevíronse os riscos asociados á tarefa.

-Retirouse calquera obxecto que poida impedir a limpeza da roupa ou que deteriore a peza de roupa ou o electrodoméstico.

-Interpretouse a etiquetaxe da roupa e analizouse o tipo de manchas, para a clasificar en función do seu posterior proceso de limpeza.

-Realizouse o lavado da roupa á man ou a máquina e o seu posterior secado, seguindo as indicacións de fábrica e con garantía do perfecto estado da peza de roupa.

-Clasificouse a roupa, segundo as súas características para a posterior pasada do ferro.

* RA2. Aplica procedementos de pasada do ferro á roupa con garantía da súa hixiene, a súa conservación e a súa estética.

-CA2.1. Analizouse a etiquetaxe da roupa para seleccionar a acción de pasada do ferro, en función da recomendación de fábrica.

-CA2.2. Describíronse os electrodomésticos, os procedementos, os accesorios e os produtos necesarios para o procedemento de pasada do ferro, e explicouse a súa utilización.

-CA2.3. Recoñeceuse e explicouse o procedemento de lavado e pasada do ferro, con indicación dos condicionantes para a súa utilización.

-CA2.4. Nun suposto práctico de pasada do ferro á roupa:

-Analizouse o tipo de tecido e interpretáronse as etiquetas, para seleccionar o procedemento de pasada do ferro.

-Realizouse a pasada do ferro evitando os riscos derivados da actividade, e verificáronse os resultados.

-Clasificouse, distribuíuse e colocouse a roupa nos armarios ou na moblaxe destinada par tal fin, preservando a orde e previndo os riscos derivados da manipulación da carga e da altura.

-CA2.5. Identificáronse os riscos asociados ao uso da máquina de pasar o ferro, e explicouse a súa prevención.

* RA3. Aplica técnicas domésticas para realizar un cosido básico manual de pezas de roupa de vestir e de roupa de fogar, logo da selección dos útiles, en función do tecido e da necesidade das pezas de roupa, para lograr a súa reparación e o aspecto axeitado.

-CA3.1. Recoñecéronse e explicáronse os aspectos que permiten extraer información para verificar o estado da roupa.

-CA3.2. Relacionáronse os útiles coas técnicas domésticas de costura para utilizar en función dos tipos de pezas de roupa e das necesidades de reparación que poidan presentar.

-CA3.3. Explicáronse as técnicas de costura domésticas (ganduxar, rematar, meter o baixo, coser botóns, etc.) en relación co tipo de tecido e coa peza de roupa ou roupa de casa, e identificáronse as dificultades que poden derivarse da súa realización.

-CA3.4. Describiuse o xeito de manter ordenado o cesto da costura e identificáronse os lugares para gardar os útiles e os materiais de costura.

-CA3.5. Nun suposto práctico de cosido básico manual dunha peza de roupa de vestir:

-Examinouse a peza de roupa e recoñeceuse a necesidade de cosido básico manual que presente.

-Seleccionáronse as técnicas de costura doméstica consonte o tipo de tecido e a necesidade que requira: pequenos furados e esgazaduras, corchetes e botóns desprendidos, dobras desfeitas e costuras que se abren, etc.

-Empregáronse os útiles para utilizar e xustificouse a súa elección.

-Realizouse o proceso de cosido básico manual da peza de roupa de vestir.

-Gardouse de xeito ordenado e no lugar previsto o cesto da costura, os útiles e os materiais.

* RA4. Describe e realiza a tarefa de facer a cama, con garantía das condicións que permitan o descanso, a limpeza e a orde.

-CA4.1. Diferenciáronse os tipos de roupa de cama e complementos, e analizáronse as vantaxes e os inconvenientes.

-CA4.2. Explicouse o procedemento acorde ao tipo de cama e da roupa, e indicouse a maneira de colocación dos complementos.

-CA4.3. Nun suposto práctico de preparación de camas:

-Seleccionouse a roupa de cama considerando o tipo de cama, a temperatura e as preferencias persoais.

-Estableceuse a secuencia lóxica e o tempo estimado de execución da tarefa que facilite alcanzar os resultados esperados.

-Executáronse as tarefas previas a facer a cama.

-Fíxose a cama e verificouse o resultado obtido.

-CA4.4. Determináronse os tempos e as condicións para o cambio de roupa de cama, e valorouse o seu estado.

-CA4.5. Recoñeceuse o tempo e o xeito de voltear e virar o colchón, seguindo as indicacións de fábrica.

-CA4.6. Identificáronse os riscos asociados á tarefa de facer a cama, e indicáronse as actuacións preventivas.

3.2. Contidos básicos.

Procedementos de lavado, secado e pasada do ferro á roupa de fogar e pezas de roupa de vestir no domicilio:

-Etiquetaxe: interpretación de iconas e actuación.

-Electrodomésticos e accesorios: manual de instrucións e utilización.

-Produtos: tipos, características e utilización.

-Recollida de roupa das dependencias do domicilio: xeito, instrucións e riscos asociados para o persoal e para a roupa.

-Clasificación e preparación da roupa.

-Lavado, secado e pasada do ferro: procedementos.

-Espazos para o lavado, o secado e a pasada do ferro á roupa de fogar e pezas de roupa de vestir.

Procedementos de cosido básico manual de pezas de roupa de vestir e roupa de fogar:

-Tecidos: tipos e características.

-Útiles de costura: tipos e xeito de utilización.

-Técnicas domésticas de cosido básico manual.

Preparación de camas no domicilio:

-Camas: tipos e actuación ante elas.

-Roupa de cama: tipos, complementos e climatoloxía.

-Colchóns: tipos, características principais e indicacións de fábrica.

Prevención de riscos no acondicionamento de roupa de fogar e pezas de roupa de vestir no domicilio:

-Normativa sobre riscos laborais.

-Mantemento das condicións de seguranza.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de efectuar o proceso de lavado, cosido e cosido básico manual de pezas de roupa de vestir e roupa de fogar, e a preparación de camas.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo han versar sobre:

-Lavado e secado da roupa de fogar (sabas, toallas, cortinas, etc.) e de pezas de roupa de vestir.

-Pasada do ferro á roupa para garantir a súa hixiene, a súa conservación e a súa estética.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0091.

-Duración: 160 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Adquire ou recibe, almacena e distribúe materiais, utensilios, alimentos, etc. que interveñen nos procesos produtivos do traballo doméstico, utilizando o procedemento adecuado.

-CA1.1. Identificáronse os tipos de produtos e a súa aplicación en cada actividade.

-CA1.2. Comprobáronse as existencias e determináronse as necesidades de aprovisionamento.

-CA1.3. Realizáronse compras con criterio técnico e económico, axustándose ao orzamento e ás calidades aconsellables.

-CA1.4. Almacenáronse os produtos segundo o seu uso e as súas características de conservación e de seguranza.

* RA2. Limpa e ordena elementos e estancias atendendo ás súas necesidades de conservación.

-CA2.1. Mantivéronse ventiladas as estancias evitando correntes de aire.

-CA2.2. Fixéronse camas libres e ocupadas con habilidade, pulcritude e seguranza.

-CA2.3. Recoñeceuse o grao de limpeza e o estado de conservación da roupa de cama e da moblaxe.

-CA2.4. Efectuáronse as reparacións necesarias en elementos de lenzaría e vestido.

-CA2.5. Manexáronse con desenvoltura, delicadeza e seguranza os electrodomésticos, os útiles e os produtos de limpeza.

-CA2.6. Realizáronse con destreza as tarefas de preparación e ordenación de lenzaría doméstica.

-CA2.7. Levouse a cabo o proceso de limpeza e desinfección das estancias, os útiles e os recipientes, empregando produtos en cantidades e condicións recomendadas facultativamente.

* RA3. Realiza correctamente unha planificación de menús adaptados ás características dos casos e á subministración axeitada para estes.

-CA3.1Elaborouse unha listaxe adecuada de produtos de subministración para a realización dun menú semanal.

-CA3.2. Orzouse un menú consonte as normas de economía doméstica.

-CA3.3. Elaboráronse menús seguindo prescricións facultativas, nutricionais e dietéticas.

* RA4. Realiza previsións periódicas de consumo para manter a despensa abastecida e acondicionada consonte a normativa.

-CA4.1. Programouse a adquisición de alimentos segundo as necesidades de consumo e as posibilidades de almacenaxe.

-CA4.2. Seleccionáronse produtos segundo o baremo de prezo e calidade.

-CA4.3. Validáronse produtos segundo a súa etiquetaxe, o seu envasado, a súa presentación e o seu estado de conservación.

-CA4.4. Organizáronse os produtos nos lugares destinados a iso, segundo as súas condicións de conservación.

* RA5. Prepara e cociña alimentos de acordo cos menús planificados.

-CA5.1. Cumpríronse as medidas hixiénicas elementais para a manipulación, a elaboración e a conservación de alimentos.

-CA5.2. Demostrouse o manexo das técnicas e os recursos materiais máis adecuados na preparación e na elaboración de alimentos.

-CA5.3. Cociñáronse menús de dietas específicas segundo patoloxías.

-CA5.4. Elaboráronse diversas formas de presentación de alimentos.

* RA6. Actúa conforme a lexislación en materia de seguranza e hixiene e normas ambientais relativas ao ámbito da empresa, no exercicio das actividades inherentes ao posto de traballo, e realiza as operacións necesarias para o seu cumprimento.

-CA6.1. Respectáronse as normas de seguridade persoal, colectiva e ambiental no desenvolvemento das actividades, tanto as específicas como as particulares establecidas pola empresa.

-CA6.2. Mantívose a zona de traballo libre de riscos, con orde e limpeza.

-CA6.3. Identificáronse os riscos asociados aos materiais, os alimentos e as instalacións.

-CA6.4. Identificouse a información e os sinais de precaución que existan no lugar da súa actividade.

* RA7. Actúa de xeito responsable no centro de traballo integrándose no sistema de relacións técnico-sociais da empresa e adaptándose ás características específicas de cada cliente.

-CA7.1. Interpretáronse e executáronse con dilixencia as instrucións recibidas.

-CA7.2. Responsabilizouse do traballo desenvolvido e comunicouse eficazmente coa persoa adecuada en cada momento.

-CA7.3. Cumpríronse os requisitos e as normas de uso establecidas en cada espazo concreto.

-CA7.4. Amosouse unha actitude de respecto cara ás normas e cara aos procedementos establecidos.

-CA7.5. Coordinouse a actividade co resto do persoal.

-CA7.6. Incorporouse puntualmente ao posto de traballo.

-CA7.7. Mantívose unha actitude de colaboración e respecto co resto do persoal da empresa.

Ver referencia pdf "20200D002P011.PDF"

Ver referencia pdf "20200D003P021.PDF"

b) NOMEAMENTOS CONSELLO CONSULTIVO DE GALICIA