DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Venres, 17 de outubro de 2008 Páx. 19.020

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 228/2008, do 2 de outubro, sobre a prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

Por Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, esta conta como competencia exclusiva a do transporte marítimo, sempre que se leve a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, sen conexión con outros portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

En exercicio desa atribución competencial exclusiva, e logo da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, do 9 de marzo de 2006, que declarou a incompatibilidade da anterior Lei 4/1999, do 9 de abril, de declaración de servizo público de titularidade da Xunta de Galicia do transporte público marítimo de viaxeiros na ría de Vigo, co Regulamento (CEE) 3577/92, do 7 de decembro, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

As previsións desta norma, centradas na garantía dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias e na súa compatibilización coas exixencias ambientais e de uso das instalacións portuarias, precisan dun axeitado desenvolvemento regulamentario que asegure a aplicabilidade da lei.

Para estes efectos, este decreto regula o procedemento para a inscrición das empresas no Rexistro de Empresas Operadoras de Transportes Marítimo creado pola lei. Concretamente, detállanse os datos relativos a percorridos, horarios, períodos de prestación, buques e condicións económicas que deben figurar na solicitude realizada por parte das empresas que pretendan acceder ao devandito rexistro, e determínase a documentación xustificativa do cumprimento das condicións técnicas e de seguranza das embarcacións e as autorizacións de atracada.

A inscrición no rexistro cualifícase como de carácter indefinido, aínda que será obxecto de visado por parte da administración coa finalidade de acreditar que os servizos se prestan nas condicións inscritas, sen prexuízo de que poidan ser obxecto de modificación, logo da tramitación que tamén se regula no decreto, e da posibilidade de suspendelos nos casos previstos.

De igual xeito, fíxanse os prazos para cada un dos trámites que se vaian realizar, así como o sentido do silencio administrativo.

Con independencia destes requisitos de índole estritamente procesual, tamén se prevé no decreto a posibilidade de que a administración poida adoptar medidas de fomento de novos servizos de transporte público no marco das políticas activas de desenvolvemento dos distintos modos de transporte. Por último, a nova regulación céntrase nas peculiaridades que presentan aqueles servizos con orixe e/ou destino en espazos protexidos, de xeito que as necesidades de transporte se fagan compatibles coas limitacións ambientais.

Polo exposto, por proposta da conselleira de Política Territorial Obras Públicas e Transportes, de acordo do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dous de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto desenvolver as previsións da Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.

2. O citado transporte queda sometido ao principio comunitario de liberdade de prestación de servizos, e levarase a cabo por armadores que reúnan as condicións exixidas no Regulamento (CEE) 3577/1992, do 7 de decembro, e na devandita Lei 2/2008, do 6 de maio.

Capítulo II

Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras

do Transporte Marítimo

Artigo 2º.-Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo.

1. O Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, creado pola Lei 2/2008, do 6 de maio, pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia, constitúese baixo a dependencia da consellería competente en materia de transportes, sendo responsable da súa levanza, organización, mantemento e custodia, á unidade administrativa que, conforme a súa estrutura orgánica, lle correspondan as funcións en materia de transporte marítimo.

2. Para poder realizar servizos de transporte marítimo de viaxeiros/as por augas interiores de Galicia será necesaria a previa inscrición da empresa operadora e das condicións nas que se desenvolverá o servizo no rexistro ao que se refire o punto anterior.

Artigo 3º.-Requisitos da inscrición.

1. Para acceder ao rexistro, os operadores formularán a preceptiva solicitude de inscrición, na que se detallarán os seguintes estremos:

a) Percorrido, que abranguerá a ruta ou rutas completas a realizar polo navío, e no que se deberán especificar claramente as localidades e portos de saída e chegada, así como os posibles destinos intermedios.

b) Horarios, onde haberá que precisar as horas de saída e as previsibles horas de chegada, así como, de ser o caso, a posible realización de expedicións excepcionais fóra dos horarios indicados.

c) Período de prestación, onde se sinalarán os días concretos de prestación, con indicación, de ser o caso, do seu carácter laborable ou festivo.

d) Buques e as súas características, que incluirá necesariamente a denominación, matrícula e capacidade.

e) Condicións económicas, onde se detallarán as tarifas que serán cobradas aos viaxeiros, con indicación, de ser o caso, dos diferentes importes, segundo se viaxe en días laborables ou festivos. Faranse constar, así mesmo, a existencia de bonos que inclúan varias viaxes, así como os casos en que se aplicarán descontos na tarifa, de estar estes previstos.

f) Condicións técnicas, onde se indicará a habilitación da empresa para realizar o transporte pretendido e a idoneidade do buque para realizalo, o que será acreditado polos medios que se especifican no punto seguinte.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Documento que acredite a inscrición no Rexistro de Buques e Empresas Navieiras para compañías españolas, ou o necesario para acreditar a súa personalidade xurídica como navieira, para as do Espazo Económico Europeo, non españolas.

b) Acreditación da dispoñibilidade de embarcacións que reúnan as condicións requiridas pola lexislación vixente para o transporte de pasaxeiros, indicándose, se é o caso, os medios de acceso para persoas de mobilidade limitada dos que dispoñan.

c) Xustificación de que o buque ten todos os seus certificados en vigor e está clasificado para a zona de navegación correspondente.

d) Copia da solicitude de autorización de atracada presentada polo solicitante ante a administración ou administracións portuarias competentes.

e) Xustificantes de que o solicitante está ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

f) Calquera outra documentación que, conforme a normativa vixente, resulte necesaria para a prestación dos servizos a que se refire este decreto.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase ao interesado/a para que, no prazo de dez días, emende a falta e xunte os documentos preceptivos, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou norma que a substitúa.

Artigo 4º.-Requisitos para inscribir servizos de transporte a espazos naturais protexidos.

1. As empresas operadoras que pretendan realizar servizos de transporte marítimo de pasaxeiros a espazos naturais protexidos deberán levar a cabo polo menos unha viaxe diaria de ida e de volta durante o período solicitado.

2. As solicitudes de inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo de servizos de transporte a espazos naturais protexidos irán acompañadas, alén de polos documentos especificados no artigo 3º.2, por unha certificación expedida polo organismo xestor do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou do espazo natural protexido de que se trate, na que se fará constar que o operador está en condicións de cumprir todas as especificacións operacionais que sexan establecidas por eses organismos.

3. O Parque Nacional das Illas Atlánticas ou órgano xestor do espazo protexido de que se trate poderá instar a cancelación da inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo daquelas empresas operadoras que incumpran as especificacións operacionais a que se refire o parágrafo anterior.

Artigo 5º.-Inscrición.

1. Recibida a solicitude de inscrición no órgano competente sobre o rexistro, este recadará da administración ou administracións portuarias afectadas información vinculante relativa á dispoñibilidade de instalacións de atracadoiro para a prestación dos servizos solicitados, consonte coa lexislación aplicable.

2. No prazo de tres meses desde a solicitude, a administración titular do rexistro ditará e notificará a resolución pola que se acorde a inscrición nel do operador e dos servizos solicitados, ou a súa denegación; esta última só poderá fundamentarse no incumprimento da obriga de xustificar os extremos previstos no artigo 3º, alínea 2 ou, de ser o caso, no artigo 4º, deste decreto.

Pasado o prazo indicado na alínea anterior sen que se teña notificado resolución expresa, os interesado/as poderán entender estimada aquela por silencio administrativo, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Practicada a inscrición no rexistro, ou producida esta por aplicación do silencio administrativo nos termos do punto anterior, no prazo máximo dun mes e con antelación en todo caso á posta en operatividade dos servizos inscritos, a empresa armadora deberá achegar ao rexistro copia da autorización de atracada outorgada.

Artigo 6º.-Modificación de explotacións.

1. As modificacións da oferta de servizos ou a súa supresión deberán ser notificadas polo armador interesado ao órgano competente sobre o Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo cunha antelación mínima dun mes á prevista para a súa aplicación. Na indicada comunicación detallaranse os estremos previstos no punto 1 do artigo 3º deste decreto referentes ao novo servizo, xuntarase a documentación indicada nas letras b); c); d); e) e f) do punto 2 do artigo 3º deste mesmo decreto e, se é o caso, indicaranse os servizos suprimidos e os estremos previstos no artigo 4º.

2. O órgano competente sobre o rexistro poderá acordar, no prazo de vinte días, a suspensión da modificación por un prazo non superior a dous meses, cando deba avaliar a petición relativa a un corredor compartido con outros operadores. No mesmo prazo de vinte días, ou no resultante da ampliación, e por resolución expresa, acordará a non-procedencia das modificacións, e comunicaralla ao interesado/a, nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpra o compromiso, voluntariamente asumido polo operador, de non alteración da oferta durante un prazo determinado.

b) Pola falta de xustificación da idoneidade dos medios ofertados ou por concorrencia de prácticas contrarias aos dereitos dos/das consumidores/as e usuarios/as.

3. As modificacións a que se refire este artigo unicamente poderán ser postas en práctica unha vez teñan transcorrido sete días desde que fosen anunciadas ao público, pola empresa que presta os servizos, nos locais de expedicións de billetes e nas embarcacións que realicen os transportes, sen que o dito anuncio poida ser previo ao cumprimento dos prazos sinalados nos puntos anteriores.

Artigo 7º.-Carácter da inscrición.

1. A inscrición no rexistro terá carácter indefinido. Non obstante, cada dous anos a consellería competente en materia de transportes verificará, a través da expedición do correspondente visado, que o servizo se está prestando nas condicións inscritas.

A administración poderá, así mesmo, someter a prestación a visados excepcionais fóra do período indicado, co fin de verificar en calquera momento a vixencia ou exactitude da información inscrita.

2. Igualmente, con periodicidade anual como mínimo, e en calquera caso, antes do 1 de decembro do ano en curso, os operadores inscritos no rexistro actualizarán a información que consta neste, presentando a documentación acreditativa de que segue a cumprir os requisitos previstos nas letras b) e c) do artigo 3º.2 deste decreto; así como a referente á actualización das preceptivas autorizacións de atraque, xunto coas liquidacións de taxas portuarias e, se é o caso, as tarifas a percibir no novo exercicio para as diferentes rutas.

3. As empresas que presten servizos de transporte inscritos no rexistro estarán obrigadas a achegar á administración competente sobre o rexistro cantos datos estatísticos e de xestión de reclamacións de viaxeiros/as resulte precisa para o seguimento das inscricións e a resolución ou clarificación das reclamacións formuladas.

Artigo 8º.-Suspensión da inscrición.

1. A non achega de copia da autorización de atracada nos termos e prazo previstos neste decreto, a denegación do visado da inscrición ou a non remisión da documentación prevista no artigo anterior, darán lugar á suspensión da inscrición ata que se proceda a regularizar da prestación ou á emenda e remisión da documentación preceptiva.

2. Tamén dará lugar á suspensión da inscrición a suspensión temporal da habilitación para prestar servizos de transporte marítimo, ou a relativa a servizos específicos, que deberá ser comunicada polo órgano competente para a súa adopción ao rexistro, o cal procederá á súa inscrición, indicándolles aos/ás interesado/as as datas de inicio e fin desta suspensión.

Artigo 9º.-Carácter público do rexistro.

1. O acceso aos datos inscritos no rexistro será público, e farase nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os datos contidos no rexistro que se refiran ás condicións do servizo e, especialmente, os relativos a horarios, percorridos e prezos, serán publicitados pola dirección xeral competente en materia de transportes preferentemente a través de medios telemáticos. As empresas prestadoras responderán polos danos causados como consecuencia do incumprimento das devanditas condicións, sempre que as publicitadas coincidan coas previamente comunicadas por elas.

Capítulo III

Actividades de fomento

Artigo 10º.-Fomento de novos servizos de transporte marítimo.

1. A administración competente en materia de transporte marítimo poderá establecer réximes de axudas destinadas aos/ás usuarios/as co fin de fomentar a utilización dos servizos aos que se refire este decreto, propiciando deste xeito o establecemento de novos servizos de transporte marítimo.

Para os efectos deste artigo enténdese como novos servizos de transporte os que comuniquen portos e poboacións entre os que non exista servizo ningún de transporte marítimo de viaxeiros/as de carácter xeral e regular ao longo do ano.

Nos réximes de axudas aos que se refire este artigo terase en consideración, se é o caso, a posible afectación a outros modos de transporte.

2. De acordo coa normativa xeral en materia de subvencións, o réxime de axudas previsto neste artigo garantirá a súa publicidade e a posibilidade de que poidan resultar subvencionados os servizos de calquera armador que cumpra os requisitos para a súa inscrición no rexistro.

Artigo 11º.-Participación en medidas de fomento do transporte público.

Co fin de fomentar a intermodalidade e a coordinación entre modos de transporte, así como de impulsar modelos de mobilidade sostible nas cidades, os servizos de transporte marítimo que se presten en contornos metropolitanos poderán optar á participación no sistema de transporte público, implementando mediante acordos cos prestadores dos servizos medidas de coordinación entre modos de transporte e de bonificación das tarifas aos/ás usuarios/as, en condicións semellantes ás que operen para o resto de servizos de transporte da área.

Capítulo IV

Transporte marítimo a espazos protexidos

Artigo 12º.-Espazos protexidos.

1. A realización de transportes ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, definido na Lei 15/2002, do 1 de xullo, ou a calquera outro espazo protexido, estará condicionada, en todo caso, ao cumprimento da normativa sectorial aplicable.

2. O acceso ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou a calquera outro espazo protexido deberá respectar a limitación do número máximo de visitantes fixado polos correspondentes instrumentos de ordenación do espazo protexido.

3. Os operadores que presten servizos de transporte ás illas do Parque Nacional Marítimo Terrestre deberán contar coa autorización administrativa previa do Parque Nacional.

4. Para os efectos do punto anterior, o órgano xestor do Parque Nacional establecerá os criterios e condicións de acceso a este, limitacións establecidas co obxecto de aseguraren e garantiren o uso racional e a conservación do espazo.

Artigo 13º.-Sistema de acceso.

1. O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ou, de ser o caso, os órganos xestores doutros espazos protexidos da comunidade autónoma, establecerán un sistema electrónico de expedición de reservas de acceso a eles.

2. O billete que o operador expida ao usuario/a para o transporte ás illas do Parque Nacional ou a outros espazos protexidos servirá como reserva para o acceso a eles. Neste sentido, non poderán acceder aos ditos espazos os/as usuarios/as do servizo que carezan da correspondente reserva.

3. Os operadores que desenvolvan servizos de transporte no ámbito do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ou doutros espazos protexidos serán responsables de que os/as usuarios/as que empreguen o servizo non excedan do cupo máximo de reservas establecido.

Disposición transitoria

Única.-Inscrición das operadoras en funcionamento.

As empresas operadoras que estivesen prestando os servizos aos que se refire este decreto quedarán inscritas no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo, se no prazo de quince días desde a súa entrada en vigor presentan a documentación recollida no artigo 3º.2, así como no artigo 4º, de ser o caso.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa completa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes