DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 16 de outubro de 2008 Páx. 18.947

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de pesca e transporte marítimo en Galicia.

O Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de operacións en pesca e transporte marítimo, pertencente á familia profesional marítimo-pesqueira, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de pesca e transporte marítimo en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de pesca e transporte marítimo queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: pesca e transporte marítimo.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: marítimo-pesqueira.

Terceiro.-Competencia xeral.

Executar con precisión as ordes dadas ao temoneiro, cumprir cos deberes do servizo de vixía e garda na ponte de navegación e na máquina do buque, apoiando nos traballos de manobra, carga, descarga e pesca, e responder correctamente ás situacións de emerxencia.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan a seguir:

a) Apoiar nas manobras de atracada, fondeadura e remolque, seguindo instrucións do capitán ou patrón e as boas prácticas mariñeiras.

b) Apoiar o oficial ou patrón na garda de porto ou fondeadura, seguindo instrucións e boas prácticas mariñeiras.

c) Apoiar nas operacións de control periódico dos equipamentos de seguridade individuais e colectivos do buque.

d) Gobernar o buque en modo manual ou automático utilizando os compases magnéticos e o xirocompás, e cumprindo as ordes recibidas en galego, castelán e inglés.

e) Realizar o servizo de vixilancia na ponte de navegación baixo as ordes do oficial encargado da garda.

f) Levar a cabo unha garda adecuada aos deberes da mariñeiría que forma parte da garda da cámara de máquinas e caldeiras.

g) Informar e tomar medidas iniciais ao ter coñecemento dunha emerxencia, consonte as boas prácticas mariñeiras.

h) Apoiar nas operacións de arranxamento e alistamento dos equipamentos de pesca na cuberta previas ás operacións de pesca.

i) Apoiar nas operacións de arranxamento e alistamento dos equipamentos de pesca colaborando na largada e na viraxe de aparellos de palangre, artes de arrastre e cerco, seguindo as instrucións do contramestre e as boas prácticas mariñeiras.

j) Adoptar as medidas correctas nos casos de emerxencia e distinguir os sinais de alarma.

k) Abandonar o buque e sobrevivir na auga ou a bordo da embarcación de supervivencia.

l) Colaborar na extinción de incendios utilizando a indumentaria e o equipamento adecuados, manexando aparellos de respiración autónomos cando cumpra.

m) Cumprir as normas de seguridade no traballo, utilizando os equipamentos de seguridade e protección axeitados.

n) Dar a alarma e o diagnóstico dos accidentes ou das emerxencias de tipo médico, de forma adecuada e no momento correcto.

o) Reducir ao mínimo o risco de agravar os danos propios e os das vítimas, en caso de accidente.

p) Seguir os procedementos organizativos establecidos para a protección do medio mariño.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Operacións en pesca e transporte marítimo, MAP004_1 (Real decreto 295/2004), que abrangue as seguintes unidades de competencia:

-UC0010_1: contribuír ás operacións básicas de arranxamento, manobra e mantemento do buque.

-UC0011_1: realizar as gardas de navegación e goberno do buque.

-UC0012_1: realizar as actividades extractivas da pesca.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade tanto en buques pesqueiros, sen límites, como en buques dedicados ao transporte, á seguridade e ao salvamento marítimo.

2. Sectores produtivos. Localízase nos seguintes sectores:

-Extractivo de recursos pesqueiros.

-Servizos: transporte marítimo de mercadorías.

-Servizos: salvamento e seguridade marítima.

3. Ocupacións e postos de traballo salientables:

-Mariñeiro/a de ponte, de pesca e mercante.

-Mariñeiro/a de máquinas, de pesca e mercante.

-Contramestre.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón o perfil profesional, así como da formación que establece o código de formación do Convenio internacional sobre normas de formación, titulación e garda da xente de mar de 1978, para os mariñeiros que forman parte da garda de navegación establecida na sección A-II/4, os mariñeiros que forman parte da garda de cámara de máquinas da sección AIII/4, os requisitos de formación básica en aspectos de seguridade da sección A-VI/I, traspostos á lexislación española mediante a Orde FOM/2296/2002, do 4 de setembro (BOE nº 226, do 20 de setembro), pola que se regulan os programas de formación dos títulos profesionais de mariñeiros. Iso queda desenvolvido no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan a seguir:

-ME0073: manobra e mantemento do buque.

-ME0074: garda de navegación e goberno do buque.

-ME0075: extracción da pesca.

-ME0076: garda de navegación na cámara de máquinas e operacións auxiliares.

-ME0077: seguridade, primeiros auxilios e respecto polo ambiente.

-ME0078: formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécense no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: manobra e mantemento do buque.

-Código: ME0073.

-Duración: 70.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Recoñece as partes, os elementos e os equipamentos do buque, así como as súas denominacións a bordo, tanto en cuberta como na ponte de goberno.

-CA1.1. Distinguiuse a nomenclatura das partes dun buque e dos seus elementos fixos e móbiles.

-CA1.2. Identificáronse as partes e os elementos do buque susceptibles de desgaste e de mantemento frecuente.

* RA2. Realiza destramente as operacións de carga de provisións e equipamentos do buque, a súa estiba e o seu arranxamento a son de mar.

-CA2.1. Recoñecéronse, nun suposto práctico, os equipamentos e as provisións, e detectouse si hai deficiencias neles.

-CA2.2. Arranxáronse, nun suposto práctico, os equipamentos e as provisións nos pañois de forma ordenada e a son de mar.

-CA2.3. Realizouse, nun suposto práctico, a trincaxe de todos os elementos móbiles e comprobáronse os peches estancos de zapóns e portelos.

* RA3. Colabora na execución das manobras do buque seguindo as ordes do capitán ou do patrón.

-CA3.1. Identificáronse os elementos necesarios para as manobras do buque.

-CA3.2. Recoñecéronse as frases e as expresións utilizadas nas manobras do buque.

-CA3.3. Describíronse as tarefas que se realizan nas manobras de atracada, desatracada, fondeadura e viraxe da áncora.

* RA4. Realiza destramente as operacións de conservación do casco, das superestruturas e dos equipamentos de cuberta, así como as de protección do buque.

-CA4.1. Identificáronse os útiles e os equipamentos de limpeza e mantemento do buque.

-CA4.2. Realizáronse, nun suposto práctico, os traballos de limpeza, rascadura e repintado das partes do buque que o necesiten.

-CA4.3. Engraxáronse e lubricáronse, nun suposto práctico, os pescantes, os guinches e as maquinillas do buque.

-CA4.4. Describíronse as operacións de mantemento dos extintores, das mangas, dos botes e das balsas salvavidas.

1.2. Contidos básicos.

Tecnoloxía naval:

-Nomenclatura das partes do buque.

-Elementos fixos e móbiles.

Manobra:

-Manobras básicas: atracada, desatracada, fondeadura, remolque e varada.

-Cabos, equipamentos auxiliares de manobra e ordes.

Seguridade marítima e contaminación:

-Control periódico dos equipamentos individuais de supervivencia no mar e loita contra incendios: equipamentos de protección persoal e equipamentos respiratorios autónomos.

-Control periódico dos equipamentos colectivos de supervivencia e sistemas de loita contra incendios.

-Procedementos elementais de protección ambiental.

Mantemento do buque:

-Mantemento dos buques de madeira, de ferro, de poliéster, etc. Tratamentos específicos.

-Mantemento dos elementos e dos dispositivos mecánicos e de seguridade do buque.

Prevención de riscos laborais:

-Precaucións xerais durante a realización de todas as actividades.

-Lei de prevención de riscos laborais.

Lexislación e orientación laboral:

-Coñecementos básicos da lexislación. Formación e orientación laboral.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de contribuír ás operacións básicas de arranxamento, manobra e mantemento do buque.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Intervención nas operacións básicas relacionadas co arranxamento do buque.

-Colaboración nas manobras de atracada, desatracada, fondeadura, remolque e varada, contribuíndo á seguridade do buque.

-Participación nos traballos de mantemento do buque.

2. Módulo específico: garda de navegación e goberno do buque.

-Código: ME0074.

-Duración: 70 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Realiza a garda de navegación exercendo o servizo de vixía.

-CA1.1. Interpretáronse as ordes e as comunicacións recibidas.

-CA1.2. Interpretouse a información subministrada polos equipamentos básicos de navegación e goberno.

-CA1.3. Identificáronse as luces ou os sinais acústicos dos buques e do balizamento.

-CA1.4. Describiuse o procedemento de cambio da garda.

-CA1.5. Nun suposto práctico, utilizáronse os sistemas de comunicacións internas do buque e os de alarma, así como o equipamento de seguridade.

* RA2. Goberna o buque cumprindo as ordes recibidas, mesmo se se dan en inglés.

-CA2.1. Mantívose o rumbo, nun suposto práctico, en todas as condicións meteorolóxicas e de navegación, dentro dos límites aceptables.

-CA2.2. Efectuáronse, nun suposto práctico, os cambios de rumbo.

-CA2.3. Interpretáronse, nun suposto práctico, as ordes e as comunicacións recibidas en distintos idiomas.

2.2. Contidos básicos.

Tecnoloxía naval:

-Coñecemento sobre a nomenclatura e as definicións a bordo na ponte de goberno e na cuberta do buque.

-Goberno do buque.

-Utilización dos sistemas de comunicacións internas a bordo.

-Utilización do compás magnético e do xirocompás.

-Ordes ao temón en galego, en castelán e en inglés.

-Paso do piloto automático ao goberno manual, e viceversa.

Garda de navegación:

-Información necesaria para realizar unha garda segura.

-Procedementos de entrega, realización e cambio de garda.

-Deberes do vixía, incluída a notificación da demora aproximada.

-Regulamento de abordaxes.

-Idea xeral do regulamento internacional de sinais.

-Sinais acústicos, luces e outros obxectos.

Manobra:

-Boas prácticas mariñeiras: comprobación do cadro xeral de luces de navegación e a operatividade do indicador de temón e tifón; comprobación do bo funcionamento do sistema de comunicación coa cámara de máquinas (teléfono, tuba e telégrafo).

Inglés:

-Vocabulario normalizado de navegación marítima en inglés.

-Ordes ao temoneiro en inglés.

-Aspectos relativos ás tarefas de garda.

-Probas prácticas de ordes ao temoneiro en inglés.

Seguridade marítima e contaminación:

-Coñecemento dos deberes en caso de emerxencia e dos sinais de alarma.

-Coñecemento dos sinais pirotécnicos de socorro. Radiobalizas RLS satelitarias e RESAR.

-Precaucións para evitar falsas alertas de socorro e medidas que se deben tomar en caso de se activaren accidentalmente.

-Procedementos elementais de protección ambiental.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar as gardas de navegación e goberno do buque.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Realización das gardas de navegación.

-Realización das manobras de goberno do buque.

3. Módulo específico: extracción da pesca.

-Código: ME0075.

-Duración: 150 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Describe as artes de arrastre e cerco e os aparellos de palangre que se utilizan nas modalidades de pesca, a maquinaria auxiliar e os útiles de traballo asociados.

-CA1.1. Distinguíronse as artes ou os aparellos apropiados en función da modalidade extractiva que se practique.

-CA1.2. Identificáronse as partes das artes e dos aparellos.

-CA1.3. A través dun suposto práctico operouse coa maquinaria auxiliar para realizar as principais operacións de pesca.

-CA1.4. Identificáronse os útiles de traballo que se utilizan nestas actividades.

* RA2. Describe as manobras de largada e viraxe con aparellos de palangre, tanto na secuencia como nas peculiaridades de cada posto da devandita manobra.

-CA2.1. Nun suposto práctico, describiuse a sucesión temporal das fases de encarnada, largada e viraxe durante un día de traballo.

-CA2.2. Relatouse a fase de encarnada para cada tipo de palangre e de carnada.

-CA2.3. Describiuse a manobra de largada, resaltando as diferenzas no xeito de traballar segundo os diversos tipos de palangre e as condicións climatolóxicas.

-CA2.4. Explicouse a manobra de viraxe e a utilización de cada sistema e enumeráronse as funcións específicas do virador.

* RA3. Describe as manobras de largada e viraxe dunha arte de arrastre.

-CA3.1. Explicouse, utilizando un exemplo, a sucesión das fases de preparación da arte para a súa largada e viraxe durante un día de traballo.

-CA3.2. Nun suposto práctico, describiuse o proceso de disposición da arte e a localización da mariñeiría na cuberta nos momentos previos á fase de largada.

-CA3.3. Explicáronse, utilizando un exemplo, as manobras na fase de largada.

-CA3.4. Nun suposto práctico, explicáronse as manobras da fase de viraxe.

-CA3.5. Describiuse o proceso de baleiramento das capturas a bordo.

* RA4. Describe a manobra de largada e viraxe dunha arte de cerco.

-CA4.1. Explicouse, utilizando un exemplo, a sucesión das fases de preparación da arte para a súa largada e viraxe.

-CA4.2. Nun suposto práctico, describiuse o proceso de disposición da arte e a localización da mariñeiría na cuberta nos momentos previos á fase de largada.

-CA4.3. Explicáronse as manobras na fase de largada.

-CA4.4. Nun suposto práctico, explicáronse as manobras da fase de viraxe.

-CA4.5. Explicouse o xeito de operar co salabardo para o baleiramento do cope.

* RA5. Aplica métodos hixiénicos adecuados para asegurar que as capturas se reciban a bordo con garantía de calidade.

-CA5.1. Explicáronse as etapas necesarias para a limpeza e a desinfección das instalacións e os equipamentos.

-CA5.2. Explicouse o xeito en que se deben almacenar os útiles e os produtos de limpeza.

-CA5.3. En casos prácticos de limpeza de instalacións e equipamentos:

-Identificáronse os útiles e os produtos necesarios.

-Levouse a cabo a limpeza dun equipamento ou dunha zona de traballo.

-Almacenáronse correctamente os utensilios utilizados.

* RA6. Mantén en perfecto uso de operación os calamentos, as artes e os palangres.

-CA6.1. Clareouse un aparello, a través dun suposto práctico, e realizouse a reposición das brazolas e o empate de anzois, así como o mantemento das boias emisoras.

-CA6.2. Reparáronse, a través dun suposto práctico, pequenas avarías na arte e no calamento ocasionadas polo traballo.

3.2. Contidos básicos.

Palangre:

-Elementos básicos.

-Forma de traballo dos aparellos

-Manobra de largada e viraxe.

Artes de arrastre:

-Elementos básicos.

-Forma de traballo destas artes.

-Manobra de largada e viraxe.

Artes de cerco:

-Elementos básicos.

-Forma de traballo das artes de cerco.

-Manobra de largada e viraxe.

-Mantemento de artes e aparellos.

Seguridade e hixiene:

-Hixiene alimentaria para o persoal manipulador de alimentos.

-Técnicas de limpeza e desinfección de instalacións e maquinaria que estean en contacto coas materias primas.

-Produtos de limpeza: características, propiedades, riscos, modo de uso e tempo de actuación.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar as actividades extractivas da pesca.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Disposición do equipamento de pesca e da cuberta do buque.

-Execución das operacións de largada e viraxe de aparellos de palangre.

-Execución das operacións de largada e viraxe de aparellos da arte de arrastre.

-Execución das operacións de largada e viraxe de aparellos da arte de cerco.

4. Módulo específico: garda de navegación na cámara de máquinas e operacións auxiliares.

-Código: ME0076.

-Duración: 70 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Leva a cabo a garda de navegación na cámara de máquinas atendendo as ordes dadas polo oficial encargado.

-CA1.1. Entendéronse as ordes con claridade e realizáronse as comunicacións de xeito claro e conciso.

-CA1.2. Axustouse a realización, a entrega e o cambio da garda aos procedementos aceptados.

-CA1.3. Comprobáronse os parámetros de presión e temperatura, coas secuencias de tempo requiridas.

* RA2. Leva a cabo a garda de caldeiras atendendo as ordes dadas polo oficial encargado.

-CA2.1. Avaliouse o estado da caldeira baseándose na información obtida dos indicadores locais e remotos e nunha inspección física (niveis de auga e presión de vapor).

-CA2.2. Axustáronse os parámetros e as súas secuencias de traballo segundo criterios de seguridade e de eficiencia óptima.

* RA3. Pon en marcha, opera e para os sistemas de abastecemento de fluídos: auga e aceites combustibles.

-CA3.1. Comprobouse que o circuíto estea aberto exclusivamente para realizar o abastecemento requirido.

-CA3.2. Comprobáronse os parámetros de presión, caudal e nivel de carga coas secuencias de tempo requiridas.

-CA3.3. Tomáronse as medidas preventivas para evitar a contaminación do medio mariño.

* RA4. Pon en marcha os equipamentos e aplica os procedementos de emerxencia.

-CA4.1. Tomáronse as medidas iniciais ao ter coñecemento dunha situación de emerxencia ou anómala, axustándose aos procedementos establecidos.

-CA4.2. Notificouse a recepción das ordes recibidas e realizáronse as comunicacións de xeito claro e conciso.

4.2. Contidos básicos.

Tecnoloxía naval:

-Terminoloxía utilizada nos espazos de máquinas.

-Nomenclatura propia das máquinas e do equipamento.

-Funcionamento seguro da caldeira.

-Grupos hidráulico e pneumático da cámara de máquinas.

-Xeradores e cadros eléctricos.

-Bombas de lastre e trasfega de fluídos.

-Circuítos de auga doce e salgada.

Garda de navegación:

-Información necesaria para realizar unha garda segura.

-Procedementos propios da garda da cámara de máquinas: entrega, realización e cambio da garda.

-Utilización dos sistemas de comunicacións internas a bordo.

Manobra:

-Boas prácticas mariñeiras.

-Alistamento dos sistemas que subministran forza eléctrica, pneumática e hidráulica suficiente para realizar as operacións de manobras de atracada, desatracada e fondeadura (xeradores eléctricos, botellas e compresores de aire comprimido e servomotor).

-Alistamento da bomba contra incendios.

-Comprobación do bo funcionamento do sistema de comunicación coa ponte de navegación (teléfono, tuba, telégrafo) e da operatividade do servomotor, do temón e do tifón.

Seguridade marítima e contaminación:

-Deberes en caso de emerxencia e sinais de alarma.

-Sistemas de alarma da cámara de máquinas e aptitude para distinguir as alarmas (sinais acústicos e visuais de emerxencia).

-Precaucións para evitar falsas alertas de socorro e medidas para tomar en caso de se activaren accidentalmente.

-Bombas de emerxencia contra incendios.

-Vías de evacuación.

-Localización e uso dos equipamentos de loita contra incendios nos espazos de máquinas.

-Procedementos elementais de protección ambiental nas operacións de toma e trasfega de combustibles e aceites, e de achicamento de sentinas.

Inglés:

-Vocabulario normalizado en inglés de elementos da cámara de máquinas.

-Ordes en inglés á mariñeiría das operacións da cámara de máquinas.

-Aspectos relativos ás tarefas de garda.

4.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico é un módulo soporte, polo que dá resposta á necesidade de achegar unha formación adecuada para a comprensión das funcións de garda de navegación na cámara de máquinas e operacións auxiliares.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Realización da garda de navegación na cámara de máquinas.

-Realización da garda de caldeiras.

-Comprobación dos sistemas de abastecemento de fluídos (auga, aceites e combustibles).

-Actuación ante procedementos de emerxencia.

5. Módulo específico: seguridade, primeiros auxilios e respecto polo ambiente.

-Código: ME0077.

-Duración: 70 horas.

5.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Supervivencia no mar en caso de abandono do buque.

-CA1.1. Adoptáronse as medidas axustadas ao procedemento establecido ao identificar sinais de reunión. Realizouse unha demostración práctica de colocación dun chaleco salvavidas e dun traxe de supervivencia.

-CA1.2. Tomáronse as medidas individuais cunha secuencia correcta e no momento adecuado, en función das circunstancias e das condicións reinantes, e reducíronse ao mínimo os perigos e as ameazas para a supervivencia. Realizouse unha demostración práctica para saltar á auga con seguridade desde certa altura, nadar levando posto un chaleco salvavidas e manterse en flotación sen chaleco salvavidas.

-CA1.3. Abordouse a embarcación de supervivencia cun método apropiado, que non supoña perigo para outros superviventes. Realizouse unha demostración práctica para abordar unha embarcación de supervivencia desde o buque e desde a auga levando un chaleco salvavidas e drizar unha balsa salvavidas que estea en posición invertida levando posto un chaleco salvavidas.

-CA1.4. Adoptáronse procedementos e leváronse a cabo actuacións na auga, logo de abandonado o buque, que reduzan ao mínimo as ameazas para a supervivencia. Realizouse unha demostración práctica para adoptar primeiras medidas ao abordar a embarcación de supervivencia e aumentar as posibilidades de supervivencia, largar unha áncora flotante ou áncora de capa, manexar o equipamento da embarcación de supervivencia e manexar os dispositivos de localización, incluído o equipamento radioeléctrico.

* RA2. Reduce ao mínimo os riscos de incendio e mantén un estado de preparación que permita responder a situacións de emerxencia en que se produzan incendios.

-CA2.1. Adoptáronse as medidas axustadas á práctica e aos procedementos aceptados, ao se decatar dunha emerxencia. Realizouse unha demostración práctica para extinguir un incendio de hidrocarburos cun aparello de néboa e boquilla aspersoras, con po químico seco ou pulverizadores de espuma.

-CA2.2. Adoptáronse as medidas correctas axustadas aos procedementos establecidos, ao identificarse o sinal de emerxencia que corresponda á reunión. Realizouse unha demostración práctica para extinguir incendios con néboa ou outro axente apropiado de loita contra incendios, nun camarote ou nunha cámara de máquinas simulada onde haxa un incendio e abundante fume.

-CA2.3. Utilizouse a indumentaria e o equipamento adecuado, dada a natureza das operacións de loita contra incendios. Realizouse unha demostración práctica para entrar nun compartimento onde se inxectase espuma de alta expansión e atravesalo cun cable de seguridade, pero sen aparello respiratorio.

-CA2.4. Tomáronse as medidas individuais cunha secuencia correcta e no momento adecuado, en función das circunstancias e das condicións reinantes.

-CA2.5. Conseguiuse extinguir o incendio utilizando procedementos, técnicas e axentes extintores adecuados. Realizouse unha demostración práctica para utilizar distintos tipos de extintores portátiles, extinguir incendios pequenos (do equipamento eléctrico, de hidrocarburos e de propano), extinguir con auga incendios de grande envergadura, utilizando lanzas de aspersión e chorro, e extinguir incendios con espuma, po ou outro axente químico apropiado.

-CA2.6. Manexouse o aparello de respiración autónomo utilizando técnicas e seguindo procedementos axustados aos aceptados. Realizouse unha demostración práctica para utilizar o aparello de respiración autónomo, loitar contra o lume en espazos pechados cheos de fume levando un aparello respiratorio autónomo e levar a cabo unha operación de rescate nun espazo cheo de fume, cun aparello respiratorio.

* RA3. Adopta medidas inmediatas ao se producir un accidente ou outro tipo de emerxencia médica.

-CA3.1. Deuse a alarma de xeito adecuado e no momento oportuno, dadas as circunstancias do accidente ou da emerxencia de tipo médico.

-CA3.2. Efectuouse con rapidez o diagnóstico completo das causas das lesións e determinouse a súa natureza e a súa gravidade, cunha secuencia adecuada das medidas adoptadas, que non supoña unha ameaza para a vida humana.

-CA3.3. Reduciuse ao mínimo o risco de agravar os danos propios e os das vítimas.

* RA4. Adopta medidas inmediatas ao detectar unha emerxencia.

-CA4.1. Adoptáronse as medidas iniciais axustadas aos procedementos de resposta establecidos ao se detectar unha emerxencia.

-CA4.2. Transmitiuse a información de alarma de xeito rápido, claro, completo e preciso.

* RA5. Toma precaucións para previr a contaminación do medio mariño.

-CA5.1. Seguíronse os procedementos organizativos establecidos para protexer o medio mariño.

* RA6. Cumpre as boas prácticas de seguridade no traballo.

-CA6.1. Seguíronse as prácticas de seguridade no traballo e utilizáronse os equipamentos de seguridade e de protección axeitados.

* RA7. Comprende as ordes e faise entender en relación coas tarefas de a bordo.

-CA7.1. Establecéronse comunicacións claras e eficaces.

* RA8. Contribúe a que as relacións humanas a bordo sexan boas.

-CA8.1. Cumpríronse as normas de traballo e de comportamento.

5.2. Contidos básicos.

Supervivencia persoal no mar:

-Tipos de situacións de emerxencia: abordaxes, incendios, afundimento, etc.

-Dispositivos individuais e colectivos de salvamento que levan os buques.

-Equipamento da embarcación de supervivencia.

-Localización dos dispositivos persoais de salvamento.

-Principios de supervivencia:

-Formación e exercicios.

-Indumentaria e equipamentos de protección persoal.

-Necesidade de estar preparado para calquera emerxencia.

-Medidas que procede adoptar ao ser chamado ás estacións das embarcacións de supervivencia.

-Medidas que se deben adoptar cando se insta a abandonar o buque.

-Actuación na auga.

-Medidas a bordo das embarcacións de supervivencia: principais perigos para os superviventes.

Loita contra incendios e extinción:

-Organización da loita contra incendios a bordo.

-Localización dos dispositivos de loita contra incendios e das vías de evacuación en caso de emerxencia.

-Elementos do lume e da explosión.

-Tipos e fontes de ignición.

-Materiais inflamables.

-Risco de que se produza e de que se propague un incendio.

-Necesidade dunha vixilancia constante.

-Medidas que se deben adoptar a bordo dos buques.

-Detección de lume e fume e sistemas automáticos de alarma.

-Clasificación dos incendios e dos axentes extintores que se poden utilizar.

-Equipamentos de loita contra incendios e a súa localización a bordo.

-Instrucións en: instalacións fixas e equipamentos de loita contra incendios; equipamentos persoais, dispositivos e equipamentos de loita contra incendios; métodos, axentes e procedementos de loita contra incendios; e utilización do equipamento respiratorio para a loita contra incendios e para levar a cabo operacións de rescate.

Primeiros auxilios:

-Avaliación das necesidades das vítimas e das ameazas para a propia seguridade persoal.

-Estrutura e funcións do corpo humano.

-Medidas inmediatas que se deben adoptar en casos de emerxencia.

Seguridade persoal e responsabilidades sociais:

-Tipos de emerxencias: abordaxes, incendios, afundimentos, etc.

-Plans de continxencias a bordo.

-Sinais de emerxencia e tarefas específicas asignadas a membros da tripulación no cadro de obrigas. Postos de reunión. Uso do equipamento persoal de seguridade.

-Medidas que se adoptarán ao se detectar unha emerxencia, incluídos os casos de incendio, abordaxe, afundimento e vía de auga.

-Medidas que se adoptarán ao recibir os sinais de alarma de emerxencia.

-Vías de evacuación e sistemas internos de comunicación e de alarma.

Prevención da contaminación do medio mariño:

-Efectos da contaminación accidental ou operacional do medio mariño.

-Procedementos básicos de protección ambiental.

Seguridade no traballo:

-Importancia da adopción de prácticas de seguridade no traballo.

-Dispositivos de protección e seguridade dispoñibles para se protexer contra os perigos durante o traballo.

-Precaucións que se adoptarán antes de entrar en espazos pechados.

-Familiarización coas medidas internacionais sobre prevención de accidentes e medicina ocupacional.

-Aptitude para entender ordes e para se comunicar cos demais en relación coas tarefas de a bordo.

Relacións humanas a bordo:

-Importancia de manter boas relacións profesionais e humanas a bordo.

-Responsabilidades sociais, condicións laborais, dereitos e obrigas individuais. Perigo do consumo de drogas e do abuso do alcohol.

5.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico é un módulo soporte, polo que dá resposta á necesidade de achegar unha formación axeitada para a comprensión das funcións de seguridade, primeiros auxilios e respecto polo ambiente.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Actuación ante o abandono do buque.

-Actuación ante accidente ou emerxencia (médica, incendio, etc.).

-Prevención da contaminación do medio mariño.

-Cumprimento da seguridade do traballo.

6. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0078.

-Duración: 160 horas.

6.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Apoiar nas tarefas de cuberta atendendo ás instrucións do contramestre e ás normas de seguridade.

-CA1.1. Colaborouse na execución das operacións de trincaxe de todos os elementos móbiles.

-CA1.2. Manexáronse con seguridade e destreza os cabos, os cables, as defensas, etc., nas manobras con guindastres, aparellos, guinches, molinetes, cabrestantes, etc.

* RA2. Apoiar nas tarefas de supervisión e control periódicos dos equipamentos de supervivencia e loita contra incendios.

-CA2.1. Colaborouse na revisión dos equipamentos individuais de salvamento (chalecos e traxes de inmersión) e informouse do seu estado de conservación.

-CA2.2. Colaborouse na revisión dos equipamentos colectivos de salvamento (botes e os seus equipamentos, balsas e sistemas de posta en flotación) e informouse do seu estado de conservación.

-CA2.3. Colaborouse na revisión dos equipamentos manuais contra incendios (extintores portátiles, estacións, manga e sistemas fixos de extinción), e informouse do seu estado operativo.

-CA2.4. Colaborouse na revisión do sistema de alarma xeral do buque e informouse do seu estado operativo.

* RA3. Apoiar o servizo de vixía da garda de navegación na ponte seguindo as instrucións do oficial encargado:

-CA3.1. Colaborouse na detección de sinais acústicos, luces ou outros obxectos e informouse das demoras aproximadas.

-CA3.2. Informouse a seguinte quenda e o oficial encargado ao entrar e ao saír de garda.

* RA4. Realizar, baixo supervisión, o servizo de temoneiro en augas abertas.

-CA4.1. Mantívose o rumbo sostido co temón e efectuáronse os cambios de rumbo segundo as ordes recibidas.

-CA4.2. Cambiouse correctamente o modo de goberno de manual a automático, e viceversa.

-CA4.5. Informouse a seguinte quenda e o oficial encargado ao entrar e ao saír de garda.

* RA5. Apoiar as operacións de pesca e arranxamento de artes e aparellos de pesca.

-CA5.1. Colaborouse nas manobras de largada e viraxe das artes e dos aparellos de pesca.

-CA5.2. Colaborouse no arranxamento e na reparación de pequenas avarías nas artes, nos aparellos e no calamento de pesca.

* RA6. Apoiar nas operacións con combustibles e fluídos contaminantes.

-CA6.1. Colaborouse na tarefa de toma de combustible, logo da comprobación do circuíto, cumprindo as normas de seguridade establecidas e consonte as medidas de prevención do medio mariño.

-CA6.2. Colaborouse na operación de trasfega de consumos aos tanques de diario a través dos sistemas e das instalacións auxiliares, logo da comprobación do circuíto, cumprindo as normas de seguridade establecidas e consonte as medidas de prevención do medio mariño.

* RA7. Apoiar a posta en marcha e parada do sistema de propulsión e dos servizos do buque.

-CA7.1. Colaborouse na comprobación da operatividade das fontes de enerxía.

-CA7.2. Colaborouse na comprobación dos circuítos auxiliares que alimentan o sistema.

* RA8. Apoiar na realización das gardas na cámara de máquinas, seguindo as instrucións da persoa responsable da garda.

-CA8.1. Colaborouse na observación dos parámetros de traballo do motor principal, asegurando o seu correcto funcionamento.

-CA8.2. Colaborouse na observación dos parámetros de traballo dos servizos auxiliares, asegurando o seu correcto funcionamento.

* RA9. Amosar unha actitude de respecto cara ao resto do persoal, cara aos procedementos e cara ás normas internas.

-CA9.1. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que é preceptivo aplicar na actividade.

-CA9.2. Mantívose unha actitude de respecto polo medio mariño nas actividades que se desenvolven e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

-CA9.3. Utilizáronse os equipamentos de protección individual, segundo os riscos que comporte a actividade profesional e as normas da compañía armadora.

* RA10. Interpretar e executar as instrucións recibidas e responsabilizarse do labor desenvolvido, comunicándose coa persoa axeitada en cada momento.

-CA10.1. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coas persoas responsables e os membros do equipo, mantendo un trato fluído e correcto.

-CA10.2. Coordinouse co resto do equipo para se informar de calquera cambio, necesidade salientable ou imprevisto.

Ver referencia pdf "20100D001P007.PDF"