DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 14 de outubro de 2008 Páx. 18.774

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria establece as normas básicas reguladoras da ordenación das actividades e instalacións industriais así como o control administrativo para a vixilancia e control do cumprimento das normas e regulamentos de seguridade industrial.

Así mesmo, a Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia establece e regula no seu título primeiro o sistema de control da seguridade industrial e defíneo como o conxunto de instrumentos legais orientados a garantir o axeitado cumprimento da normativa e regulamentación aplicable aos establecementos, ás instalacións e aos produtos industriais co obxecto de evitar os accidentes e incidentes en materia de seguridade industrial.

Entre os instrumentos do sistema de control da seguridade industrial inclúese a inspección industrial e os plans e programas de inspección que se regulan nos capítulos I e II do título I da norma citada.

En cumprimento do previsto na disposición adicional terceira e do contido do disposto nos capítulos II e III e concordantes da lei formúlase este decreto que ten por obxecto establecer na Comunidade Autónoma de Galicia a ordenación da actividade administrativa da inspección de industria, sen prexuízo do previsto en materia de control e inspección na lexislación específica ou sectorial

O decreto divídese en oito capítulos, 36 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O capítulo I regula o obxecto, ámbito e alcance e os principios de actuación da inspección de industria.

O capítulo II regula as funcións da inspección e as medidas derivadas da actuación inspectora.

O capítulo III regula o exercicio da función de inspección, o inspector/a e as súas facultades, as obrigas e incompatibilidades dos inspectores/as de industria.

O capítulo IV regula o alcance da inspección de industria, os plans e programas de inspección e a súa execución.

O capítulo V regula a iniciación e desenvolvemento das actividades de inspección.

O capítulo VI regula a forma de realización da actividade de inspección e as distintas modalidades desta, a realización das visitas de inspección, os requirimentos de documentación e informes necesarios para a execución das actuacións de inspección así como o tempo e a duración das actuacións.

O capítulo VII as obrigas dos suxeitos afectados pola actuación inspectora e a colaboración e cooperación destes.

O capítulo VIII regula os documentos para a execución da actuación inspectora tales como dilixencias, informes, actas e medidas coercitivas derivadas da inspección.

Por todo o exposto, conforme o ditame do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, consultados os representantes da Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto, ámbito e principios

Artigo 1º.-Obxecto e réxime xurídico.

1. Este decreto ten como obxecto regular a inspección de industria no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do previsto en materia de control e inspección na lexislación específica ou na lexislación sectorial.

2. As previsións contidas neste decreto teñen carácter supletorio respecto das disposicións específicas ordenadoras da función de control e inspección de cada sector, actividade ou produto industrial.

3. En todo caso, terán carácter supletorio a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en canto non sexa directamente aplicable, o Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e as demais disposicións xerais de dereito administrativo.

Artigo 2º.-Ámbito e alcance da actividade de inspección.

1. O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección regulada neste decreto alcanzará todos os establecementos e instalacións industriais situadas dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social, sen prexuízo das específicas funcións inspectoras que correspondan a outras administracións e especificamente no relativo ás actividades de minas e canteiras.

2. A actividade de inspección industrial, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, comprobando a adecuación da súa posta en funcionamento e condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, no seu caso, exixir as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Artigo 3º.-Principios de actuación.

1. As actividades de control e inspección industrial realizaranse con observancia dos principios de legalidade, obxectividade, proporcionalidade, coordinación e eficacia.

Estes principios serán aplicables a toda actividade de control e inspección que se realicen en calquera sector industrial.

2. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as relacións entre os diversos órganos e entes desta con competencias de inspección sobre establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais axustaranse aos principios de coordinación, cooperación e colaboración.

3. Os órganos que teñan atribuídas funcións propias da inspección en materia de seguridade industrial comunicaranse cantos datos coñezan con transcendencia para a seguridade industrial, atendendo ás súas respectivas competencias funcionais ou territoriais. Así mesmo, comunicarán tales datos a calquera outro órgano para o que sexa de transcendencia en orde ao axeitado desempeño das funcións de control e inspección que teñan encomendadas, respectando, en todo caso, a normativa vixente en materia de protección de datos así como o segredo comercial ou industrial.

Terán eficacia probatoria, sen prexuízo da súa eventual contradición por outros medios, os documentos en que se recollan feitos constatados por inspector/a doutros órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e validez as actuacións preventivas realizadas por estes no exercicio da súa función de inspección dentro do seu ámbito competencial nas instalacións industriais e que afecten a seguridade industrial.

4. En particular, a consellería competente en materia de industria virá obrigada a comunicar ás consellerías, organismos autónomos e administracións públicas correspondentes aquelas deficiencias detectadas no exercicio da súa función polo inspector/a que, podendo constituír infraccións, incidan no ámbito competencial daquelas.

En todo caso, o inspector/a comunicará o resultado da inspección á autoridade competente en materia de seguridade e saúde laborais nos casos de especial relevancia ou de perigo inminente para os traballadores. Así mesmo, comunicarase o resultado das inspeccións ás autoridades sanitarias ou ás autoridades competentes en materia de protección civil e de emerxencias no ámbito das súas respectivas competencias e de conformidade coa lexislación específica.

Artigo 4º.-Comunicación aos órganos xudiciais.

Cando a Administración industrial teña coñecemento polos seus propios medios, por comunicación das entidades legalmente habilitadas ou por denuncia da existencia de feitos que puidesen ser constitutivos de delito, e despois de efectuar as comprobacións que se consideren oportunas, dará traslado á autoridade xudicial con remisión das actuacións que se efectuasen, e absterase de seguir coas actuacións de inspección, sen prexuízo de que as medidas administrativas que fosen adoptadas se manterán ata que, a autoridade xudicial se pronuncie sobre estas no procedemento correspondente.

O persoal encargado da función inspectora facilitará os datos que sexan requiridos pola autoridade xudicial con ocasión da persecución dos citados delitos.

Capítulo II

Actividade inspectora e resultados desta

Artigo 5º.-Funcións da actividade inspectora da administración.

1. Ao persoal que exerza as funcións de inspección, no seu exercicio, correspóndelle:

a) Velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de industria, mediante:

A supervisión, control e vixilancia do cumprimento das condicións técnicas e prescricións regulamentarias que, no seu caso, correspondan.

A investigación e comprobación dos feitos obxecto das reclamacións e denuncias así como das comunicacións de presuntas infraccións ou irregularidades, especialmente a persecución das actividades clandestinas.

b) Informar e asesorar aos titulares dos establecementos e instalacións industriais sobre as exixencias, cumprimento e aplicación da normativa industrial da instalación e acerca do alcance das obrigas que desta derivan, nos termos previstos neste decreto.

c) Adoptar medidas provisionais e propoñer a adopción de medidas definitivas para asegurar a evitación de danos nos termos e condicións previstos na Lei 9/2004, do 9 de agosto, e neste decreto e propoñer a incoación de expedientes sancionadores derivados dos incumprimentos de requisitos regulamentarios exixidos ás industrias e instalacións inspeccionadas.

d) Emitir ditames e informes en relación coas instalacións inspecciónadas a instancia dos órganos competentes para a incoación e instrución de expedientes sancionadores.

e) Emitir calquera outro informe ou ditame que, en función da natureza do seu eventual contido, lle sexa solicitado polo titular da consellería competente en materia de industria ou polos órganos xurisdicionais.

2. Aos inspectores/as poderáselles encomendar a emisión dos informes técnicos que solicite a Administración autonómica a través da dirección xeral competente en materia de industria, nos seguintes casos:

a) Para mellorar a regulación, a planificación ou a xestión en materia de industria.

b) Para a comprobación dos plans e programas de modernización do sector industrial e dos obxectivos de carácter xeral establecidos pola Administración.

c) Para o seguimento e control da execución das accións subvencionadas e vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da administración industrial sen prexuízo das competencias propias doutros órganos administrativos.

d) Para coñecer o estado das infraestruturas industriais.

Artigo 6º.-Medidas derivadas da actuación inspectora.

1. Finalizadas as actuacións de inspección ou no seu transcurso, poderán adoptar, o inspector/a, as medidas establecidas no artigo 20.1º da Lei de seguridade industrial.

2. Ademais, o inspector/a poderá adoptar as seguintes medidas:

a) Realizar recomendacións sobre seguridade ao titular do establecemento ou instalación industrial para lograr o máis efectivo cumprimento das disposicións a vixilancia que ten encomendadas o inspector/a.

b) Advertir o empresario co fin de que, nun prazo determinado, leve a efecto as modificacións que sexan precisas na instalacións que garantan o cumprimento das disposicións relativas á seguridade industrial.

c) Requirir o suxeito responsable para que, no prazo que se lle sinale, adopte as medidas para o cumprimento da normativa que sexa de aplicación, mesmo coa súa xustificación ante o funcionario actuante.

d) Comunicar ás administracións públicas competentes as irregularidades detectadas no exercicio da súa función de inspección que, podendo constituír infraccións, incidan no ámbito competencial daquelas.

e) Comunicar ao organismo competente os incumprimentos que comprobe na aplicación e destino de axudas e subvencións para o fomento e promoción do desenvolvemento industrial.

f) Cantas outras medidas deriven da lexislación en vigor.

Capítulo III

Funcións, facultades e obrigas do inspector/a

Artigo 7º.-Exercicio da función de inspección.

1. O departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria exerce a función de autoridade industrial que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto neste decreto e as normas que lle sexan de aplicación.

2. A dirección xeral competente en materia de industria exercerá a inspección en materia de seguridade industrial e control regulamentario, directamente, por medio dos seus inspectores ou a través de entidades legalmente habilitadas nos campos de actuación para os que estean debidamente autorizados de acordo co previsto nos apartados seguintes.

As inspeccións clasificaranse en ordinarias e extraordinarias, atendendo á posibilidade de planificación segundo o disposto no artigo 17 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

3. A dirección xeral competente en materia de industria e as delegacións provinciais intervirán por medio dos seus inspectores/as, exercendo funcións inspectoras ou de control técnico unicamente nos supostos seguintes:

a) Cando exista unha norma que prevexa con carácter preceptivo e obrigatorio a referida intervención.

b) Por vía de auditoría ou por mostraxe, en caso de plans ou programas de inspección, nos termos previstos neste decreto e as normas que lle sexan de aplicación.

c) En caso de accidente derivado directa ou indirectamente do proceso de execución ou de funcionamento dunha instalación suxeita á regulamentación industrial, efectuarase a correspondente inspección sempre que esta sexa necesaria para o esclarecemento dos feitos ou para a determinación de responsabilidades, así como para dar cumprimento ás peticións de colaboración.

d) Cando se teña coñecemento fundado da existencia de riscos relacionados coa seguridade industrial ou de feitos que poidan poñer en perigo a seguridade das persoas, os bens e o ambiente.

e) Sempre que exista unha denuncia relacionada co deseño, coa execución ou co funcionamento dunha instalación suxeita á regulamentación industrial, que poida ser cualificada inicialmente como fundada e para cuxo esclarecemento sexa necesaria a realización dunha inspección.

f) A solicitude de persoa interesada nos casos e forma previstos neste decreto.

4. A dirección xeral competente en materia de industria poderá requirir ou conveniar coas entidades legalmente habilitadas a realización de determinadas inspeccións nas que deba intervir de forma directa a Administración industrial, sen prexuízo das funcións de supervisión e control, por parte dos inspectores/as da administración, das inspeccións ordenadas, podendo estar presente para iso naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar as comprobacións posteriores que crea precisas unha vez realizada a inspección.

As entidades legalmente habilitadas no desenvolvemento da inspección realizada conforme o previsto no parágrafo anterior deberán axustar a súa actuación á normativa específica que lles resulte de aplicación e nos termos ou condicións establecidas no correspondente requirimento ou convenio.

Artigo 8º.-Persoal inspector.

1. O persoal inspector deberá estar debidamente acreditado/a e deberá de ter os coñecementos e titulación axeitados que o habiliten para a realización eficaz dos labores que teña asignados.

2. As actuacións meramente preparatorias, ou de comprobación ou proba de feitos, ou similares poderán encomendarse a persoal funcionario ou laboral das delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, aínda que non teñan a condición de inspector/a

Artigo 9º.-Carácter da inspección.

O persoal inspector terá, no exercicio das súas funcións, a consideración de axentes da autoridade, gozando como tales da protección e facultades que a estes lles dispensa a normativa vixente, e actuarán con plena independencia, sen prexuízo da súa suxeición aos plans de inspección e ás instrucións dos seus superiores xerárquicos.

Artigo 10º.-Facultades do inspector/a.

Ademais das medidas derivadas da función inspectora que poderá adoptar o inspector/a previstas no artigo 6º deste decreto, no exercicio das funcións de inspección, os inspectores/as están facultados para:

a) Comparecer, sen previo aviso, nos establecementos ou instalacións suxeitos á regulamentación de seguridade industrial e solicitar o acceso a estes despois de identificarse e co obxecto de realizar as comprobacións e actuacións que consideren pertinentes, na forma e tempo previsto neste decreto e nas leis.

b) Requirir a comparecencia do titular do establecemento ou instalación ou persoa que o represente os días que resulten precisos para o desenvolvemento das súas actuacións, en lugar e hora que, de acordo co previsto no artigo 26º deste decreto, considere necesario.

c) Facerse acompañar nas visitas de inspección polos peritos e técnicos do establecemento, instalación ou da empresa ou habilitados oficialmente así como das persoas que participan na instalación, mantemento, utilización ou inspección das industrias, equipamentos ou aparellos, que consideren necesario para o mellor desenvolvemento da función inspectora.

d) Exixir que se lle acredite á identidade, carácter e facultades da persoa ou persoas con cuxo concurso e asistencia se vaian realizar as actuacións. Para os actos de mero trámite presumirase concedida a representación sen que sexa preciso acreditarse.

e) Requirir motivadamente os representantes da instalación, á chegada a esta e antes do inicio da inspección, para ser informado das actividades realizadas naquela, as medidas de seguridade dispoñibles nesta e requirir motivadamente o apoio administrativo e loxístico necesario para a inspección.

f) Requirir información, só ou ante testemuñas, ao titular da instalación, ao seu representante legal ou aos responsables do establecemento ou instalación sobre calquera asunto relativo ao cumprimento da normativa que resulte de aplicación. Así mesmo, poderá entrevistar os responsables ou calquera membro do persoal da instalación, en presenza de representantes desta e solicitando unicamente os datos que sexan necesarios para a realización da inspección.

g) Examinar os documentos, expedientes e rexistros que considere pertinentes para os efectos do disposto neste decreto e nos termos e condicións previstos neste e demais lexislación aplicable.

h) Realizar avaliacións e ensaios, tomar as mostras e obter fotografías que sexan estritamente necesarias nas condicións e termos previstos neste decreto e demais normas de aplicación

i) Solicitar aos responsables do establecemento ou instalación, en caso de que sexa estritamente necesario para o cumprimento da inspección, a realización de determinadas operacións de funcionamento daquel.

Artigo 11º.-Obrigas e incompatibilidades.

1. Son obrigas dos inspectores:

a) Actuar con imparcialidade, independencia e integridade.

b) Realizar todas as actividades inspectoras necesarias para chegar ao convencemento razoable de que os elementos obxecto destas se atopan en bo estado e cumpren a normativa autonómica, nacional e internacional vixente.

c) Elaborar, ao finalizar unha actividade inspectora, o documento de inspección que corresponda de conformidade ao disposto no artigo 27º.

d) Informar os órganos correspondentes dos que dependan os resultados das visitas e sobre as medidas adoptadas como consecuencia destas.

e) Gardar segredo profesional respecto aos feitos e información que coñezan no exercicio das súas funcións, sen prexuízo das actuacións de colaboración administrativa que procedan.

f) Portar un documento persoal acreditativo da súa condición, expedido pola Secretaría Xeral do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, que indique o tipo de técnico e persoal de que se trata. Sen prexuízo do disposto no artigo 11º a), este documento poderá ser requirido cando exercite as súas funcións, tendo obriga, no devandito caso, de exhibilo.

g) Realizar as actividades de inspección de forma que non se dificulte, máis alá do necesario, o bo funcionamento dos establecementos industriais.

2. Todo o persoal con destino en órganos ou dependencias con competencias inspectoras queda suxeito a este deber de segredo e sixilo acerca dos feitos que coñeza por razón do seu posto de traballo.

3. No exercicio das súas funcións, o inspector/a terá que observar o deber de respecto e consideración debido aos interesados e ha de tomar as medidas necesarias para a protección da intimidade das persoas.

4. O inspector/a así como o persoal que os asista, non poderán ter interese comercial nin económico ningún nas industrias ás que pertenzan os establecementos sobre os que realicen actividades inspectoras.

5. O inspector/a non poderá instruír procedementos sancionadores de industrias que afecten procedementos que conteñan algunha actuación inspectora levada a cabo polo propio inspector.

Capítulo IV

Actuacións inspectoras

Sección primeira

Disposicións comúns

Artigo 12º.-Alcance das actuacións de comprobación e investigación.

1. As actuacións inspectoras poderán ser xerais, parciais ou abreviadas.

As actuacións inspectoras de supervisión, control e de comprobación e investigación terán carácter xeral cando teñan por obxecto a verificación na súa totalidade da situación legal ou regulamentaria en relación coa seguridade industrial de calquera instalación ou establecemento industrial e os deberes formais e documentais que o afecten.

As actuacións de comprobación e investigación serán parciais cando se refiran só a un ou varios dos produtos, as instalacións ou dos deberes formais e documentais que afectan o suxeito obrigado, ou feitos determinados ou cando, de calquera outro modo, se circunscriba o seu obxecto a límites máis reducidos dos que se sinalan no punto anterior.

Son abreviadas as actuacións de inspección limitadas á comprobación de datos e antecedentes que consten en poder da Administración industrial.

2. As actuacións inspectoras de comprobación e investigación terán carácter xeral. Poderán ter carácter parcial as devanditas actuacións nos seguintes casos:

a) Cando veña exixido polas normas legais ou regulamentarias.

b) Cando así acorde o órgano competente, farase constar ao inicio das actuacións inspectoras mediante a correspondente comunicación.

c) No caso de que así veñan determinadas nos plans ou programas de inspección a que se refire o artigo 13º deste decreto.

d) Cando a inspección teña por finalidade exclusiva resolver as cuestións que suscitase unha denuncia ou solicitude de parte interesada.

Non obstante, o titular do establecemento ou instalación poderá solicitar a ampliación do carácter da comprobación parcial en curso e o órgano competente deberá resolver motivadamente sobre a devandita petición no prazo de catro días.

Sección segunda

Inspeccións planificadas e programadas

Artigo 13º.-Plans e programas de inspección.

1. Sen prexuízo das funcións propias do Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial e da Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia, a dirección xeral competente en materia de industria elaborará e aprobará, con carácter periódico, plans de actuacións inspectoras programadas, coa extensión temporal que se determine nestes e con base en criterios de oportunidade, aleatoriedade ou outros que considere pertinentes.

Na elaboración do plan serán consultados os órganos da Administración da comunidade autónoma cuxas competencias teñan unha especial incidencia en materia de seguridade industrial.

2. Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobaranse o obxecto, contido e ámbito de actuación que informan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que han de realizarse conforme o plan e programas que se aproben.

3. Os plans de actuación inspectora poderán ser de carácter sectorial ou territorial.

4. Poderanse declarar zonas ou sectores de preferente actuación de inspección industrial dotadas de plans propios de actuación inspectora integrada e de programas de inspección específicos.

5. Cada plan de inspección deberá delimitar os programas específicos de inspección e control regulamentarios de seguridade dos establecementos e instalacións industriais que terán como obxecto verificar o grao de cumprimento das condicións de seguridade exixidas regulamentariamente. Para a concreción dos programas específicos de inspección e do grao de intervención en cada un deles, teranse en conta demandas sociais e a perigosidade intrínseca das instalacións.

6. Os plans de inspección poderán determinar prioridades respecto aos tipos de establecementos, instalacións, ou produtos industriais que deban ser obxecto de inspección durante a vixencia do plan.

7. Os plans de inspección poderán prever a coordinación e colaboración entre as unidades con competencias de inspección das diversas consellerías da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Por proposta motivada da dirección xeral competente en materia de industria ou do Consello Interdepartamental de Seguridade Industrial, o titular da consellería competente en materia de industria poderá dispoñer a revisión e modificar os plans de inspección en curso de execución.

9. Os órganos e unidades que desenvolvan as correspondentes actuacións inspectoras en execución dos plans deberán axustarse á frecuencia, ao alcance e ao contido dos programas específicos incluídos en cada plan.

10. As actividades de inspección a que se refire este decreto desenvolveranse preferentemente de acordo coa planificación establecida, iso sen prexuízo das actuacións de inspección que deberán levar a cabo de acordo co previsto no artigo 18º.2 deste decreto.

Artigo 14º.-Execución dos plans de inspección.

1. Os plans de inspección de seguridade industrial e de control do cumprimento regulamentario serán levados a cabo directamente polo persoal inspector segundo o establecido no artigo 8º deste decreto ou, baixo a supervisión da Administración, a través das entidades legalmente habilitadas que para o efecto sexan requiridas.

A administración industrial exercerá as funcións de supervisión e control das inspeccións ordenadas ás entidades legalmente habilitadas na execución de cada programa, podendo para iso o persoal técnico da consellería estar presente naquelas inspeccións que considere oportuno e realizar as comprobacións posteriores que crea necesarias, unha vez realizada a inspección

2. O desenvolvemento dos plans de inspección programada, a selección das industrias e instalacións obxecto dos programas de inspección realizaranse na porcentaxe que se determine conforme os rexistros existentes en cada provincia.

3. As delegacións provinciais da consellería remitirán á dirección xeral competente en materia de industria, no prazo de tres meses desde o remate da execución do plan de inspección, os resultados dos programas de control administrativo obtidos durante a vixencia do plan para a súa tramitación conforme o establecido no artigo 26 da Lei de seguridade industrial.

Capítulo V

Iniciación e desenvolvemento das actividades de inspección

Artigo 15º.-Modos de iniciación.

1. As actividades inspectoras poderán iniciarse:

a) De oficio.

b) Por instancia de persoa interesada en casos de risco significativo para as persoas, animais, bens ou ambiente.

2. Iniciarase de oficio unha actividade inspectora nos seguintes casos:

a) Por propia iniciativa do persoal que teña asignadas competencias inspectoras en execución e desenvolvemento dos programas específicos contidos nos plans de inspección, ou ben, sen suxeición a un programa previo, cando se teña coñecemento ou indicios da existencia de feitos que poidan ser constitutivos de delito ou infracción administrativa.

b) Por resolución motivada da dirección xeral competente en materia de industria, cando se teña coñecemento fundado de feitos que puidesen supoñer risco significativo ou indicios fundados da materialización de feitos lesivos para as persoas, animais, bens ou ambiente.

c) Por petición razoada doutros órganos administrativos ou doutras administracións públicas que, tendo coñecemento de condutas ou feitos que puidesen xustificar o inicio de actividades de inspección, non teñan competencias nesta materia. Os devanditos organismos dirixirán ao xefe do Servizo de Administración Industrial da delegación provincial ou, se é o caso, ao director xeral competente en materia de industria unha proposta de iniciación, con xustificación razoada da súa necesidade, así como dos feitos ou indicios que orixinan a petición.

d) Por denuncia de calquera persoa, sempre que sexa formulada de acordo ao previsto na normativa sobre procedemento administrativo sancionador, que poña en coñecemento da dirección xeral competente en materia de industria ou dunha delegación provincial a existencia dun determinado feito presuntamente constitutivo de infracción administrativa no ámbito da seguridade industrial ou infracción de prescricións de obrigado cumprimento que puidese xustificar o inicio da inspección.

3. Cando as actividades de inspección se inicien por solicitude de persoa interesada en caso de riscos significativos para as persoas, bens ou ambiente, para a iniciación da actividade inspectora deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Deberán ser presentadas por persoa que teña a condición de interesado ou do seu representante, de acordo ao previsto na lexislación sobre procedemento administrativo.

b) Conterán os datos exixidos polo artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, identificando con claridade a actividade inspectora que se solicita así como as causas que motivan tal petición.

Nos casos de recoñecida urxencia, cando se evidencie un dano inminente ou cando o risco sobreveña ocasionalmente por uso abusivo, deterioración ou deficiente funcionamento das instalacións, aparellos ou equipamentos, a solicitude de visita de inspección poderá formularse directamente ante os servizos competentes para a inspección, tanto de palabra como por escrito.

Artigo 16º.-Denuncia.

1. Ante a denuncia da existencia dun determinado feito presuntamente constitutivo de infracción administrativa no ámbito da seguridade industrial ou incumprimento de prescricións de obrigado cumprimento que puidese xustificar o inicio da inspección, poderase proceder á realización dunha información reservada. Cando os órganos competentes consideren que non hai indicios de infracción en materia de industria nin de riscos para a seguridade industrial, poderá acordar o arquivo das actuacións.

En todo caso, non se tramitarán as denuncias anónimas ou as que se refiran a materias cuxa vixilancia non corresponda ao departamento competente en materia de industria, sen prexuízo de dar traslado desta ao órgano competente, as que manifestamente carezan de fundamento e as que coincidan con asuntos dos que estea a coñecer un órgano xurisdicional.

2. A persoa denunciante non poderá alegar a consideración de interesado a ningún efecto na fase de investigación, se ben poderá ter, se é caso, a condición de interesado, se se inicia o correspondente procedemento sancionador, nos termos do artigo 31 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 17º.-Solicitudes formuladas por persoa interesada.

Ante as solicitudes formuladas por persoa interesada para a iniciación da actividade inspectora, que reúnan os requisitos previstos no artigo 15º, procederase na forma prevista no parágrafo primeiro do artigo anterior, ben que se deberá comunicar ao solicitante a iniciación ou non das actividades de inspección. A notificación do acto polo que se acorde o arquivo da solicitude e se denegue a actuación de inspección deberá conter o texto íntegro da resolución, coa expresión de se é ou non definitivo en vía administrativa e o prazo para interpoñer os recursos que procedan.

Capítulo VI

Realización das actuacións de inspección

Artigo 18º.-Principios xerais de actuación.

1. O exercicio da función de inspección responderá ao principio de traballo planificado e programado, sen prexuízo da actividade que exixan necesidades sobrevidas ou denuncias.

2. No desenvolvemento temporal de actuacións, darase preferencia ás orixinadas por accidentes derivados do funcionamento da instalación industrial, por denuncias e solicitudes relativas ao perigo inminente e certo, as derivadas de ordes de servizo ás que se confira carácter urxente, e as que correspondan á programación para cada provincia establecida no correspondente plan de inspección.

3. Conferirase carácter preferente ás denuncias presentadas polos concellos e órganos con competencia en materia laboral, sanitaria e ambiental da comunidade autónoma, logo de valorar a gravidade dos feitos denunciados.

4. As actuacións inspectoras terán a duración que sexa precisa para o axeitado cumprimento da súa finalidade.

5. As actuacións inspectoras poderán ser realizadas por un ou varios inspectores/as baixo o principio de unidade de acción.

Artigo 19º.-Modalidades e medios da actuación inspectora.

1. As actuacións de inspección para a execución das funcións previstas no artigo 5º deste decreto poderán consistir na análise administrativa dos expedientes tramitados para a instalación e posta en funcionamento conforme ao Decreto 223/1998, do 24 de xullo, ou/e comprobar in situ o cumprimento das disposicións regulamentarias.

2. As actuacións inspectoras e de asistencia técnica poderán realizarse a través dos seguintes medios:

a) Visita de comprobación ou investigación aos establecementos e ás instalacións industriais obxecto de inspección, así como, con consentimento do titular, aos locais, despachos ou oficinas onde legalmente deban acharse documentos concernentes ás instalacións ou actividade desenvolvida e cuxo exame proceda. Non obstante, logo da conformidade do interesado ou do seu representante, os ditos documentos poderán examinarse nas oficinas públicas, se o xustifican a índole da actividade ou o volume notoriamente reducido da documentación que se vai examinar.

b) Requirimento de presentación nas oficinas públicas daqueles documentos establecidos especificamente que deban ter acceso ao Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia ou que sexan de tenza preceptiva por parte do titular da instalación.

c) Requirimentos de información indispensable para o cumprimento das súas funcións.

d) Exame, mediante requirimento, se é o caso, de datos ou antecedentes, documentos e xustificantes necesarios para a debida comprobación das normas industriais de posta en funcionamento e de seguridade industrial que consten nas administracións públicas.

e) Calquera outro medio de investigación legalmente admitido que se considere idóneo para a comprobación dos feitos presuntamente constitutivos de infracción.

3. As actuacións inspectoras, cando se considere necesario, poderán realizarse sobre a mesma instalación ou actividade coa práctica dunha ou varias das formas de actuación descritas.

Artigo 20º.-Visita de comprobación ou investigación.

1. As actuacións de inspección efectuaranse, por norma xeral, sen previo aviso.

2. As actividades inspectoras que se leven a cabo nas instalacións efectuaranse, sempre que sexa posible, en presenza da persoa titular ou responsable da instalación inspeccionada. No seu defecto, deberá cooperar, prestando a asistencia necesaria ao inspector/a, o persoal que se atope na instalación no momento da inspección.

Cando se considere necesario requirirase, motivadamente, a comparecencia dos titulares ou responsables na instalación obxecto da inspección, co obxecto de practicar as dilixencias que se determinen na correspondente citación.

3. A visita realizarase coa comparecencia do inspector/a actuante, podendo efectuarse por un único inspector/a ou conxuntamente por varios ou acompañado do persoal técnico que considere oportuno, baixo o principio de unidade de acción.

4. Poderá realizarse máis dunha visita sucesiva. Cada día a inspección practicará as actuacións que considere oportunas. Ao termo das actuacións de cada día, a inspección poderá fixar o lugar, día e hora para a súa reanudación.

5. Con motivo da visita, os titulares ou responsables das instalacións suxeitas a regulamentación de seguridade industrial porán á disposición do inspector/a a documentación cuxo exame proceda e facilitarán aos funcionarios da inspección, por requirimento motivado destes, a información necesaria para o cumprimento das súas funcións.

6. Nos supostos en que existan no establecemento libros de inspección ou incidencia anotaranse os resultados da visita.

Artigo 21º.-Requirimentos de documentación e información.

1. O inspector/a actuante requirirá ao titular das instalacións e actividades inspeccionadas a presentación nas oficinas públicas daqueles documentos a que fai referencia o artigo 19.2º b) así como daqueles a que fai referencia o número 2º a) do mesmo artigo e que non puidesen achegar no momento da visita.

2. O requirimento de documentación será escrito e notificado directamente con ocasión da visita á instalación ou establecemento, ou por calquera forma de notificación válida.

3. O requirimento de documentación deberá conter a enumeración precisa dos documentos que se solicitan para o seu exame, o funcionario ante o que han de presentarse, o prazo para achegalos así como os efectos de non o atender. Se o requirimento de documentación se realiza con ocasión da visita sen estar presente o titular, deberá establecerse para a súa formalización un período mínimo de dez días

4. O inspector/a actuante poderá requirir, motivadamente, a presentación na oficina publica da información solicitada con motivo da visita e que non puidese facilitarse nese momento.

5. Se por requirimento do inspector/a actuante se tivese que presentar algún documento, levantarase a correspondente dilixencia de entrega, que deberá ser asinada por persoa con facultade para representar o titular da instalación.

Artigo 22º.-Avaliacións ou ensaios.

1. Os ensaios que se van realizar nas actuacións de inspección dos establecementos e das instalacións deberán levarse a cabo conforme os procedementos técnicos de avaliación de conformidade cos establecidos nos regulamentos e instrucións técnicas complementarias (ITC) de cada instalación, actividade, equipamento ou produto.

2. Os ensaios deben practicarse por persoal debidamente titulado e autorizado polo órgano competente e mediante os instrumentos que reúnan os requisitos regulamentariamente establecidos para a realización destas dilixencias, poderanse solicitar a asistencia de técnicos especialistas, que actuarán conxuntamente co inspector/a.

3. Os ensaios que teñan lugar na instalación realizaranse ante o titular de establecemento suxeito a inspección, ou ante o seu representante legal ou persoa responsable, e en defecto destes, ante calquera empregado ou dependente.

4. Se fose necesario a retirada de mostras, esta realizarase mediante dilixencia que será autorizada polo inspector, en todo caso. E deberá ser asinada polo titular ou o representante legal da instalación ou establecemento suxeito a inspección.

O titular ou o representante legal do establecemento ou instalación deberá permitir ao inspector/a as tomas de mostras abondas para realizar as análises e comprobacións pertinentes. A petición do titular da autorización deberá deixarse en poder deste unha mostra testemuña debidamente precintada e marcada.

Se fose necesaria a realización de analíticas, estas realizaranse en laboratorios oficiais ou nos privados acreditados pola Administración para estes fins, empregando para a análise os métodos que, se é o caso, se atopen oficialmente aprobados

5. Cando a comprobación da conformidade dun produto requira a realización de avaliacións ou ensaios sobre o produto, os gastos derivados de tal comprobación, caso de resultar o produto non conforme, serán satisfeitos polo responsable, quen facilitará igualmente as mostras necesarias para realizar tal comprobación.

Artigo 23º.-Toma de imaxes.

Nos supostos en que sexa estritamente necesario para as comprobacións obxecto da inspección e logo de comunicación ao titular ou representante legal, o inspector/a poderá obter fotografías e imaxes.

Artigo 24º.-Tempo das actuacións.

1. Cando as actuacións de inspección se leven a cabo en dependencias ou oficinas públicas, deberán realizarse, normalmente, dentro do horario oficial de apertura ao seu público e, en todo caso, dentro da xornada de traballo vixente.

2. Nos demais casos, se as actuacións de inspección se realizan nos establecementos industriais ou nos locais ou oficinas a que se refire o parágrafo a) do punto segundo do artigo 19º, observarase a xornada laboral da actividade que rexa nestes, sen prexuízo de que poida actuarse de común acordo cos interesados noutras horas e días.

3. Poderanse levar a cabo actuacións de inspección fóra dos días e horas a que se refiren os puntos anteriores, nos seguintes casos:

a) En caso de risco significativo para as persoas, animais, bens ou ambiente.

b) En caso daquelas instalacións que, non sendo declaradas e inscritas por non recibir delas dato ningún relevante para os efectos da inscrición, se teña a fundada sospeita de que puidesen estar a realizar algunha actividade suxeita a control administrativo da Administración industrial que puidese ocasionar concreto perigo para as persoas ou o ambiente.

Capítulo VII

Obrigados na actuación inspectora

Artigo 25º.-Suxeitos obrigados.

1. As actuacións inspectoras realizaranse perante os titulares da instalación, o seu representante ou empregados debidamente autorizados. Presumirase a representación dos suxeitos que puidesen resultar responsables conforme o artigo 41 da Lei de seguridade industrial.

As visitas, e en ausencia daqueles, poderán realizarse co persoal que, se é o caso, se atope no establecemento no momento da inspección.

2. O representante non poderá eludir a declaración sobre feitos ou circunstancias con transcendencia inspectora que deban ser coñecidos polo representado.

Artigo 26º.-Deber de colaboración, cooperación e asistencia.

1. Os titulares das instalacións ou establecementos correspondente, os seus representantes legais e o persoal que, se é o caso, se atope ao fronte da actividade no momento da inspección están obrigadas a ofrecer ao inspector/a que realice a inspección e ao seu persoal colaborador a máxima facilidade e a asistencia necesaria para o desenvolvemento da súa tarefa.

2. En particular, os titulares e responsables das instalacións terán as seguintes obrigas:

a) Atender o persoal de inspección se se achase presente na instalación, cando compareza sen previo requirimento no lugar onde se practiquen as actuacións.

b) Comparecer na instalación obxecto da inspección cando sexa requirido motivadamente co obxecto de practicar as dilixencias que se determinen na correspondente citación.

Cando alegue xusta causa que lle impida comparecer o día e hora sinalados, deberá adoptar cantas medidas del dependan e permitan atender axeitadamente a inspección.

c) Permitir ao funcionario/a que realice a inspección e ao seu persoal colaborador, logo da identificación deles, o acceso aos locais e facilitarlles os documentos que sexan necesarios para a práctica das actuacións inspectoras.

d) Poñer á disposición dos funcionarios/as e persoal que o acompañe os medios técnicos que sexan precisos para o cumprimento da súa misión.

e) Informar o inspector/a ou o persoal que realice as actuacións de inspección en relación coa instalación, das actividades desenvolvidas nesta e as medidas de seguridade. Así mesmo, deberán subministrar canta información resulte necesaria para o cumprimento das súas funcións de verificación, comprobación e investigación, legalmente asignadas.

f) Contribuír á verificación das indagacións das inspeccións e á clarificación de cuestións dubidosas.

Capítulo VIII

Documentos de inspección

Artigo 27º.-Formalización e anotación das actuacións inspectoras.

1. Segundo corresponda de acordo co previsto neste decreto durante as actuacións inspectoras e finalizadas estas o inspector/a encargado de realizalas ou dirixilas expedirá ou elaborará e asinará, baixo a súa responsabilidade e con absoluta independencia técnica de criterio, a dilixencia, o informe de inspección e/ou a acta correspondente.

2. A delegación provincial conservará os documentos de inspección e remitirá unha copia destes á dirección xeral competente en materia de industria cando así sexa requirido e nos demais supostos previstos neste decreto.

Unha copia dos documentos de cada inspección realizada, debidamente dilixenciada, deberá unirse ao respectivo expediente de cada establecemento ou instalación e servirá de base para que, a Administración industrial, comprobe que se adoptaron as medidas necesarias para que esta se axuste aos requisitos de seguridade establecidos regulamentariamente.

3. Os datos, informes ou antecedentes obtidos polo inspector/a no curso das súas actuacións só poderán utilizarse por persoal debidamente autorizado e para o control da seguridade industrial e o exercicio das funcións previstas no artigo 7º deste decreto, e se é o caso, para a denuncia dos feitos que poidan ser constitutivos dos delitos contra as persoas, bens, flora, fauna e ambiente e, en xeral calquera delito público. Sen prexuízo da comunicación dos datos a aqueles órganos para os que sexa de transcendencia en función das súas competencias, nos termos a que se refire o artigo 3º.3 deste decreto.

Artigo 28º.-Dilixencias.

1. Mediante dilixencia de inspección documentaranse aquelas actuacións de inspección que non poñan termo a esta, salvo a visita de inspección que haberá de constar na acta.

2. Haberá de documentarse, en todo caso, mediante dilixencia:

a) As actuacións inspectoras tales como controis de documentos, retiradas de mostras, medicións, probas practicadas, verificacións, ensaios, así como as requisitorias de documentación ou comparecencia, indicando prazos ou datas para a súa realización. Para a realización destas dilixencias, o inspector/a poderá solicitar a asistencia de técnicos especialistas, que actuarán conxuntamente co inspector/a.

b) Os resultados do actuado individualmente por cada técnico que interveu nunha inspección, subscribíndose finalmente a acta baseándose no conxunto das actuacións así practicadas.

3. As dilixencias poden servir para deixar constancia daqueles feitos ou circunstancias determinantes dunha inspección máis ampla da inicialmente acordada ou programada, así como deixar constancia do levantamento da acta de proposta de iniciación de procedemento sancionador.

4. Nas dilixencias, que poderán expedirse sen suxeición necesariamente a un modelo preestablecido, constará a identificación da instalación inspecciónada, o nome e apelidos, número do documento nacional de identidade e a sinatura, se é o caso, da persoa á que se expidan as actuacións, así como o carácter ou representación con que intervén, os propios feitos ou circunstancias que constitúen o contido propio da dilixencia; a situación de conformidade ou desconformidade legal derivada das actuacións realizadas pola inspección, o lugar e data da súa expedición e a identificación do persoal ou dos funcionarios actuantes que subscriban a dilixencia.

5. Cando a natureza das actuacións inspectoras, cuxo resultado se reflicta nunha dilixencia, requira a presenza dunha persoa coa que se entendan tales actuacións, a dilixencia será asinada pola devandita persoa e se esta se negase a asinar a dilixencia, ou non puidese ou soubese facelo, farase constar así nesta, sen prexuízo da entrega do duplicado correspondente mediante remisión por calquera dos medios admitidos en dereito.

Artigo 29º.-Informes de inspección.

1. Sen prexuízo dos supostos concretos previstos neste decreto nos que a información obtida durante comprobacións e investigacións se recolla nun informe, cando as circunstancias da inspección o requiran, darase conta dos feitos mediante informe de inspección.

2. O departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria queda facultado para normalizar os modelos en que deben ser presentados os informes que conteñan a información obtida durante as comprobacións e investigacións, en que se fará constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) A identificación clara do expediente, a instalación ou establecemento, do seu titular ou representante legal, dos elementos ou equipos inspeccionados, así como da persoa ante quen se efectúa a actividade inspectora.

b) O lugar, datas e horas en que se levou a cabo a actividade inspectora.

c) A identificación do persoal inspector e do persoal técnico interveniente nas actividades obxecto do informe.

d) A constatación de que a instalación, ou os elementos ou equipamentos inspeccionados cumpre coas disposicións aplicables da normativa vixente ou, pola contra, unha enumeración detallada das deficiencias atopadas, con indicación precisa das normas que se puidesen vulnerar, se é o caso, así como a valoración que as devanditas deficiencias poidan ter para a seguridade industrial.

e) A relación detallada das medidas que deban ser adoptadas para emendar as deficiencias detectadas, con indicación do prazo tope para que sexan levadas a cabo, en función da importancia e alcance destas.

f) O criterio do inspector/a actuante que aconselle ou non o inicio de procedemento sancionador, sen prexuízo da acta correspondente en caso de considerar que debe incoarse.

g) O criterio do inspector/a que aconselle a adopción de calquera outra medida prevista no artigo 6º deste decreto.

Artigo 30º.-Actas de inspección.

1. O resultado da actuación inspectora así como a visita in situ formalizarase nunha acta, sen prexuízo de que cando as circunstancias da inspección o requiran, de acordo co previsto no artigo anterior, darase conta dos feitos mediante informe de inspección.

2. Por cada visita de inspección que se realice, os funcionarios actuantes deben redactar a acta correspondente na que se expresará o seu resultado. As actas de inspección que se redacten gozarán de valor probatorio e presunción de veracidade, sen prexuízo das probas que en defensa dos respectivos dereitos ou intereses poidan achegar os propios interesados.

3. A acta poderá ser:

a) De comprobado e conforme.

b) De advertencia.

c) De requirimento.

d) De paralización, de precinto, de comiso ou de destrución.

e) De desprecinto.

f) De proposta de incoación de expediente sancionador.

g) De obstrución ao labor inspector.

4. Nos supostos en que nas instalacións existan libros de inspección ou incidencia reflectísese mediante dilixencia o tipo de acta levantada.

5. O/A inspector/a expedirá as súas actas nos modelos oficiais aprobados polo departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria.

Se, pola súa extensión, non puidesen recollerse no modelo de acta todas as circunstancias que deban constar nela, reflectiranse en anexo a estas formalizado en modelo oficial.

Formarán parte da acta de inspección, para todos os efectos, os seus anexos e as dilixencias expedidas polo persoal ou funcionario inspector actuante durante a súa actividade de comprobación.

En calquera caso, o contido dos distintos tipos de actas axustarase no que proceda, ao establecido para as actas de infracción. Non obstante, nas actas de inspección reflectiranse, se é o caso:

a) Os feitos constatados polo inspector/a actuante que sexan relevantes para os efectos da cualificación xurídica da conduta ou actividade inspeccionada.

b) A situación de conformidade ou desconformidade legal constatada polas actuacións realizadas pola inspección.

c) As causas que puidesen determinar a proposta de revogación da autorización, ou de adopción de medidas de prevención ou a proposta de incoación de expediente sancionador

6. Sen prexuízo do disposto para as actas de comprobado e conforme, a acta de inspección será levantada en presenza do titular da empresa ou establecemento, ou do seu representante.

7. Os titulares, os seus representantes ou responsables poderán facer cantas alegacións ou aclaracións consideren convenientes, as cales se reflectirán na acta correspondente.

Invitarase a persoa ante quen se efectúa a inspección a manifestar a súa conformidade ou desconformidade respecto do contido da acta, sen prexuízo das posteriores intervencións a que tivese dereito na tramitación do correspondente procedemento.

8. As actas que recollan o resultado das actuacións de inspección serán asinadas polo inspector/a ou os inspectores/as que conxuntamente realizaren as correspondentes actuacións de comprobación e investigación.

Artigo 31º.-Actas de comprobado e conforme.

1. Se o inspector/a actuante considerase correcta a situación legal e o correcto funcionamento da instalación industrial farao constar nunha acta de comprobación e conforme.

2. Tales actas de comprobado e conforme poderán expedirse en presenza do interesado ou do seu representante ou enviarse por correo certificado con xustificante de recepción.

3. O inspector/a actuante poderá formular na acta de comprobado e conforme observacións a título de recomendación. A recomendación limitarase a calquera proposta do inspector/a actuante baseada na información obtida na inspección e formulada coa intención de previr accidentes ou incidentes. As devanditas recomendacións sobre seguridade non suporán, en ningún caso, responsabilidade en relación cos feitos inspeccionados.

Artigo 32º.-Actas de advertencia.

1. Verificados pola actuación inspectora, xa sexa mediante visita ou estudo de expediente e segundo o establecemento ou instalación de que se trate, a existencia dalgún defecto e sempre que destes non deriven danos ou riscos para a seguridade industrial o inspector poderá advertir e asesorar para que se cumpra a normativa aplicable, concedendo ao interesado un prazo suficiente para a súa emenda.

Sen prexuízo do anterior, as funcións inspectoras non poderán comportar ningunha diminución das obrigas que correspondan aos responsables conforme a lexislación industrial.

2. As medidas de advertencia efectuadas polo persoal da inspección deberán formalizarse documentalmente nunha acta de advertencia, que substituirá a acta a que se refire o artigo anterior, en que se consignarán as deficiencias ou incumprimentos detectados, o asesoramento ou a advertencia formulados, as actuacións necesarias para a emenda das deficiencias, a normativa aplicable e o prazo para o seu cumprimento

3. En caso de que a emenda non se cumprise no prazo concedido elevarase, se é o caso, a acta correspondente ao órgano competente para a incoación do oportuno expediente sancionador.

Artigo 33º.-Acta de requirimento.

1. Nos supostos en que, a través da correspondente inspección, se apreciasen defectos dos que se puidesen derivar danos ou riscos para a seguridade industrial, o inspector/a actuante requirirá aos responsables para que corrixan as deficiencias ou axusten o seu funcionamento ás normas aplicables, sen prexuízo das sancións que puidesen impoñerse pola infracción cometida.

Se se apreciase a existencia de perigo grave e inminente o inspector/a poderá, ademais, acordar e ordenar a paralización inmediata temporal da actividade, total ou parcial, de acordo co previsto no artigo seguinte.

2. Na acta que se expida como consecuencia da inspección fará constar os requirimentos que se adoptaron, así como a causa e finalidade concretas destes.

3. O requirimento formulado polo inspector/a deberá formalizarse documentalmente nunha acta de requirimento en que se sinalarán as anomalías ou deficiencias apreciadas, as medidas necesarias para rectificalas con indicación do prazo para a súa emenda.

4. Se se incumprise o requirimento formulado o inspector/a actuante levantará a correspondente acta de proposta de incoación de expediente sancionador por infracción.

Artigo 34º.-Acta de paralización de actividades industriais, de precinto, de desprecinto ou destrución.

1. Excepcionalmente, cando para evitar o mantemento de perigo grave e inminente ou a continuación ou repetición ou o mantemento dos danos que se ocasionaron ou para mitigalos, requirirase a paralización temporal inmediata, total ou parcial, da actividade ou instalación industrial, esta poderá ser imposta, mediante unha acta de paralización, polo inspector/a que constate os feitos eventualmente perigosos, no exercicio da súa específica función de inspección.

A paralización comunicarase con carácter inmediato ao órgano competente en materia de seguridade industrial, que deberá confirmar, modificar ou levantar a paralización coa maior brevidade posible.

Durante a execución dos traballos correspondentes para emendar os defectos atopados, será responsabilidade do titular da instalación, a aplicación de cantas medidas de seguridade se teñan que utilizar, en evitación de prexuízos a terceiros.

2. O/A inspector/a atenderá ao criterio de proporcionalidade, considerando equilibradamente os prexuízos que a paralización ocasione ao titular e os obxectivos de entre os fixados no punto 1 que en cada caso concorran debéndose optar sempre pola paralización parcial se logrados razoablemente os citados obxectivos, ocasiona menos dano ao titular e é máis doada a reparación dos seus efectos tras a súa vixencia.

A acta de paralización deberá expresar con claridade a causa e finalidade desta.

A paralización non poderá prolongarse máis alá nin afectar a máis do que resulte indispensable para cumprir os obxectivos preventivos concorrentes no caso concreto.

Artigo 35º.-Actas de proposta de iniciación de procedemento sancionador.

Sen prexuízo do previsto no artigo 32º deste decreto, relativo ás actas de advertencia, se o inspector/a aprecia algún feito que poida ser constitutivo de infracción, debe levantar unha acta de proposta de iniciación de procedemento sancionador, no que debe facer constar as medidas adoptadas e que se tramitará conforme a normativa vixente.

Artigo 36º.-Acta de obstrución.

Expedirase cando o empresario ou os seus representantes realicen calquera tipo de actuación que impida ou dificulte a actuación do inspector/a actuante.

Disposicións adicionais

Primeira.-A acreditación do inspector/a a que se refire o artigo 11.1º f) se efectuará de oficio pola Secretaría Xeral do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de Industria, por proposta da dirección xeral competente en materia de industria.

Segunda.-Para o cumprimento eficaz dos labores que teñen asignados o persoal que desenvolva funcións de inspección en materia de seguridade industrial, a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de formación de empregados públicos adoptará as oportunas medidas conducentes á organización e desenvolvemento de programas especializados de formación de técnicos e persoal da propia Administración fomentando en especial a formación continuada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de industria, para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e de xeito específico á aprobación e publicación dos modelos de actas de inspección e do documento de acreditación dos inspectores/as.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xavier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria