DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 14 de outubro de 2008 Páx. 18.764

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se establece o perfil do programa de cualificación profesional inicial de reprografía en Galicia.

O Real decreto 1179/2008, do 11 de xullo de 2008, estableceu, entre outras, a cualificación profesional de nivel 1 de reprografía, pertencente á familia profesional de artes gráficas, así como os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón.

A Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia establece no seu artigo 8 que os currículos dos módulos específicos dos perfís profesionais que se establezan se desenvolverán por medio de resolución da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e que deberán tomar como referencia os módulos formativos asociados ás unidades de competencia que inclúa o perfil.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto o establecemento do perfil profesional do programa de cualificación profesional inicial de reprografía en Galicia.

Segundo.-Identificación.

O programa de cualificación profesional inicial de reprografía queda identificado polos seguintes elementos:

-Denominación: reprografía.

-Nivel: programa de cualificación profesional inicial.

-Duración: 580 horas.

-Familia profesional: artes gráficas.

Terceiro.-Competencia xeral.

Recibir e despachar encargas de clientes e realizar a reprodución, o encadernamento funcional e outros acabamentos propios de reprografía, despois de preparar os materiais necesarios e de axustar as máquinas e os equipamentos reprográficos segundo as indicacións de calidade e de produción establecidas, aplicando o plan de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.

Cuarto.-Competencias profesionais, persoais e sociais.

As competencias profesionais, persoais e sociais deste programa de cualificación profesional inicial son as que se relacionan deseguido:

a) Recibir e interpretar encargas para formalizar a orde de traballo segundo as normas e os procedementos establecidos.

b) Recibir e almacenar os soportes e os consumibles de reprografía para asegurar a dispoñibilidade no proceso.

c) Cobrar e empaquetar produtos acabados de reprografía asegurando un servizo de calidade.

d) Comprobar os orixinais na reprodución cos criterios de calidade establecidos.

e) Controlar, dispor e seleccionar os medios, os soportes, os consumibles e outros elementos auxiliares para efectuar a reprodución.

f) Reproducir os orixinais garantindo a calidade requirida.

g) Realizar o mantemento de primeiro nivel dos equipamentos de reprografía.

h) Seleccionar e preparar os materiais necesarios para realizar as operacións de acabamento.

i) Realizar cortes nos materiais reprográficos empregando guillotinas e cisallas de pequeno formato, respectando as normas de seguridade establecidas.

j) Realizar as operacións de encadernación funcional e outros acabamentos propios da reprografía asegurando a correcta disposición e ordenación do documento, de acordo coas instrucións establecidas.

k) Atender, no marco da súa responsabilidade, as queixas da clientela seguindo o procedemento e o protocolo establecidos, ou derivalas á persoa responsable.

l) Cumprir a actividade con orde, rigor e limpeza, consonte a documentación e as instrucións xerais recibidas.

m) Adaptarse aos postos de traballo e ás novas situacións laborais xeradas como consecuencia dos cambios tecnolóxicos producidos na evolución da profesión.

n) Manter relacións fluídas cos membros do grupo en que se integre e participar na organización e no desenvolvemento das tarefas colectivas para a consecución dos obxectivos asignados, mantendo unha actitude tolerante e respectando o traballo do resto do persoal.

o) Establecer comunicacións verbais, escritas ou gráficas con outros departamentos.

p) Resolver problemas e tomar decisións individuais, seguindo as normas establecidas ou os procedementos definidos dentro do ámbito da súa competencia, e consultar as devanditas decisións cando a súa repercusión sexa importante.

q) Adaptarse á organización específica da empresa integrándose no sistema de relacións técnico-laborais.

r) Interpretar e executar as instrucións recibidas e responsabilizarse do labor desenvolvido, comunicándose eficazmente coa persoa axeitada en cada momento.

s) Habituarse ao ritmo de traballo da empresa cumprindo os obxectivos de rendemento diario definidos na súa propia organización.

t) Amosar unha actitude de respecto cara ao resto do persoal, cara aos procedementos e cara ás normas internas da empresa.

Quinto.-Relación de cualificacións e unidades de competencia do Catálogo nacional das cualificacións profesionais incluídas no perfil profesional.

Cualificacións profesionais completas incluídas no perfil:

Reprografía, ARG410_1 (Real decreto 1179/2008), que inclúe as seguintes unidades de competencia:

-UC1322_1: recibir e despachar encargas de reprografía.

-UC1323_1: preparar os materiais e os equipamentos, e realizar a reprodución.

-UC1324_1: realizar as operacións de acabamento en reprografía.

Sexto.-Contorno profesional.

1. Ámbito profesional. Desenvolve a súa actividade en grandes, medianas e pequenas empresas de reprografía, artes gráficas, multiservizos gráficos e comunicación gráfica e visual, con niveis organizativos e tecnolóxicos moi diversos. Intégrase nun equipo de traballo onde desenvolve tarefas individuais e en grupo relacionadas coa reprografía. En xeral, dependerá organicamente doutro persoal responsable. A actividade desenvólvese por conta propia ou allea.

2. Sectores produtivos. Esta actividade constitúese no seu propio subsector de reprografía, ou ben forma parte dos sectores produtivos onde se desenvolven procesos de reprodución gráfica ou visual de textos ou imaxes sobre calquera material ou medio sensible, incluídos os soportes de informática gravados, nomeadamente no sector das artes gráficas, así como nos departamentos de reprografía de empresas doutros sectores produtivos: arquitectura, enxeñaría, construción, universidade, organismos oficiais e institucións educativas e culturais.

3. Ocupacións e postos de traballo máis salientables.

-Operario/a de reprografía.

-Operario/a de acabamentos de reprografía.

Sétimo.-Módulos específicos.

1. Os módulos específicos deste perfil profesional, que toman como referentes os módulos formativos asociados ás unidades de competencia de que se compón, quedan desenvolvidos no anexo I desta resolución.

2. Son os que se relacionan deseguido:

-ME0092. Recepción e despacho de traballos.

-ME0093. Reprodución en equipamentos de reprografía.

-ME0094. Operacións de acabamento.

-ME0095. Formación en centros de traballo.

Oitavo.-Espazos e equipamentos.

1. Os espazos e os equipamentos mínimos necesarios para o desenvolvemento das ensinanzas deste perfil profesional son os establecidos no anexo II desta resolución.

2. Os espazos formativos establecidos poden ser ocupados por diferentes grupos de alumnado.

3. Non cómpre que os espazos formativos identificados se diferencien mediante pechamentos.

Noveno.-Profesorado e persoas formadoras.

1. A atribución docente dos módulos específicos que constitúen as ensinanzas deste perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial impartidos en centros de ensino públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establécense no anexo III A) desta resolución.

2. As titulacións requiridas para a impartición dos módulos específicos que conforman o perfil profesional nos programas de cualificación profesional inicial para os centros de titularidade privada ou doutras administracións distintas da educativa establécense no anexo III B) desta resolución.

3. O perfil das persoas formadoras que impartan os módulos específicos en contornos produtivos establécese no anexo IV desta resolución.

Décimo.-Relación de módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa.

A relación dos módulos específicos coas unidades de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais que inclúe o programa é a que figura na táboa que se inclúe como anexo V desta resolución.

Décimo primeiro.-Distribución horaria dos módulos específicos.

A distribución horaria dos módulos específicos cursados en contornos non produtivos especifícase no anexo VI desta resolución.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2008.

Antonio Vázquez Vázquez

Director xeral de Formación Profesional

e Ensinanzas Especiais

ANEXO I

Módulos específicos

1. Módulo específico: recepción e despacho de traballos.

-Código: ME0092.

-Duración: 117 horas.

1.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Valora as encargas máis comúns de reprografía en relación co proceso de reprodución e cos materiais utilizados.

-CA1.1. Identificáronse e describíronse os orixinais que se reproducen máis comunmente nas empresas de reprografía.

-CA1.2. Recoñecéronse os artigos da Lei de propiedade intelectual relacionados coa reprodución de documentos.

-CA1.3. Nun caso práctico, debidamente caracterizado, elaborouse un documento de valoración e de necesidades para realizar a encarga de reprografía, tendo en conta:

-Posibilidade legal de reprodución, segundo a lexislación relativa aos dereitos de autoría.

-Características do traballo de reprodución: copia, fotocopia, impresión e ploteamento.

-Soporte para tratar: papel, acetato, etc.

-Características requiridas do acabamento que haxa que realizar: formato, encadernación, pregadura e calidade.

-CA1.4. Nun suposto práctico, debidamente caracterizado, formalizouse unha orde de traballo, atendendo ao sistema de reprodución que se vaia empregar, ao tipo de soporte e ao acabamento ou encadernamento funcional que se vaian utilizar.

* RA2. Utiliza equipamentos para a xestión de documentos e para realizar cobramentos, aplicando os procedementos de control e arquivo de documentos.

-CA2.1. Identificáronse os medios e os equipamentos máis comúns de recepción e envío de documentos (fax, correo electrónico, ftp, etc.) e describíronse as súas características.

-CA2.2. Identificáronse os medios e os equipamentos máis comúns para cobramentos (caixa rexistradora, TPV, etc.) e describíronse as súas características e a súa operativa.

-CA2.3 Relacionáronse os documentos que se envían e se reciben máis comunmente na súa actividade cos respectivos medios e equipamentos de recepción e envío, e valorouse a súa idoneidade en cada caso.

-CA2.4 Recoñecéronse as operacións de uso en empresas de reprografía para a introdución de datos e protocolos de recepción e envío de documentos a través de correo electrónico, fax e ftp.

-CA2.5. Identificáronse os formatos de ficheiro dixital utilizados máis adoito na transmisión de datos mediante correo electrónico e ftp.

-CA2.6. A partir de casos prácticos, debidamente caracterizados, de recepción de documentos:

-Obtivéronse documentos recibidos a través do correo electrónico ou ftp, con aplicación das medidas de seguridade establecidas, e comprobouse a súa integridade.

-Comprobouse a integridade e a lexibilidade de documentos recibidos a través de fax.

-Distribuíronse ou arquiváronse os documentos seguindo as instrucións e os procedementos establecidos.

-CA2.7. A partir de casos prácticos, debidamente caracterizados, de envío de documentos:

-Converteuse o documento ao formato estandarizado, ou ao requirido segundo as indicacións recibidas, para o seu envío nos casos de correo electrónico ou ftp.

-Enviáronse documentos a través de correo electrónico ou ftp aplicando os protocolos de envío establecidos (copia, aviso de recepción, etc.), tras comprobar a integridade dos ficheiros adxuntos.

-Enviáronse documentos a través de fax tendo en conta as operacións de uso do equipamento, deixouse constancia deles e verificouse a súa correcta recepción.

-CA2.8. A partir de casos prácticos de cobramento de traballos de reprografía, debidamente caracterizados:

-Realizáronse operacións de cobramento en metálico (utilizando caixas rexistradoras) e con tarxetas de crédito (utilizando os TPV), e asegurouse a entrega ao cliente do tícket ou o recibo que acredite o pagamento.

* RA.3. Interpreta e formaliza os documentos máis comunmente utilizados no proceso de pedido e despacho dos produtos nas empresas de reprografía.

-CA3.1. Identificáronse os conceptos que aparecen nos documentos e nas tarifas que se utilizan nas empresas de reprografía.

-CA3.2. Relacionáronse os documentos de entrega, cobramento, expedición, orde de traballo, etc., coa súa estrutura, co seu sistema de formalización (manual ou informático) e coa función que desempeñan.

-CA3.3. A partir dun caso práctico, debidamente caracterizado, dunha encarga de reprografía:

-Realizouse o orzamento tarifado tendo en conta os custos de materiais e as operacións que interveñen no proceso, consonte unhas tarifas de prezos dadas.

-Cubríronse os documentos mercantís necesarios para a xestión do cobramento (albarás, facturas, notas de entrega, etc.).

-Cubríronse os documentos de expedición de mercadorías, para o envío por mensaxaría, por axencias de transporte, por correo postal e mediante repartición propia, asegurando que os datos contidos permitan a identificación dos paquetes e a súa entrega no destino.

* RA4. Aplica criterios de almacenaxe na clasificación e o aprovisionamento de soportes e consumibles, para manter as existencias mínimas determinadas nunhas instrucións técnicas.

-CA4.1. Identificáronse e relacionáronse os materiais e os consumibles empregados en reprografía co xeito e coas condicións de almacenaxe que requiran.

-CA4.2. Explicáronse os sistemas de mantemento de existencias mínimas de materiais e consumibles característicos das empresas de reprografía, e xustificáronse as súas vantaxes e os seus inconvenientes.

-CA4.3. Nun suposto práctico, debidamente caracterizado, e dados uns catálogos de provedores, relacionáronse nun documento os provedores cos produtos e os servizos que subministran.

-CA4.4. Explicáronse as características dos medios e dos equipamentos de carga e transporte dos materiais e os consumibles utilizados máis adoito en reprografía, en relación coas súas aplicacións.

-CA4.5. Clasificáronse segundo a súa natureza e o seu xeito de aplicación os materiais máis comunmente utilizados en reprografía: soportes de reprodución (papel, acetato, plástico, CD, DVD, etc.), consumibles de reprodución (tóner e tintas), consumibles de acabamento ou de encadernamento (grampas, pechamentos, aros, parafusos, espirais, plastificantes, adhesivos e colas).

-CA4.6. Nunha simulación, clasificáronse, trasladáronse e almacenáronse materiais e consumibles segundo a súa función, o seu tamaño e as súas necesidades físicas de almacenaxe, consonte as normas de seguridade, saúde e protección ambiental.

* RA5. Realizar operacións de empaquetado e embalaxe utilizando os materiais e os útiles máis acaídos, segundo as necesidades do produto e o xeito de entrega.

-CA5.1. Relacionáronse coas súas características e coa súa funcionalidade os principais materiais de empaquetado e de embalaxe (papel kraft, celulósico e plastificado; tubos de cartón e de plástico; plásticos lisos e de burbullas, elementos de recheo, cinta adhesiva e cinta de precinto).

-CA5.2. Clasificáronse os principais materiais de empaquetado e embalaxe en función das súas características físicas (gramaxe, tamaño, opacidade, impermeabilidade, e resistencia ao impacto e ao esgazamento).

-CA5.3. Recoñecéronse as aplicacións e os útiles máis comunmente utilizados no empaquetado e na embalaxe, e clasificáronse segundo a súa estrutura, a súa funcionalidade e as súas aplicacións (portarrolos de sobremesa e verticais, dispensador de cinta adhesiva, dosificador, papel engomado, pistola dosificadora de precinto e envolvedores manuais ou mecánicos).

-CA5.4. Nun suposto práctico de operacións de empaquetado ou embalaxe, debidamente caracterizado:

-Valoráronse as necesidades de protección do contido atendendo á súa forma de entrega: en mostrador, por repartición ou mediante axencia.

-Seleccionouse o material de embalaxe máis adecuado ás necesidades do produto.

-Realizouse a embalaxe ou a empaquetaxe utilizando os útiles máis axeitados, en condicións de seguridade.

-Cubríronse os documentos necesarios para a súa identificación e a súa entrega.

* RA6. Segue os protocolos básicos habituais para se comunicar de xeito efectivo coa clientela.

-CA6.1. Identificáronse os pasos do protocolo establecido por unha empresa tipo.

-CA6.2. Recoñecéronse as técnicas de comunicación habituais con clientes, que faciliten a recepción, a realización, o despacho e o cobramento do pedido.

-CA6.3 Comunicouse activamente e eficazmente co resto do persoal nunha situación simulada de atención a clientes.

-CA6.4. Resolvéronse situacións de dificultade comunicativa practicando as situacións que máis comunmente se poidan presentar.

-CA6.5. Nunha simulación de comunicación con clientes de reprografía:

-Utilizáronse as técnicas adecuadas que permitan a comunicación coa clientela, e interpretáronse as súas necesidades.

-Satisfixéronse as súas necesidades mediante as respostas oportunas.

1.2. Contidos básicos.

Recepción, valoración e despacho de pedidos en reprografía:

-Medios de xestión: correo electrónico, ftp, web, fax, teléfono, etc.

-Especificacións dos pedidos: cliente, tipo de traballo, cantidade, cores, formato, etc.

-Normativa de dereitos de autoría e reprodución vinculada á reprografía.

-Orzamentos segundo tarifas.

-Documentos mercantís: características e formalización de documentos de entrega, cobramento, expedición, etc.

Almacenaxe de soportes e consumibles:

-Recepción de materiais.

-Condicións de almacenaxe de papeis e outros soportes, de consumibles e doutros materiais.

-Mantemento de existencias de soportes e consumibles.

Empaquetado e embalaxe do produto:

-Materiais de empaquetado e de embalaxe.

-Técnicas de empaquetado.

-Útiles e equipamentos de embalaxe funcional.

Protocolos básicos de comunicación en empresas de reprografía:

-Técnicas de comunicación habituais coa clientela.

-Protocolos de comunicación.

-Comunicación activa.

-Aptitudes do comunicador efectivo: asertividade, persuasión, empatía, intelixencia emocional, etc.

Normas de seguridade, saúde e protección ambiental nas operacións de recepción e despacho en reprografía:

-Riscos específicos e factores implicados.

-Medidas preventivas.

-Sistemas de seguridade dos equipamentos.

-Elementos de protección individual.

1.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de recibir e despachar encargas de reprografía.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Recibimento e interpretación da encarga para formalizar a orde de traballo.

-Recibimento e almacenaxe dos soportes e dos consumibles de reprografía.

-Realización das operacións de despacho con clientes.

2. Módulo específico: reprodución en equipamentos de reprografía.

-Código: ME0093.

-Duración: 163 horas.

2.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Valora a viabilidade técnica de encargas de reprografía de distinta natureza.

-CA1.1. Identificáronse os materiais (orixinais, tipos de soporte, formatos, elementos visualizantes, etc.) polas súas características e a súa funcionalidade, e relacionáronse cos equipamentos máis adecuados para a súa reprodución.

-CA1.2. Recoñecéronse os sistemas de alimentación, paso e saída dos equipamentos, pola súa función, o seu formato e as súas posibles aplicacións (informáticas, de reprodución, de impresión e de acabamentos).

-CA1.3. Nun suposto práctico, debidamente caracterizado, e cunha orde de traballo dada:

-Relacionáronse os produtos para obter co soporte e o equipamento de reprodución.

-Elixíronse os soportes coas características adecuadas (tamaño, gramaxe, textura e cor) e os equipamentos óptimos para a reprodución do orixinal.

-Adaptáronse os orixinais e os ficheiros dixitais ao medio de reprodución.

* RA2. Interpreta a información da consola dos equipamentos de reprografía e do software de impresión e gravación en relación coas necesidades de reprodución dos orixinais.

-CA2.1. Describiuse a iconografía máis característica das consolas dos equipamentos de reprografía e do software de impresión.

-CA2.2. Relacionouse a iconografía dos parámetros modificables nos equipamentos coas funcións asociadas e a súa influencia na reprodución.

-CA2.3. A partir dun caso práctico, debidamente caracterizado, seleccionáronse os parámetros adecuados na consola do equipamento segundo as necesidades da reprodución presentadas.

-CA2.4. A partir dun caso práctico, debidamente caracterizado, seleccionáronse os parámetros adecuados no software de impresión segundo as necesidades da reprodución presentadas.

* RA3. Realiza a reprodución de traballos reprográficos axustando os parámetros necesarios e aplicando criterios de calidade segundo unha orde de traballo, un orixinal ou unha mostra autorizada.

-CA3.1. Relacionáronse as máquinas de reprodución utilizadas en reprografía co tipo de orixinais que reproducen, co sistema de reprodución e coas operacións auxiliares que poidan realizar.

-CA3.2. A partir dun suposto, realizáronse operacións de carga ou substitución dos consumibles utilizados nos equipamentos de reprografía, consonte as normas de seguridade, saúde e protección ambiental.

-CA3.3. A partir dun caso práctico, debidamente caracterizado, cunha orde de traballo:

-Realizouse unha proba de reprodución que permita contrastar o contido e a calidade de reprodución en relación ás indicacións dadas.

-Reaxustáronse os parámetros en función dos resultados obtidos.

-CA3.4. Nun caso práctico e a partir dun traballo de reprodución dado, diferenciáronse necesidades de control do proceso segundo o tipo de reprodución (bmn, cor, liña e trama), o formato de impresión, o volume da tiraxe e o tipo de soporte.

-CA3.5. En varios casos prácticos, debidamente caracterizados, con ordes de traballo e partindo de orixinais en papel e en soporte dixital:

-Axustáronse os parámetros de reprodución (tamaño, gramaxe, acabamento, bmn, cor, liña, trama, etc.).

-Realizáronse as operacións de posta a punto do aparello de alimentación e de saída da máquina de reprografía, asegurando a continuidade durante a tiraxe, e determinouse a velocidade adecuada ao soporte e ao orixinal para reproducir.

-Efectuouse a reprodución con comprobacións periódicas para asegurar a súa continuidade e a súa calidade.

-CA3.6. En varios casos prácticos, debidamente caracterizados, con instrucións de traballo e a partir duns ficheiros dixitais en diferentes soportes:

-Comprobouse a integridade, a seguridade e o formato dos ficheiros dixitais.

-Verificouse que o tamaño dos ficheiros permita a gravación no soporte dixital establecido.

-Preparáronse os soportes que se ían gravar e o software necesario, segundo as instrucións recibidas.

-Realizouse a gravación dos ficheiros no soporte dixital establecido, e verificouse o seu correcto funcionamento.

-Realizáronse as copias necesarias e identificáronse os soportes gravados segundo as instrucións recibidas.

* RA4. Realiza o mantemento de primeiro nivel dos equipamentos propios de reprografía segundo os manuais técnicos dos equipamentos e uns plans de procedemento dados.

-CA4.1. Identificáronse as operacións de mantemento e as partes dos equipamentos para manter, a partir dos manuais técnicos dos equipamentos.

-CA4.2. Recoñecéronse as operacións de limpeza e mantemento en equipamentos de reprografía determinadas en fábrica nuns manuais de uso dados.

-CA4.3. Nun suposto práctico, debidamente caracterizado, para realizar tarefas de mantemento de equipamentos:

-Realizouse a limpeza dos elementos ópticos e das consolas de manobra.

-Realizouse a limpeza dos elementos mecánicos eliminando os residuos das zonas indicadas nos manuais dos equipamentos.

-Clasificáronse e depositáronse todos os residuos (papel, plásticos, cartuchos de tóner, envases de tintas, metais e vidros) nos lugares destinados para tal efecto.

* RA5. Recoñece a normativa ambiental, de seguridade e de saúde aplicable ás operacións propias de reprografía.

-CA5.1. Describíronse as normas de seguridade nas operacións de posta en marcha, manexo e mantemento de equipamentos de reprodución de reprografía.

-CA5.2. Identificáronse os riscos máis comúns no contorno de traballo cos equipamentos de reprodución en empresas de reprografía, e describíronse as medidas preventivas para evitar accidentes.

-CA5.3. Recoñecéronse os procedementos para a xestión dos residuos xerados durante as operacións de reprodución en empresas de reprografía.

2.2. Contidos mínimos.

Características dos orixinais para a súa reprodución:

-Tipos de orixinais: opacos, transparentes, ópticos e informáticos.

-Viabilidade de reprodución: relación cos equipamentos e calidade requirida.

-Compatibilidade dos orixinais dixitais.

Soportes e consumibles na reprodución:

-Soportes físicos e dixitais.

-Consumibles para equipamentos de reprografía.

-Relación cos equipamentos de reprografía.

Equipamentos de reprografía:

-Elementos dos equipamentos: alimentación, paso e saída.

-Consolas. Aplicacións informáticas.

-Instrucións técnicas dos equipamentos.

-Posta en marcha.

-Mantemento de primeiro nivel.

Produción en reprografía:

-Calidade na reprodución.

-Parámetros modificables. Influencia na reprodución.

-Probas de reprodución.

-Axustes durante a reprodución.

Normas de seguridade, saúde laboral e protección ambiental aplicables á preparación de materiais e equipamentos en reprografía:

-Normas de seguridade nas operacións de posta en marcha, manexo e mantemento.

-Riscos específicos e factores implicados.

-Procedementos da xestión de residuos nas operacións de reprografía.

2.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de preparar os materiais e os equipamentos, e realizar a reprodución.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Comprobación dos orixinais para a realización da reprodución.

-Selección, disposición e control dos medios, os soportes, os consumibles e outros produtos auxiliares.

-Obtención da reprodución dos orixinais.

-Realización do mantemento de primeiro nivel dos equipamentos de reprografía.

-Seguimento das normas de seguridade, saúde e protección ambiental.

3. Módulo específico: operacións de acabamento.

-Código: ME0094.

-Duración: 140 horas.

3.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Relaciona os principais materiais e equipamentos utilizados para o encadernamento funcional e os acabamentos propios de reprografía segundo as súas características e a súa funcionalidade.

-CA1.1. Identificáronse pola súa estrutura e a súa funcionalidade as máquinas, as ferramentas e os útiles utilizados máis adoito nas operacións de encadernamento funcional de reprografía.

-CA1.2. Identificáronse pola súa estrutura e a súa funcionalidade as máquinas, as ferramentas e os útiles máis comunmente utilizados nas operacións de acabamento propios de reprografía.

-CA1.3. Identificáronse os materiais máis comunmente empregados para as tapas, e especificouse a súa función e a súa utilidade.

-CA1.4. Identificáronse os elementos físicos de pechamento e enlombamento (encadernadores, parafusos, aros, etc.) en relación coas súas formas, os seus tipos e as súas calidades.

-CA1.5. Describíronse os materiais empregados máis adoito no acabamento e na manipulación de produtos de reprografía (papel, cartón, plástico, grampas, pechamentos, lombos, etc.).

-CA1.6. Describíronse os manexadores máis característicos dos equipamentos de encadernamento funcional e acabamentos propios de reprografía.

-CA1.7. Nun suposto práctico, debidamente caracterizado, e cunha orde de traballo dada:

-Relacionouse o produto para obter cos materiais e o tipo de acabamento.

-Elixíronse os materiais axeitados atendendo ao seu tamaño, á súa gramaxe, á súa textura, á súa cor, etc., así como os equipamentos acaídos para o acabamento do produto.

* RA2. Realiza operacións de encadernamento mecánico ou funcional propias da reprografía utilizando os materiais e os medios máis apropiados en cada caso.

-CA2.1. Describíronse os tipos de encadernamento mecánico ou funcional máis comúns utilizados en reprografía.

-CA2.2. Relacionáronse os tipos de encadernamento (con aros, con parafusos, con presillas, de espiral, por sistema Wiro, con lombo, etc.) coas máquinas e os útiles necesarios para a súa realización.

-CA2.3. A partir de supostos prácticos, debidamente caracterizados, para encadernamento mecánico ou funcional:

-Seleccionouse o tipo de encadernamento máis acaído para cada caso (espiral, sistema Wiro, aros, fastener, etc.).

-Seleccionáronse e preparáronse os materiais e os equipamentos para cada tipo de encadernamento, segundo as instrucións recibidas.

-Realizouse o encadernamento e comprobouse a calidade do produto rematado.

-Comprobouse a existencia e o correcto funcionamento das medidas de seguridade propias das máquinas (botóns de parada, carcasas, inmobilizadores, células fotoeléctricas, etc.).

-CA2.4. A partir de supostos prácticos de encadernamento propios de reprografía, manobrouse coas máquinas máis comúns (alzadoras, grampadoras, trades, etc.).

* RA3. Realiza operacións de acabamento propias de reprografía, cos materiais e os medios máis acaídos en cada caso.

-CA3.1. Describíronse os tipos de acabamento utilizados habitualmente en reprografía.

-CA3.2. Relacionáronse os tipos de acabamento (pregamento, fendedura, perforación, tradeado, autoplastificado, etc.) coas máquinas e os útiles necesarios para a súa realización.

-CA3.3. A partir de supostos prácticos, debidamente caracterizados, de corte de diversos produtos:

-Reduciuse o número de cortes necesarios mediante a súa planificación.

-Axustáronse os elementos da guillotina e comprobouse o funcionamento dos sistemas de seguridade.

-Realizáronse os cortes e comprobouse o resultado.

-CA3.4. Realizar operacións de desmontaxe e montaxe dos elementos variables que actúan sobre o soporte para tratar nas máquinas de acabamento dadas (peites de fendedura, etc.).

-CA3.5. A partir de supostos prácticos, debidamente caracterizados, de acabamentos e manipulacións, realizar operacións de pregamento, fendedura, perforación, tradeado, autoplastificado, etc., con garantía de que os resultados se correspondan coas instrucións establecidas.

-CA3.6. A partir de supostos prácticos de acabamentos propios de reprografía, manobrar coas máquinas máis comúns (alzadoras, fendedoras, laminadoras, pregadoras de planos, etc.).

* RA4. Identifica os riscos no uso das máquinas que interveñen nos procesos de acabamento.

-CA4.1. Identificáronse os riscos e o nivel de perigo que supón a manipulación dos materiais, os produtos, as ferramentas e os equipamentos empregados nos procesos de acabamentos.

-CA4.2. Describíronse os elementos de seguridade de cada máquina, así como os medios de protección e de indumentaria que se deben empregar en cada operación.

-CA4.3. Identificáronse os manexadores e os botóns que actúan como elementos de seguridade das máquinas que permitan o seu uso seguro.

-CA4.4. Recoñecéronse situacións de risco no uso de máquinas e ferramentas no proceso de acabamento en reprografía.

-CA4.5. Describíronse as condicións de seguridade requiridas nas operacións de preparación, uso e mantemento das máquinas e os equipamentos de acabamento.

-CA4.6. Identificáronse as medidas de seguridade e precaución que cómpre adoptar en función das normas e as instrucións específicas aplicables ás operacións.

3.2. Contidos mínimos.

Materiais e útiles de encadernamento e acabamentos de reprografía:

-Materiais: papel, cartón, plásticos, grampas, parafusos, aros, etc.

-Útiles e ferramentas.

-Formatado dos materiais.

-Normas de seguridade.

Encadernamento mecánico ou funcional en reprografía:

-Tipos de encadernamento mecánico ou funcional: características.

-Aplicacións.

-Equipamentos de encadernamento mecánico ou funcional.

-Axuste de equipamentos: instrucións técnicas.

-Mantemento de primeiro nivel.

Manipulacións e acabamentos propios de reprografía:

-Tipos de acabamentos: instrucións, esbozos e modelos.

-Equipamentos de pregado de planos, autoplastificado, etc.

-Equipamentos e dispositivos de corte: cisallas e guillotinas.

-Proceso de manipulación: defectos e correccións. Calidade no proceso.

Normativa de seguridade, saúde e protección ambiental aplicada aos acabamentos reprográficos:

-Procedementos de traballo seguro no acabamento de reprografía.

-Equipamentos de protección individual.

-Dispositivos de seguridade das máquinas: botóns de parada, carcasas, etc.

3.3. Orientacións pedagóxicas.

Este módulo específico contén a formación necesaria para desempeñar a función de realizar as operacións de acabamento en reprografía.

A definición desta función e as liñas de actuación no proceso de ensino e aprendizaxe que permiten alcanzar os obxectivos do módulo versarán sobre:

-Selección e preparación dos materiais necesarios para o acabamento do produto.

-Realización de cortes nos materiais reprográficos.

-Realización de operacións de encadernación funcional e outros acabamentos propios de reprografía.

4. Módulo específico: formación en centros de traballo.

-Código: ME0095.

-Duración: 160 horas.

4.1. Resultados de aprendizaxe e criterios de avaliación.

* RA1. Recoñece a estrutura xerárquica da empresa, e identifica as funcións asignadas a cada nivel e a súa relación co desenvolvemento da actividade.

-CA1.1. Identificouse a estrutura organizativa da empresa e as funcións de cada área.

-CA1.2. Identificáronse os procedementos de traballo no desenvolvemento do proceso produtivo.

-CA1.3. Relacionáronse as competencias dos recursos humanos co desenvolvemento da actividade produtiva.

-CA1.4. Identificouse a importancia de cada elemento da rede no desenvolvemento da actividade da empresa.

-CA1.5. Relacionáronse as vantaxes e os inconvenientes da estrutura da empresa fronte a outro tipo de organizacións empresariais.

-CA1.6. Analizouse o tecido empresarial do sector en función da prestación que ofrece.

-CA1.7. Recoñecéronse as empresas tipo, e indicouse a estrutura organizativa e as funcións de cada departamento.

* RA2. Aplica hábitos éticos e laborais no desenvolvemento da súa actividade profesional consonte as características da tarefa asignada e segundo os procedementos establecidos da empresa.

-CA2.1. Recoñeceuse e xustificouse:

-Disposición persoal e temporal que necesita o posto de traballo.

-Actitudes persoais (puntualidade, empatía, etc.) e profesionais (orde, limpeza e seguridade necesarias para o posto de traballo, responsabilidade, etc.).

-Requisitos actitudinais ante a prevención de riscos na actividade profesional e as medidas de protección persoal.

-Requisitos actitudinais referidos á calidade na actividade profesional.

-Actitudes relacionadas co propio equipo de traballo e coa estrutura xerárquica establecida na empresa.

-CA2.2. Identificáronse as normas de prevención de riscos laborais que cumpra aplicar na actividade profesional e os aspectos fundamentais da Lei de prevención de riscos laborais.

-CA2.3. Aplicáronse os equipamentos de protección individual segundo os riscos da actividade profesional e as normas da empresa.

-CA2.4. Mantívose unha actitude clara de respecto polo medio nas actividades desenvolvidas e aplicáronse as normas internas e externas vinculadas.

-CA2.5. Mantivéronse organizados, limpos e libres de obstáculos o posto de traballo e a área correspondente ao desenvolvemento da actividade.

-CA2.6. Interpretáronse e cumpríronse as instrucións recibidas, e responsabilizouse do traballo asignado.

-CA2.7. Estableceuse unha comunicación e unha relación eficaces coa persoa responsable en cada situación e cos membros do seu equipo, e mantívose un trato fluído e correcto.

-CA2.8. Valorouse a importancia da súa actividade e a adaptación aos cambios de tarefas asignados no desenvolvemento dos procesos produtivos da empresa, integrándose nas novas funcións.

-CA2.9. Comprometeuse responsablemente na aplicación das normas e os procedementos no desenvolvemento de calquera actividade ou tarefa.

* RA3. Recibe e despacha encargas de reprografía, seguindo os procesos establecidos na empresa.

-CA3.1. Recibíronse e almacenáronse os soportes e os consumibles de reprografía, comprobouse a correspondencia co albará ou coa nota de entrega, e informouse a persoa responsable das posibles incidencias ocorridas.

-CA3.2. Recibíronse os pedidos atendendo persoalmente a clientela, empregando os medios habilitados (correo electrónico, teléfono, fax, etc.).

-CA3.3. Cubriuse a orde de traballo interpretando as especificacións do pedido.

-CA3.4. Valorouse a posibilidade legal de reprodución en reprografía das encargas recibidas.

-CA3.5. Empaquetouse o produto acabado empregando os medios de protección axeitados (papel burbulla, papel kraft, cantoneiras, etc.) segundo as indicacións da orde de traballo.

-CA3.6. Cubríronse na orde de traballo os datos relativos á valoración, á data de entrega, á conformidade, etc.

-CA3.7. Aplicáronse as técnicas de comunicación e resolvéronse as incidencias e as queixas formuladas pola clientela segundo as pautas marcadas pola empresa.

* RA4. Prepara os materiais e os equipamentos, e realiza a reprodución, seguindo indicacións e atendendo ás normas de seguridade establecidas.

-CA4.1. Comprobáronse os orixinais para realizar a reprodución cos criterios de calidade establecidos.

-CA4.2. Seleccionáronse, dispuxéronse e controláronse os medios, os soportes, os consumibles e outros produtos auxiliares para poder efectuar a reprodución.

-CA4.3. Axustáronse os parámetros de reprodución dos equipamentos para a realización do traballo.

-CA4.4. Realizáronse supervisións periódicas durante o proceso de reprodución.

-CA4.5. Obtívose a reprodución dos orixinais realizando as probas necesarias para garantir a calidade.

-CA4.6. Realizouse o mantemento de primeiro nivel dos equipamentos de reprografía para garantir o seu correcto funcionamento.

-CA4.7. Actuouse segundo as normas de seguridade, saúde e protección ambiental aplicables no posto de traballo.

* RA5. Realiza operacións de acabamento en reprografía seguindo as especificacións indicadas.

-CA5.1. Seleccionáronse e preparáronse os materiais necesarios para o acabamento: espiral, portadas, aros, cartafoles, etc.

-CA5.2. Realizáronse cortes nos materiais reprográficos empregando guillotinas e cisallas, garantindo a calidade e con aplicación das normas de seguridade especificadas.

-CA5.3. Realizouse a encadernación e o acabamento do produto en aros, espiral, etc.

-CA5.4. Realizáronse diferentes acabamentos propios da reprografía tales como autoplastificado, pregamento de planos, grampaxes, etc., empregando os equipamentos precisos.

-CA5.5. Depositáronse os refugallos producidos nas zonas establecidas atendendo ao plan de protección ambiental.

Ver referencia pdf "19900D001P008.PDF"

Ver referencia pdf "19900D002P018.PDF"