DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 13 de outubro de 2008 Páx. 18.705

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de setembro de 2008 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ao abeiro das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos atribúe á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a organización e xestión das ensinanzas profesionais náutico e marítimo-pesqueiras.

O Real decreto 662/1997, do 12 de maio, que establece os requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente, modifica substancialmente o cadro de titulacións habilitante para o exercicio da actividade profesional pesqueira derrogando os títulos de patrón de pesca local, mecánico de litoral e patrón de 2ª clase de pesca litoral.

O Real decreto 1548/2004, do 25 de xuño, modifica o Real decreto 662/1997, no referente ás atribucións e programa formativo do título de patrón costeiro polivalente.

O Real decreto 1519/2007, do 16 de novembro, establece os coñecementos e requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de mariñeiro en buques de pesca.

Os cambios normativos realizados polo Estado ao amparo do artigo 149.1.19ª da Constitución e do artigo 42 da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima, motivados polos avances tecnolóxicos experimentados e as recomendacións emanadas de organismos e organizacións marítimas internacionais sobre o nivel mínimo de formación no sector pesqueiro, aconsellan acometer unha reforma da normativa autonómica para establecer unhas novas bases e regular o procedemento de obtención das titulacións de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente, coa fin de adaptala á nova normativa estatal e obter unha mellor cualificación profesional.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, facendo uso das competencias que lle confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é o de establecer as bases e regular o procedemento para a obtención das titulacións profesionais náutico-pesqueiras de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Fins.

A autorización, organización, seguimento, control, e avaliación dos cursos e actividades formativas reguladas nesta orde correspóndenlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, sen prexuízo do establecido no artigo 32 e seguintes do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, no relativo aos cursos para a obtención dos certificados de profesionalidade, solicitados e organizados por entidades públicas ou privadas debidamente recoñecidas e autorizadas por esta consellería.

Artigo 3º.-Titulacións e contidos formativos.

1. Mariñeiro pescador: para a obtención desta titulación os alumnos/as deberán superar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teórico-prácticos establecidos no anexo III desta orde.

A duración do curso non será inferior a 50 horas lectivas, das cales 35 serán de coñecementos teóricos e 15 de contidos prácticos.

2. Patrón local de pesca: para a obtención desta titulación os alumnos/as deberán superar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teórico-prácticos establecidos no anexo IV desta orde.

A duración do curso non será inferior a 250 horas lectivas, das cales 130 serán para a sección de ponte e común e 120 para a sección de máquinas.

3. Patrón costeiro polivalente: para a obtención desta titulación os alumnos/as deberán superar satisfactoriamente un curso de formación sobre os coñecementos teóricos e prácticos establecidos no anexo V desta orde.

A duración do curso será de 800 horas para os que accedan sen a titulación previa de patrón local de pesca, das cales 450 serán para a sección de ponte e común e 350 para a sección de máquinas.

Para os alumnos que accedan coa titulación de patrón local de pesca, a duración do curso será de 500 horas lectivas, das cales 300 serán para a sección de ponte e común e 200 para a sección de máquinas.

Artigo 4º.-Condicións de acceso aos cursos.

1. Para o acceso ao curso de mariñeiro pescador, o alumno/a deberá reunir os seguintes requisitos:

-Ter cumpridos os dezaseis anos de idade.

-Superar unha proba de natación.

-Presentar o certificado de estudos primarios ou equivalente.

2. Para o acceso ao curso de patrón local de pesca, o alumno deberá reunir os seguintes requisitos:

-Ter cumpridos os dezasete anos de idade.

-Estar en posesión do título de mariñeiro pescador.

3. Para o acceso ao curso de patrón costeiro polivalente, o alumno deberá reunir os seguintes requisitos:

-Ter cumpridos os dezasete anos de idade.

-Estar en posesión do título de mariñeiro pescador.

-Estar en posesión do graduado escolar ou equivalente, ou ben, estar en posesión da tarxeta profesional de patrón local de pesca. (Este requisito será tamén de aplicación para os cursos realizados nos centros oficiais de ensino pesqueiro e no centro autorizado Escola de Formación Profesional marítimo-pesqueira de Bueu).

Artigo 5º.-Organización dos cursos.

Solicitudes.-Os interesados/as poderán solicitar os cursos e demais actividades formativas, directamente nos centros oficiais de ensino pesqueiro ou a través das entidades colaboradoras en materia de formación que estean autorizadas e recoñecidas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, no modelo de solicitude normalizada que figura como anexo I desta orde.

Autorización.-A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro autorizará, se é caso, a realización do curso solicitado mediante resolución expresa e comunicada do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras á entidade colaboradora ou centro oficial de ensino.

Organización.-Unha vez concedido o curso, a entidade colaboradora porá ao servizo da dirección xeral as instalacións e os medios materiais que poida precisar o desenvolvemento do curso, así mesmo, encargarase da difusión, información, inscrición e recollida da documentación que se precisa para a asistencia ao curso. A organización dos cursos nos centros oficiais de ensino seguirán o mesmo procedemento que o resto das demais actividades formativas.

Artigo 6º.-Documentación necesaria para a matrícula.

-Solicitude cuberta segundo o modelo do anexo II.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-2 fotografías tamaño carné co nome ao dorso.

-Certificado de estudos, se fose o caso.

-Fotocopia do certificado médico ou da folla da libreta marítima onde figure o recoñecemento médico.

-Fotocopia cotexada do título profesional, se fose o caso, ou da folla da libreta marítima onde se acredite estar en posesión de dito título.

Artigo 7º.-Comezo do curso.

A data de comezo de curso será concertada entre a entidade colaboradora ou centro oficial de ensino e a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez que conste no poder destes a documentación preceptiva para a realización da matrícula.

Artigo 8º.-Formación de grupos.

O número mínimo de alumnos para autorizar un curso será de 15 e, o número máximo estará en función da natureza do curso e das capacidades da aula e talleres cos que conte o centro formativo.

Artigo 9º.-Gratuidade do ensino.

A matrícula, o material e a impartición das ensinanzas do curso será gratuíta para todos os participantes. Non se admitirá o cobramento por parte da entidade colaboradora de cantidade ningunha pola impartición do curso.

Artigo 10º.-Asistencia aos cursos.

A asistencia aos cursos por parte dos alumnos/as matriculados será obrigatoria. O incumprimento desta obriga será motivo de baixa no curso e o cese na actividade formativa sempre que superaran nun 10% a cuota de faltas ás horas lectivas do curso.

Artigo 11º.-Prácticas sometidas a autorización previa.

As prácticas que impliquen o embarque e a navegación a bordo dun buque, así como aqueloutras nas que se empreguen medios de seguranza que puidesen causar falsas alarmas, deberán contar coa autorización previa da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e da Capitanía Marítima correspondente.

Artigo 12º.-Inspección dos cursos.

Co fin de garantir o nivel de calidade necesario no desenvolvemento dos cursos, o órgano competente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos establecerá un sistema de seguimento e inspección das diversas actividades formativas. Para tal fin os cursos poderán ser inspeccionados e supervisados por persoal funcionario do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras. O informe de cada inspección realizada incorporarase ao expediente do curso.

Artigo 13º.-O profesorado.

1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, fixará as condicións de titulación e de experiencia profesional e docente para a habilitación como profesores/as especializados na impartición dos cursos regulados nesta orde. Para a impartición das titulacións reguladas nesta orde, os centros oficiais de ensino poderán solicitar un reforzo educativo por parte do profesorado contratado para tal fin.

2. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, a través do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras, programará e desenvolverá os cursos de formación e reciclaxe que o profesorado precise no exercicio da súa función docente e cualificación profesional.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro establecerá un sistema de control e seguimento da calidade formativa mediante inspeccións e diversos soportes documentais, nos que se recadará información de profesores/as e alumnos/as e que se incorporarán ao expediente do curso.

Artigo 14º.-Exames.

1. Para a obtención do certificado de aptitude, necesario para tramitar a tarxeta profesional de cada unha das titulacións reguladas nesta orde, será preciso superar o exame correspondente perante un tribunal.

2. Só se poderán presentar ao exame final os/as alumnos/as que asistiron con regularidade as clases e non superaron nun 10% a cuota de faltas da carga lectiva.

3. Aqueles alumnos que durante o ano suspenderon algunha das seccións, disporán dunha nova convocatoria de exame, logo de autorización do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico-Pesqueiras.

Artigo 15º.-Tribunais.

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do director do centro oficial de ensinanzas náutico-pesqueiras correspondente, determinará o lugar, a hora e a data do exame e nomeará o tribunal correspondente.

2. A composición dos tribunais para cada unha das titulacións recollidas nesta orde é a que se recolle na Orde do 28 de novembro de 2007, que regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas e a derrrogación de determinados preceptos das ordes do 30 de xullo e 8 de setembro de 1998.

Artigo 16º.-Criterios de valoración.

1. O tribunal valorará os coñecementos teórico-prácticos que o aspirante acredite no exame, de acordo cos programas formativos que figuran como anexo desta orde.

2. O tribunal terá en conta, como criterio de cualificación, a valoración que o profesor/a do curso faga do aproveitamento individual de cada alumno/a ao longo deste.

3. Nos exames de patrón local de pesca valorarase o coñecemento práctico da área de pesca que lle corresponda, polo que os exercicios de navegación faranse sobre unha carta da zona.

Artigo 17º.-Certificados e actas de exame.

O tribunal cualificador emitirá as actas de exame e expedirá os correspondentes certificados de aptitude que serán enviados á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Os certificados dos alumnos/as que superaron o exame seranlles entregados aos interesados/as a través da entidade ou organización que solicitou o curso.

Artigo 18º.-Solicitude de emisión e renovación de tarxetas profesionais.

1. Co fin de garantir por parte desta comunidade autónoma a calidade formativa dos nosos titulados e que os certificados de exame emitidos responden á legalidade vixente, os profesionais náutico-pesqueiros que non realizaron os exames na Comunidade Autónoma de Galicia ou en entidades públicas ou privadas autorizadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, deberán solicitar o título e tarxeta profesional na comunidade autónoma onde realizaron o exame.

2. Non se procederá á renovación das tarxetas profesionais náutico-pesqueiras que non foron expedidas pola Comunidade Autónoma de Galicia por carecer dos datos oficiais precisos.

Disposición adicional

Única.-Co fin de simplificar os trámites para o embarque, autorízase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a convocatoria e realización dunha proba libre de coñecementos para todos os profesionais que acrediten: permiso de residencia, contrato ou proposta firme de traballo e xustificación documentada de estar en posesión dunha ou máis a titulacións para o embarque.

Disposición transitoria

Única.-Os profesionais coa titulación ou certificado de exame de competencia de mariñeiro, obtido ao abeiro da normativa anterior, disporán ata o día cinco de xuño de dous mil dez para realizar a validación do seu título ou certificado polo de mariñeiro pescador.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada a Orde do 8 de setembro de 1998, pola que se regula o procedemento para a obtención dos títulos de competencia de mariñeiro, mariñeiro cociñeiro, radiotelefonista naval restrinxido, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Queda derrogada a Orde do 10 de xuño de 2004, pola que se valida o itinerario formativo de determinados cursos de especialidade marítima impartidos pola Armada, polos contidos formativos para a obtención de determinados títulos profesionais náutico-pesqueiros regulados nos reais decretos 662/1997, do 12 de maio e 930/1998, do 14 de maio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO III

Mariñeiro pescador

Currículo xeral:

1. Identificación e duración do título.

1.1. Denominación: mariñeiro pescador.

1.2. Familia profesional: náutico-pesqueira.

1.3. Duración: 50 horas.

2. Competencia xeral do título.

2.1. Exercer de tripulante subalterno en buques de pesca e auxiliares de acuicultura.

2.2. Manexar con fins comerciais embarcacións de menos de 10 metros de eslora dedicadas á pesca ou auxiliares de acuicultura (seis meses de embarque).

3. Módulos formativos sobre coñecementos teórico-prácticos.

3.1. Módulo formativo 1º. A embarcación de pesca.

3.1.1. Concepto, coñecemento e denominación dos diferentes elementos e equipos do buque.-Definición de buque, dimensións principais e lixeira descrición da súa estrutura. Cubertas e adegas. Obra viva e obra morta. Calados, elementos fixos e móbiles. Cabos: enxancia firme e de labor. Áncoras, rezóns, cadeas e cables. Operacións con cabos e arames: nós, gazas, axustes e costuras.

3.1.2. Goberno do buque, servizos de vixía e garda.-Utilización de compases magnéticos e xirocompás. Ordes ao timoneiro. Deberes de vixía.

3.1.3. Operacións de carga e descarga.-Movemento de pesos a bordo. Embarque, desembarque e estiba de peixe, utensilios e provisións.

3.1.4. Manobras do buque en porto.-Manexo de guigres e maquiniñas. Dar e largar amarras. Abozar cabos e estachas. Encapelar e desencapelar cabos e estachas en norays e bitas. Manobras básicas de atracada, desatracado, fondadura e remolque. Expresións comúns empregadas durante as manobras.

3.1.5. Operacións de mantemento a bordo.-Mantemento do buque: rascadura e pintado de superestruturas e equipamentos de cuberta. Mantemento de motores e baterías.

3.2. Módulo formativo 2º. O Regulamento internacional para previr as abordaxes no mar.

3.2.1. Nocións fundamentais sobre regras de rumbo e goberno máis importantes.

3.2.2. Conduta dos buques que se atopen á vista un do outro.

3.2.3. Nocións sobre luces e marcas máis importantes.

3.2.4. Sinais acústicos e luminosos máis importantes.

3.2.5. Nocións básicas sobre o sistema de balizamento marítimo.

3.3. Módulo formativo 3º. A práctica dunha pesca responsable.

3.3.1. Seguranza e saúde nas faenas de pesca.

3.3.2. Clases de buques pesqueiros.

3.3.3. Identificación das artes e aparellos de pesca empregados na pesca artesanal.

3.3.4. Nocións sobre montaxe, reparación e manipulación de artes e aparellos.

3.3.5. Manexo de equipos de pesca a bordo.

3.3.6. Protección do medio mariño e dos seus recursos.

3.3.7. Nocións sobre lexislación pesqueira.

3.4. Módulo formativo 4º. Manipulación e conservación dos produtos da pesca.

3.4.1. Introdución á manipulación dos produtos pesqueiros.

3.4.2. Descomposición e deterioración dos produtos pesqueiros.

3.4.3. Factores que afectan a calidade dos produtos pesqueiros.

3.4.4. Hixiene na manipulación de produtos da pesca.

3.4.5. Limpeza e desinfección.

3.4.6. Manipulación e conservación a bordo dos produtos pesqueiros.

3.4.7. O xeo na conservación dos produtos da pesca.

3.4.8. A calidade nos produtos pesqueiros.

3.4.9. Nocións de boas prácticas na pesca artesanal.

ANEXO IV

Patrón local de pesca

Currículo xeral:

1. Identificación e duración do título.

1.1. Denominación: patrón local de pesca.

1.2. Familia profesional: náutico-pesqueira.

1.3. Duración: 250 horas.

2. Competencia xeral do título.

2.1. O patrón local de pesca é a persoa designada polo armador do buque de pesca que ten a representación daquel e exerce o goberno e a dirección do buque, acreditando a súa titulación mediante a tarxeta de identidade profesional náutico-pesqueira conforme as condicións e atribucións establecidas no Real decreto 662/1997, do 12 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exercer a actividade profesional desta titulación profesional.

2.2. Xestionar e executar a administración do buque. Controlar e conducir a súa navegación e derrota en todas as súas condicións. Organizar e executar as actividades de extracción, elaboración e conservación da pesca baixo parámetros de calidade prefixados. Exercer a xefatura de máquinas, todo isto en condicións de seguranza e respectando o medio mariño e a normativa nacional e internacional establecida.

3. As unidades de competencia.

3.1. Unidades de competencia na sección de ponte.

3.1.1. Controlar a navegación e a derrota do buque en todas as condicións.

3.1.2. Realizar as operacións de estabilidade, trimado e manobra do buque.

3.1.3. Organizar e executar as actividades extractivas e de conservación do producto obtido.

3.2. Unidades de competencia na sección común.

3.2.1. Organizar e controlar a seguranza, a asistencia sanitaria a bordo e a preservación do medio mariño.

3.2.2. Realizar unha correcta administración do buque, unha axeitada aplicación das normas laborais e unhas prácticas de traballo seguras a bordo.

3.3. Unidades de competencia na sección de máquinas.

3.3.1. Realizar a condución e mantemento da planta propulsora do buque.

3.3.2. Supervisar e controlar o funcionamento das instalacións eléctricas, asegurando a súa operatividade e seguranza.

3.3.3. Controlar o funcionamento e o mantemento de equipos hidráulicos e sistemas auxiliares (servizos).

4. Módulos profesionais sobre coñecementos teórico-prácticos.

4.1. Sección de ponte (90 horas).

4.1.1 Módulo profesional 1º. Navegación e comunicacións (U.C. 1ª).

Unidade didáctica 1º. Navegación costeira.

Unidade didáctica 2º. Comunicacións.

Unidade didáctica 3º. Coñecementos de oceanografía e meteoroloxía da zona.

4.1.2. Módulo profesional 2º. Estabilidade, manobra do buque e regulamentos para previr abordaxes (U.C. 2ª).

Unidade didáctica 1ª. Construción naval e teoría do buque.

Unidade didáctica 2ª. Estabilidade e estiba do buque. (Nova incorporación).

Unidade didáctica 3ª. Manobra nos buques de pesca.

Unidade didáctica 4ª. Regulamentos, sinais e balizamentos.

4.1.3. Módulo profesional 3º. Pesca responsable. (U.C. 3ª).

Unidade didáctica 1ª. Bioloxía pesqueira.

Unidade didáctica 2ª. Artes e aparellos de pesca.

Unidade didáctica 3ª. Lexislación pesqueira básica autonómica, nacional e comunitaria.

Unidade didáctica 4ª. Manipulación da pesca. (Procede de sección común).

Unidade didáctica 5ª. Conservación dos recursos pesqueiros. (Proc. sección común).

4.1.4. Módulo profesional 4º. Simulación e/ou prácticas a bordo dun buque de pesca (U.C. 1ª, 2ª e 3ª).

-Unidade didáctica 1ª. Simulación en pesca e navegación.

-Unidade didáctica 2ª. Programa de prácticas a bordo de un buque de pesca.

4.2. Sección común (40 horas).

4.2.1. Módulo profesional 1º. Seguranza marítima e primeiros auxilios (U.C. 1ª).

Unidade didáctica 1ª. Seguranza marítima.

Unidade didáctica 2ª. Hixiene e primeiros auxilios.

Unidade didáctica 3ª. Preservación do medio mariño.

4.2.2. Módulo profesional 2º. A administración do buque e lexislación laboral (U.C. 2ª).

Unidade didáctica 1ª. A administración do buque

Unidade didáctica 2ª. Prácticas de traballo seguras a bordo.

Unidade didáctica 3ª. Lexislación laboral aplicable ao sector pesqueiro.

Unidade didáctica 4ª. A fatiga a bordo.

4.3. Sección de máquinas (120 horas).

4.3.1. Módulo profesional 1º. Propulsión do buque. (U.C.1ª).

Unidade didáctica 1ª. Teoría fundamental dos motores térmicos de combustión interna.

Unidade didáctica 2ª. Motores empregados nos buques, partes principais e funcionamento.

Unidade didáctica 3ª. Sistemas de alimentación de aire e escape.

Unidade didáctica 4ª. Combustión. Combustibles.

Unidade didáctica 5ª. Sistema de alimentación e inxección do combustible.

Unidade didáctica 6ª. Sistema de lubricación. Lubricantes.

Unidade didáctica 7ª. Sistema de refrixeración.

Unidade didáctica 8ª. Condución, mantemento e avarías dos motores.

4.3.2. Módulo profesional 2º. Electricidade básica. (U.C.2ª).

Unidade didáctica 1ª. Principios, circuítos e magnitudes eléctricas.

Unidade didáctica 2ª. Baterías.

Unidade didáctica 3ª. Servizos eléctricos: conservación e mantemento.

4.3.3. Módulo profesional 3º. Servizos do buque. (U.C.3ª).

Unidade didáctica 1ª. Hidráulica básica.

Unidade didáctica 2ª. Sistemas hidráulicos do buque.

4.3.4. Módulo profesional 4º. Tecnoloxía mecánica. Taller. (U.C.1ª, U.C.2ª, U.C.3ª).

Unidade didáctica 1ª. Recoñecemento e uso de ferramentas. Metroloxía.

Unidade didáctica 2ª. Desmontaxe e montaxe dun motor diésel completo.

Unidade didáctica 3ª. Cambio de aceite e filtros do motor.

Unidade didáctica 4ª. Regraxe de válvulas e comprobación da posta a punto.

Unidade didáctica 5ª. Timbrado dun inxector sobre bomba de probas.

Unidade didáctica 6ª. Preparación do motor para o arranque e para realizar unha travesía.

Unidade didáctica 7ª. Utilización do polímetro.

Unidade didáctica 8ª. Montaxe sobre un panel dun circuíto eléctrico elemental.

Unidade didáctica 9ª. Acoplamento e verificación do estado de carga de baterías.

ANEXO V

Patrón costeiro polivalente

Currículo xeral:

1. Identificación e duración do título.

1.1. Denominación: patrón costeiro polivalente.

1.2. Familia profesional: náutico-pesqueira.

1.3. Duración: 800 horas sen titulación previa de patrón local de pesca, 500 horas con tarxeta previa de patrón local de pesca.

2. Competencia xeral do título.

2.1. O patrón costeiro polivalente é a persoa designada polo armador do buque de pesca que desempeña a representación de aquel e exerce o goberno e a dirección do buque, acreditando a súa titulación mediante a tarxeta de identidade profesional náutico-pesqueira conforme as condicións e atribucións establecidas no Real decreto 662/1997, do 12 de maio, polo que se establecen os requisitos mínimos para exercer a actividade profesional desta titulación profesional e o Real decreto 1548/2004, do 25 de xuño, polo que se modifica o Real decreto 662/1997, do 12 de maio.

2.2. Xestionar e executar a administración do buque. Controlar e conducir a súa navegación e derrota en todas as súas condicións. Organizar e executar as actividades de extracción, elaboración e conservación da pesca baixo parámetros de calidade prefixados. Exercer a xefatura de máquinas, todo isto en condicións de seguranza e respectando o medio mariño e a normativa nacional e internacional establecida.

3. As unidades de competencia.

3.1. Unidades de competencia na sección de ponte.

3.1.1. Controlar a navegación e a derrota do buque en todas as condicións.

3.1.2. Realizar as operacións de estabilidade, trimado e manobra do buque.

3.1.3. Organizar e ejecutar as actividades extractivas e de conservación do produto obtido.

3.2. Unidades de competencia na sección común.

3.2.1. Organizar e controlar a seguranza, a supervivencia, a asistencia sanitaria a bordo e a preservación do medio mariño.

3.2.2. Realizar unha correcta administración do buque, unha axeitada aplicación das normas laborais e unhas prácticas de traballo seguras a bordo.

3.2.3. Comprender a información global, específica e profesional das mensaxes orais e escritas na lingua inglesa, relativas ás divesas situacións de comunicación, emitidas directamente por falantes ou por medios de comunicación.

3.3. Unidades de competencia na sección de máquinas:

3.3.1. Realizar a condución e mantemento da planta propulsora do buque.

3.3.2. Supervisar e controlar o funcionamento das instalacións eléctricas, asegurando a súa operatividade e seguranza.

3.3.3. Controlar o funcionamento e o mantemento de equipos hidráulicos e sistemas auxiliares (servizos).

4. Módulos profesionais asociados a cada unidade de competencia.

Coñecementos teórico-prácticos.

4.1. Sección de ponte e común (450 horas).

4.1.1. Módulo profesional 1º. Navegación e comunicacións (U.C. 1ª).

Unidade didáctica 1ª. Navegación costeira.

Unidade didáctica 2ª. Navegación con radar.

Unidade didáctica 3ª. Servizo de garda.

Unidade didáctica 4ª. Sistemas electrónicos de determinación da situación e da navegación.

Unidade didáctica 5ª. As comunicacións a bordo.

Unidade didáctica 6ª. Procedementos radiotelefónicos.

Unidade didáctica 7ª. Busca e salvamento (MERSAR).

4.1.2. Módulo profesional 2º. Estabilidade, manobra do buque e regulamentos para previr abordaxes (U.C. 2ª).

Unidade didáctica 1ª. Construción naval e teoría do buque.

Unidade didáctica 2ª. Estabilidade e estiba do buque.

Unidade didáctica 3ª. Manobra e goberno dos buques.

Unidade didáctica 4ª. Regulamentos para previr as abordaxes e balizamento Internacional.

4.1.3. Módulo profesional 3º: pesca responsable. (U.C. 3ª).

Unidade didáctica 1ª Bioloxía pesqueira.

Unidade didáctica 2ª. Pesca marítima (artes de pesca).

Unidade didáctica 3ª. Lexislación marítimo-pesqueira.

Unidade didáctica 4ª. Manipulación das capturas.

4.1.4. Módulo profesional 4º. Meteorología e oceanografía. (U.C. 1ª).

Unidade didáctica 1ª. Meteoroloxía.

Unidade didáctica 2ª. Oceanografía.

4.1.5. Módulo profesional 5º. Simulación e prácticas a bordo dun buque de pesca (U.C. 1ª, 2ª e 3ª).

Unidade didáctica 1ª. Simulación en radar e ARPA.

Unidade didáctica 2ª. Simulación en sistemas electrónicos (navegación e pesca).

Unidade didáctica 3ª. Programa de prácticas a bordo dun buque de pesca.

4.2. Sección común.

4.2.1. Módulo profesional 1º. Seguranza marítima e preservación do medio mariño.(U.C. 1ª).

Unidade didáctica 1ª. Seguranza marítima.

Unidade didáctica 2ª. Hixiene e primeiros auxilios.

Unidade didáctica 3ª. Preservación do medio mariño.

4.2.2. Módulo profesional 2º. A administración do buque e a seguranza laboral a bordo. (U.C. 2ª).

Unidade didáctica 1ª. A administración do buque.

Unidade didáctica 2ª. Prácticas de traballo seguras a bordo.

Unidade didáctica 3ª. Lexislación laboral.

Unidade didáctica 4ª. A fatiga a bordo. (Nova incorporación).

4.2.3. Módulo profesional 3º. Nocións de inglés técnico nos servizos de ponte e máquinas. (U.C. 3ª).

Unidade didáctica 1ª. Inglés técnico para a sección de ponte.

Unidade didáctica 2ª. Inglés técnico para a sección común.

Unidade didáctica 3ª. Inglés técnico para a sección de máquinas.

4.3. Sección de máquinas (350 horas).

4.3.1. Módulo profesional 1º. Propulsión do buque. (U.C.1ª).

Unidade didáctica 1ª. Teoría fundamental dos motores térmicos de combustión interna.

Unidade didáctica 2ª. O motor diésel de catro tempos.

Unidade didáctica 3ª. Potencias, rendementos e consumos.

Unidade didáctica 4ª. Estudo e verificación dos compoñentes do motor.

Unidade didáctica 5ª. Sistemas de alimentación de aire e escape.

Unidade didáctica 6ª. Combustión. Combustibles.

Unidade didáctica 7ª. Sistema de alimentación e inxección do combustible.

Unidade didáctica 8ª. Sistema de lubricación. Lubricantes.

Unidade didáctica 9ª. Sistema de refrixeración.

Unidade didáctica 10ª. Arranque. Liña de eixes. Motores reversibles.

Unidade didáctica 11ª. Instrumentos de medida local e remoto.

Unidade didáctica 12ª. Condución, mantemento e avarías dos motores diésel.

4.3.2. Módulo profesional 2º. Electricidade. (U.C.2ª).

Unidade didáctica 1ª. Principios, circuítos e magnitudes eléctricas.

Unidade didáctica 2ª. Baterías.

Unidade didáctica 3ª. Circuíto de carga. Alternador.

Unidade didáctica 4ª. Circuíto de arranque. Motor de arranque.

Unidade didáctica 5ª. Cadros eléctricos.

4.3.3. Módulo profesional 3º. Servizos do buque. (U.C.3ª).

Unidade didáctica 1ª. Hidráulica e pneumática básica.

Unidade didáctica 2ª. Sistemas hidráulicos do buque.

Unidade didáctica 3ª. Servizo de achique, baldeo e contraincendios.

4.3.4. Módulo profesional 4º. Tecnoloxía mecánica. Taller. (U.C.1ª, U.C.2ª, U.C.3ª)

Unidade didáctica 1ª. Recoñecemento e uso de ferramentas. Metroloxía.

Unidade didáctica 2ª. Procedemento manual de soldadura por arco eléctrico.

Unidade didáctica 3ª. Desmontaxe e montaxe dun motor diésel completo.

Unidade didáctica 4ª. Cambio de aceite e filtros do motor.

Unidade didáctica 5ª. Regraxe de válvulas e comprobación da posta a punto.

Unidade didáctica 6ª. Esmerilado de válvulas.

Unidade didáctica 7ª. Timbrado dun inxector sobre bomba de probas.

Unidade didáctica 8ª. Preparación do motor para o arranque e para realizar unha travesía.

Unidade didáctica 9ª. Utilización do polímetro.

Unidade didáctica 10ª. Acoplamento e verificación do estado de carga de baterías.

Unidade didáctica 11ª. Verificación do sistema de carga y arranque.

Unidade didáctica 12ª. Montaxe dun circuíto hidráulico.

Unidade didáctica 13ª. Cambio de retén dunha bomba centrífuga.

Unidade didáctica 14ª. Seguranza e prevención de riscos no manexo da maquinaria da bordo.