DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 10 de outubro de 2008 Páx. 18.566

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 225/2008, do 25 de setembro, de creación do rexistro de comisións de seguimento dos contratos tipo agroalimentarios de Galicia.

A introdución de mecanismos de fixación de prezos agrarios transparentes, consensuados entre o sector produtor e transformador, contribúe, por un lado, a corrixir as súas oscilacións conxunturais, e por outra banda a afortalar a vertebración intersectorial entre os representantes da produción e a transformación no eido agroalimentario.

A Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, persigue favorecer a transparencia do mercado, mellorando a concorrencia neste, regulando un procedemento de homologación de contratos no sector agroalimentario que se revela como un instrumento fundamental no desenvolvemento dalgúns subsectores que conforman o sistema agroalimentario.

No artigo 4 da citada Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, regúlanse as comisións de seguimento, que desempeñan un papel destacado no correcto funcionamento do réxime contractual. A elas encoméndaselles o seguimento, promoción, vixilancia e control dos contratos tipo agroalimentarios homologados, ademais de constituír un nexo de unión coas organizacións interprofesionais agroalimentarias. Estas comisións de seguimento deberán inscribirse nun rexistro tal como se establece no artigo 18.2º do Regulamento de desenvolvemento da devandita lei, aprobado polo Real decreto 686/2000, do 12 de maio.

Este decreto aborda a creación do devandito rexistro para as comisións de seguimento dos contratos tipo agroalimentarios homologados por esta comunidade autónoma, para facilitar dese xeito a implantación da homologación de contratos agroalimentarios de ámbito galego e poder recoñecer o importante papel que desenvolven esas comisións no impulso da transparencia das relacións económicas no sector agrario.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e cinco de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto a creación do rexistro de comisións de seguimento dos contratos tipo agroalimentarios homologados pola Comunidade Autónoma galega, como un rexistro público de carácter administrativo adscrito á consellería competente en materia de produción agroalimentaria.

Artigo 2º.-Ámbito.

1. Neste rexistro inscribiranse as comisións de seguimento creadas para o seguimento, promoción, vixilancia e control dos contratos tipo agroalimentarios homologados pola consellería competente en materia de produción agroalimentaria.

2. No caso de que unha comisión de seguimento teña prevista a creación de subcomisións, consonte o previsto no artigo 4.3º da Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, só procederá a inscrición da comisión facendo constar o establecemento das subcomisións dependentes dela.

Artigo 3º.-Actos inscritibles.

1. Efectuaranse no rexistro as correspondentes anotacións, tanto da constitución da comisión como das posteriores modificacións que se produzan na súa composición.

2. Soamente poderá denegarse a inscrición no rexistro por razóns de legalidade, e sempre mediante resolución da persoa titular da dirección xeral competente en materia de produción agroalimentaria, susceptible de recurso de alzada ante o conselleiro.

Artigo 4º.-Solicitude e emisión de certificacións.

1. O acceso, para os efectos de expedición de certificacións polo rexistro, realizarase mediante solicitude dirixida á dirección xeral competente en materia de produción agroalimentaria.

2. As certificacións serán emitidas pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de produción agroalimentaria e a súa expedición estará suxeita ás normas establecidas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Sede do rexistro.

O rexistro terá a súa sede na dirección xeral competente en materia de produción agroalimentaria.

Artigo 6º.-Procedemento rexistral.

1. O rexistro poderá levarse por un sistema de follas normalizadas utilizadas horizontalmente ou ben por calquera medio telemático e os seus asentos serán correlativamente numerados seguindo unha orde cronolóxica.

2. Os asentos serán de tres clases:

-De ingreso, nos cales se fará constar: a denominación da comisión de seguimento, domicilio ou sede dela, as persoas que a integran, a designación de representante legal e a data da constitución, así como, de ser o caso, o establecemento de subcomisións dependentes.

-Complementarios: as modificacións da constitución e a data en que se efectuou.

-De baixa: disolución da comisión de seguimento.

Artigo 7º.-Requisitos documentais para a inscrición.

A solicitude de inscrición rexistral remitirase acompañada da copia da acta de constitución ou da súa modificación no prazo máximo de quince días, contados a partir da data da constitución ou da modificación, á dirección xeral competente en materia de produtos agroalimentarios.

Artigo 8º.-Expedientes de inscrición.

Cos expedientes de inscrición formarase un arquivo que conterá ordenados cronoloxicamente os documentos necesarios para a inscrición.

Artigo 9º.-Protección de datos.

A comunicación ou cesión de datos de carácter persoal contidos no rexistro de comisións de seguimento dos contratos tipo agroalimentarios homologados terá lugar consonte o establecido na normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Disposición adicional

Única.-A consellería competente en materia de produción agroalimentaria poderá establecer subvencións dirixidas ás comisións de seguimento dos contratos agroalimentarios, así como outras liñas de axuda que contribúan a garantir un funcionamento axeitado delas e a impulsar os contratos tipo agroalimentarios.

Disposición transitoria

Única.-Por parte da dirección xeral competente en materia de produción agroalimentaria procederase á inscrición daquelas comisións de seguimento constituídas cuxa creación lle fora notificada con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de produción agroalimentaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural