DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 07 de outubro de 2008 Páx. 18.200

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 217/2008, do 25 de setembro, polo que se regula o contido mínimo das propostas de creación de novas entidades do sector público autonómico.

A creación de novos entes e organismos do sector público exixe que se realice baixo o criterio de racionalidade organizativa, atendendo ademais aos principios de eficacia, eficiencia, non só na organización, senón tamén na xestión. Así, deberá garantirse, por unha banda, que novos elementos da organización alcancen unha mellor satisfacción do interese público e das necesidades dos cidadáns e, por outra, unha xestión racional dos recursos existentes.

A organización dos distintos elementos que integran a Administración pública, no seu conxunto, debe estruturarse como un todo, de xeito que a interrelación, a complementariedade e a coordinación de todos eles garanta a prestación de servizos públicos de calidade.

Deste xeito, os elementos da organización deberán adoptar a forma de organismos autónomos administrativos, comerciais, industriais, financeiros e análogos, entidades de dereito público, sociedades mercantís públicas, axencias públicas, fundacións do sector público, consorcios ou calquera entidade administrativa que máis se adecue ao cumprimento dos fins para os que son creados, pero sempre baixo os criterios de racionalidade organizativa, eficacia e eficiencia.

En cumprimento dos principios que deben inspirar a actuación da Administración autonómica na creación de entidades integrantes do sector público, a disposición adicional quinta da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, dispón que as propostas normativas de creación de novas entidades que impliquen a ampliación do sector público da comunidade autónoma establezan necesariamente o réxime aplicable en materia de persoal, patrimonio e contratación, así como a natureza dos recursos económicos que lle permitan cumprir a súa finalidade.

As indicadas propostas deberán ir acompañadas, en todo caso, dunha memoria xustificativa sobre a oportunidade da súa creación coas vantaxes sobre a situación anterior, así como, se é o caso, dunha proposta de estatutos da entidade.

Neste sentido, o artigo 2 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, sinala que todas estas entidades deberán garantir a eficacia e a eficiencia na organización e na xestión pública.

Na mesma liña, o artigo 59 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, determina que a creación das fundacións debe ser autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, que determinará as condicións xerais que debe cumprir este acto, e establece, como elementos básicos do expediente de autorización, a memoria en que se xustifiquen suficientemente as razóns polas cales se considera que existirá unha mellor consecución dos fins de interese xeral perseguidos a través dunha fundación que mediante outras formas xurídicas, así como a memoria económica que xustifique a suficiencia da dotación inicialmente prevista para comezar a actividade da fundación, que requirirá informe da consellería competente en materia de economía.

Pola súa banda, o artigo 7.2º do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, determina que as disposicións relativas á estrutura orgánica requirirán a aprobación da Consellería de Presidencia.

Neste sentido, con esta norma dáse cumprimento ao establecido no parágrafo segundo da devandita disposición adicional da Lei 16/2007, que autoriza o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a determinar o contido da documentación que permita avaliar axeitadamente o custo e viabilidade económica da proposta, a súa incidencia orzamentaria e, en xeral, valorar a oportunidade de proceder á creación dunha nova entidade pública e determinar as vantaxes que supón para unha mellor prestación dos servizos.

Así mesmo, desenvólvense os artigos 2.b) da Lei 2/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e 59 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no relativo ao procedemento de creación de fundacións do sector público de Galicia, e establécense os trámites de carácter interno que lle permitan ao Consello da Xunta de Galicia dispor de elementos de xuízo suficientes para garantir os principios de eficacia, eficiencia e racionalidade administrativa, no procedemento que serve de base para a adopción dos acordos de creación de entidades do sector público.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e de Economía e Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Nesta norma regúlase o contido mínimo das propostas de creación das entidades que formen parte do sector público autonómico e da documentación que as acompañe.

2. As propostas de creación de entidades públicas que sexan previamente autorizadas por lei axustaranse ao disposto neste decreto en todo o non previsto na disposición pola que se autoriza a súa creación.

Artigo 2º.-Sector público autonómico.

Para os efectos deste decreto, forman parte do sector público autonómico:

1. Os organismos autónomos administrativos e os organismos autónomos comerciais, industriais, financeiros e análogos creados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades de dereito público vinculadas á Administración da Comunidade Autónoma ou dependentes dela, agás as universidades públicas galegas.

3. As axencias públicas autonómicas.

4. As sociedades mercantís públicas, entre as cales se distinguen:

a) As sociedades con participación directa ou indirecta superior ao 50% da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, dos entes de dereito público e das sociedades mercantís públicas.

b) As sociedades cunha participación directa ou indirecta da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, dos entes de dereito público e das sociedades mercantís públicas igual ou inferior ao 50% nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

1ª. Que a Administración autonómica nomee a metade ou máis dos membros dos órganos de goberno da sociedade.

2ª. Que a Administración autonómica controle a súa xestión determinando a política da sociedade.

3ª. Que os seus ingresos proveñan en máis dun 50% de subvencións con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.

4ª. Que teñan como matriz unha sociedade pública coa cal teñan que presentar a súa contabilidade consolidada por aplicación das normas contables.

5. As fundacións do sector público autonómico definidas no artigo 58 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

6. Os consorcios dotados de personalidade xurídica, do ámbito da Comunidade Autónoma, cando o proxecto de acordo polo que se autoriza a participación da Xunta de Galicia ou dalgún dos suxeitos enumerados neste artigo prevexa achegas maioritarias ou reserve a designación de máis da metade dos membros do órgano de goberno a algunha delas.

7. As restantes entidades con personalidade xurídica propia cando as propostas de creación prevexan que a Xunta de Galicia ou algún dos suxeitos enumerados neste artigo contribúan con carácter permanente en máis dun 50% aos seus gastos de funcionamento e controlen a súa xestión ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección e vixilancia.

Artigo 3º.-Iniciativa para a creación de entidades do sector público autonómico.

1. A iniciativa de creación das entidades a que se refire o artigo anterior correspóndelle á consellería ou departamento competente por razón da materia.

2. Os requisitos para o exercicio da referida iniciativa serán, sen prexuízo do disposto no Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, os que, para cada tipo de entidade, se establecen nos artigos 4º a 9º deste decreto.

Artigo 4º.-Organismos autónomos e entidades de dereito público.

1. O texto do anteproxecto de lei de creación de acordo coa lexislación aplicable constituirá o seu estatuto e determinará a súa competencia e funcións, a consellería ou departamento de adscrición ou que exerza as competencias relacionadas co seu obxecto ou finalidade, as bases xerais da súa organización, réxime de acordos e designación dos seus órganos directivos, os seus recursos económicos e as peculiaridades do seu réxime de persoal, contratación, patrimonial e fiscal.

2. Co anteproxecto de lei deberá presentarse unha memoria que incluirá o plan inicial de actuación, co contido que se establece no artigo 10º e seguintes deste decreto.

Artigo 5º.-Axencias públicas autonómicas.

1. Unha vez autorizada a súa creación por lei, o proxecto de decreto polo que se aproben os seus estatutos nos termos que se establecen na disposición adicional quinta da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, deberá indicar a natureza xurídica de axencia pública, os seus fins, así como a consellería ou departamento de adscrición ou que exerza as competencias relacionadas co seu obxecto ou finalidade.

2. En todo caso, o proxecto de estatutos deberá incluír, ademais da función e facultades atribuídas á axencia, o seguinte contido mínimo:

Réxime xurídico aplicable en función da súa natureza xurídica e a súa denominación.

Órganos de goberno da entidade, unipersoais ou colexiados, e as súas funcións, réxime de funcionamento e delegación así como a determinación da súa sede.

Réxime do seu patrimonio, distinguindo o propio do que se lle poida asignar para o cumprimento dos seus fins.

Réxime financeiro, orzamentario e de control.

Réxime de persoal.

Réxime de contratación aplicable, en relación coa normativa de contratación pública.

Procedemento de disolución, liquidación e extinción e determinación, se é o caso, do seu carácter temporal.

3. Co proxecto de decreto deberá xuntarse unha memoria xustificativa, que incluirá o seu plan inicial de actuación. Este plan inicial rexerá a actuación da axencia ata a aprobación do contrato de xestión.

Artigo 6º.-Sociedades mercantís.

1. No suposto das sociedades definidas no artigo 10.4º a), o proxecto de decreto polo que se aproben os seus estatutos nos termos establecidos no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei de patrimonio, deberá indicar a súa natureza xurídica, os seus fins, así como a consellería ou departamento de adscrición ou que exerza as competencias relacionadas co seu obxecto ou finalidade.

Para as sociedades definidas no artigo 2.4º b) a proposta de acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autoriza a participación no seu capital da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos, das entidades de dereito público e das sociedades mercantís públicas, e deberá indicar a súa natureza xurídica e os seus fins, e acompañarse dun proxecto de estatutos.

2. O proxecto de decreto ou de acordo, segundo o caso, deberá acompañarse dunha memoria xustificativa que fundamente a súa creación. A memoria incluirá o plan inicial de actuación da sociedade, co contido que se establece no artigo 10º e seguintes deste decreto.

3. Os seus estatutos terán o contido mínimo sinalado para os estatutos das axencias públicas autonómicas no artigo 5º.

Artigo 7º.-Fundacións do sector público autonómico.

1. A memoria xustificativa a que se refire o artigo 59.2º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, deberá conter os aspectos relacionados no número 1 do artigo 10º deste decreto, e sobre ela emitirá con carácter preceptivo pola consellería con competencias en materia de Administración pública, ademais de polo departamento da Xunta de Galicia que exerza as competencias correspondentes aos fins da fundación.

2. A memoria económica, a que se refire o artigo 59.3º da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, para os efectos de xustificar a suficiencia da dotación inicialmente prevista para comezar a actividade da fundación e os compromisos futuros que garantan a súa continuidade, deberá comprender o primeiro programa de actuación cos contidos que se determinan no artigo 10º, números 3, 4 ,5; e nos artigos 11º, 12º e 13º deste decreto, e requirirá informe da consellería competente en materia de economía e facenda.

3. O establecido nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo doutros trámites que se establezan nos regulamentos que se diten en desenvolvemento da Lei 12/2006.

Artigo 8º.-Consorcios.

1. Os proxectos de acordo do Consello da Xunta de Galicia polos cales se autorice a creación ou participación, ou a sinatura do convenio de colaboración en que se manifeste a vontade de creación ou participación da Administración da Comunidade Autónoma, ou dalgún dos suxeitos enumerados no artigo dous nun consorcio administrativo, deberán ir acompañados, ademais dunha proposta de estatutos con informe da Asesoría Xurídica Xeral, dunha memoria xustificativa da súa creación co contido establecido no artigo 10º e seguintes deste decreto, e requirirán informe preceptivo das consellerías con competencias en materia de Administración pública e de economía e facenda.

2. O referido proxecto de acordo designará ademais, no supostos establecidos no artigo 196.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o representante da Comunidade Autónoma que pasará a formar parte da Comisión Xestora.

Artigo 9º.-Outras entidades.

As propostas de creación das restantes entidades, previstas no número 7 do artigo 2º, deberán ir acompañadas dunha memoria xustificativa que incluirá o plan inicial de actuación co contido previsto nos artigo 10º e seguintes deste decreto, requirindo informe preceptivo das consellerías con competencias en materia de Administración pública e de economía e facenda.

Artigo 10º.-Memoria e plan inicial de actuación: concepto e contido.

1. A memoria en que se inclúe o plan xustificará a conveniencia da creación do novo organismo, e incidirá nos seguintes puntos:

Avaliación da oportunidade da súa creación e das razóns da elección da súa forma xurídica e das vantaxes respecto da situación anterior que diso deriven, con indicación das interaccións con aquelas entidades e órganos que, se é o caso, puidesen desenvolver funcións concorrentes.

Incidencia organizativa: previsión de necesidades de órganos de dirección e órganos técnicos.

2. O plan inicial de actuación definirá a misión da nova entidade do sector público autonómico e establecerá as metas xerais ou obxectivos necesarios para o seu logro e as liñas de actuación adecuadas para acadalos. No plan inicial tamén se determinarán os recursos humanos, financeiros e materiais, precisos para o seu funcionamento, así como as previsións temporais da súa duración.

3. O plan inicial de actuación integrará, de forma conxunta e sistemática, os seguintes aspectos:

Plan estratéxico.

Plan económico-financeiro.

Previsións sobre recursos humanos.

4. O ámbito temporal do plan inicial de actuación será de catro anos.

5. O plan inicial de actuación, que deberá contar co informe da consellería competente en materia de economía e facenda, será formulado pola consellería, departamento ou organismo a que se adscriba ou que exerza as competencias relacionados co seu obxecto ou finalidade.

Artigo 11º.-Estrutura do plan estratéxico.

O plan estratéxico conterá os seguintes puntos:

A descrición e enumeración expresa das metas ou obxectivos estratéxicos e dos previstos para o primeiro ano de funcionamento da entidade.

As estratexias para alcanzar as metas ou obxectivos da entidade no seu sector de actividade.

A identificación daqueles factores externos ou elementos do ámbito de actuación da entidade que poderían condicionar significativamente a súa actividade e o logro dos seus obxectivos, sintetizando as características actuais e evolución previsible do devandito ámbito.

Os indicadores de resultados, como expresión cuantificada das metas ou obxectivos e do seu grao de realización co fin de desenvolver unha adecuada xestión por obxectivos.

Artigo 12º.-Estrutura e contido do plan económico-financeiro.

O plan económico-financeiro recollerá os recursos financeiros precisos para o cumprimento dos obxectivos e estará formado polos seguintes puntos:

1. O patrimonio inicial con que se dota a entidade, diferenciando o propio do adscrito ou cedido.

2. A previsión de gastos de explotación e investimentos, xunto coas variables empregadas para a súa estimación.

3. Un estudo desde a perspectiva económico-financeira sobre os recursos humanos que se van incorporar ao organismo, no cal se determinará a previsión das retribucións correspondentes ás distintas clases de persoal a que se refire o artigo seguinte.

4. A descrición e análise das fontes de financiamento.

5. No caso de que as funcións e competencias da nova entidade fosen desenvolvidas anteriormente por outras entidades ou pola propia Administración, en parte ou na súa totalidade, deberanse comparar os custos das actividades correspondentes á entidade ou servizo suprimido coas correspondentes ás actividades equivalentes asumidas polo novo ente.

Artigo 13º.-Previsións sobre recursos humanos.

Co mesmo horizonte temporal previsto para o plan inicial de actuación incorporarase a previsión sobre os recursos humanos precisos para o cumprimento das metas ou obxectivos da entidade, en canto ao número de efectivos, categoría e tipo de relación de servizos, xa sexa persoal funcionario, persoal laboral ou ambos.

Disposición transitoria

Este decreto aplicarase aos procedementos de creación de entidades que se inicien con posterioridade á súa entrada en vigor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse as persoas titulares dos departamentos competentes en materia de Administración pública e de economía e facenda para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de setembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza