DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Venres, 03 de outubro de 2008 Páx. 17.994

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de setembro de 2008 pola que se determinan as materias optativas das ensinanzas profesionais de música establecidas polo Decreto 203/2007, do 27 de setembro.

O Real decreto 1577/2006, do 22 de decembro, polo que se fixan os aspectos básicos do currículo das ensinanzas profesionais de música reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina no seu artigo 5.4º que as administracións educativas fomentarán a autonomía pedagóxica e organizativa dos centros, favorecerán o traballo en equipo do profesorado e estimularán a súa actividade investigadora a partir da súa práctica docente.

En consecuencia, o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música, dispón no seu artigo 8 que as materias optativas terán como finalidade complementar o currículo, integrando os itinerarios educativos que o alumnado desexe cursar; que lle corresponde á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a ordenación das materias optativas que serán de oferta obrigatoria para os centros; que os centros poderán incluír materias optativas, consonte o que para tales efectos estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; e que, en todo caso, as materias optativas ofrecidas polos centros estarán vinculadas a un ou varios itinerarios determinados.

A finalidade desta orde é regular a oferta e determinar a natureza das materias optativas, que son as que lle permiten ao alumnado participar activamente na configuración do seu currículo académico, así como ir acoutando o seu perfil profesional cara ao nivel de especialización definitiva que ten lugar no grao superior destas ensinanzas.

En consecuencia, e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 203/2007, esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regular a oferta das materias optativas das ensinanzas profesionais de música, segundo prevé o artigo 8 do Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación nos centros autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir as ensinanzas profesionais de música establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 3º.-Natureza e condicións de elección das materias optativas.

Son materias optativas as que completan o perfil profesional do alumnado e, polo tanto, inciden nos diferentes aspectos curriculares relacionados coa súa especialidade. Estas materias pódense escoller dentro da oferta específica do centro en que se está matriculado.

Artigo 4º.-Catálogo xeral.

As materias optativas das ensinanzas profesionais de música que se establecen para a Comunidade Autónoma de Galicia son: improvisación, iniciación ao jazz, música tradicional galega e técnicas de composición aplicadas á didáctica. A descrición dos seus contidos recóllese no anexo desta orde.

Artigo 5º.-Materias optativas propias de centro.

1. Ademais das materias a que se fai referencia no artigo anterior, cada centro educativo poderá propoñer outras para o seu catálogo, que deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Os seus currículos deberanse axustar aos obxectivos xerais do grao profesional das ensinanzas de música establecido no Decreto 203/2007, do 27 de setembro, e non poderán incluír contidos que formen parte de materias obrigatorias das ensinanzas profesionais de música.

2. As solicitudes de autorización desas materias optativas propias de centro incluirán os seguintes aspectos:

a) O currículo da materia, en que figurará a súa xustificación, obxectivos, contidos e criterios de avaliación, e itinerario a que se vincula.

b) O departamento didáctico a que se adscribe.

c) A xustificación dos recursos humanos e materiais necesarios para o seu desenvolvemento.

d) Certificación da aprobación da proposta polo claustro de profesores do centro. As citadas solicitudes deberanse remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, antes do 15 de febreiro de cada ano académico, a través da delegación provincial correspondente, que as tramitará acompañándoas dun informe da inspección educativa.

Artigo 6º.-Oferta de materias optativas en cada centro.

Os centros ofertarán un mínimo de catro materias optativas e un máximo de oito, de entre as establecidas con carácter xeral e as propias de centro que conten coa preceptiva autorización. Cada ano escolar a oferta de materias optativas realizarase atendendo ás necesidades profesionais e á demanda do alumnado, así como á dispoñibilidade dos recursos humanos e materiais do centro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas instrucións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Catálogo de materias optativas nas ensinanzas profesionais

de música establecidas polo Decreto 203/2007,

do 27 de setembro

Improvisación

Introdución.

Neste momento dos seus estudos musicais, o alumnado xa adquiriu os coñecementos necesarios para iniciarse no estudo da improvisación a través dos pequenos exercicios de improvisación realizados na materia de linguaxe musical e dos coñecementos adquiridos en canto á comprensión e funcionamento da linguaxe tonal e á súa relación coas distintas formas musicais en materias como harmonía ou análise.

Con esta materia preténdese facilitarlle ao alumnado un coñecemento xeral de aspectos teóricos esenciais para a comprensión de músicas en que a improvisación é un elemento imprescindible, así como para o desenvolvemento das capacidades necesarias para a súa posta en práctica nos máis diversos contextos, utilizando a linguaxe e os códigos formais propios dos distintos estilos desenvolvidos desde o século XVII ata os nosos días.

Quizais a maior dificultade no estudo desta materia resida en atopar un correcto balance entre a aprendizaxe dos distintos conceptos teóricos necesarios e a súa aplicación práctica á hora de improvisar, o que supón a importancia de desenvolver de forma parella a comprensión racional e auditiva dos conceptos e a súa práctica.

A improvisación permítelle ao músico obter unha comprensión realmente profunda das normas que gobernan a melodía, a harmonía, o ritmo e a forma; e aínda que en moitos casos se considera a improvisación como unha característica propia tan só da música de jazz e afíns, a realidade é que, se revisamos a historia da música denominada «clásica» ou «culta», os compositores e intérpretes de certa valía sempre foron grandes improvisadores.

Obxectivos.

a) Coñecer e saber aplicar de forma práctica no propio instrumento os elementos sintáctico-musicais propios dos distintos períodos da historia da música.

b) Coñecer e saber aplicar de forma práctica no propio instrumento os elementos formais propios dos distintos períodos da historia da música.

c) Desenvolver a capacidade de improvisación musical no alumnado en diversos contextos sonoros.

d) Desenvolver a capacidade de análise harmónica, melódica, rítmica e formal do alumnado.

e) Desenvolver a capacidade auditiva para o recoñecemento dos distintos elementos que conforman a linguaxe musical (ritmos, intervalos, acordes, esquemas formais, etc.), como ferramenta imprescindible para a improvisación.

Contidos.

O ritmo, diferenciación entre pulso, metro-compás e ritmo.

Práctica de distintos valores rítmicos de forma illada.

A densidade rítmica como organizadora da improvisación.

A sincopación.

Desprazamento rítmico ou «disonancia métrica».

Aumento e diminución dos valores rítmicos.

Características rítmicas dos distintos períodos históricos.

Emprego de distintas dinámicas, rexistros e articulacións na organización da improvisación.

A lonxitude da frase, o fraseo regular e irregular.

Distintas relacións entre o fraseo e a barra de compás.

Diferenzas entre escala e modo.

As escalas melódica (maior e menor), harmónica (maior e menor), pentatónica e cromática.

As escalas simétricas: aumentadas ou hexatónicas e diminuídas ou octatónicas.

Os «patróns» baseados en escalas.

Escalas-modos característicos dos distintos períodos históricos.

Os acordes: estrutura básica e superestrutura. O cifrado: distintas nomenclaturas. Ornamentación.

Os acordes de 7ª diatónicos e os seus modos correspondentes (escala maior).

Disposicións básicas dos distintos acordes de 7ª.

Principios básicos de substitución harmónica.

Improvisación «harmónica».

A música tonal e a música modal: distintos criterios á hora de organizar as progresións harmónicas.

Características harmónicas dos distintos períodos históricos.

A melodía e a súa estrutura: as notas guía.

Ornamentación de liñas melódicas creadas a partir de «notas guía».

O motivo: características e técnicas de desenvolvemento.

Improvisación a partir dunha melodía ou dun motivo dado.

Características melódicas nos distintos períodos históricos.

Relación escala (modo)-acorde.

A improvisación en grupo: o rol de cada instrumento en función das súas características técnicas e da formulación formal da improvisación.

Técnicas de acompañamento: principios básicos, diferentes texturas e principais características nos distintos períodos históricos.

Estruturas harmónico-formais máis habituais e características dos distintos estilos.

A estrutura da improvisación: a relación dos distintos elementos constitutivos da música coa forma.

A transcrición musical harmónica e melódico-harmónica.

Criterios de avaliación.

1. Realizar exercicios de improvisación no instrumento a partir de secuencias harmónicas, estruturas harmónico-formais ou melodías dadas.

Este criterio avalía o grao de desenvolvemento práctico dos coñecementos adquiridos.

2. Identificar auditivamente os principais elementos sintácticos propios da música dos distintos estilos.

Este criterio establece o grao de comprensión adquirido dentro dos parámetros estruturais e formais da música.

3. Analizar harmónica e formalmente algunhas das pezas máis características dos distintos períodos e estilos da historia da música desde o século XVII ata os nosos días.

Este criterio trata de avaliar o grao de asimilación de conceptos en relación coas características propias dos distintos estilos.

4. Identificar auditivamente estruturas formais concretas.

Este criterio avalía o nivel de comprensión das distintas estruturas formais empregadas.

5. Realizar transcricións de breves pasaxes musicais dos distintos períodos e estilos da historia da música desde o século XVII ata os nosos días.

Este criterio pretende establecer o grao de adecuación histórica e estilística dos coñecementos adquiridos.

Iniciación ao jazz

Introdución.

A formación integral do músico require unha gran variedade de enfoques estilísticos, estéticos e artísticos que amplíen o seu horizonte profesional. Ao longo do século XX, o jazz preséntase como unha manifestación musical e cultural de carácter universal en permanente estado evolutivo e con características propias en canto a estilos, procedementos harmónicos ou formacións instrumentais, converténdose nun campo de grande interese para o desenvolvemento da creatividade e da expresión musicais nas diferentes especialidades instrumentais, e especialmente para aquel alumnado coa perspectiva de acceder á especialidade de jazz no grao superior. Esta materia terá un carácter principalmente práctico, de asimilación no instrumento de coñecementos teóricos previos, incluíndo aspectos harmónicos, rítmicos, melódicos ou formais, sen esquecer os recursos interpretativos característicos propios do jazz en canto á articulación, fraseo, sonoridade ou técnicas instrumentais, así como a práctica da

lectura á vista e o desenvolvemento da memoria sobre temas de repertorio jazzístico.

Obxectivos.

1. Coñecer os fundamentos jazzísticos da harmonía tonal e modal e aplicalos na práctica instrumental.

2. Coñecer e aplicar de xeito práctico os fundamentos da rítmica do jazz.

3. Coñecer e practicar as formas básicas do jazz.

4. Improvisar melódica, rítmica e harmonicamente.

5. Improvisar mediante o comping.

6. Interpretar e improvisar de memoria temas do repertorio de jazz.

Contidos.

Coñecemento dos cifrados, tríadas e cuatríadas.

Os modos na tonalidade maior. Escalas.

Tonalidades prácticas.

Escalas pentatónicas maiores e as súas inversións. Escala pentatónica bIII.

Relación escala-acorde, análise e práctica.

Escala mixolidia con notas blues.

Funcións tonais.

Cadencias combinadas básicas II-V-I.

Cadencias modais básicas.

Harmonía modal mixta. Paralelismo maior e menor.

Corcheas swing. Articulación e acentuación da parte débil do compás e da fracción débil da parte do compás.

Fraseo e articulación: combinación silencio-interpretación no fraseo.

Inicio e resolución da frase: a tempo, anticipada e retardada.

Desenvolvemento melódico: tensión e repouso, e elementos que os producen. Tensión, clímax e resolución.

O blues: estrutura e tipos.

As estruturas de 12, 16, 24, 32 compases.

Práctica da lectura á vista.

Interpretación e improvisación de temas de repertorio jazzístico.

Criterios de avaliación.

1. Realizar progresións harmónicas tonais, analizando os cifrados e desenvolvendo as tríadas e cuatríadas utilizando os recursos de fraseo e articulación propios do jazz.

Con este criterio de avaliación valoraranse os coñecementos da harmonía tonal aplicados ao jazz e os coñecementos básicos da rítmica do jazz.

2. Realizar progresións harmónicas modais, aplicando as escalas respectivas e as notas que se deben evitar, utilizando os recursos de fraseo e articulación propios do jazz.

Mediante este criterio de avaliación valoraranse os coñecementos da harmonía modal aplicados ao jazz e os coñecementos básicos da rítmica do jazz.

3. Desenvolver escalas pentatónicas sobre diferentes progresións, tonais e modais, coas súas respectivas inversións.

Con este criterio valoraranse os coñecementos das escalas pentatónicas e as súas inversións.

4. Realizar exercicios sobre estruturas de blues clásicas, utilizando a escala pentatónica bIII e a escala mixolidia.

Mediante este criterio de avaliación valorarase a utilización de diferentes elementos que interveñen na estrutura do blues.

5. Desenvolver cadencias combinadas II-V-I e cadencias modais básicas sobre diferentes estruturas de 12, 16, 24 e 32 compases aplicando diferentes inicios e resolucións da frase: a tempo, anticipada ou retardada.

Mediante este criterio de avaliación valorarase a capacidade de organización do fraseo e o coñecemento das diferentes estruturas.

6. Desenvolver frases sobre estruturas combinando silencio-interpretación a través da utilización de elementos de tensión e repouso e creando momentos de clímax e resolución nelas.

Con este criterio valorarase o grao de utilización dos recursos adquiridos en canto á articulación, ao fraseo, etc.

7. Realizar exercicios de lectura á vista coidando a articulación, o fraseo, as dinámicas e o desenvolvemento rítmico.

Mediante este criterio valoraranse os coñecementos básicos da lectura jazzística.

8. Improvisar de memoria sobre estruturas diversas e temas sinxelos de repertorio jazzístico.

Con este criterio valorarase o nivel de asimilación dos recursos adquiridos.

9. Realizar interpretacións e improvisacións melódicas, rítmicas e harmónicas sobre temas de repertorio jazzístico aplicando todos os elementos estudados de forma gradual.

Con este criterio valoraranse os coñecementos adquiridos e a súa aplicación dun xeito global.

Música tradicional galega

Introdución.

Os pobos adoitan reflectir na súa música tradicional o seu modo de ser, de pensar e de sentir. Proporcionarlle ao alumnado un acercamento ao estudo da música tradicional en Galicia é posibilitar o seu enriquecemento persoal e o da súa formación musical. A estruturación desta materia vertébrase en diferentes aspectos: o histórico, desde os precursores e as fontes da época, os cancioneiros, ata fenómenos máis recentes como o folk. En segundo lugar, abordaranse as diferentes formas e xéneros da música tradicional galega incidindo no seu aspecto funcional, en non poucos casos ligado ao baile; tamén se estudará a organoloxía, cunha panorámica descritiva e analítica dos instrumentos que conforman o panorama tradicional galego; e, por último, a interpretación, posto que a materia non debe cinguirse a unha fría exposición de datos teóricos, senón que terá tamén como finalidade a posta en práctica dos diversos elementos aprendidos. En definitiva, trátase dunha materia de grande interese

xeral, e especialmente para o alumnado que pretenda acceder ao grao superior nas especialidades de musicoloxía ou instrumentos da música tradicional e popular, debido ao tratamento introdutorio de contidos relativos ás materias propias delas.

Obxectivos.

1. Apreciar e valorar as manifestacións musicais de tradición oral como parte do patrimonio cultural, entendendo a súa diversidade e amplitude.

2. Manexar as ferramentas conceptuais que se recollen nos estudos de etnomusicoloxía, abordando os seus significados teóricos desde o punto de vista antropolóxico.

3. Proporcionar unha aproximación á historia da música tradicional en Galicia, incidindo nas fontes impresas e fonográficas como parte substancial do patrimonio musical galego.

4. Introducirse na investigación etnomusicolóxica mediante o coñecemento dos parámetros formais da música de tradición oral como metodoloxía básica do seu estudo.

5. Coñecer os principais xéneros da música tradicional galega con vistas a ampliar a concepción sobre a riqueza desta música.

6. Coñecer os principais instrumentos da música tradicional galega, o seu funcionamento a nivel morfolóxico e as súas capacidades a nivel funcional, incluíndo os grupos e repertorios máis habituais.

7. Participar como instrumentista en diversas actividades prácticas con repertorios dos estudados ao longo do curso, coa finalidade de manexar os parámetros formais que caracterizan a música tradicional galega.

8. Combinar, de forma autónoma e con sentido crítico, os diferentes medios que contribúen a ampliar e completar a formación musical, relacionando coñecementos de diversa índole (técnicos, científicos, sociais, históricos...) adquiridos de forma autónoma (lecturas, investigacións...) noutras materias, ou ben a través da propia experiencia cotiá.

9. Contribuír á formación de criterios propios no alumnado á hora de estudar as diferentes manifestacións musicais, así como culturais, propias de Galicia, e valoralas asumindo un rol activo na súa investigación, recollida e transmisión.

Contidos.

Conceptos básicos: o proceso de tradicionalización. Folclore, folclorismo e folclorización. O revivalismo.

Historia da música tradicional galega: os precursores. Fontes: cancioneiros e rexistros fonográficos.

O Franquismo. As «Misións Pedagóxicas» e a «Sección Feminina».

O nacemento e desenvolvemento do folk.

Organoloxía: a gaita. Funcionamento, descrición e tipos. A percusión. Outros instrumentos. As agrupacións tradicionais galegas.

Sistemática: formas do canto tradicional galego. Modalidade. A música instrumental.

Interpretación: práctica de música tradicional no instrumento principal ou con instrumentos tradicionais.

Criterios de avaliación.

1. Definir, empregando un léxico apropiado, as particularidades teóricas de cada concepto tratado, explicando o proceso que leva ao xurdimento de cada un e referíndose a eles de forma correcta.

Este criterio avalía a capacidade do alumnado para captar e describir os conceptos que informan a base teórica da música tradicional, así como para distinguir os procesos que desenvolven cada postulado teórico.

2. Explicar, empregando un vocabulario axeitado, as características fundamentais de cada período da historia da música tradicional galega establecendo a súa relación coa sociedade no espazo cronolóxico pertinente.

Con este criterio avaliarase a capacidade do alumnado de establecer relacións globais entre as disciplinas asociadas ao estudo científico da música, tales como a historia, a socioloxía, a antropoloxía ou a etnografía, seguindo os criterios empregados na etnomusicoloxía desde os seus inicios ata os nosos días.

3. Recoñecer a través da análise, auditiva ou visual, as características básicas das diversas fontes que conforman o patrimonio da música tradicional galega, establecendo os parámetros sociais que deron lugar á súa aparición, e situándoas nas súas coordenadas xeográfico-temporais.

Este criterio avalía a capacidade do alumnado para captar as características propias das diversas fontes tratadas, os distintos estilos, contextos e as súas peculiaridades desde un pensamento crítico, sinalando semellanzas e diferenzas entre elas.

Técnicas de composición aplicadas á didáctica

Introdución.

A presenza no grao superior da especialidade pedagoxía da linguaxe e da educación musical e a inclusión na proba de acceso a esta especialidade dun exercicio compositivo con fins didácticos xustifica a idoneidade desta materia como materia optativa no 6º curso do grao profesional, resultando tamén un reforzo para o alumnado que desexa acceder a outras especialidades que inclúan algún tipo de exercicio de composición. Desenvolver no alumnado a capacidade de decidir que procedementos das técnicas compositivas son os máis axeitados para cada momento da composición de exercicios ou pequenas obras e adecuar estes procedementos coherentemente a premisas didácticas é a finalidade desta materia, que suporá aplicar os coñecementos adquiridos nos anos anteriores, especialmente os referidos á práctica harmónica.

Obxectivos.

a) Coñecer as técnicas compositivas e os procedementos básicos para a correcta elaboración de exercicios e pequenas composicións de carácter didáctico.

b) Coñecer os elementos da linguaxe musical e as súas aplicacións na práctica compositiva.

c) Analizar obras de carácter didáctico e artístico que sirvan como modelo para a realización de composicións.

d) Utilizar en exercicios escritos os elementos e procedementos estudados.

e) Compoñer pezas breves partindo dun motivo, dunha melodía ou dun texto dado.

f) Desenvolver a creatividade na composición de pezas libres.

g) Valorar os elementos da linguaxe musical utilizados na composición, aplicándoos de xeito lóxico e coherente.

Contidos.

Modulacións: diatónica, cromática e enharmónica.

Aplicación dos diferentes tipos de acordes.

Elaboración de fórmulas harmónicas e cadenciais.

O ritmo harmónico.

A forma. Procedementos de imitación, elaboración e transformación temática. O canon.

As notas alleas á harmonía.

Fórmulas rítmicas na elaboración de células, motivos, semifrases e frases.

A melodía: relacións interválicas, direccionalidade, rexistro e fraseo.

Relación texto-música.

A melodía acompañada.

Criterios de avaliación.

1. Aplicar as técnicas compositivas e os procedementos básicos na elaboración de exercicios e pequenas composicións.

Con este criterio de avaliación preténdese que o alumnado saiba utilizar as técnicas e procedementos estudados na creación de composicións propias.

2. Coñecer os elementos propios da linguaxe musical, así como as súas aplicacións na práctica compositiva.

Con este criterio de avaliación comprobarase a capacidade do alumnado para seleccionar os elementos da linguaxe musical máis adecuados para cada momento da composición dos seus traballos.

3. Analizar obras de carácter didáctico e artístico prestando especial interese aos elementos da linguaxe musical presentes nelas.

Mediante este criterio valorarase a capacidade de investigar e relacionar aspectos artísticos e didácticos da literatura musical analizada.

4. Utilizar correctamente, en exercicios escritos, os elementos e procedementos estudados.

Este criterio pretende avaliar o grao de asimilación e posta en práctica das técnicas estudadas.

5. Saber compoñer pezas breves partindo dun motivo, dunha melodía ou dun texto.

Preténdese que o alumnado aborde a composición de pezas breves con destreza e coherencia a partir dos elementos dados.

6. Amosar creatividade na composición de pezas libres.

Valorarase a iniciativa do alumnado á hora de afrontar o proceso creativo e o interese das súas propostas.

7. Emitir xuízos críticos en canto á utilización dos elementos da linguaxe musical das composicións realizadas.

Con este criterio de avaliación comprobarase a capacidade para valorar e pór en común de xeito crítico e construtivo o emprego de elementos da linguaxe musical nas pezas compostas e analizadas.