DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.957

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2008 pola que se convoca un curso sobre reforma do Código Penal respecto aos delitos relacionados co tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a realización dun curso sobre reforma do Código penal respecto aos delitos relacionados co tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Actualización de coñecementos tras a reforma do Código penal en materia de seguridade viaria operada pola Lei orgánica 15/2007, de forma que, finalizado o curso, os asistentes sexan capaces de identificar as condutas despregadas no ámbito do tráfico e da seguridade viaria que, superando o risco permitido, son perseguibles no ámbito penal.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Ourense.

Destinatarios.

Persoal dos corpos de policía local da provincia de Ourense.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a solicitude de participación que figura no anexo ou cubrila a mesma facendo uso do formulario que estará operativo na páxina web na epígrafe de actividades formativas-inscrición aberta, e tendo en conta o disposto no número 2 seguinte.

2. As solicitudes de participación deberán enviarse á Deputación Provincial de Ourense-Departamento de Formación Continua (fax: 988 38 52 15): rúa Progreso nº 30, 32003 Ourense; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo para a presentación de solicitudes de participación rematará o día 22 de outubro ás 14.00 horas.

Datas.

O curso desenvolverase do 27 ao 30 de outubro de 2008.

O horario será das 16.00 ás 21.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

Módulo I: delitos contra a seguridade viaria.

Módulo II: delitos contra a vida ou integridade física cometidos con ocasión da condución de vehículos.

Módulo III: formulación, estudo e resolución de casos prácticos.

Relación de admitidos.

A Academia publicará na páxina web http://agasp.xunta.es a lista das solicitudes seleccionadas o día 24 de outubro a partir das 14.00 horas; independentemente, as persoas solicitantes poderán solicitar información da súa admisión no Departamento de Formación Continua da Deputación Provincial de Ourense, no teléfono 988 38 51 42.

Lugar.

O curso desenvolverase no concello do Barco de Valdeorras, na aula do Centro Comarcal de Valdeorras Arroyo Cigüeño.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 24 de setembro de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1-2008

DOG nº 23, do 1-2-2008)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "19100D014P049.PDF"