DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.955

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2008 pola que se convocan unhas xornadas sobre delitos contra a saúde pública e branqueo de capitais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a realización dunhas xornadas sobre delitos contra a saúde pública e branqueo de capitais, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñecer a actualidade normativa e operativa relacionada cos delitos contra a saúde pública, identificando e concretando especialmente os problemas derivados do tráfico de drogas e do branqueo de capitais asociado a este tráfico.

-Delimitar cales son os mecanismos de investigación e represión para optimizar a cooperación xudicial e policial nacional e internacional.

-Como obxectivo específico, finalmente, salientar os problemas máis usuais concorrentes nas investigacións e instrucións xudiciais e as súas posibles solucións.

Destinatarios.

Persoal das forzas e corpos de seguridade, vixilancia aduaneira e outros colectivos interesados.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan nestas xornadas é de 80.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestas xornadas deberá cubrir a solicitude que figura na páxina web http://agasp.xunta.es, ou enviar cuberta á máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 20 de outubro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada (fax: 886 20 61 22), ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

As xornadas desenvolveranse durante os días 23 e 24 de outubro. O día 23 en xornada de mañá (9.30 a 14.30 h) e tarde (16.30 a 19.00 h); e o día 24 só en xornada de mañá (9.30 a 14.00 h).

Contido.

-Delitos contra a saúde pública (artigos 359 ao 367 CP).

-Especial referencia ao tráfico de drogas.

-Branqueo de capitais.

-Novas formas de investigación policial e xudicial.

-Problemática asociada a este tipo de delitos.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 21 de outubro a partir das 14.00 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade Pública e na páxina web http://agasp.xunta.es, ou ben poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 206 117/118.

Lugar.

As xornadas desenvolveranse no salón de actos do Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia, rúa Policarpo Sanz, 21, Vigo.

Certificado de asistencia.

Ao remate das xornadas entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nelas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento das xornadas para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 23 de setembro de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31-1-2008,

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "19100D013P047.PDF"