DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.950

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 25 de setembro de 2008 pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos/as como deportistas galegos/as de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2008, así como as solicitudes desestimadas e a causa.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu número 22, a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega na promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer. Recollendo esta asunción de competencia exclusiva, procedeuse á aprobación da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, pola que se pretende a plena efectividade do feito, e dereito, deportivo na nosa comunidade autónoma.

No concreto ámbito do deporte de alto nivel, o artigo 46.3º da lei establece que, independentemente da clasificación xeral de deportistas de alto nivel e das medidas que se establecen na lexislación do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá realizar unha clasificación propia de deportistas galegos de alto nivel, de acordo coas federacións deportivas galegas, para os efectos do ámbito galego, e que será publicada no Diario Oficial de Galicia, aos que lles serán de aplicación os beneficios que se establecerán regulamentariamente.

En desenvolvemento da citada Lei do deporte, o Decreto 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes, e a Orde do 30 de maio de 2005, que derroga a anterior Orde do 20 de xaneiro de 2004, pola que se desenvolve o citado decreto, establecen os criterios que serán tidos en conta para determinar que deportistas deben posuír tal consideración; atribúeselle, así mesmo, á Comisión de Avaliación e Seguimento dos Deportistas Galegos de Alto Nivel a función de propoñerlle á consellería competente en materia de deporte a relación de deportistas galegos de alto nivel.

En consecuencia, atendendo á proposta enviada pola referida Comisión de Avaliación e Seguimento dos Deportistas Galegos de Alto nivel, na súa reunión do 22 de setembro, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aprobar a relación de deportistas que cumpren os criterios para ser recoñecidos/as coma deportistas galegos/as de alto nivel, que se relacionan no anexo I desta resolución, e que en consecuencia gozan da consideración de alto nivel desfrutando dos beneficios que a tal consideración se lle atribúan.

Segundo.-Publicar a relación das solicitudes desestimadas e a causa, que se relacionan no anexo II desta resolución.

Terceiro.-Publicar a relación dos/as deportistas con beneficios vixentes (recoñecidos en anteriores convocatorias), así coma a data de perda da condición de deportista galego/a de alto nivel, que se relacionan no anexo III desta resolución.

Cuarto.-Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán impugnala directamente no xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "19100D007P041.PDF"

Ver referencia pdf "19100D008P042.PDF"