DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.947

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de protección sanitaria e de movemento pecuario como consecuencia da detección de casos de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 22 de setembro de 2008 o Programa de vixilancia da lingua azul previsto no artigo 11.1º b) do Real decreto 1228/2001, do 8 de novembro, puxo de manifesto a circulación do virus da enfermidade na Comunidade Autónoma de Galicia, sendo, en consecuencia, declarados varios focos da enfermidade en explotacións dos concellos de Barreiros, Lourenzá e A Pontenova pertencentes respectivamente ás comarcas veterinarias da Mariña Oriental, A Mariña Central e Meira.

Por outra banda, baseándose na diseminación do serotipo 1 na cornixa cantábrica e o risco de transmisión do serotipo 8 procedente de Europa, mediante a Orde ARM/2510/2008, do 28 de agosto, que modifica a Orde ARM/1200/2008, do 29 de abril, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa lingua azul, incluíuse a Comunidade Autónoma de Galicia na zona restrinxida de lingua azul, para os efectos de poder proceder á vacinación preventiva fronte á enfermidade, estando aínda en fase de execución o dito programa de vacinación.

Como consecuencia das actuais condicións epidemiolóxicas, deben establecerse medidas en relación co movemento pecuario de animais das especies sensibles á lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia, xa que a súa posible propagación supón un grave risco para o gando galego, e pode ter consecuencias negativas nos intercambios comerciais dos animais. Na regulación dos ditos movementos debe terse en conta o grao de desenvolvemento do programa de vacinación, e o risco que supoñen os movementos de animais desde explotacións das zonas afectadas, así como as concentracións de gando nas ditas zonas.

Na súa virtude, e ao abeiro do establecido na normativa mencionada, e en virtude das atribucións que me confire o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria,

RESOLVO:

Primeiro.-Todos os movementos de animais das especies sensibles á lingua azul con orixe en explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) pertencentes ás comarcas veterinarias da Comunidade Autónoma de Galicia referenciadas no anexo I desta resolución, e que teñan como destino explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) do resto da comunidade autónoma realizaranse logo da obtención da autorización de traslado expedida polos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

Porén, o gando bovino, ovino e cabrún procedente de explotacións cualificadas sanitariamente poderá circular dentro das comarcas incluídas no anexo I, tanto con destino a vida como a sacrificio, así como cara ao sacrificio directo en matadoiros do resto da comunidade autónoma, con copia validada por veterinarios expresamente autorizados para o efecto pola consellería competente en materia de sanidade e produción animal, da que conste a súa autenticidade, ou copia cotexada por persoal dos servizos veterinarios oficiais de sanidade e produción animal ou persoa pública que dea fe, do documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación denominado Explotación cualificada sanitariamente, en que os animais estean rexistrados. Esta mesma documentación será válida para o traslado de animais nados na explotación de procedencia.

Segundo.-Para a realización dun movemento de animais das especies sensibles con orixe nas comarcas sinaladas no anexo I e que teñan como destino explotacións (incluíndo os mercados gandeiros) do resto da comunidade autónoma, deben cumprirse as seguintes condicións:

-Os animais non terán signos clínicos da enfermidade no momento do embarque.

-O movemento realizarase preferentemente nas horas centrais do día ou da noite, e en todo caso fóra do horario de máxima actividade do vector.

-O transporte realizarase en vehículos desinsectados.

-Os animais obxecto de movemento deberán ser previamente tratados cun desinsectante ou repelente que garanta a súa desinsectación durante o transporte. Non será necesario o tratamento previo destes animais cando sexan trasladados directamente ao matadoiro para o seu sacrificio no prazo de 24 horas.

Nos movementos autorizados de animais para vida cara a explotacións ou feiras localizadas en comarcas diferentes das sinaladas no anexo I, deberá cumprirse, ademais das medidas de bioseguridade sinaladas no punto anterior, unha das seguintes condicións adicionais:

-Que se obtivese resultado negativo na realización dunha proba de reacción en cadea da polimerasa (PCR) realizada sobre unha mostra de sangue extraída como mínimo 14 días despois do inicio do período de protección do animal fronte ao ataque dos mosquitos mediante a aplicación dun tratamento desinsectante ou repelente eficaz. No caso de animais acabados de nacer, non será necesario cumprir o período mínimo dos 14 días indicados sempre que sexan protexidos fronte aos mosquitos desde o seu nacemento.

-Que se trate de animais da especie ovina e bovina maiores de tres meses de idade e vacinados con vacina inactivada fronte aos serotipos 1 e 8 do virus da lingua azul, podendo realizar o movemento cando transcorresen 70 días desde a aplicación da segunda dose vacinal que estableza a inmunidade fronte aos dous serotipos, ou ben se fixese unha toma de mostra a partir dos 25 días da aplicación da segunda dose vacinal que estableza a inmunidade, para a realización dunha proba de reacción en cadea da polimerasa, con resultados negativos.

No caso de que se realice traslado a unha feira e desde esta os animais teñan como destino directo un matadoiro, non será necesario o cumprimentio das mencionadas condicións adicionais indicadas nos dous parágrafos anteriores.

Terceiro.-A realización de feiras, mercados e concentracións gandeiras de animais das especies sensibles á lingua azul dentro do teritorio das comarcas veterinarias indicadas no anexo I requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, que actuará segundo as condicións epidemiolóxicas existentes.

Cuarto.-O movemento de gando bovino, ovino e cabrún con orixe en explotacións cualificadas sanitariamente pertencentes a calquera concello galego fóra das comarcas veterinarias referenciadas no anexo I, poderá realizarse no ámbito de toda Galicia, co documento acreditativo da cualificación sanitaria da explotación, nas mesmas condicións indicadas no segundo parágrafo do punto primeiro desta resolución.

Quinto.-As condicións para o movemento establecidas nos puntos primeiro, segundo e terceiro desta resolución serán de aplicación inmediata aos traslados que teñan como orixe calquera explotación doutra comarca veterinaria galega, cando sexan declarados nela focos de lingua azul.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Resolución do 5 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, pola que se ditan medidas en materia de movemento pecuario como consecuencia da declaración de zonas restrinxidas de lingua azul na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2008.

Antonio Santiago Oca Fernández

Director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria

Anexo I

Comarcas veterinarias da Comunidade Autónoma de Galicia en que foron declarados focos de lingua azul e concellos que as integran:

Provincia de Lugo:

Comarca veterinaria da Mariña Oriental.

Concellos de Barreiros, Ribadeo e Trabada.

Comarca veterinaria da Mariña Central.

Concellos de Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.

Comarca veterinaria de Meira.

Concellos da Pontenova, Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto.