DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

CORRECCIÓN de erros.-Orde do 19 de agosto de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización de servizos de aconsellamento por persoas titulares de explotacións agrarias e se convocan para o ano 2008.

Advertidos erros na devandita Orde do 19 de agosto de 2008, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 163, do 25 de agosto de 2008, cómpre facer as oportunas correccións:

-Na páxina 16.018, no artigo 3º, número 3, onde di: «…no artigo 3 do Decreto 237/2007…»; debe dicir: «…no artigo 3 do Decreto 235/2007…».

-Na páxina 16.018, no artigo 3º, número 6, onde di: «A axuda resultante da aplicación dos puntos 4 e 5 poderá incrementarse nas seguintes porcentaxes:

a) Ata nun 50% no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o contrato de explotación sustentable (CES) de acordo coa Orde do 25 de xaneiro de 2008.

b) Se a persoa solicitante está incluída nalgún ou varios dos seguintes programas, a axuda incrementarase acumulativamente nas porcentaxes indicadas:»; debe dicir: «A axuda resultante da aplicación dos puntos 4 e 5 poderá incrementarse nas seguintes porcentaxes:

a) Ata nun 50% no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o contrato de explotación sustentable (CES) de acordo coa orde reguladora deste. Neste caso o incremento virá condicionado a que a dita aprobación sexa anterior á data de certificación das axudas a que fai referencia esta orde.

b) Se a persoa solicitante non cumpre o punto anterior, e está incluída nalgún ou varios dos seguintes programas, a axuda incrementarase acumulativamente, e ata un total do 50% como máximo, nas porcentaxes indicadas:...».

-Na páxina 16.018, no artigo 3º, número 6, o punto i) debe quedar redactado como se cita a continuación: «i) Un 15% no caso dun programa de reprodución, incluído nos programas de xestión zootécnica, ou nun programa de xestión técnica agronómica de produción e sanidade vexetal recoñecidos segundo o artigo 5 letra c do Decreto 235/2007, así como no caso de estar incluído nunha agrupación de agricultores para tratamentos integrados (Atrias)».

-Na páxina 16.019, no artigo 3º, número 7, onde di: «…1.500 euros por beneficiario e servizo…»; debe dicir: «…1.500 euros por beneficiario e servizo de asesoramento completo…».

-Na páxina 16.019, no artigo 3º, engadirase o seguinte número:

«9. Para os efectos desta orde enténdese como:

-Servizo de aconsellamento completo o conxunto de actuacións levadas a cabo nunha explotación agraria por unha entidade de aconsellamento inscrita no Rexistro de Entidades con Servizos de Aconsellamento ou Xestión de Galicia (Resaxega), durante o período comprendido entre a data de presentación da solicitude, sempre e cando se ditase resolución aprobatoria da axuda sobre ese servizo, e os doce meses seguintes á data da súa aprobación. Estas actuacións incluirán as materias de obrigado cumprimento, indicadas no artigo 3º, número 2, e as indicadas no número 3 se así o solicitasen as persoas titulares de explotacións agrarias».

-Na páxina 16.019, no artigo 4º, letra c) onde di: «…indicando o número de servizos previsto, horas por concepto e custo final»; debe dicir: «… indicando o número de actuacións previstas no servizo, o obxecto da actuación, as unidades ou horas que lle corresponden, o seu valor e o custo final».

-Na páxina 16.019, no artigo 4º, engadirase a seguinte letra:

«e) No caso de que a persoa titular sexa unha entidade asociativa, para a xustificación do cumprimento do referido no artigo 5º, número 2, letras h) e i), deberase acreditar cunha certificación do seu presidente en que conste o nome das persoas socias, sexo e data de nacemento delas».

-Na páxina 16.019, no artigo 5º, número 3, onde di: «3. No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de persoas beneficiarias aprobaranse as axudas así ordenadas ata esgotar o orzamento. No caso de que se produza igualdade na puntuación priorizaranse as persoas titulares de explotacións de menor a maior renda e dentro destas, as explotacións que xeren un maior volume de emprego»; debe dicir: «No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de persoas beneficiarias aprobaranse as axudas primeiramente ás persoas titulares que cumpran o criterio a) deste número, seguidamente das persoas titulares que cumpran o criterio b), independentemente da puntuación que acaden. Se persiste a igualdade priorizaranse aquelas que cumprindo o criterio a) cumpren tamén o criterio b); atenderase a continuación á puntuación obtida por cada unha para establecer a orde de prioridade. O resto das solicitudes ordenaranse en función da puntuación exclusivamente, considerando que

de manterse a igualdade, terá preferencia a persoa titular que cumpra o criterio que achegue unha maior puntuación».

-Na páxina 16.020, no artigo 7º número 5, onde di:

«1.-Data e hora do servizo.

2.-Duración do servizo.

3.-Obxecto do servizo»; debe dicir:

«1.-Data e hora da actuación.

2.-Duración da actuación.

3.-Obxecto da actuación».

-Na páxina 16.023, na descrición do procedemento do impreso MR624A, onde di: «Axudas á utilización de servizos de aconsellamento por titulares de explotacións agrarias e forestais»; debe dicir: «Axudas á utilización de servizos de aconsellamento por titulares de explotacións agrarias».