DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de setembro de 2008 pola que se resolve a convocatoria da do 6 de maio, Diario Oficial de Galicia do 9 de maio, e se fai pública a concesión de bolsas de colaboración en departamentos das universidades do sistema universitario de Galicia destinadas ao alumnado de excelencia académica para o curso académico 2008-2009.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou pola Orde do 6 de maio de 2008, DOG do 9 de maio, bolsas de colaboración en departamentos das universidades do sistema universitario de Galicia, destinadas ao alumnado de excelencia académica, para o curso académico 2008-2009.

De acordo co establecido no artigo 7º das bases da convocatoria, desde o día 2 de xullo ao 14 de xullo de 2008, ambos os dous incluídos, expuxéronse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Rematado este prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, de acordo co establecido nas bases da convocatoria e atendendo á proposta elevada pola citada comisión avaliadora a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Facer pública a relación de candidatos que obtiveron bolsa e que se relacionan no anexo I desta orde coa contía que se especifica.

Artigo 2º

No suposto de producirse algunha renuncia, e tendo en conta o remanente de crédito previsto na orde de convocatoria, procederase a adxudicar a bolsa ás persoas que figuran na listaxe de seleccionados como suplentes, anexo II, e pola orde que nela figuran.

Artigo 3º

Os solicitantes que figuran no anexo III deberán considerar desestimada a súa solicitude, polas causas que nel se especifican.

Artigo 4º

Os beneficiarios están obrigados a cumprir as normas establecidas na orde da convocatoria, e a súa concesión queda, así mesmo, condicionada ao cumprimento dos requisitos establecidos nela.

Artigo 5º

O aboamento das bolsas efectuarase trimestralmente e por mensualidades completas, unha vez presentada, antes do 30 de outubro de 2008, a documentación á que fai referencia o artigo 13º das bases da convocatoria.

Artigo 6º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 de Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2008

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "19100D003P033.PDF"