DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.936

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convocan e se regulan, para o ano 2008, diversos premios para o recoñecemento daqueles traballos que en diversos ámbitos culturais contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio galego.

Tras a publicación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 231/2005, do 11 de agosto, polo que se establecen os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Emigración configúrase como o órgano superior da Administración da comunidade autónoma a que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega así como ao coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

O apoio á creatividade galega nos eidos da produción artística, literaria e da comunicación é un compromiso da Secretaría Xeral de Emigración que se reflicte no programa de premios convocados para este efecto. Que este apoio se concrete nesta convocatoria de premios, para os galegos residentes no exterior e para o recoñecemento daqueles traballos que no ámbito da comunicación e noutros ámbitos artísticos contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio galego no presente e ao longo da historia, contribúe a unha afirmación da nosa presenza cultural no mundo, da cal os principais axentes son as comunidades galegas espalladas por todos os continentes. Estas comunidades representan un valor fundamental e un mecanismo irrenunciable a través dos cales Galicia se fai visible nun mundo crecentemente globalizado e que contribúe de xeito notable a unha dobre función: a transcendencia internacional das manifestacións culturais galegas e o fortalecemento das nosas comunidades da

diáspora.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse os premios para o ano 2008, para o recoñecemento daqueles traballos que, en diversos ámbitos culturais, contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio galego, e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo I a esta resolución.

Artigo 2º

Para as actuacións derivadas desta convocatoria resérvase un crédito inicial de 28.000 €, con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.640.0-Accións de sensibilización emigración e inmigración, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Os premios quedarán sometidos á correspondente retención en concepto de IRPF de acordo co disposto na normativa vixente. O número total de premios é de dezaoito, cos importes para cada tipo e modalidade que se establecen no anexo I adxunto.

Artigo 3º

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2008.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Anexo I

Bases que rexen os premios convocados pola Secretaría Xeral de Emigración para o ano 2008

Bases xerais da convocatoria.

1. Obxecto:

Esta convocatoria de premios ten como obxecto a promoción da realización de actividades culturais e artísticas no seo das comunidades de galegos residentes no exterior, contribuíndo á súa dinamización cultural e á súa integración na vida social, artística e cultural de Galicia, e premiar aqueles traballos que no ámbito da comunicación e noutros ámbitos artísticos contribúan a un mellor coñecemento do fenómeno migratorio galego no presente e ao longo da historia.

2. Características:

A temática dos traballos presentados será o fenómeno migratorio ao longo da historia e, de xeito específico, o mundo da emigración galega considerado desde calquera perspectiva, agás que as bases específicas de cada concurso admitan temática libre.

3. Modalidades e premios:

Esta convocatoria abrangue os seguintes premios e modalidades:

3.1. Premio de fotografía.

3.1.1. Modalidade analóxica.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €

3.1.2. Modalidade dixital.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €

3.2. Premio belas artes.

3.2.1. Modalidade de pintura.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €

3.2.2. Modalidade de debuxo.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €.

3.3. Premio de comunicación.

3.3.1. Modalidade prensa escrita e dixital.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €.

3.3.2. Modalidade radio e televisión

Primeiro premio: 3.000 €.

Segundo premio: 2.000 €.

3.4. Premio de deseño de carteis.

Primeiro premio: 1.500 €.

Segundo premio: 1.000 €.

3.5. Premio á mellor páxina web creada polas entidades galegas no exterior.

Primeiro premio: 2.500 €.

Segundo premio: 1.500 €.

3.6. Premio á mellor revista editada polas entidades galegas no exterior.

Primeiro premio: 2.500 €.

Segundo premio: 1.500 €.

4. Participantes en cada modalidade:

4.1. Nos premios de fotografía e belas artes poderán participar os galegos, as persoas de orixe galega e os seus descendentes, así como os socios das entidades galegas que, sendo residentes fóra de Galicia, sexan autores de calquera traballo nas modalidades enumeradas nesta base.

4.2. Nos premios de comunicación e deseño de carteis poderá participar calquera autor ou entidade.

4.3. Nos premios de creación da mellor páxina web e de edición de revistas poderán participar todas as entidades galegas no exterior.

4.4. Non poderán obter a condición de beneficiarios as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo III desta convocatoria.

5. Condicións para a presentación das obras e documentación que se achegará:

5.1. Poderán optar aos premios os traballos orixinais e inéditos que non fosen premiados anteriormente noutros concursos, agás as excepcións que para cada premio se establezan.

5.2. Os participantes teñen a obriga de comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración a concesión de calquera outro premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza. A obtención doutro premio durante o proceso de resolución dará lugar á exclusión da obra desta convocatoria.

5.3. Cada autor poderá presentar un máximo de dous traballos por modalidade, agás que expresamente se estableza o contrario.

5.4. As obras deberán enviarse debidamente protexidas, sendo responsable o concursante da súa posible deterioración, se esta se producise con anterioridade á recepción do envío por parte da Administración.

As bases específicas de cada premio establecerán os requisitos e formas de presentación dos traballos.

5.5. Con carácter xeral, o orixinal de cada traballo presentado deberá ser remitido polo seu autor sen que figure a súa identidade en lugar visible. Constarán soamente no sobre ou envoltorio da obra ou traballo a expresión «Premios Secretaría Xeral de Emigración 2008», a modalidade do premio a que se opta, o título da obra ou traballo e o lema baixo o que o presenta.

Achegarase, no interior do sobre ou envoltorio da obra ou traballo, un sobre pechado no cal se faga constancia no exterior destes mesmos datos e que inclúa no interior a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento acreditativo da personalidade e nacionalidade do participante. No caso sinalado no número 4.1 deberase achegar a documentación xustificativa que acredite a súa orixe ou ascendencia galega ou a súa condición de socio de centro galego.

b) Ficha segundo modelo que figura como anexo a esta resolución (anexo II).

c) Declaración responsable de que os traballos que presentan son orixinais, inéditos e que se presentan por primeira vez a un concurso ou certame, agás as excepcións establecidas, así como de non estar incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

6. Lugar e prazo de presentación:

Os participantes remitirán os seus traballos á Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, nº 2, 15704 Santiago de Compostela. A Coruña).

O prazo de presentación de traballos rematará o 15 de novembro de 2008.

A Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com o texto íntegro desta convocatoria de premios, a composición do xurado e a relación de persoas ou entidades que resulten premiadas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, a presentación da solicitude comportará a autorización á Secretaría Xeral de Emigración para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia.

7. Ditame e resolución:

A Secretaría Xeral de Emigración nomeará para o efecto un xurado integrado por tres especialistas nas materias obxecto dos premios. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Subdirección Xeral de Comunidades Galegas.

O xurado elevará, na correspondente acta, unha proposta de concesión de premios para cada modalidade ao secretario xeral de Emigración. Este resolverá conceder os premios, sen que un mesmo autor poida acadar máis dun premio por modalidade.

Calquera premio poderá declararse deserto atendendo ao conxunto da calidade dos traballos presentados.

O prazo máximo para resolver esta convocatoria de premios será de tres meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

8. Criterios de valoración:

Para a valoración das obras ou traballos presentados o xurado basearase nos seguintes criterios:

-Calidade técnica e artística (50%).

-Importancia da temática en relación coa emigración galega (10%).

-Creatividade e orixinalidade da obra ou traballo (30%).

-Emprego da lingua galega (10%).

9. Difusión das obras premiadas:

9.1. A Secretaría Xeral de Emigración reservará para si o dereito de reproducir as obras premiadas, que quedarán na súa propiedade, para a súa utilización en actividades non comerciais. Os traballos e obras premiados serán obxecto de difusión a través da páxina web oficial da Secretaría Xeral de Emigración como medio para acadar a sensibilización sobre o fenómeno migratorio galego.

9.2. Os autores da obras presentadas e non premiadas poderán retiralas na Secretaría Xeral de Emigración, na rúa Basquiños nº 2, Santiago de Compostela, antes do 31 de decembro de 2008.

9.3. A participación nesta convocatoria de premios supón a aceptación total das normas contidas nas bases xerais e nas específicas de cada premio.

10. Xustificación e pagamento:

10.1. Para facer efectivo o pagamento do premio concedido, os beneficiarios deberán estar ao día tanto das súas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma e co Estado como das súas obrigas coa Seguridade Social.

10.2. No suposto dos premiados residentes no exterior, estes deberán achegar certificación de residencia fiscal, para os efectos da aplicación da retención do IRPF correspondente.

Bases específicas da convocatoria para as distintas modalidades de concurso público cultural.

1. Premio de fotografía.

1.1. Modalidade analóxica.

Poderán presentarse un máximo de tres fotografías por participante. As fotografías poderán compoñer unha mesma unidade (reportaxe) ou ser presentadas por separado.

1.2. Modalidade dixital.

Poderán presentarse un máximo de tres fotografías por participante, en calquera formato. Aceptarase todo tipo de tratamento dixital, retoques ou fotomontaxes.

Os traballos poderán presentarse en CD ou mediante o seu envío por correo electrónico ao enderezo entidadesgalegas@xunta.es, no cal figuren como arquivo anexo as fotografías presentadas a concurso, indicando no asunto da mensaxe «Premios SXE 2008- fotografía dixital». O resto da documentación exixida no número 5 será presentada consonte o establecido no dito número.

2. Premio belas artes.

2.1. Modalidade de pintura.

A temática, tamaño, soporte, técnica ou procedemento empregado na elaboración das obras presentadas será libre.

2.2. Modalidade de debuxo.

A temática, tamaño, soporte, técnica ou procedemento empregado na elaboración das obras presentadas será libre.

3. Premio de comunicación.

Poderanse presentar a este premio aqueles artigos xornalísticos publicados durante este ano 2007, tanto en prensa escrita como dixital, así como aqueles programas de radio ou televisión emitidos durante este ano.

3.1. Modalidade prensa escrita e dixital.

De cada traballo publicado en prensa presentaranse dúas copias do orixinal en papel tamaño DIN A4, mecanografados a dobre espazo, incluíndo un exemplar do medio en que se publicou o artigo.

3.2. Modalidade radio e televisión.

Para os programas de radio ou televisión achegaranse dúas copias en formato DVD que recollan a gravación do espazo presentado a concurso. Na portada respectiva sinalarase o medio e a data en que foi emitido o programa.

4. Premio de deseño de carteis.

Os carteis poderán ser executados mediante calquera técnica ou procedemento, sempre que sexa susceptible a súa reprodución por medios técnicos normais.

As dimensións non poderán superar os 50x70 cm, en calquera disposición. Os traballos deberán ser presentados sobre un soporte ríxido que faga factible a súa exposición.

Nos carteis deberá figurar espazo libre suficiente para inserir os logotipos oficiais.

Unha selección dos traballos presentados ao concurso poderá ser exposta ao público se así se estima conveniente, nas datas que se especificarán, sen necesidade de autorización expresa dos autores.

5. Premio á mellor páxina web creada polas entidades galegas no exterior.

Neste premio terán cabida os portais e páxinas web creadas ou editadas polas entidades galegas no exterior que non supoñan unha actividade de comercio electrónico.

O xurado valorará a calidade da páxina presentada a concurso así como o seu contido, deseño, orixinalidade e funcionalidade.

6. Premio á mellor revista editada polas entidades galegos no exterior.

Neste premio terán cabida as revistas editadas polas entidades galegas no exterior, calquera que sexa a súa periodicidade.

O xurado valorará a calidade da revista presentada a concurso así como o seu contido, deseño e orixinalidade.

As revistas deberán de ser publicadas durante os anos 2007-2008.

Ver referencia pdf "19100D002P028.PDF"