DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 02 de outubro de 2008 Páx. 17.914

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 19 de setembro de 2008 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, tendo a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza asignadas as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dándolle cumprimento a esta disposición, e así mesmo ao disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo acordou, en Asemblea Xeral de colexiados realizada o 15 de xullo de 2008, a aprobación dos seus estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo.

Apróbanse os estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, que figuran como anexo a esta orde.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Orde do 21 de abril de 2005 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos

da Provincia de Lugo

O exercicio das profesións colexiadas como a que desenvolven os licenciados en farmacia debe axustarse ás novidades introducidas pola Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais. Esa é a razón fundamental que xustifica a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo.

Na elaboración deste texto outorgouse especial relevancia ao Rexistro de Colexiados, estruturando a súa organización, determinando o réxime xurídico dos asentos rexistrais e identificando o responsable da súa xestión. Aínda que é certo que respecto das cuestións rexistrais se descende a un considerable grao de detalle, e esa regulación pormenorizada podería terse remitido a outras normas internas do colexio de inferior rango, tendo en conta a relevancia das novidades en materia de sociedades profesionais, optouse por incorporar aos estatutos unha regulación completa e detallada sobre a materia.

Doutra banda, en cumprimento do establecido na disposición adicional sexta da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, e tendo en conta o disposto no artigo 103.4º da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, e no artigo 10.1º da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica de Galicia, estes estatutos reflicten as limitacións das actividades profesionais que no ámbito farmacéutico poden exercer as sociedades profesionais. Posto que a Lei 2/2007 non modifica o réxime de titularidade das oficinas de farmacia, e como a lexislación sanitaria establece que só as persoas físicas poden ser titulares e propietarias dunha oficina de farmacia, estes estatutos incorporan ao seu texto esas decisións do lexislador.

A inscrición da sociedade profesional no Rexistro Colexial non implica en ningún caso a adquisición por esta dos dereitos políticos establecidos nestes estatutos e no Regulamento de réxime interior.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza do Colexio Oficial de Farmacéuticos.

1. O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, constituído con carácter representativo e estrutura democrática, é unha corporación de dereito público, recoñecido e amparado polo artigo 36 da Constitución e regulado pola lexislación estatal sobre colexios profesionais, así como pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e goza de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, con independencia das distintas administracións públicas, das que non forma parte, sen prexuízo das relacións que con estas lle corresponda.

2. O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo rexerase polo disposto na Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polos presentes estatutos, así como polos regulamentos de réxime interior que, se é o caso, se aproben e que non poderán ir contra o disposto nestes estatutos.

A participación dos colexiados na organización e no funcionamento do colexio desenvolverase, como mínimo, a través das seguintes vías:

a) Dereito ao sufraxio activo e pasivo para a elección dos membros dos órganos de goberno, de acordo con estes estatutos.

b) Dereito a promover actuacións dos órganos de goberno por medio de iniciativas formuladas nos termos previstos estatutariamente.

c) Dereito a, no seo do colexio, crear agrupacións representativas de intereses específicos, con sometemento, se é o caso, aos órganos de goberno do colexio.

d) Dereito a participar na Asemblea Xeral, con pleno dereito de sufraxio en todas as tomas de decisións que sexan competencia desta nos termos fixados nestes estatutos.

Artigo 2º.-Ámbito.

1. O ámbito de actuación do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo será a antedita provincia, na cal non poderá crearse outro da mesma profesión.

O colexio está integrado tanto polos licenciados en farmacia como polas sociedades profesionais que exerzan a profesión nas súas distintas modalidades dentro da provincia de Lugo e teñan o seu domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial desta provincia, sen prexuízo do disposto para os casos de exercicio profesional ocasional.

2. O colexio denominarase Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo e o seu domicilio social é a rúa Ramón y Cajal, 2-2º de Lugo, que poderá ser cambiado por acordo da Asemblea Xeral, mediante a tramitación da correspondente modificación estatutaria, sen prexuízo de que ocasionalmente poidan ter lugar reunións dos órganos de goberno en lugar distinto da sede colexial.

Artigo 3º.-Representación.

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo estará representado e coordinado a nivel autonómico polo Consello de Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Comunidade Autónoma de Galicia no suposto da súa creación, e no ámbito estatal e internacional polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España. As relacións entre o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España, ou Consello Autonómico, no suposto da súa creación, e o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo desenvolveranse atendendo aos principios de solidariedade e unidade profesional, cooperación, colaboración e coordinación.

TÍTULO II

Dos fins e das funcións

Artigo 4º.-Fins.

É fin esencial do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo a ordenación do exercicio da profesión dentro do marco legal respectivo, a representación dela e a defensa dos intereses profesionais dos colexiados. Ademais, terá os seguintes fins:

a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión.

b) Lograr a constante mellora do nivel de calidade da prestación profesional dos colexiados, promovendo a súa formación e perfeccionamento.

c) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio da profesión.

d) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 5º.-Funcións.

Correspóndelle ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, no seu ámbito territorial, o exercicio das funcións que lle atribúe a lexislación vixente na materia, e en concreto o artigo 9 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Sen prexuízo do anterior, estanlle atribuídas especificamente as seguintes:

1. Ordenar, no marco das leis e no ámbito da súa competencia, o exercicio da profesión, velando pola deontoloxía e dignidade profesional, vixiando o cumprimento das disposicións reguladoras do exercicio profesional nas súas diversas modalidades.

2. Cooperar cos poderes públicos na promoción do dereito á saúde e colaborar coas administracións públicas do seu ámbito territorial, para o cal poderán subscribirse acordos ou convenios no marco da normativa vixente.

3. Vixiar e facer cumprir toda a lexislación que afecte a profesión farmacéutica, podendo crear para tal fin unha comisión deontolóxica e dotarse dun servizo de inspección colexial.

4. Exercer as competencias que lle sexan atribuídas pola lexislación ou delegadas pola Administración.

5. Estimular a promoción científica, cultural, laboral e social da profesión, fomentando a solidariedade e o progreso profesional dos farmacéuticos colexiados.

6. Fomentar a investigación, pódense instalar laboratorios con fins docentes, formativos e para a práctica das análises e fórmulas maxistrais que lle sexan solicitadas e que, pola súa tecnoloxía especial, non poidan ser realizadas polos seus colexiados individual ou agrupadamente.

7. Editar toda clase de publicacións relacionadas co colexio ou a profesión.

8. Desempeñar no seu ámbito a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os intereses profesionais e fins do colexio, e pode outorgar poderes para a súa representación e defensa de conformidade coas leis.

9. Participar nos órganos consultivos e comisións das administracións públicas territoriais cando estea previsto nas disposicións aplicables ou aquelas o requiran.

10. Colaborar coas administracións, xulgados e tribunais mediante a realización de estudos, emisión de informes, ditames, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins.

11. Adoptar as medidas conducentes a evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal entre profesionais.

12. Constituír comisións no seo do colexio para as distintas modalidades de exercicio profesional.

13. Exercer a potestade disciplinaria sobre os colexiados, cando infrinxan os deberes profesionais ou as disposicións legais reguladoras do exercicio profesional no seu ámbito territorial. Así mesmo, exercerá a potestade disciplinaria sobre os colexiados ocasionais polas actuacións profesionais que estes realicen no seu ámbito territorial.

14. Elaborar os orzamentos do colexio e fixar as cotas de colexiación, ordinarias e extraordinarias, fixas ou variables e derramas que deben satisfacer os colexiados, así como as contraprestacións pecuniarias que deben aboar por actuacións que realice o colexio.

15. Intervir, logo de solicitude, en vía de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre colexiados, así como naquelas que, promovidas entre colexiados e terceiros, lles sexan sometidas para a súa resolución.

16. Organizar e prestar cantos servizos e actividades de asesoramento científico, xurídico, administrativo, laboral e fiscal ou de calquera outra natureza fosen necesarios para a mellor orientación e defensa dos colexiados no exercicio profesional e non no particular e privado.

17. Realizar, respecto do seu patrimonio, e sen exclusión, toda clase de actos de disposición, administración e gravame, coa autorización da Asemblea Xeral.

18. Establecer acordos de cooperación cos demais colexios, consellos de colexios e co Consello Xeral de Colexios, tanto no ámbito da profesión farmacéutica como nos doutras profesións tituladas, así como concellos, deputacións e outros organismos.

19. Establecer e regular, se é o caso, a publicidade que poidan realizar os colexiados nas modalidades de exercicio da profesión que sexan susceptibles de facela, sen prexuízo da normativa reguladora en materia de publicidade sanitaria.

20. Regular as autorizacións de rótulos e carteis anunciadores e indicadores de oficinas de farmacia, en orde exclusivamente a facilitar a súa localización polos usuarios.

21. No marco da normativa vixente, ordenar, regulamentar e controlar os horarios oficiais que, con carácter de mínimos e máximos, se establezan para a apertura e peche das oficinas de farmacia con facultade para exixir o seu cumprimento, e organizar as correspondentes quendas de urxencia, así como as de vacacións, co fin de garantir en todo momento a continuidade na prestación asistencial e sanitaria farmacéutica á comunidade polas oficinas de farmacia.

22. Xestionar, efectuar, tramitar e presentar, como órgano de representación exclusivo dos intereses profesionais da totalidade dos farmacéuticos titulares e propietarios das oficinas de farmacia, sempre que se axuste á legalidade vixente na materia, a facturación e liquidación, polas dispensacións de medicamentos e demais produtos sanitarios efectuadas polas oficinas de farmacia ao sistema nacional de saúde e demais entidades concertadas.

Corresponderalles unicamente aos titulares propietarios de oficina de farmacia coñecer, debater e aprobar o texto en que se fixan as condicións establecidas para a prestación farmacéutica a través das oficinas de farmacia, que se poidan concertar coa Administración sanitaria ou outras entidades. Para estes efectos, a convocatoria para a súa aprobación irá dirixida única e exclusivamente a este grupo de colexiados.

23. Autorizar o nomeamento de directores técnicos, substitutos, adxuntos e rexentes das oficinas de farmacia, así como das restantes modalidades de exercicio profesional de acordo coa normativa vixente en cada caso.

24. Redactar e aprobar, coa autorización da Asemblea Xeral, os regulamentos de orde interna que se xulguen convenientes para o bo funcionamento do colexio en canto non se opoñan ao disposto nestes estatutos.

25. Facilitarlles aos colexiados os libros recetarios, de estupefacientes e, en xeral, todos aqueles impresos que sexan necesarios para a boa marcha do seu exercicio profesional.

26. Tomar nota dos títulos de licenciado en farmacia, doutor, especialista, así como dos diplomas de cursos de formación e deixalos anotados nos conseguintes libros rexistro.

27. Participar coas facultades de farmacia no desenvolvemento das prácticas tuteladas, na realización de cursos de especialización e formación continua dos farmacéuticos, colaborando, se é o caso, na elaboración dos plans de estudo.

28. As demais que estean previstas nas leis ou poidan serlle delegadas ou encomendadas polas administracións públicas no seu ámbito territorial.

TÍTULO III

Da incorporación ao colexio

Artigo 6º.-A colexiación.

1. A colexiación perfecciónase, e lexitima para o exercicio da actividade profesional, cando, ademais de admitir o solicitante, se practique a inscrición no rexistro do colexio.

2. Con carácter xeral, para as persoas físicas será requisito indispensable para o exercicio da profesión farmacéutica na provincia de Lugo, en calquera das súas modalidades, estar en posesión do título universitario de licenciado en farmacia, así como a plena incorporación a un colexio oficial de farmacéuticos do territorio nacional. Para o caso das sociedades profesionais, observarase o disposto na súa lexislación sectorial, sen prexuízo do establecido nestes estatutos.

3. A inscrición dunha sociedade profesional non exime da obrigatoria colexiación das persoas físicas, polo que tamén deberán ter a súa propia colexiación os socios profesionais que formen parte dela, así como os profesionais non socios que actúen pola sociedade.

4. Para os efectos de exixir a colexiación obrigatoria con carácter previo ao comezo da correspondente actividade, entenderase que exerce a profesión a persoa física licenciada en farmacia ou a sociedade profesional que realice calquera das actividades que o ordenamento xurídico determine como propias da profesión farmacéutica.

5. Os profesionais ao servizo da Administración pública rexeranse polo establecido no artigo 3 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. Terán a obriga de estar colexiados, así mesmo, cando se dediquen ao exercicio da actividade privada.

6. Para exercer a súa profesión no ámbito territorial da provincia de Lugo, os farmacéuticos nacionais dun Estado membro da Unión Europea deberán incorporarse ao Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, nos mesmos termos que quen teña nacionalidade española.

7. Así mesmo, os nacionais de Estados non membros da Unión Europea deberán cumprir os requisitos establecidos nestes estatutos e, de ser o caso, proceder á validación de títulos universitarios e demais requisitos establecidos pola lexislación vixente para a súa incorporación a este colexio.

8. Para a súa incorporación ao colexio e ao exercicio da profesión en calquera das súas modalidades, os farmacéuticos a que se fai referencia nos números 6 e 7 deste artigo deberán acreditar o coñecemento dalgunha das linguas oficiais da comunidade autónoma. No caso das sociedades profesionais, deberán achegar esa documentación respecto das persoas físicas que desenvolvan labores de atención ao público.

Artigo 7º.-A solicitude e os requisitos xerais para a colexiación.

1. Na solicitude de colexiación, o interesado deberá especificar a concreta actividade ou actividades que vaia desenvolver.

2. Para a admisión no Colexio Oficial de Farmacéuticos, xunto coa instancia que solicita a colexiación, acreditarase o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos Estados membros da Unión Europea. No caso de nacionais de Estados non membros da Unión Europea, observarase o disposto pola vixente lexislación na materia, debe acreditarse en todo caso que se dispón de permiso de residencia e/ou de traballo para a sua admisión.

b) No caso das persoas físicas, estar en posesión do título de licenciado en farmacia e, de ser o caso, dos títulos, diplomas e documentos que legalmente o habiliten para o exercicio da modalidade ou especialización correspondente. O título de doutor en farmacia, non acompañado do correspondente título de licenciado en farmacia, non habilitará nin facultará para o exercicio profesional. Para os nacionais dun Estado membro da Unión Europea, en canto a diplomas, certificados e outros títulos, haberá que aterse ao disposto na lexislación vixente, e igualmente para nacionais de Estados non membros da Unión Europea.

c) Satisfacer a cota de ingreso correspondente.

d) Carecer de antecedentes que inhabiliten para o exercicio profesional.

e) Acreditar fidedignamente os títulos ou nomeamentos civís, laborais ou administrativos, que en cada caso xustifiquen o tipo de exercicio para o cal se solicita a colexiación, de conformidade cos requisitos exixidos.

f) Acreditar fidedignamente a súa identidade.

g) Cando se trate dunha sociedade profesional, deberá acreditar ademais a previa inscrición no Rexistro Mercantil, presentar unha copia fidedigna dos seus estatutos e acreditar a colexiación dos que sexan socios profesionais da persoa xurídica. Ademais, deberá entregar unha copia fidedigna da póliza de seguro de responsabilidade civil que contrate.

3. Cando o solicitante proceda doutro colexio oficial de farmacéuticos, deberá acompañar un certificado do colexio de procedencia acreditativo de:

a) Baixa colexial.

b) Modalidades de exercicio profesional ou especializacións da profesión de que teña constancia.

c) Que está ao día do pagamento das cotas colexiais.

d) Que non se lle impuxo sanción disciplinaria firme de expulsión ou de atoparse suspenso no exercicio da profesión.

Artigo 8º.-As modalidades de colexiación.

Segundo as particulares circunstancias que concorran en cada caso, na incorporación ao colexio distinguiranse as seguintes modalidades:

1. Por razón da actividade: exercente ou non exercente.

2. Por razón da natureza do suxeito: persoas físicas ou persoas xurídicas, exclusivamente no caso das sociedades profesionais constituídas conforme a Lei 2/2007, do 15 de marzo.

3. Por razón do sector de actividade profesional, nunha ou varias das seguintes actividades, segundo proceda:

a) Titularidade e propiedade dunha oficina de farmacia, con independencia de que a titularidade e propiedade sexa individual, ou en réxime de cotitularidade e copropiedade.

b) Adxuntos, substitutos e rexentes de oficinas de farmacia.

c) Alimentación e dermofarmacia.

d) Análises clínicas.

e) A distribución e industria de medicamentos de uso humano.

f) A docencia ou a investigación.

g) A produción, distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

h) Óptica oftálmica, optometría e acústica audiométrica.

i) Ortopedia.

j) Servizo farmacéutico de hospital e atención primaria.

k) Farmacéutico titular, farmacéutico de saúde pública e farmacéutico na Administración.

Artigo 9º.-Os colexiados exercentes e non exercentes.

1. Serán colexiados exercentes as persoas físicas que desempeñen unha actividade profesional en calquera modalidade para a cal as faculte o seu título universitario de licenciadas en farmacia, e as sociedades profesionais nos termos establecidos na súa lexislación sectorial e nestes estatutos.

2. Son colexiados non exercentes aqueles farmacéuticos que, estando colexiados, non exercen ningunha actividade profesional para a cal os faculta o seu título universitario de licenciado en farmacia. A súa incorporación e pertenza ao colexio será voluntaria mentres persista esta situación.

Artigo 10º.-A concreta actividade profesional das persoas físicas.

1. As persoas físicas que se incorporen como exercentes poderán inscribirse nalgunha das seguintes subseccións do rexistro:

a) Titularidade e propiedade dunha oficina de farmacia, con independencia de que a titularidade e propiedade sexa individual, ou en réxime de cotitularidade e copropiedade.

b) Adxuntos, substitutos e rexentes de oficinas de farmacia.

c) Alimentación e dermofarmacia.

d) Análises clínicas.

e) A distribución e industria de medicamentos de uso humano.

f) A docencia ou a investigación.

g) A produción, distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

h) Óptica oftálmica, optometría e acústica audiométrica.

i) Ortopedia.

j) Servizo farmacéutico de hospital e atención primaria.

k) Farmacéutico titular, farmacéutico de saúde pública e farmacéutico na administración.

2. Só os farmacéuticos colexiados que sexan persoas físicas poderán ser titulares e propietarios ou copropietarios, con títulos fidedignos, de oficinas de farmacia legalmente establecidas.

A cesión, traspaso ou transmisión dunha oficina de farmacia soamente poderá realizarse a favor doutro ou outros farmacéuticos que sexan persoas físicas e de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación vixente.

3. Os titulares propietarios, adxuntos, substitutos e rexentes dunha oficina de farmacia exercerán persoalmente nela a súa profesión, e non poderán participar na titularidade-propiedade de ningunha outra.

4. Para o desempeño de especialista farmacéutico nos servizos hospitalarios será necesario estar en posesión do título da especialidade correspondente.

Artigo 11º.-A concreta actividade profesional das sociedades profesionais.

As sociedades profesionais que se incorporen como exercentes poderán inscribirse nalgunha ou nalgunhas das seguintes subseccións do rexistro:

a) Alimentación e dermofarmacia.

b) Análises clínicas.

c) Docencia e investigación.

d) Distribución e industria de medicamentos de uso humano.

e) Produción, distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

f) Óptica oftálmica, optometría e acústica audiométrica.

g) Ortopedia.

Artigo 12º.-O exercicio profesional que no ámbito territorial do colexio teña carácter ocasional.

1. Cando os colexiados noutros colexios oficiais de farmacéuticos pretendan exercer unha actividade profesional no ámbito deste, en virtude de exercicio de actividades compatibles, dentro dos límites establecidos na lei e nestes estatutos, o colexio de procedencia, logo de petición do interesado, deberá remitir unha comunicación en que conste:

a) Que está colexiado naquel, especificando, de ser o caso, a concreta actividade ou actividades desenvolvidas.

b) Que non se atopa inhabilitado por sentenza firme nin suspendido por sanción disciplinaria firme para o exercicio profesional.

2. Estes colexiados terán os dereitos establecidos nestes estatutos, agás os recollidos nas letras d), e), f) e i) do número 1º do artigo 25.

3. Cando teñan algunha débeda pendente con este colexio deberán satisfacela previamente e están exentos de pagamento de cota colexial mentres dure a situación, deben comunicar o seu cesamento ao producirse.

Artigo 13º.-Resolución das solicitudes de colexiación.

1. Presentada unha solicitude de incorporación ao colexio, na cal non consten todos os requisitos exixidos, concederase ao interesado un prazo de dez días hábiles para a súa emenda, coa advertencia de arquivo da solicitude, sen máis trámite, se esta non se completa.

2. Instruído o expediente de colexiación, a admisión solicitada someterase á decisión da primeira Xunta de Goberno que teña lugar que, mediante resolución, aceptará ou denegará motivadamente a solicitude. A resolución seralle notificada ao interesado na forma prevista na lexislación estatal reguladora do procedemento administrativo común e farase pública no ámbito colexial.

3. Transcorridos tres meses desde a solicitude de colexiación, ou seis meses por prórroga expresa, sen notificarse a resolución ao interesado, a súa petición entenderase estimada e conforme o dereito, sempre que concorran todos os requisitos exixidos nestes estatutos.

4. Contra os acordos das xuntas de goberno, que admiten ou denegan as solicitudes de colexiación, poderán os interesados interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Farmacéuticos de Galicia, no caso da súa creación, ou do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

5. As solicitudes de colexiación serán denegadas cando non se cumpran os requisitos exixidos, non se achegue toda a documentación requirida, ou cando esta ofreza dúbidas razoables sobre a súa autenticidade.

6. Cando un colexiado vexa alterada a modalidade ou concreta actividade de exercicio profesional que desempeña, deberá solicitar da Xunta de Goberno que o autorice para cambiar á nova modalidade de exercicio profesional e inscribirse na subsección do rexistro que corresponda, entregando os títulos civís, laborais ou administrativos que en cada caso xustifican o referido cambio.

7. A Xunta de Goberno do colexio só outorgará a autorización cando o interesado cumpra todos os requisitos de colexiación para a modalidade ou actividade profesional de que se trate. Unha vez outorgada a autorización, procederase á práctica dos correspondentes asentos no rexistro.

8. Contra as resolucións da Xunta de Goberno poderase interpoñer recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Farmacéuticos de Galicia, no caso da súa creación ou do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

9. Por razón xustificada de especial urxencia, poderán autorizarse altas, baixas e cambios de modalidade con carácter provisional que, en todo caso, deberán ser ratificados pola Xunta de Goberno.

Artigo 14º.-O Rexistro dos Colexiados.

1. Unha vez estimada a solicitude de incorporación ao colexio, procederase de oficio á súa inscrición na sección do rexistro que corresponda. A inscrición neste rexistro ten por finalidade posibilitar que o colexio exerza todas as súas competencias, en particular no que atinxe á deontoloxía, ás incompatibilidades e á potestade disciplinaria. Non se poderá iniciar o exercicio da actividade profesional ata que se practique a inscrición no rexistro do colexio.

2. O rexistro é público e calquera persoa pode consultar o seu contido e solicitar a obtención de copias, sen prexuízo de que poida exixirse o aboamento das taxas correspondentes. No entanto deberá cumprirse o establecido na normativa de protección de datos.

3. O mantemento de Rexistro de Colexiados depende da Secretaría do colexio, á cal lle corresponde a súa dirección, xestión e coordinación. É igualmente competencia da Secretaría Xeral a custodia e o arquivo da documentación orixinal e xustificativa, a práctica das inscricións, cancelacións e demais anotacións rexistrais, ou expedir as certificacións que se soliciten.

4. Tamén lle corresponde a remisión periódica de información ao Ministerio de Xustiza e á Xunta de Galicia das inscricións de sociedades profesionais practicadas no rexistro, para o efecto da publicidade que se divulgue a través dun portal na internet baixo a responsabilidade do Ministerio de Xustiza.

Artigo 15º.-As seccións e subseccións do Rexistro de Colexiados.

1. O Rexistro de Colexiados é único e constará das seguintes seccións:

a) Sección 1ª: colexiados persoas físicas.

b) Sección 2ª: colexiados sociedades profesionais.

2. A sección 1ª de Colexiados Persoas Físicas organízase nas seguintes subseccións:

a) Titularidade e propiedade dunha oficina de farmacia, con independencia de que a titularidade e propiedade sexa individual, ou en réxime de cotitularidade e copropiedade.

b) Adxuntos, substitutos e rexentes de oficinas de farmacia.

c) Alimentación e dermofarmacia.

d) Análises clínicas.

e) A distribución e industria de medicamentos de uso humano.

f) A docencia ou a investigación.

g) A produción, distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

h) Óptica oftálmica, optometría e acústica audiométrica.

i) Ortopedia.

j) Servizo farmacéutico de hospital e atención primaria.

k) Farmacéutico titular, farmacéutico de saúde pública e farmacéutico na Administración.

l) Non exercentes.

3. A sección 2ª de Colexiados Persoas Xurídicas constituídas baixo a forma de sociedade profesional organízase nas seguintes subseccións:

a) Alimentación e dermofarmacia.

b) Análises clínicas.

c) Docencia e investigación.

d) Distribución e industria de medicamentos de uso humano.

e) Produción, distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

f) Óptica oftálmica, optometría e acústica audiométrica.

g) Ortopedia.

Artigo 16º.-A documentación do rexistro.

1. En cada sección do rexistro distinguirase:

a) Un libro de rexistro.

b) Un arquivo de documentación, que conterá a presentada polos solicitantes que sexan admitidos como membros do colexio.

2. No libro que corresponda, composto por follas, numeradas correlativamente, reflectirase a información individualizada de cada colexiado mediante unha ficha de inscrición, co seu correspondente número rexistral diferenciado, identificando a subsección á(s) que pertence.

Artigo 17º.-A práctica de asentos no rexistro.

1. No rexistro practicaranse os seguintes asentos:

a) Inscrición.

b) Anotación complementaria.

c) Cancelacion.

d) Anotación de rectificación.

e) Notas marxinais.

2. Os asentos practicaranse de oficio polo encargado do rexistro. No entanto, quen teña un interese lexítimo, poderá instar a práctica do asento.

Artigo 18º.-O contido dos asentos de inscrición dos colexiados que sexan persoa física.

1. O contido mínimo dos asentos de inscrición será o seguinte:

a) Nome e apelidos do colexiado.

b) Os datos de data e lugar de expedición do título de licenciado en farmacia e, de ser o caso, os do doutoramento.

c) Domicilio para o efecto das notificacións colexiais.

2. Cando dentro da sección de colexiados que sexan persoa física, a inscrición se realice na subsección de titulares e propietarios de oficinas de farmacia, deberá deixarse constancia ademais dos seguintes datos:

a) Data de outorgamento da autorización do establecemento sanitario. Ademais deberá conservarse copia da autorización sanitaria no arquivo de documentación.

b) No caso de que exista copropiedade e cotitularidade da oficina de farmacia, ademais do nome e apelidos de todos os interesados, deberá indicarse cal é a distribución de dereitos, obrigas e responsabilidades, precisando a porcentaxe que corresponde a cada copropietario e cotitular.

c) Enderezo en que estea localizada a oficina de farmacia.

3. No arquivo de documentación conservarase copia dos títulos de licenciatura e doutoramento.

Artigo 19º.-O contido dos asentos de inscrición dos colexiados que sexan unha sociedade profesional.

1. O contido mínimo dos asentos de inscrición será o seguinte:

a) A denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Número de identificación fiscal da sociedade profesional.

c) Data e indicación identificativa da escritura pública de constitución e do notario autorizante; e duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado.

d) A concreta actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social, dentro dos límites impostos pola normativa sanitaria vixente.

e) Identificación dos socios profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiado e colexio profesional de pertenza.

f) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación da sociedade, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

g) Número da póliza e, entidade con que a sociedade profesional contrate o seguro de responsabilidade civil e capital asegurado.

h) O domicilio da sociedade profesional para efecto das notificacións colexiais.

2. No arquivo de documentación deberá conservarse a escritura de constitución (abondará a primeira copia), así como a certificación da inscrición da sociedade profesional no Rexistro Mercantil.

3. No caso de producirse algunha modificación da sociedade profesional, deberá ser notificada no prazo de 15 días ao rexistro do colexio. Para eses efectos, enténdese por modificación o cesamento ou nomeamento de administradores, o cambio dos socios, a modificación do contrato social, ou calquera outra alteración que deba ter reflexo no Rexistro Mercantil. O cómputo do prazo de 15 días aplicarase desde a práctica do correspondente asento no Rexistro Mercantil.

Artigo 20º.-As anotacións complementarias no rexistro.

Producirase a anotación complementaria nos seguintes casos:

a) Cando se lle impuxese unha sanción disciplinaria ao colexiado, sexa persoa física ou sociedade profesional. Para a práctica dese asento será necesaria a firmeza da sanción.

b) Cando o colexio reciba notificación das sentenzas xudiciais firmes, ou resolucións administrativas que gañen firmeza, polas que se anule unha sanción disciplinaria.

c) Cando o colexio reciba notificación das sentenzas xudiciais firmes, en que se impoña unha sanción penal que afecte o exercicio profesional.

d) Cando o colexio reciba notificación das sentenzas xudiciais firmes, ou resolucións administrativas que gañen firmeza en vía administrativa, ditadas sobre autorizacións de apertura, funcionamento, ampliación, modificación, traslado, transmisión ou peche dalgunha oficina de farmacia.

e) Cando o colexio reciba notificación das medidas cautelares adoptadas polos xuíces ou tribunais, ou pola Administración competente, que producen a suspensión da vixencia das mencionadas autorizacións.

f) Cando se produzan modificacións na sociedade profesional que afecten as circunstancias que constan no asento de inscrición. Nese sentido, e entre outras circunstancias, dará lugar á práctica dunha anotación complementaria calquera cambio de socios e administradores, ou calquera modificación do contrato social.

g) Calquera outra medida que afecte aos asentos de inscrición practicados no rexistro.

Artigo 21º.-Os asentos de cancelación.

1. Practicarase o asento de cancelación da inscrición cando se produza a baixa dalgún colexiado.

2. No caso das sociedades profesionais, procederá igualmente o asento de cancelación da inscrición cando se produza a súa extinción.

3. Cando se extinguisen as responsabilidades derivadas da imposición dunha sanción disciplinaria, cancelarase a correspondente anotación complementaria.

4. Tamén se practicará o asento de cancelación correspondente cando por calquera circunstancia se produza a total e definitiva perda de eficacia do acto de autorización da oficina de farmacia.

5. En todo caso, a práctica do asento de cancelación non eximirá ao colexio do deber de conservar a inscrición e ulteriores asentos, e mantelos accesibles á súa pública consulta.

Artigo 22º.-Os asentos de rectificación.

1. Os erros materiais, de feito ou aritméticos, que se detecten no contido dos asentos practicados, serán rectificados, de oficio ou por instancia de parte, polo propio encargado do rexistro mediante a anotación de rectificación.

2. Os erros que deriven dos asentos do rexistro deberán corrixirse de conformidade co establecido na lexislación estatal do procedemento administrativo común e a seguir practicarase a anotación de rectificación.

Artigo 23º.-As notas marxinais.

Farase constar mediante nota marxinal calquera outro acto ou resolución que pola súa natureza deba facerse constar no rexistro.

Artigo 24º.-Réxime xurídico dos actos e actuacións do rexistro.

1. Cando para a práctica dun asento non consten todos os datos e requisitos exixidos, concederáselle ao interesado un prazo de dez días hábiles para que corrixa a omisión, coa advertencia de cualificación negativa da práctica do asento e o arquivo das actuacións, se non se completa a documentación requirida.

2. A Secretaría, encargada do rexistro, cualificará negativamente a práctica do asento cando non se axuste ao establecido nestes estatutos. Cando a cualificación sexa positiva, practicará o asento que corresponda.

3. Para que produza efectos, a cualificación negativa realizada pola Secretaría encargada do rexistro deberá ser confirmada pola Xunta de Goberno.

4. Contra a cualificación negativa para a práctica dun asento rexistral que fose confirmada pola Xunta de Goberno, poderán os interesados interpoñer, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o Consello de Colexios de Farmacéuticos de Galicia, no caso da súa creación, ou o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

TÍTULO IV

Dos estatutos dos colexiados

Artigo 25º.-Os dereitos dos colexiados.

1. Desde o momento da súa incorporación ao colexio profesional, todo colexiado terá dereito a:

a) Exercer a profesión dentro dos preceptos sinalados nestes estatutos e demais disposicións que regulen o exercicio profesional.

b) Ser asistido e asesorado polo colexio, de acordo cos medios de que este dispoña, en cantas cuestións se susciten fronte a terceiros por razón do seu exercicio profesional e que a Xunta de Goberno considere de interese para a profesión.

c) Recibir as circulares, notificacións, comunicacións e demais documentación que acorde remitir o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, o Consello de Colexios de Farmacéuticos de Galicia, no caso da súa creación, e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

d) Ter dereito a obter certificación dos libros de actas e contablidade xeral, en presenza dun membro da Xunta de Goberno ou de quen sexa delegado por esta.

e) Só os colexiados persoas físicas poderán participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer o dereito de petición, voto e acceso a postos e cargos directivos mediante os procedementos e co cumprimento dos requisitos que se establecen nestes estatutos.

f) Participar no uso e desfrute dos bens e servizos colexiais, dentro das normas reguladoras inevitablemente exixidas pola súa natureza colectiva.

g) Ser recibido, por petición propia, polo presidente e demais membros da Xunta de Goberno, de acordo coas normas establecidas para ese caso.

h) Dereito a asociarse e agruparse no seo do colexio con fins profesionais con sometemento en todo caso aos seus órganos de goberno.

i) Actuar no exercicio da súa profesión con toda liberdade e independencia, sen outras limitacións que as impostas polas leis e polas normas disciplinarias, e poden para tal efecto recadar e obter do colexio e, se é o caso, do respectivo Consello Autonómico e Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos a protección da súa lícita actuación, baixo o amparo da Constitución.

j) Serlle expedida certificación sobre os feitos e circunstancias do seu exercicio profesional de que teña constancia documentada o colexio.

2. Para o exercicio dos seus dereitos colexiais, as sociedades profesionais designarán a persoa que as represente, deben quedar constancia no Rexistro Colexial do nome e apelidos da persoa designada e, de ser o caso, dos seus substitutos. En calquera caso, a designación debe recaer na persoa dalgún dos socios profesionais que formen parte do órgano de administración da sociedade profesional.

3. No exercicio dos dereitos de participación establecidos no punto 1.f) deste mesmo precepto, a condición de socio profesional dunha sociedade profesional non privará á persoa física dos dereitos que individualmente lle corresponden como colexiado.

Artigo 26º.-Deberes dos colexiados.

Desde a súa incorporación ao colexio, todo colexiado contrae os seguintes deberes:

a) Cumprir estritamente, en calquera das modalidades admitidas para o exercicio da profesión farmacéutica, o disposto na lexislación sanitaria e do medicamento, nestes estatutos e nos xerais da profesión farmacéutica, así como acatar as decisións do colexio cando fosen axustadas a dereito.

b) Respectar e gardar o segredo profesional, considerado coma un dereito e un deber do farmacéutico.

c) Exercer a profesión ou modalidade desta a que se dedique, procurando en todo momento realizar coa máxima eficacia as tarefas sanitarias e asistenciais que lle sexan propias, de acordo cos criterios básicos do uso racional dos medicamentos establecidos nas leis e nas directrices deste colexio, do Consello Autonómico, no caso da súa creación, e do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

d) Esforzarse por ofrecer unha elevada calidade nas súas actuacións profesionais, mediante unha formación permanente que actualice os seus coñecementos.

e) Poñer en coñecemento do colexio os actos de intrusismo ou de exercicio ilegal e calquera outro profesionalmente reprobable de que tivese coñecemento.

f) Evitar toda clase de convenios e acordos ou pactos con outras profesións sanitarias ou con entidades públicas ou privadas que teñan por obxecto lucrarse coa recomendación e ordenación dos seus respectivos servizos e impida a liberdade de elección do usuario.

g) Tramitar por conduto do colexio, que lle dará curso co seu preceptivo informe, toda petición ou reclamación que se teña que formular ao Consello Autonómico, caso da súa creación, ou ao Consello Xeral, e poñer no coñecemento do colexio todas as iniciativas que afecten a actividade profesional.

h) Solicitar o oportuno cambio no Rexistro Colexial cando se produza variación no seu exercicio profesional.

i) Comunicarlle puntualmente ao colexio os cambios de domicilio, así como calquera outra variación de tipo burocrático ou administrativo que afecte a súa situación colexial.

j) Someter á consideración e aprobación, se é o caso, do colexio, calquera clase de propaganda e publicidade que lle interese realizar sobre establecementos e servizos profesionais relacionados con calquera clase de exercicio da profesión.

k) Respectar os prezos de venda das especialidades farmacéuticas determinados pola lexislación vixente.

l) Cumprir estritamente as funcións de adquisición, custodia, subministración, control e dispensación de medicamentos tanto de uso humano como de uso animal, mediante a presenza obrigada e actuación profesional dos farmacéuticos necesarios para unha correcta asistencia, tanto na oficina de farmacia coma nos servizos de farmacia hospitalaria, boticas anexas ou depósitos de medicamentos, almacéns de distribución, de medicamentos, establecementos comerciais detallistas e agrupacións gandeiras autorizados para a venda de medicamentos de uso animal.

m) Cumprir os horarios, quendas de garda e servizos de urxencia establecidos aos farmacéuticos propietarios de oficinas de farmacia, rexentes ou substitutos.

n) Propoñer o nomeamento de substitutos, rexentes ou adxuntos, nos casos exixidos polas leis.

o) Non difundir informacións que se declaren confidenciais, conforme a lexislación sanitaria e normativa legal.

p) Aboar as cotas colexiais regulamentariamente establecidas.

Artigo 27º.-Normas básicas de deontoloxía profesional.

Todo colexiado absterase de:

a) Realizar actividades profesionais incompatibles a teor do disposto pola normativa legal vixente.

b) Desempeñar calquera clase de intereses económicos directos cos laboratorios farmacéuticos, por parte do farmacéutico con exercicio profesional nos establecementos e servizos de atención farmacéutica previstos no artigo 51 da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Preparar remedios secretos.

d) Comercializar medicamentos non autorizados.

e) Ofrecer primas, obsequios, concursos ou actos similares como método de venda ao público dos medicamentos.

f) Realizar calquera actuación expresamente prohibida polas leis e a normativa colexial.

g) Realizar calquera outra actuación que atente contra a deontoloxía profesional.

Artigo 28º.-Perda da condición de colexiado.

1. A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Pasamento do colexiado ou extinción da sociedade profesional.

b) Baixa voluntaria comunicada por escrito.

c) Perda dos requisitos para a colexiación, probada mediante expediente con audiencia do interesado.

d) Expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario unha vez firme.

e) Condena xudicial firme que comporte a accesoria de inhabilitación profesional.

f) Falta de pagamento de seis meses, logo de requirimento fidedigno efectuado ao interesado.

2. A perda de condición de colexiado non liberará o interesado do cumprimento das obrigas vencidas, nin do pagamento das cotas ordinarias e extraordinarias impostas antes de que a baixa tiver lugar.

3. As decisións referidas á perda da condición de colexiado adoptadas pola Xunta de Goberno poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Consello Autonómico, no caso da súa creación, ou o Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos.

TÍTULO V

Dos órganos colexiais

Artigo 29º.-Órganos do colexio.

Os órganos colexiais son: a Asemblea Xeral, a Presidencia e a Xunta de Goberno.

Artigo 30º.-A Asemblea Xeral.

1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo e soberano de representación e expresión da vontade dos colexiados e estará constituída pola totalidade destes no exercicio dos seus dereitos corporativos.

2. Correspóndenlle á Asemblea Xeral as seguintes atribucións básicas:

a) Aprobación e modificación dos estatutos e regulamentos de réxime interno.

b) Aprobación dos orzamentos, contas do exercicio e cotas ordinarias e extraordinarias, fondos de reserva, derramas e demais contraprestacións que teñan que satisfacer os colexiados.

c) A disposición e o alleamento dos bens inmobles do colexio.

d) A aprobación da moción de censura contra a Xunta de Goberno ou calquera dos seus membros de conformidade co procedemento establecido nestes estatutos.

e) Deliberar e tomar acordos en relación con todos os fins e funcións do colexio recollidos nos artigos 4º e 5º destes estatutos.

f) Modificar o domicilio social do colexio.

g) Aprobar a fusión, absorción ou disolución do colexio.

3. A Asemblea Xeral poderá reunirse con carácter ordinario ou extraordinario. A Asemblea Xeral ordinaria terá lugar, cando menos, unha vez ao ano e dentro do primeiro semestre, na cal se presentará á aprobación o orzamento do seguinte exercicio. Se o proxecto de orzamento non fose aprobado pola Asemblea Xeral, entenderase prorrogado o do último exercicio ata a aprobación dun novo.

4. Para dar conta das proposicións dos colexiados será preciso que estas se formulen por escrito, estean asinadas polo 15% destes e sexan presentadas no Rexistro Colexial ata un prazo máximo de sete días antes da realización da asemblea.

5. A convocatoria da Asemblea Xeral faraa o secretario por orde da Presidencia mediante notificación por correo, cando menos con dez días naturais de antelación á data sinalada para a realización. Na convocatoria consignarase o lugar, a data, e a hora de realización, tanto en primeira coma en segunda convocatoria, así como a orde do día. En caso de xustificada urxencia, a notificación poderá ser efectuada con só corenta e oito horas de antelación. En toda convocatoria de asemblea, finalizado o derradeiro punto da orde do día, abrirase unha quenda de intervencións.

6. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando estean presentes, cando menos, a metade máis un dos colexiados e, en segunda convocatoria, con calquera que sexa o número de asistentes sempre que estean presentes o/a presidente/a e o/a secretario/a. Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes. A presidencia da Asemblea Xeral terá voto de calidade en caso de empate.

7. As votacións serán de forma ordinaria a man alzada, pero serán nominais ou secretas cando o pida a maioría dos colexiados asistentes ou así o decida a Presidencia. De calquera xeito, as votacións referidas a asuntos persoais ou as que se leven a cabo durante unha moción de censura, serán sempre secretas. Os colexiados non poderán delegar noutras persoas a súa asistencia á Asemblea Xeral nin seren representados para emitir o seu voto.

8. Nas discusións dos asuntos que se susciten nas asembleas, só se permitirán tres quendas a favor e tres en contra e unha soa rectificación a cada colexiado que tome parte no debate, non consumirá quenda a Presidencia nin o asinante que defenda a proposición posta a discusión.

9. Os acordos adoptaranse, salvo nos supostos establecidos nestes estatutos, por maioría simple. En caso de empate decidirá o voto de calidade da Presidencia. Se o acordo adoptado fose por unanimidade dos membros da asemblea ou dunha maioría clara e manifesta, non será preciso proceder á votación; mais neste suposto os discrepantes poderán exixir a constancia en acta da súa oposición ao acordo, poderán, ademais, antes de concluír a Asemblea Xeral, entregarlle á Presidencia o texto da súa oposición, que, tras a súa lectura, se incorporará á acta como anexo a esta.

Os acordos adoptados en Asemblea Xeral serán executivos, vinculantes e obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo dos recursos que procedan.

10. De todas as reunións das asembleas levantarase a correspondente acta, na cal constarán polo menos as propostas sometidas á votación e o resultado destas e serán asinadas pola Secretaría co visto e prace da Presidencia. Consideraranse parte integrante das actas, como anexos, as propostas presentadas polos colexiados que solicitasen a constancia literal das súas intervencións, sempre que as entreguen por escrito, debidamente asinadas, antes de concluír a Asemblea Xeral. As actas cos seus anexos estarán sempre á disposición de todos os colexiados unha vez aprobadas e estes poderán solicitar copia delas.

11. A Asemblea Xeral poderá delegar a facultade de deliberar e tomar acordos relacionados coas súas funcións na Xunta de Goberno, e salvo nas materias que se determinen nestes estatutos, entenderanse estatutariamente delegadas de xeito permanente con obriga por parte da Xunta de Goberno de dar conta das súas decisións á Asemblea Xeral e de someterse, en calquera caso, á vontade desta. Non obstante o dito, a Asemblea Xeral non poderá delegar, en ningún caso, as facultades contidas nos puntos 2 a), b), c), d), f) e g) deste artigo.

12. As asembleas xerais extraordinarias convocaranse e realizaranse nos seguintes casos:

a) Cando o acorde a Presidencia.

b) Cando o solicite a metade máis un dos membros da Xunta de Goberno.

c) Cando o solicite un mínimo dun 25% dos colexiados, en escrito en que figurará o nome, apelidos, número de colexiados e sinatura de cada un deles, indicando o motivo da solicitude debidamente argumentado.

Nos supostos b) e c), a Presidencia deberá ordenar a convocatoria da Asemblea Xeral para que se realice dentro dos trinta días naturais que sigan a aquel en que teña entrada no Rexistro Colexial a petición da convocatoria. Nestas asembleas só poderán tomarse acordos sobre asuntos previamente fixados na orde do día.

En canto ao funcionamento da Asemblea Xeral extraordinaria haberá que aterse ao disposto nos puntos 5, 6, 7, 8, 9 e 10 deste artigo.

13. Nos temas que se limiten ou afecten unicamente o ámbito dunha determinada modalidade de exercicio ou sección colexial, poderá limitarse o ámbito da convocatoria e os acordos que procedan ao grupo de colexiados incluídos nesa modalidade ou sección, estes deben ser ratificados pola Xunta de Goberno.

Artigo 31º.-Moción de censura.

A Asemblea Xeral, en sesión extraordinaria, poderá debater unha moción de censura contra a Presidencia ou a Xunta de Goberno, proposta cando menos por un 25% dos colexiados nas condicións reflectidas no artigo 30.12º c).

A convocatoria efectuarase na forma establecida no punto 5 do artigo anterior e no prazo de 30 días naturais desde a presentación da correspondente proposta, que deberá ser motivada e incluirá unha lista de candidatos.

Rexeitada unha moción de censura, para que a Asemblea Xeral poida debater outras posteriores será necesario que transcorrese un ano desde a anterior ou ir proposta por, cando menos, o 50% dos colexiados.

Artigo 32º.-Modificación dos estatutos.

Por proposta da Xunta de Goberno ou dun 25% dos colexiados, poderá procederse á modificación destes estatutos, que exixirá acordo da Asemblea Xeral. En todo caso para proceder á modificación, terán que cumprirse os seguintes trámites:

a) Información pública a todos os colexiados das modificacións propostas, cunha antelación mínima de dous meses, dándolles un mes para presentar alegacións.

b) Acordo da Asemblea Xeral convocada para estudar as modificacións que fosen propostas. Para a aprobación requirirase o voto favorable de dous terzos dos asistentes.

Artigo 33º.-A Xunta de Goberno, os seus membros e atribucións.

1. A Xunta de Goberno do Colexio é o órgano de execución dos acordos da Asemblea Xeral e asume a dirección, programación, xestión e administración do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, correspondéndolle o desempeño de todas as competencias e atribucións de dirección e administración necesarias para a consecución dos fins do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo e as especificamente previstas nestes estatutos e na lexislación vixente e que non teñan sido outorgados expresamente á Asemblea Xeral.

2. Será competencia da Xunta de Goberno a elección de representantes ante o Consello Autonómico, no caso da súa creación.

3. A Xunta de Goberno estará integrada polos seguintes membros, que serán elixidos de entre todos os colexiados por sufraxio universal, libre, directo e secreto:

O presidente.

Un vicepresidente.

Un secretario.

Un tesoureiro.

Un vogal de número por cada 200 colexiados inscritos ou fracción, cun máximo de 6 vogais.

Un vogal por cada unha das seccións constituídas no seo deste colexio.

Artigo 34º.-A Presidencia.

1. Á Presidencia corresponderalle a representación legal do colexio que preside. Desempeñará ao mesmo tempo os cargos de Presidencia da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

2. Correspóndenlle á Presidencia, entre outras, as seguintes funcións:

a) Desempeñar a representación máxima da corporación farmacéutica no territorio da demarcación do colexio, correspondéndolle o exercicio de cantos dereitos e atribucións se lle recoñecen nestes estatutos.

b) A representación legal do colexio en todas as súas relacións, incluídas as que manteña cos poderes públicos, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde.

c) Convocar, presidir e levantar as asembleas xerais e as reunións de Xunta de Goberno, fixando a orde do día de acordo co previsto nestes estatutos, manter a orde e o uso da palabra e, nas xuntas de Goberno, decidir co seu voto de calidade os empates nas votacións.

d) Propoñer a creación das comisións necesarias para o mellor desenvolvemento das funcións do colexio e a súa constitución será aprobada pola Xunta de Goberno.

e) Revisar e autorizar coa súa sinatura os outorgamentos de escrituras públicas, convenios, contratos, comunicacións oficiais, actas e certificacións que procedan.

f) Autorizar, conxuntamente coa Tesouraría, ou cos membros que designe a Xunta de Goberno, os libramentos para o investimento, o manexo de fondos e talóns para o movemento das contas do colexio.

g) Examinar, intervir e revisar a documentación de todos os departamentos do colexio.

h) Intervir moi especialmente en manter a harmonía entre todos os colexiados e procurar que calquera diferenza de carácter profesional que se suscite entre eles se resolva no seo do colexio.

i) Outorgar mandatos e poderes notariais, incluso especiais, a favor dos avogados e procuradores dos tribunais ou de calquera outra persoa para o exercicio de toda orde que afecte a corporación farmacéutica.

Artigo 35º.-A Vicepresidencia.

Correspóndelle á Vicepresidencia levar a cabo todas aquelas funcións que lle confira a Presidencia, asumindo as desta en caso de vacante, ausencia, renuncia, enfermidade, vacacións ou pasamento.

Artigo 36º.-A Tesouraría.

1. Serán atribucións e obrigas da Tesouraría as seguintes:

a) Dirixir e autorizar a contabilidade do colexio.

b) Realizar os pagamentos e recibir os ingresos do colexio.

c) Formalizar as contas, balances e orzamentos que deban ser presentados á Xunta de Goberno e á Asemblea Xeral.

d) Formular os proxectos de orzamento e de liquidación do exercicio anual do colexio para o seu sometemento á Asemblea Xeral, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

e) Intervir no seu máis amplo sentido as contabilidades que, dentro do colexio, correspondan ás seccións e comisións, aínda cando dispoñan de orzamento propio.

f) Confrontar e asinar os libros de contabilidade xuntamente coa Presidencia.

g) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias do colexio, conxuntamente coa Presidencia, ou con calquera outro membro da Xunta de Goberno fose autorizado para este fin.

2. En unión da Presidencia levará a sinatura da Tesouraría ante toda clase de organismos.

Artigo 37º.-A Secretaría.

1. A Secretaría desempeñará ao mesmo tempo os cargos de Secretaría da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno.

2. As súas atribucións e obrigas son as que seguen:

a) Certificar os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, levantando as oportunas actas e a súa transcrición aos libros correspondentes.

b) Redactar, asinar, e expedir as certificacións co visto e prace da Presidencia.

c) Despachar a correspondencia, dirixir e custodiar os arquivos, levar o Rexistro de Colexiados, así como os libros de entrada e saída de documentos.

d) Convocar as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, sempre que así lle sexa ordenado pola Presidencia, ou quen estatutariamente a substitúa e coidar de que as convocatorias reúnan os requisitos sinalados nestes estatutos.

e) Manter ao día a Secretaría do colexio no referente a disposicións lexislativas e administrativas que afecten a profesión.

f) Desempeñar a xefatura do persoal adscrito ao colexio e propoñerlle á Xunta de Goberno o nomeamento e destitución do persoal que preste os seus servizos no colexio ou calquera outra cuestión en relación co persoal.

g) Vixiar o cumprimento dos requisitos e obrigas sinaladas nestes estatutos para o funcionamento do colexio e da Xunta de Goberno e o desenvolvemento das asembleas xerais.

Artigo 38º.-Os vogais.

1. Os vogais de número a que se refire o artigo 33.3º desempeñarán as funcións que lles encomende a Xunta de Goberno.

2. Os vogais de sección serán os representantes, na Xunta de Goberno, da modalidade de exercicio correspondente e terán ao seu cargo o estudo dos asuntos que correspondan a estas e informarán por escrito a Xunta de Goberno das resolucións que aquelas propoñan. Poderán auxiliarse dos colexiados que crean necesarios para constituír as xuntas de sección, logo de aprobación da Xunta de Goberno.

No Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo poderán constituírse as seguintes vogalías de sección:

Adxuntos, substitutos e rexentes de oficinas de farmacia.

Alimentación e dermofarmacia.

Analistas clínicos.

Distribución e industria.

Docencia e investigación.

Establecementos de distribución ou dispensación de medicamentos de veterinaria.

Oficina de farmacia.

Óptica oftálmica e optometría e acústica audiométrica.

Ortopedia.

Servizos farmacéuticos de hospital e atención primaria.

Titulares, de saúde pública e na Administración.

3. Deben inscribirse nas seccións todos os colexiados que exerzan a profesión nas respectivas modalidades de exercicio.

4. Ademais, poderanse crear outras seccións que, por proposta da Xunta de Goberno, sexan aprobadas pola Asemblea Xeral.

5. Para a constitución de vogalía requirirase cando menos un número de tres colexiados exercentes na modalidade de que se trate.

Artigo 39º.-Réxime de funcionamento da Xunta de Goberno.

1. A Xunta de Goberno renovarase na súa totalidade cada catro anos, ou antes se se producisen os supostos recollidos nestes estatutos para a conclusión do mandato.

2. O mandato dos membros da Xunta de Goberno concluirá polas seguintes causas:

a) Incapacidade ou pasamento.

b) Dimisión ou renuncia.

c) Condena por sentenza firme, se comportase privación ou restrición real e efectiva da liberdade ou inhabilitación para cargos públicos.

d) Incumprimento dos seus deberes como membros da Xunta de Goberno e, moi especialmente, pola reiterada falta de asistencia ou abandono non xustificado ás sesións da citada Xunta de Goberno ou Asemblea Xeral.

e) Aprobación da moción de censura segundo o establecido no artigo 31º.

f) Convocatoria de eleccións.

3. No suposto do punto d) do número anterior, a decisión será tomada pola maioría dos membros da Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno.

4. A Xunta de Goberno continuará nas súas funcións mentres conte coa metade máis un do total dos seus membros. Caso de producirse dimisións que a deixen por debaixo do número anteriormente establecido, entenderase automaticamente disolta. En caso de dimisión ou baixa dun ou máis dos seus membros, sen exceder a metade máis un, a Xunta de Goberno decidirá sobre a conveniencia de cubrir as ditas vacantes por outros membros da xunta. As vacantes, sen excepción ningunha, soamente poderán cubrirse polo tempo necesario ata que teñan lugar novas eleccións.

5. No suposto de baixa ou dimisión da metade máis un dos membros da Xunta de Goberno, esta cos restantes membros, transformarase en Comisión Xestora, que se comporá, como mínimo, de cinco membros, con facultades de comisión permanente e co encargo de convocar eleccións no prazo máximo de 30 días.

Se como consecuencia da dimisión de todos os membros da Xunta de Goberno, non puidese constituírse a Comisión Xestora, formarase unha Xunta de Idade, de cinco membros, coas funcións exclusivas daquela, designados de entre os colexiados con exercicio na forma que segue: os tres de maior idade non superior a 65 anos e os dous de menor idade, que estarán obrigados a aceptar salvo xustificación fidedigna.

6. A Xunta de Goberno reunirase, cando menos, unha vez ao mes. Tamén se reunirá sempre que o acorde o Presidente ou o solicite 1/3 dos seus membros.

A Secretaría convocará as reunións da Xunta de Goberno, logo de mandato da Presidencia, con polo menos 48 horas de antelación. A convocatoria conterá:

* Data, hora e lugar da reunión, en primeira e segunda convocatoria, que preceptivamente se fará para o mesmo día, no mesmo lugar e media hora máis tarde.

* A orde do día, coa maior claridade e concreción.

* A información necesaria dos asuntos que se vaian tratar.

7. A asistencia ás reunións da Xunta de Goberno será obrigatoria para todos os seus membros. A Xunta de Goberno considerarase constituída sempre que asistan a metade máis un dos seus compoñentes na primeira convocatoria. Se na primeira convocatoria non existise quórum, reunirase a Xunta de Goberno en segunda convocatoria e quedará constituída validamente cos membros que asistisen.

8. Todos os acordos tomaranse por maioría de votos. A Presidencia terá «voto de calidade» en caso de empate. Os acordos tomados reflectiranse na acta, que logo da súa aprobación, será asinada polo secretario co visto e prace do presidente. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

9. As xuntas de Goberno serán sempre presididas pola Presidencia e, en ausencia desta, pola Vicepresidencia. Excepcionalmente, en ausencia de ambas, poderá ser presidida por outro membro desta.

10. A Xunta de Goberno acordará o réxime de substitucións do Tesouro, secretario e daqueles membros que se considere necesario.

Para o non regulado neste artigo haberá que acollerse de xeito supletorio ao establecido nos artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, coas modificacións introducidas pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 40º.-A Comisión Permanente.

1. Cando a Xunta de Goberno o considere conveniente, e para maior axilidade dos seus traballos, poderá constituír unha Comisión Permanente, que estará formada polo presidente, secretario, tesoureiro, vicepresidente e dous vogais elixidos entre os que compoñan a Xunta de Goberno.

2. Os acordos da Comisión Permanente, para a súa validez definitiva, terán que ser comunicados á Xunta de Goberno.

A Comisión Permanente terá as seguintes atribucións:

* Velar pola execución dos acordos da Xunta de Goberno.

* Preparar as reunións da Xunta de Goberno.

* Resolver os asuntos de trámite e de carácter urxente, dándolle conta á Xunta de Goberno, neste caso, das resolucións adoptadas.

Artigo 41º.-As comisións externas.

1. Para o mellor desenvolvemento técnico das xestións colexiais, poderanse crear aquelas comisións externas que a Xunta de Goberno considere necesarias. Estas comisións terán por obxecto colaborar coa Xunta de Goberno na execución das funcións que esta ten atribuídas, realizando estudos, asesoramentos e axuda técnica naquelas áreas de traballo ou especialidade profesional que considere conveniente e para as que foron creadas.

2. As comisións externas terán carácter consultivo e non vinculante e estarán formadas por tres ou máis colexiados que voluntariamente se teñan ofrecido para iso e cunha actividade profesional relacionada directamente con obxecto da comisión. Estas comisións contarán, cando menos, cun membro da Xunta de Goberno que actuará de coordinador e voceiro ante esta.

TÍTULO VI

Do proceso electoral

Artigo 42º.-Requisitos para acceder aos cargos da Xunta de Goberno.

Os cargos da Xunta de Goberno proveranse para un período de catro anos, mediante elección libre e secreta na cal teñen dereito a participar todos os colexiados persoa física.

Para concorreren ás eleccións, en calquera cargo, será necesario cumprir os seguintes requisitos:

* Non ter sido obxecto de sancións disciplinarias por faltas graves, nin ter sido inhabilitado por sentenza firme para o exercicio da profesión ou cargo público, ou estar incurso en calquera outra prohibición ou incapacidade, legal ou estatutaria, sempre e cando adquirisen firmeza.

* Non ocupar o mesmo cargo da xunta a que se opta durante os últimos 8 anos consecutivos.

Ademais, para os cargos de presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro os candidatos deben acreditar un mínimo de tres anos de exercicio profesional, estar colexiados no Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo e acreditar atoparse en exercicio no momento da convocatoria.

Para os cargos de vogal de número e vogal de sección será necesario igualmente estar en exercicio e colexiados no Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo e estar inscrito na sección correspondente cunha antigüidade superior a un ano.

Artigo 43º.-Convocatoria de eleccións.

A Presidencia, logo de acordo da Xunta de Goberno, convocará eleccións cunha antelación de tres meses á data de conclusión estatutaria do mandato dos membros daquela. No momento da convocatoria enviarase a todos os colexiados o calendario electoral.

Artigo 44º.-Constitución da mesa electoral.

1. Inmediatamente despois de ser convocadas as eleccións, e nun prazo non superior a dez días, constituirase a mesa electoral na mesma sede colexial, que vixiará todo o proceso, presidirá a votación, realizará o escrutinio e resolverá as reclamacións que se presenten.

2. A mesa electoral estará presidida polo colexiado máis antigo que non supere a idade de 65 anos. Actuará como secretario o colexiado de menor idade. Estarán auxiliados por un vogal que será o colexiado de maior idade que non supere os 60 anos. Para todos os cargos designaranse suplentes elixidos, con base nas mesmas normas que os titulares, por se se producisen renuncias ou baixas xustificadas.

3. Ningún candidato poderá ser membro da mesa electoral.

4. A mesa electoral no mesmo día da súa constitución establecerá o seu horario de permanencia na sede colexial.

5. As normas electorais seranlles remitidas a todos os colexiados pola mesa electoral nun prazo de cinco días desde a data da súa constitución.

Artigo 45º.-Censo de electores.

1. O día da constitución da mesa electoral, a Xunta de Goberno facilitaralle a esta as listas de electores para a elección de cargos da Xunta de Goberno. Nas ditas listas estarán incorporados aqueles que solicitasen a colexiación ata a data de realización da Xunta de Goberno en que a Presidencia convocou as eleccións.

2. As listas de electores exporanse no taboleiro de anuncios e constituirán o censo de votantes. Contra o dito censo poderanse interpor reclamacións ante a mesa electoral no prazo de 15 días. As reclamacións resolveranse e faranse públicas no taboleiro de anuncios no prazo de cinco días desde a finalización do prazo de interposición destas.

3. Contra as resolucións da mesa electoral poderase interpor recurso no prazo de cinco días ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos ou o Consello Autonómico, no caso de existir, que resolverá os ditos recursos no prazo de quince días.

4. De todas as sesións da mesa electoral levantarase acta por triplicado exemplar remitindo unha delas ao Consello Xeral de Colexios ou ao Consello Autonómico, no caso da súa creación.

Artigo 46º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

1. A candidatura xeral para membros da Xunta de Goberno deberá recoller inescusablemente as persoas propostas para os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e vogais de número. Os vogais de sección serán obxecto de proposta en candidaturas separadas.

2. A candidatura xeral deberá estar avalada como mínimo por un 5% dos colexiados, ata un máximo de cen. Para as vogalías de sección a candidatura deberá ir avalada por un mínimo de dous colexiados inscritos na correspondente modalidade profesional. Os aspirantes poderán avalarse a si mesmos. Pola súa vez, un colexiado poderá avalar máis dunha candidatura. Ningún candidato poderá presentar a súa candidatura a máis dun cargo.

3. Cincuenta días antes da data de realización das eleccións, deberán estar en poder da mesa electoral as candidaturas propostas. Serán nulas as candidaturas presentadas fóra de prazo e as que non o fosen na forma e documentación requiridas. As candidaturas presentadas deberán acreditar documentalmente os requisitos sinalados no artigo 42º, ademais da conformidade dos candidatos.

A mesa electoral, en acto público, procederá á proclamación das candidaturas presentadas en tempo e forma, o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación.

4. Se non se presentase ningunha candidatura, a Xunta de Goberno ou, se é o caso, a Comisión Xestora, proporá unha para continuar co proceso. No caso de existir unha candidatura única, proclamarase de xeito automático.

5. Tras o acto da proclamación de candidaturas, concederase un prazo de cinco días para as reclamacións ou substitucións ante a mesa electoral. O acordo da mesa electoral poderá ser obxecto de recurso, que se interporá no prazo de cinco días ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, ou ante o Consello Autonómico, no caso da súa creación, que resolverá os ditos recursos no prazo de quince días, recurso que esgota a vía administrativa.

6. As candidaturas validamente proclamadas poranse en coñecemento de todos os colexiados, como mínimo mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios do colexio, cunha antelación mínima de vinte días naturais ao sinalado para as eleccións.

Artigo 47º.-Votación.

1. Só se poderán utilizar os sobres e as papeletas oficialmente editadas polo colexio, que llelas remitirá aos votantes por orde da mesa electoral.

2. A votación farase en acto público, no ámbito corporativo, e cada candidatura poderá nomear un interventor da súa libre elección entre os colexiados.

3. Serán electores todos os farmacéuticos que consten como colexiados na data da convocatoria de eleccións e figuren nas listas de electores.

4. Os electores poderán acudir persoalmente a realizar a votación ou emitir o voto por correo.

Artigo 48º.-Voto por correo.

1. O voto por correo efectuarase en sobre pechado, remitido por correo certificado ou mensaxaría que xustifique recepción e dirixido ao presidente da mesa electoral, no domicilio do colexio, coa sinatura do colexiado remitente na lapela do sobre, onde figurará así mesmo de forma lexible o nome, apelidos, domicilio e número de colexiado. Dentro do sobre introducirase unha fotocopia do DNI e os sobres pechados que conteñan as papeletas de votación. Serán admitidos os votos por correo recibidos antes da hora de peche sinalada para a votación.

2. O voto persoal anulará en todo caso o voto por correo.

3. No non previsto nestes estatutos para o voto por correo, aplicaranse os criterios contidos na lexislación electoral xeral.

Artigo 49º.-Escrutinio.

1. Concluído o tempo para a votación procederase ao escrutinio. O secretario levantará acta co resultado deste, que será subscrita polo presidente, os vogais e os interventores das candidaturas.

2. As actas serán lidas publicamente ante os asistentes á elección e proclamaranse os nomes dos elixidos.

Artigo 50º.-Toma de posesión.

1. No prazo máximo de 30 días naturais a partir daquel en que tiver lugar a elección, os elixidos tomarán posesión dos seus cargos.

2. Efectuada a toma de posesión dos cargos, darase traslado para o seu coñecemento á Administración autonómica, aos restantes colexios de farmacéuticos da comunidade autónoma, ao Consello Autonómico, no caso de existir, e ao Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos.

TÍTULO VII

Do réxime orzamentario

Artigo 51º.-Orzamento.

1. A Xunta de Goberno proporá anualmente, por medio da Tesouraría, o orzamento de ingresos e gastos e o balance patrimonial que, cos preceptivos informes, será sometido á aprobación da Asemblea Xeral.

2. O orzamento de ingresos e gastos conterá debidamente clasificadas as diferentes partidas previstas como ingresos e como gastos, con expresión dos seus correspondentes conceptos.

3. A Asemblea Xeral poderá facultar a Xunta de Goberno para realizar as transferencias de créditos que puidesen ser necesarias entre as distintas partidas orzamentarias en caso de que fose necesario.

4. O colexio deberá ser auditado cando se produza a renovación ordinaria total ou parcial dos seus órganos.

Artigo 52º.-Presentación das contas.

1. Concluído cada exercicio anual, o tesoureiro presentará o balance de situación, liquidación de contas e orzamento para o seguinte exercicio.

2. Examinadas as contas e a liquidación pola Xunta de Goberno e aprobadas provisionalmente, someteraas á Asemblea Xeral para a súa aprobación definitiva.

3. Os colexiados poderán examinar a contabilidade e os correspondentes libros contables desde a convocatoria ata cinco días antes da realización da Asemblea Xeral, en presenza dun membro da Xunta de Goberno ou persoa en que esta delegue.

4. O presidente e membros da Xunta de Goberno poderán percibir a compensación económica para a substitución da súa actividade profesional cando en cumprimento das súas funcións se vexan obrigados a abandonar a súa actividade profesional.

Artigo 53º.-Ingresos colexiais.

Os ingresos colexiais procederán:

a) Das cotas colexiais, o seu importe será aprobado pola Asemblea Xeral. As ditas cotas poderán ser ordinarias, extraordinarias e derramas que poderán ter carácter de fixas, variables e proporcionais. Particularmente terán carácter de cotas colexiais as cantidades que poidan aboar os colexiados por facturación e administración de receitas ao Sistema Nacional de Saúde e a outras entidades realizadas polo colexio en cumprimento dos seus fins e funcións.

b) O importe correspondente á realización de informes, ditames, estudos, análises, certificacións etc.

c) Das cotas que se establezan pola realización de cursos, ou utilización de servizos de asesoría, xestoría, laboratorio, etc.

d) Os rendementos de calquera clase que se poidan obter dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio.

e) Subvencións oficiais, donativos, herdanzas e legados que o colexio poida recibir.

f) Os ingresos pola venda de toda clase de impresos e publicacións.

Artigo 54º.-Desagregamento de gastos colexiais.

Entre os gastos do colexio estarán desagregados necesariamente:

a) Os gastos que se lles ocasionen aos membros da Xunta de Goberno como consecuencia do desempeño das súas funcións ou a calquera colexiado que se designe como comisionado ou delegado para calquera outra función colexial.

b) Os necesarios para o sostemento de cada unha das comisións externas, no caso de existiren.

c) Os necesarios para cada un dos servizos colexiais.

TÍTULO VIII

Do réxime disciplinario

Artigo 55º.-Responsabilidade disciplinaria.

1. Os colexiados no Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo e os colexiados que exerzan no seu ámbito provincial de xeito ocasional, incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e circunstancias establecidas neste estatuto.

2. No caso das sociedades profesionais haberá que ter en conta o seguinte:

a) O exercicio da potestade disciplinaria non se verá obstaculizado cando o colexiado sexa unha sociedade profesional. Sen prexuízo da responsabilidade da persoa física que cometese algunha infracción disciplinaria no exercicio da súa actividade, a sociedade profesional tamén poderá ser sancionada cando cometa algunha infracción.

b) Con independencia de que sexan ou non socios, as persoas físicas colexiadas que se integren nunha sociedade profesional ou colaboren con ela seguirán suxeitas á responsabilidade disciplinaria que lles puidese corresponder como tales persoas físicas.

c) A responsabilidade disciplinaria derivada do exercicio de actos ou actuacións profesionais por unha sociedade que non estea debidamente constituída e inscrita no rexistro do colexio, será imputable, con carácter solidario, aos socios que estean colexiados neste Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo.

3. O réxime disciplinario establecido neste estatuto, enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra orde en que os colexiados puidesen incorrer.

4. A potestade sancionadora correspóndelle á Xunta de Goberno. Non obstante, o axuizamento e a sanción das faltas cometidas polos membros da Xunta de Goberno, será competencia do Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos, ou do Consello Autonómico no caso da súa creación.

5. Só poderán impoñerse sancións disciplinarias en virtude de expediente instruído para o efecto, de acordo co procedemento establecido neste título e o disposto na lexislación vixente.

6. A Xunta de Goberno poderá proceder á creación dunha comisión deontolóxica constituída por colexiados, que será a encargada de velar polo cumprimento da deontoloxía profesional, así como de realizar aqueloutras funcións que lle sexan delegadas pola Xunta de Goberno dentro do ámbito deontolóxico.

Esta comisión terá a misión de elaborar un código deontolóxico que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.

Artigo 56º.-Actos sancionables.

Os actos sancionables clasifícanse en:

Faltas leves.

Faltas graves.

Faltas moi graves.

Artigo 57º.-Faltas leves.

Terán carácter de faltas leves as seguintes accións ou omisións:

a) O incumprimento das normas establecidas nestes estatutos ou as que dimanaren dos acordos que, axustados a dereito, tomase a Asemblea Xeral, sempre que de tal incumprimento non se derive prexuízo ou menoscabo para o interese xeral.

b) O atraso en satisfacer as cotas ou cantidades endebedadas ao colexio por calquera concepto.

c) A neglixencia no cumprimento das funcións que levase anexas calquera cargo dos órganos de goberno, ou misión que se lle encomendase a un colexiado sempre que de tal incumprimento non derive prexuízo ou menoscabo para o interese do colexio.

d) A neglixencia en comunicarlle ao colexio calquera variación de tipo administrativo que puidese producirse na situación profesional do colexiado.

e) Non notificarlle ao colexio as infraccións a estes estatutos das cales un colexiado tivese coñecemento cando estas redunden en prexuízo do interese moral ou profesional para o colectivo farmacéutico.

f) A falta de contestación ante a solicitude personalizada e documentada de datos de tipo profesional formulada pola Xunta de Goberno.

g) Actos probados de desconsideración manifesta aos compañeiros no exercicio da actividade profesional.

h) A infracción do réxime de horarios, así como o deber de información ao público das quendas de urxencia na oficina de farmacia.

i) As infraccións en materia de publicidade previstas nestes estatutos e que deban ser vixiadas polo colexio.

j) Non contar no establecemento sanitario a cargo do colexiado coas instalacións, utensilios ou existencias mínimas establecidas nas leis vixentes.

Artigo 58º.-Faltas graves.

Terán carácter de faltas graves as seguintes accións ou omisións:

a) A incidencia ou reiteración de faltas leves producidas no prazo dun ano, a partir da data en que a sanción adquiriu firmeza.

b) O previsto no artigo 57º, alíneas a) e c), cando cause prexuízo a terceiros ou desprestixio á profesión.

c) A violación do segredo profesional, cando non lle ocasione grave prexuízo ou dano material á persoa a que afecte o segredo violado.

d) Amparar ou encubrir o exercicio ilegal da profesión en calquera das súas modalidades, incluído o exercicio da actividade de oficina de farmacia por unha sociedade profesional.

e) Promover toda actividade, pacto ou convenio encamiñado a impedir o lexítimo dereito dos particulares ou entidades a elixir con plena liberdade o servizo do profesional farmacéutico.

f) A propaganda, anuncio, ou calquera tipo de publicidade en xornais, revistas, medios de comunicación electrónicos ou outro medio que ocasione desprestixio á profesión ou que viole a normativa en materia de publicidade enganosa, competencia desleal ou calquera outro tipo de publicidade prohibida pola normativa legal vixente, así como a venda de medicamentos a través destes.

g) Ausentarse da actividade profesional por tempo superior ao que determine a lexislación sen formalizar os requisitos legais e regulamentarios.

h) Desatender os requirimentos do colexio para o pagamento de cotas e similares.

i) Falta de prestación do servizo de urxencia polas oficinas de farmacia nos termos regulamentariamente establecidos.

j) A obstrución voluntaria do desenvolvemento normal da Asemblea Xeral.

k) A captación de receitas fóra da oficina de farmacia e calquera acto ou omisión encamiñado a coartar a liberdade do usuario na elección de oficina de farmacia.

l) A dispensación de medicamentos en establecementos distintos dos autorizados legalmente para iso, así como calquera tipo de venda indirecta, venda de medicamentos a domicilio, por mensaxaría ou por medio de venda ambulante.

m) Efectuar descontos nos prezos das especialidades farmacéuticas, tanto de uso humano como animal, así como de fórmulas maxistrais e preparados oficinais, sen prexuízo da lexislación vixente.

n) Non acatar os acordos dos órganos de goberno do colexio, cando o seu incumprimento represente prexuízo moral ou material para a colectividade.

o) Non ter contratado o seguro de responsabilidade civil nos supostos legalmente establecidos.

p) Incumprir o deber de comunicación ao secretario encargado do rexistro da transmisión da propiedade de accións ou participacións sociais no capital dunha sociedade profesional, ou do deber de comunicar a constitución, modificación ou extinción de dereitos sobre tales accións ou participacións, con indicación do nome e circunstancias persoais e profesionais de quen celebrase eses negocios xurídicos.

q) Incumprir o deber de comunicación ao secretario encargado do rexistro de calquera modificación do contrato social dunha sociedade profesional, ou a modificación dos seus administradores.

Artigo 59º.-Faltas moi graves.

Terán carácter de faltas moi graves as seguintes accións ou omisións:

a) A reincidencia ou reiteración de faltas graves.

b) A preparación de remedios secretos, así como a ocultación de principios activos.

c) A violación do segredo profesional cando ocasione grave prexuízo ou dano material ou moral a terceiros.

d) A neglixencia no exercicio profesional, cando concorra a existencia de danos graves, probada aquela e demostrados estes en sentenza xudicial firme.

e) Facer uso da profesión para a comisión de delictos ou faltas comúns.

f) Amparar ou encubrir, co propio título profesional, o exercicio ilegal da profesión en calquera das súas modalidades, incluído o exercicio da actividade de oficina de farmacia por unha sociedade profesional.

g) Denunciar feitos falsos con mala fe demostrada.

h) Amparar, encubrir e/ou colaborar cunha persoa que, sen dispoñer de titulación e/ou autorización administrativa, cometa intrusismo farmacéutico.

i) O incumprimento das formalidades e requisitos exixidos para a dispensación de substancias e produtos susceptibles de producir dopaxe no ámbito da actividade deportiva, que propicien a utilización de métodos non regulamentarios ou prohibidos no deporte.

Artigo 60º.-Sancións.

1. As sancións aplicables aos autores das faltas serán as seguintes:

a) Nos supostos de faltas leves:

Amoestación privada ou pública.

Apercibimento por escrito.

Sanción económica ata 600 euros.

b) Nos supostos de faltas graves:

Sanción económica entre 601 euros e 3.000 euros.

Suspensión do exercicio profesional por tempo non superior a seis meses.

c) Nos supostos de faltas moi graves:

Sanción económica entre 3.001 euros e 15.000 euros.

Suspensión do exercicio profesional desde seis meses ata dous anos.

Expulsión do colexio.

2. A imposición dunha sanción de suspensión do exercicio profesional ou expulsión, comportará a proposta de peche ante os organismos competentes do establecemento de que sexa titular o sancionado, polo tempo sinalado na sanción ou coa obriga de nomear un substituto naqueles casos en que por lei o establecemento non poida permanecer pechado.

3. Na aplicación das sancións farase a súa actualización anualmente de acordo co índice de prezos de consumo xeral ou índice que, se é o caso, poida substituílo.

4. Na aplicación das sancións, os instrutores estarán vinculados por canto queda previsto nos números anteriores.

En atención á natureza da falta cometida, aos antecedentes do expedientado, ás circunstancias de todo tipo modificadoras da responsabilidade, á repercusión do feito, aos prexuízos ocasionados a terceiros, a outros colexiados ou á profesión e calquera outra razón, o instrutor poderá propoñer a sanción que considere máis axeitada entre as previstas para calquera tipo de falta, baseándose no principio de proporcionalidade.

5. As sancións non se imporán necesariamente pola orde en que aparecen relacionadas no punto primeiro deste artigo.

Artigo 61º.-Execución das sancións.

1. As sancións, unha vez firmes en vía administrativa, serán executables pola Xunta de Goberno, nos termos que se sinalen na resolución.

2. A suspensión do exercicio profesional suporá o cesamento en toda modalidade deste durante o tempo da suspensión, o que se executará, se iso é preciso, mediante o auxilio da autoridade administrativa. No suposto de que a sanción de suspensión de exercicio profesional recaia nun copropietario de oficina de farmacia, este estará obrigado a nomear un substituto polo tempo de suspensión.

3. A expulsión do colexio executarase dando de baixa ao sancionado e comunicándollelo a todos os colexiados e autoridades sanitarias, para os efectos oportunos.

4. O cobramento das sancións será efectivo mediante requirimento ao sancionado, ou concedéndolle o prazo de trinta días para ingresar o seu importe na caixa do colexio ou conta bancaria designada para o efecto. Transcorrido o dito prazo, o presidente do colexio, logo de acordo da Xunta de Goberno, instará o procedemento xudicial correspondente para obter o pagamento do endebedado.

En todo caso, o importe da sanción poderá ser deducido do aboamento que, por calquera concepto, teña que percibir do colexio.

Artigo 62º.-Prescricións.

1. As faltas prescribirán nos seguintes prazos, contados a partir da data en que se cometese o feito sancionable sen que se iniciase o expediente disciplinario:

a) As faltas leves aos seis meses.

b) As faltas graves aos dous anos.

c) As faltas moi graves aos tres anos.

2. A iniciación do expediente interromperá en todo caso a prescrición.

3. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) No caso de faltas leves aos seis meses.

b) No caso de faltas graves aos dous anos.

c) No caso de faltas moi graves aos tres anos.

O prazo de prescrición da sanción por falta de execución desta comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que o órgano competente lle comunique ao colexio o carácter firme da resolución sancionadora.

O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante o seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 63º.-Procedemento sancionador.

1. Terán funcións sancionadoras no ámbito da súa respectiva competencia:

a) A Xunta de Goberno.

b) O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, ou Consello Autonómico, no caso da súa creación.

2. A competencia do instrutor alcanzará:

a) A instrución dos expedientes para os cales fose nomeado.

b) Para propoñer as sancións que ao seu xuízo correspondan.

3. A Xunta de Goberno, constituída en órgano disciplinario, terá competencia:

a) Para promover a instrución e vixiar a correcta tramitación dos expedientes.

b) Para resolver o expediente.

c) Para executar as sancións impostas.

4. O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, ou o Consello Autonómico, se é o caso, terán competencias para instruír expedientes e xulgar as faltas da Xunta de Goberno ou de calquera dos seus membros.

5. O propio acordo de apertura do expediente disciplinario designará o instrutor e o secretario, tanto se estivesen nomeados con carácter xeral coma se o fosen con carácter especial. A Xunta de Goberno, se é o caso, poderá substituír o instrutor e o secretario, así como eventualmente designar uns novos, o que se lle notificará ao colexiado suxeito a expediente, así como aos designados para desempeñar os ditos cargos.

6. A Xunta de Goberno, como órgano disciplinario, terá a mesma composición que como órgano de goberno, salvo abstencións ou recusacións conforme dereito.

7. Os instrutores e secretarios serán designados pola Xunta de Goberno, entre os seus membros para cada expediente. A renuncia soamente poderá facerse por causa xustificada.

8. Todo instrutor poderá ser substituído por outro por acordo da Xunta de Goberno se incumprise as normas de procedemento, os prazos do expediente ou por calquera outra causa xustificada.

9. A Xunta de Goberno, como medida preventiva, poderá acordar as medidas provisionais que xulgue oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puider recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso. Non se poderán tomar medidas provisionais que poidan causar danos irreparables aos interesados, ou ben que impliquen a violación de dereitos amparados polas leis.

10. Seranlle de aplicación ao instrutor e ao secretario as normas relativas á abstención e recusación dos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. O instrutor ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e, en particular, de cantas probas poidan conducir ao esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción. Á vista das actuacións practicadas, o instrutor formulará o correspondente prego de cargos.

12. O prego de cargos deberá redactarse de xeito claro e preciso, comprenderá os feitos imputados ao inculpado en parágrafos separados e numerados por cada un deles e expresará, se é o caso, a falta presuntamente cometida e as sancións que puidesen serlle de aplicación, con referencia aos preceptos destes estatutos.

13. O prego de cargos notificaráselle ao inculpado, concedéndolle un prazo non inferior a dez días, nin superior a quince, para que poida contestalo coas alegacións que considere pertinentes e a achega de documentos que considere de interese. Así mesmo, o inculpado poderá solicitar a realización, na súa contestación, de calquera medio de proba admisible en dereito que coide necesario.

14. O instrutor disporá do prazo dun mes para a práctica das probas que crea pertinentes, sexan ou non as propostas, con notificación ao inculpado do lugar, a data e a hora para a práctica destas, co fin de que poida intervir.

15. O instrutor poderá denegar unicamente a admisión e práctica das probas que considere innecesarias ou improcedentes, en resolución motivada non recorrible, sen prexuízo das alegacións que ao respecto procedan nas actuacións e recursos ulteriores.

16. Nos casos en que, por petición do interesado, deban efectuarse probas nas que a súa realización implique gastos que non deba soportar o colexio, este poderá exixir o anticipo destes, a reserva da liquidación definitiva, unha vez practicada a proba. A liquidación dos gastos practicarase unindo os comprobantes que acrediten a realidade e contía destes.

17. Transcorridas as actuacións, o instrutor, dentro dos dez días seguintes, formulará proposta de resolución en que se fixarán con precisión os feitos, motivará, se é o caso, a denegación de probas, fará a súa valoración para determinar a falta que considere cometida e precisará a responsabilidade do inculpado, así como a sanción que se vaia impoñer.

18. A proposta de resolución notificaráselle ao inculpado para que no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar ante o instrutor canto considere conveniente na súa defensa.

19. O instrutor, oído o inculpado ou transcorrido o prazo sen alegación ningunha, remitirá o expediente completo á Xunta de Goberno, co seu informe.

20. A Xunta de Goberno resolverá o expediente na primeira sesión que convoque tras a recepción do expediente.

Non obstante, a Xunta de Goberno poderá, antes de adoptar a súa resolución, ordenarlle ao instrutor a realización daqueles trámites que por omisión non se levasen a cabo e resulten imprescindibles para a adopción do acordo de resolución definitivo. Das ditas aclaracións darase traslado ao inculpado para que alegue o que xulgue conveniente nun prazo improrrogable de dez días.

21. A resolución da Xunta de Goberno que poña fin ao expediente disciplinario deberá de ser motivada e resolverá todas as cuestións formuladas no expediente e non poderá afectar feitos distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración. Na adopción do acordo non intervirán os actuantes na fase instrutora do expediente, en calidade de instrutor ou secretario.

22. O acordo deberá tomalo a Xunta de Goberno mediante votación secreta e coa conformidade das dúas terceiras partes dos membros presentes.

No cómputo do quórum non se terán en conta os membros da Xunta de Goberno que non poidan intervir na adopción do acordo.

23. A resolución que se dite deberalle ser notificada ao inculpado e, se é o caso, ao denunciante dos feitos, con expresión dos recursos que contra esta se poidan interpor, do órgano ante o que deberán de presentarse e prazos para súa interposición.

24. No non previsto nos números anteriores, haberá que aterse ao establecido no Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, Decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

Artigo 64º.-Recursos.

1. Contra a resolución que poña fin ao expediente o interesado poderá, no prazo dun mes, interpor recurso de alzada ante o Consello Autonómico de Colexios Farmacéuticos, no caso da súa creación ou, de non existir, ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos. Se o recurso for presentado no colexio, este, dentro dos dez días seguintes, remitirallo en unión do expediente instruído e do informe ao Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos, ou Consello Autonómico.

2. Contra as resolucións dos recursos de alzada os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo.

3. As sancións disciplinarias, unha vez firmes en vía administrativa, serán executadas pola Xunta de Goberno nos propios termos da resolución que acorde a súa imposición. Non obstante, a Xunta de Goberno do colexio poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, cando se acredite a interposición pertinente do recurso contencioso-administrativo, a suspensión da execución mentres se substancie, sen prexuízo do dereito do interesado a solicitar tal suspensión no ámbito do propio recurso contencioso-administrativo. En todo caso, cando a sanción consista na suspensión no exercicio profesional, a execución quedará en suspenso ata que a sanción resulte definitivamente firme.

Artigo 65º.-Da rehabilitación.

O colexiado sancionado coa expulsión do colexio poderá solicitar a súa rehabilitación e colexiación de novo, unha vez transcorridos dous anos do cumprimento da sanción imposta.

TÍTULO IX

Dos premios e das distincións

Artigo 66º

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo poderá outorgar premios e distincións aos colexiados ou terceiras persoas que se distinguisen no exercicio da súa actividade profesional ou dentro do ámbito farmacéutico. Estes premios e distincións recolleranse no correspondente regulamento de réxime interno do colexio.

TÍTULO X

Do réxime xurídico dos actos do colexio

Artigo 67º

1. Os actos e acordos dos órganos do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo estarán sometidos ao dereito administrativo.

2. As cuestións de carácter civil ou penal, e aquelas que se refiran ás relacións co persoal dependente do colexio, atribuiranse respectivamente á xurisdición civil, penal ou laboral.

3. Contra as resolucións dos órganos de goberno e os actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuar o procedemento ou produzan indefensión, o interesado poderá, no prazo dun mes, interpor recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, ou Consello Autonómico, no caso da súa creación. Se o recurso fose presentado no colexio, este, dentro dos dez días seguintes, remitirao en unión do expediente instruído e do informe ao Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos, ou Consello Autonómico, no caso da súa creación.

4. Contra as resolucions ditadas polo Consello de Colexios de Farmacéuticos, os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo.

TÍTULO XI

Da disolución e liquidación

Artigo 68º

1. A disolución do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo será promovida, se for o caso, polo propio colexio de acordo co disposto na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, e nestes estatutos, e aprobada por decreto.

2. Serán causas de disolución e liquidación as seguintes:

a) A imposibilidade manifesta de procurar os fins do colexio recollidos no artigo 4º.

b) A paralización definitiva dos órganos de goberno do colexio de xeito que resulte imposible o seu funcionamento e reposición.

c) A fusión con outro ou outros colexios da mesma profesión, cando así o acorden as tres cuartas partes dos colexiados en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para o efecto. O acordo trasladarase á Xunta de Galicia para a súa tramitación de acordo co dereito.

3. En caso de disolución do colexio, a Xunta de Goberno actuará como Comisión Liquidadora, sometendo á Asemblea Xeral a proposta de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as débedas pendentes.

Disposición adicional

Todas as referencias ao Consello Autonómico de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia deberán entenderse referidas ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España, nos supostos de non estar constituído aquel, ou, aínda estando constituído, de non formar parte o colexio deste, ou por non asumir o Consello Autonómico tales competencias.

Disposicións transitorias

Primeira.-As actuacións en curso.

1. Os expedientes que estivesen en curso e pendentes de resolución á entrada en vigor destes estatutos, continuarán a tramitación segundo as normas vixentes cando se iniciaron. No entanto, se se tratase dunha solicitude incompleta ou que non reúne os requisitos exixidos e procedese a súa corrección ou mellora, aplicarase a normativa vixente no momento de presentarse unha solicitude completa e acompañada de toda a documentación exixible.

2. Os recursos contra as resolucións que se diten nos expedientes a que se refire o número anterior tramitaranse de acordo coa normativa vixente no día que se interpoñan.

Segunda.-O Rexistro de Colexiados.

En relación ás sociedades profesionais, a constitución do rexistro e o réxime de funcionamento e práctica de asentos establecido nestes estatutos, aplicarase de conformidade o establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo.

Terceira.-A actualización da vixente información rexistral.

En relación con quen xa sexa colexiado, procederase a actualizar a forma e o contido dos asentos rexistrais, para axustalos ao establecido nestes estatutos.