DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 26 de setembro de 2008 Páx. 17.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se constitúen os servizos comúns de atención á cidadanía e asistencia á vítima dependentes dos decanatos dos xulgados das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo.

O artigo 438 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX), na redacción aprobada pola Lei orgánica 19/2003, recoñece a competencia do Ministerio de Xustiza e das comunidades autónomas, nos seus respectivos ámbitos territoriais, para o deseño, creación e organización dos servizos comúns procesuais. Este precepto define os servizos comúns como unidades das oficinas xudiciais que, sen estar integrados nun órgano xudicial concreto, asumen labores centralizados de xestión e apoio ás oficinas dos órganos xudiciais.

A Lei 35/1995, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, preveu o establecemento nas sedes xudiciais de oficinas de asistencia ás vítimas de delitos e faltas.

A disposición adicional terceira do Regulamento 1/1998, de tramitación de queixas e denuncias relativas ao funcionamento dos xulgados e tribunais, aprobado polo Acordo do 2 de decembro de 1998, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, prevé a posibilidade de establecer servizos comúns para a atención ao cidadán, que asumirán as actividades de recepción de queixas e denuncias e de información e atención ao cidadán.

En virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servizo da Administración de xustiza, o artigo 438 da LOPX e do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, esta dirección xeral

ACORDA:

1. Constituír os servizos comúns de Atención á Cidadanía e Asistencia á Vítima, dependentes dos decanatos dos xulgados de Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo, nos termos que constan no acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 23 de abril de 2008, polo que se aproba a creación dos servizos.

2. Cada servizo común de Atención á Cidadanía e Asistencia á Vítima será atendido por persoal ao servizo da Administración de xustiza, segundo os cadros de persoal que se establecerán para o dito servizo, e iniciarán a súa actividade o próximo día 31 de outubro de 2008.

3. O servizo, que actuará en coordinación coa Unidade de Atención á Cidadanía do Consello Xeral do Poder Xudicial e con dependencia funcional do xuíz decano e do secretario do decanato, asumirá a atención personalizada ao cidadán, a información xeral, tanto persoal como telefónica, o tratamento de suxestións e queixas, así como a asistencia ás vítimas dos delitos e das faltas.

4. A atención personalizada ao cidadán supón a recepción e acollida dos cidadáns que acudan á sede xudicial para facilitarlles a orientación e a axuda que precisen, tanto se o fan por instancia do órgano ou servizo xudicial coma se é por iniciativa propia. Esta atención debe ser personalizada, isto é, adaptada ás características sociais, culturais e psicolóxicas de cada un dos cidadáns que acudan aos xulgados solicitando atención ou información.

A atención personalizada implica a actividade de información xeral e exixe a colaboración do servizo para cubrir os formularios ou as solicitudes que os interesados poidan realizar directamente sen necesidade de representación.

En particular, o servizo asesorará os cidadáns e asistiraos respecto dos trámites e documentos precisos para reclamar as indemnizacións económicas que lles corresponda percibir pola intervención en procesos xudiciais como testemuñas ou peritos.

5. A información xeral comprende a identificación, localización e competencia de calquera órgano ou servizo da Administración de xustiza, e especialmente os situados na mesma sede, así como responder ás demandas concretas de información sobre competencia dos órganos, procedementos, trámites, requisitos e documentación para as actuacións que o cidadán se propoña realizar.

En ningún caso a atención e información facilitada debe entrañar unha interpretación normativa, consideración ou asesoramento xurídicos nin valoración económica ningunha, senón unha simple información de carácter xeral sobre posibles procedementos legais e órganos competentes, requisitos que a normativa vixente lles impoña ás actuacións que o interesado poida precisar, así como sobre as características xerais dos distintos tipos de procedemento.

O servizo informará os cidadáns sobre a existencia dos servizos de orientación xurídica dependentes dos colexios de avogados e dirixiraos cara a eles respecto das consultas referidas ao seu ámbito de actuación.

6. O tratamento de suxestións e queixas comprende a recepción das iniciativas formuladas polos cidadáns para mellorar a atención aos usuarios ou a calidade do servizo prestado, así como das queixas por dilacións, atención incorrecta ou calquera outra cuestión relativa ao funcionamento dos órganos ou oficinas xudiciais.

En ningún caso o servizo coñecerá das denuncias que expresamente se refiran a cuestións disciplinarias.

No momento de presentación da queixa ou denuncia, o servizo advertirá o cidadán de que estas non terán en ningún caso a cualificación de recurso administrativo, de que a súa interposición non paralizará os prazos establecidos na normativa vixente e de que tampouco condicionarán o exercicio das accións, recursos ou dereitos que, de conformidade coa normativa reguladora de cada procedemento, poida exercer o interesado.

Nesta materia, o servizo rexerase polo previsto no Regulamento 1/1998, do Consello Xeral do Poder Xudicial, de tramitación de queixas e denuncias relativas ao funcionamento dos xulgados e tribunais, sen prexuízo das facultades que este lle atribúe ao xuíz decano.

7. A asistencia ás vítimas dos delitos e faltas comprende a información das posibilidades de obter a través do proceso penal a restitución, a reparación do dano e a indemnización dos prexuízos materiais e morais, así como dos seus dereitos en relación co proceso penal. Tamén comprenderá a información sobre as axudas e medidas de asistencia ás vítimas establecidas polos poderes públicos.

O servizo orientará as vítimas de delitos en relación cos servizos sociais e recursos públicos dispoñibles para a súa atención.

8. Cada servizo elaborará as estatísticas que estableza o Consello Xeral do Poder Xudicial, así como a memoria anual de actividades que lle remitirá á Dirección Xeral de Xustiza.

9. Todos os servizos utilizarán os documentos informativos aprobados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, así como aqueles confeccionados pola Xunta de Galicia en materias de competencia autonómica.

10. Cada servizo integrarase na oficina do decanato para procurar atender na mesma dependencia as demandas de información relativas á repartición concreta de asuntos entre os órganos xudiciais da sede e as referidas ás normas de repartición, así como as relativas ás horas e salas de realización das vistas, xuízos e actos xudiciais públicos (poxas, xuntas etc.) que poidan ser de interese.

11. Correspóndelles ás oficinas dos órganos xudiciais e servizos comúns realizar a información de carácter particular concerninte ao estado e á fase dos procedementos en tramitación, sen prexuízo de que desde os servizos comúns poidan concertarse entre o cidadán e a respectiva oficina unha cita previa para esta información ou para a realización de trámites na oficina xudicial.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2008.

Begoña Santos Fernández

Directora xeral de Xustiza, Interior

e Administración Local