DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 25 de setembro de 2008 Páx. 17.562

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 211/2008, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, aprobouse a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que foi modificado polo Decreto 145/2007.

O desenvolvemento práctico das competencias atribuídas aos diferentes órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia aconsella a introdución das modificacións na devandita estrutura dun xeito que permita o seu exercicio coa máxima eficacia.

As modificacións incorporadas refírense, por unha banda, á modificación de denominación e funcións da Subdirección Xeral de Persoal e Coordinación Administrativa e do Servizo de Persoal e Asuntos Xerais, na Secretaría Xeral da Presidencia, e á creación nesta unidade dun Servizo de Apoio Técnico.

Na Secretaría Xeral de Análise e Proxección créase un novo Servizo de Estudos, con funcións de preparación de estudos e informes en materias que son competencia da devandita secretaría xeral, e modifícanse as funcións do Servizo de Análise e Documentación.

Na Secretaría Xeral de Política Lingüística créase unha nova Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística e modifícase a denominación e funcións dun servizo.

Finalmente, modifícase o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica, modificado polo Decreto 120/2006.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras os informes favorables da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de setembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto nos seguintes puntos:

Un. Modifícase o punto 3.1. no artigo 2, que queda redactado da seguinte forma:

«3.1. Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Prestarlle asistencia técnica e administrativa á persoa titular da secretaría en todo o que requira.

b) A elaboración, por requirimento da persoa titular da secretaría, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

c) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico e xurídico nas materias competencia do departamento, que lle sexan encomendados pola persoa titular da secretaría.

d) A coordinación da elaboración do anteproxecto de gastos da Presidencia da Xunta de Galicia, a elaboración do anteproxecto de orzamentos de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, así como o seguimento e control da súa execución.

e) A xestión económica e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I respecto a todo o persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia.

f) Programar as necesidades de persoal, en colaboración coas distintas secretarías xerais da Presidencia, a coordinación e elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia.

g) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) O réxime interior, a asistencia técnica, a coordinación administrativa do sistema de xestión de procedementos administrativos e as outras funcións de contido administrativo que lle atribúa a persoa titular da secretaría.

i) O estudo, preparación e informe dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como as disposicións e actos administrativos que se deban publicar no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

j) A asistencia á persoa titular da Secretaría da Presidencia para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

k) A suplencia do secretario/a xeral da Presidencia nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade en todas as materias de índole administrativa e orzamentaria que sexan competencia deste.

l) As demais funcións que lle encomende a persoa titular da secretaría.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1.1. Servizo de Persoal e Asesoramento.

3.1.2. Servizo de Apoio Técnico».

Dous. Modifícase o número 2, no artigo 3, que quedará redactado da seguinte forma:

«2. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Análise e Proxección conta coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1. Servizo de Análise e Documentación.

Son funcións deste servizo:

a) Prestarlle asistencia técnica e asesoramento á persoa titular da secretaría en todo o que requira.

b) Compilar, elaborar e informatizar a documentación e información xerada pola Vicepresidencia, consellerías, o resto de órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia e demais entes e organismos públicos ou privados.

c) Promover o encontro de expertas/os para debateren asuntos específicos de interese para a Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A realización das publicacións que coide de interese.

e) A habilitación de pagamentos nas materias propias da Secretaría Xeral, agás o capítulo I.

f) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, seguindo indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

g) A xestión do orzamento da Secretaría Xeral.

h) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral.

i) A xestión de investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral.

j) As demais funcións que lle encomende a persoa titular da secretaría.

2.2. Servizo de Estudos.

Son funcións deste servizo:

a) Dirixir o banco de datos da Secretaría Xeral de Análise e Proxección.

b) Coordinar os aspectos estatísticos referentes aos estudos e informes da Secretaría Xeral.

c) Deseñar os estudos sociolóxicos da Secretaría Xeral de Análise e Proxección.

d) Propor ou informar da realización de novos estudos.

e) Coordinar e dirixir a páxina web da Secretaría Xeral de Análise e Proxección».

Tres. Modifícase o punto 2º.1.1. do artigo 7 que quedará redactado da seguinte forma:

«Servizo de Formación, Asesoramento Lingüístico e Proxección Exterior da Lingua.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Organización de cursos de formación, seminarios, encontros e congresos en materia de lingua galega.

b) Xestión das validacións e solicitudes de recoñecemento de certificacións de cursos e outras actividades de formación e normalización da lingua galega (seminarios, encontros, etc.).

c) Apoio en materia de asesoramento lingüístico e oferta de recursos ás administracións públicas e, de ser o caso, ás entidades privadas.

d) Xestión de consultas e queixas en materia de dereitos lingüísticos.

e) Xestión das solicitudes de traducións galego-castelán e viceversa de documentación, acordos e textos con orixe ou destino nas institucións da Unión Europea.

f) Xestión das solicitudes de tradución ao castelán de títulos oficiais expedidos en galego que deban producir efectos en administracións públicas sitas noutras comunidades autónomas do Estado español.

g) Xestión das solicitudes de habilitación profesional para a tradución e interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa e do Rexistro de Persoas Tradutoras e Intérpretes Xurados, así como das probas de habilitación cando se convoquen.

h) Xestión das actividades de promoción exterior da lingua galega (lectorados, feiras, etc.).

i) Xestión da produción de material didáctico para apoio á formación en lingua galega e á normalización lingüística.

j) Proposta de resolución de recursos nas materias que desenvolve este servizo.

k) Desenvolvemento de calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola persoa responsable da Subdirección Xeral de Política Lingüística».

Catro. Engádese o número 2.3. ao artigo 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«2.3. Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Correspóndelle a esta subdirección xeral:

a) A asistencia á/ao secretaria/o xeral nas materias de planificación e dinamización lingüística.

b) A realización das propostas de execución das liñas de axuda e subvencións de apoio á dinamización da lingua galega.

c) A planificación, execución e seguimento de actuacións normalizadoras para o fomento da lingua galega.

d) A planificación dos recursos e/ou estudos necesarios para a promoción do galego.

e) A elaboración, a posta en práctica e o seguimento de propostas de dinamización lingüística.

f) Coordinación de actuacións e servizos de entidades e administracións para o fomento da lingua galega.

g) Difusión de actuacións e/ou estudos de promoción da lingua galega.

h) Calquera outra función de natureza análoga que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modifícase o número 3 do artigo 54 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da asesoría xurídica da Xunta de Galicia nos seguintes termos:

«A oposición constará de cinco exercicios, dous de carácter teórico e oral, correspondentes, cada un deles, ás dúas partes en que resulte dividido o programa, dous de carácter práctico e un destinado a acreditar a competencia en lingua galega, todos con eficacia eliminatoria. Na respectiva convocatoria, ademais, poderán establecerse un ou varios exercicios de lectura e tradución de linguas estranxeiras. Os exercicios de que consta a fase de oposición realizaranse pola orde que sinale a convocatoria».

Segunda.-Facúltase a persoa titular da Secretaría da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2008.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza