DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 23 de setembro de 2008 Páx. 17.465

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 17 de setembro de 2008 pola que se amplía a dotación orzamentaria da do 29 de maio pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e se convocan para o ano 2008.

Pola Orde do 29 de maio de 2008 establecéronse as bases e convocáronse para o ano 2008 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia (DOG nº 109, do 6 de xuño).

No artigo 26 relativo ao financiamento destas axudas detállanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para elas. Tendo en conta o elevado número e dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na orde desta consellería citada anteriormente.

En virtude do exposto, de acordo co establecido no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase para o ano 2008 a dotación orzamentaria que se recolle na orde desta consellería, do 29 de maio de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 109, do 6 de xuño), pola que se convocan para o ano 2008 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, nun importe adicional de 500.000 euros para o exercicio 2008, con cargo á partida orzamentaria 11.03.712-C.770.1.

Disposición adicional

Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita Orde do 29 de maio de 2008.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural