DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 23 de setembro de 2008 Páx. 17.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de setembro de 2008 pola que se declara de interese galego a Fundación Jacinto Calvo e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Con data do 1 de agosto de 2008 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de xullo de 2008 pola que se clasifica como mixta a Fundación Jacinto Calvo, adscribíndoa á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, departamento a que corresponde o exercicio das funcións de protectorado.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo, o día sete de maio de dous mil oito, ante o notario José Manuel López Cedrón, co número de protocolo mil novecentos trinta e sete, por José Miguel Vázquez Calvo, María Isabel Salazar Bello, Margarita Pérez Herráiz, Luis Ángel Lago Lage, Serafín Antonio Fernández Gómez, Laura Elena Sánchez Piñón, e Ricardo Jacinto Varela Sánchez. Todos eles interveñen no seu propio nome e dereito.

Esta escritura foi emendada por outra do dezaoito de xuño de dous mil oito outorgada ante o mesmo notario.

Na escritura pública consta así mesmo a dotación fundacional, a identificación das persoas que compoñen o padroado e os estatutos da fundación.

Segundo establece o artigo 5 dos estatutos, os fins da fundación son os seguintes:

-Promover, impulsar e canalizar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento político e social e ao progreso económico e cultural da provincia de Lugo, fomentando o coñecemento, a expansión e o desenvolvemento do pensamento socialista, para acadar unha sociedade mais desenvolvida, xusta, solidaria, igualitaria, democrática, participativa e respectuosa.

-Subministrar e socializar o coñecemento e as innovacións no ámbito de acción política.

-Apoiar a clase traballadora e os homes e mulleres que loiten contra todo tipo de explotación, aspirando a transformar a sociedade para convertila nunha sociedade libre, igualitaria, solidaria e en paz que loita polo progreso.

-Constituír un referente e difusor dos principios de liberdade de conciencia, democracia, progreso social e igualdade.

-Despregar a súa actividade en beneficio do conxunto dos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo e prestará atención aos residentes lugueses no exterior, co fin de contribuír á súa vinculación e, de ser o caso, á súa reintegración á realidade da provincia de Lugo.

-Impulsar medidas concretas destinadas á aplicación efectiva do principio de igualdade que permita a completa integración das mulleres no proceso de desenvolvemento global da nova sociedade.

-Facilitar unha igualitaria redistribución dos recursos familiares, sociais, políticos e laborais entre homes e mulleres.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, considerándose cumpridos os requisitos establecidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, logo de informe favorable emitido pola Asesoría Xurídica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Jacinto Calvo ao cumpriren os seus estatutos e escritura de constitución as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Jacinto Calvo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de darlles publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través da memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza