DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 22 de setembro de 2008 Páx. 17.355

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se actualiza o calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación.

A mellora do estado de saúde da poboación vén determinada en gran medida pola existencia de produtos vacinais de eficacia e efectividade demostrada, cuxo principal obxectivo é a prevención de determinadas enfermidades. A recente autorización de dúas vacinas fronte ao virus do papiloma humano permitirá reducir o risco de infección polo dito virus, así como de lesións precursoras e cancro de colo de útero.

Por este motivo, e tendo en conta os avances no coñecemento da situación epidemiolóxica dos axentes infecciosos obxecto de vacinación e a dispoñibilidade destas novas vacinas, faise necesaria a actualización do programa galego de vacinación, para o que se seguirán as recomendacións técnicas ao respecto e os acordos do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Neste sentido, o dito consello acordou recomendar a vacinación fronte ao virus do papiloma humano das rapazas nunha única cohorte, entre os 11 e 14 anos de idade, para introducila segundo os intereses de cada comunidade autónoma antes de finais de 2010.

De conformidade co Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade e as súas competencias, é responsabilidade da Dirección Xeral de Saúde Pública o desenvolvemento e a xestión de programas de prevención de problemas de saúde con especial repercusión na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o seu artigo 11.3º h).

RESOLVO:

Primeiro.-Incluír a vacina fronte ao virus do papiloma humano en rapazas nadas a partir do 1 de xullo de 1994 segundo vaian cumprindo 14 anos de idade.

Segundo.-O programa de vacinación infantil comprenderá a prevención mediante inmunoprofilaxe activa de:

-Hepatite B.

-Poliomielite.

-Tétano.

-Difteria.

-Tose ferina.

-Sarampelo.

-Rubéola.

-Parotidite.

-Enfermidades invasoras causadas polo Haemophilus Influenzae do serotipo b.

-Enfermidades invasoras causadas por Neisseria meningitidis serogrupo C.

-Varicela.

-Virus do papiloma humano.

Terceiro.-As pautas de vacinación segundo as vacinas serán as seguintes:

Ver referencia pdf "18300D003P007.PDF"

Cuarto.-Esta resolución deixa sen efecto a Resolución do 3 de novembro de 2006, da Dirección Xeral de Saúde Pública, publicada no Diario Oficial de Galicia número 218, do 13 de novembro, e entrará en vigor o día 29 de setembro de 2008.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2008.

Ramón Medina González-Redondo

Director xeral de Saúde Pública