DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de setembro de 2008 pola que se convoca un curso sobre investigación e reconstrución de accidentes de tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2008 en colaboración co Concello de Vigo, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e o Concello de Vigo, anúnciase a celebración dun curso sobre investigación e reconstrución de accidentes de tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Proporcionar aos funcionarios de policía destinados nas unidades de investigación e análise de accidentes de tráfico, coñecementos técnicos que aumenten a súa preparación na interpretación dos indicios recollidos e na emisión de informes ou ditames relacionados coas causas de produción de sinistros.

Destinatarios.

Membros do corpo de policía local, funcionarios de carreira, do Concello de Vigo, que desempeñen funcións de investigación e reconstrución de accidentes, para os que se reservan 9 prazas, cubrindo o resto das mesmas (3 prazas) con solicitantes doutros corpos de policía local que cumpran os mesmos requisitos, tendo preferencia os dos concellos próximos a Vigo.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

12 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 7 de outubro ás 14.00 horas.

3. As instancias dos solicitantes que non pertenzan ao Concello de Vigo, deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade Pública (fax: 886 20 61 22), avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os solicitantes que pertenzan ao corpo de Policía local do Concello de Vigo deberán facer a súa solicitude a través da Academia de Formación de Policía local do Concello de Vigo.

Datas.

O curso desenvolverase durante os días 13, 14, 15, 16 e 17 de outubro de 2008.

O horario será de 16.00 a 20.00 horas, cunha duración de 20 horas lectivas.

Contido.

-Conceptos básicos de física, matemáticas e dinámica.

-Cálculo de velocidade máxima dun vehículo.

-Cálculo de aceleración máxima dun vehículo.

-Cálculo da velocidade a través das pegadas de freada.

-Cálculo da velocidade por conservación da cantidade de movemento.

-Cálculo da velocidade por conservación da enerxía.

-Proxeccións e atropellos.

-Deformacións e rozamentos.

Selección.

Os membros do corpo da Policía local do Concello de Vigo serán seleccionados pola Xefatura da Policía local do Concello de Vigo, e os restantes seranlles de aplicación os criterios do proceso de selección dos cursos da Agasp (non ter feito este curso, grupo de pertenza, antigüidade, menor número de cursos, etc.).

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 9 de outubro a partir das 14.00 horas, pola Academia Galega de Seguridade Pública, os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 886 20 61 17/18/24 (Agasp) e na páxina web http://agasp.xunta.es

Lugar.

O curso desenvolverase na aula de formación da Policía local do Concello de Vigo.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada neste e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como o Concello de Vigo, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 15 de setembro de 2008.

P.S. (Disposición primeira da Orde 31-1-2008

DOG nº 23, do 1 de febreiro)

María Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "18200D008P018.PDF"