DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2008 pola que se convocan dous cursos de actualización de primeiros auxilios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade Pública ten previsto realizar no ano 2008, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, de creación da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria de dous cursos de actualización de primeiros auxilios, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Difundir as novas recomendacións en soporte vital básico. Mellorar o prognóstico da parada cardiorrespiratoria (PCR). Difundir as normas e técnicas de actuación na atención ao paciente dentro das principais situacións de urxencia e emerxencia sanitaria ante as que se pode atopar o voluntario en xeral.

Actualizar os coñecementos para acceder á formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos (DESA) ao persoal non sanitario, membros dos servizos de emerxencia e protección civil.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros dos servizos de emerxencias e protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que teñan realizado o curso básico de protección civil e un curso de segundo nivel.

Desenvolvemento.

1. Prazas: 40 por curso.

2. Duración: 4 horas lectivas.

3. Data: 27 de outubro de 2008.

4. Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública. A Estrada.

Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos/as participantes é gratuíta.

2. As persoas interesadas poderán cubrir a solicitude que se amosa na páxina web http://agasp.xunta.es, ou o modelo anexo á convocatoria da actividade.

3. As solicitudes deberán vir asinadas pola persoa responsable da correspondente unidade e co selo desta. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

4. Presentación das solicitudes:

-Por correo á sede da Academia Galega de Seguridade Pública: avda. da Cultura, s/n 36680, A Estrada.

-A través do fax nº 886 20 61 23 do Servizo de Formación-Sección de Protección Civil e Bombeiros da AGASP, ou

-Segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o día 17 de outubro de 2008.

Contido.

O contido do curso de actualización de primeiros auxilios divídese en dúas partes:

-Teoría: (1 hora).

-Práctica: (3 horas).

Sobre actualización en soporte vital básico e primeiros auxilios.

Relación de admitidos/as.

A relación de admitidos/as farase pública o día 21 de outubro de 2008 na páxina web: http://agasp.xunta.es.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, en máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 9 de setembro de 2008.

P.S. (Disposición primeira Orde 31 de xaneiro de 2008; DOG nº 23, do 1 de febreiro)

Mª Isabel Durántez Gil

Directora xeral de Interior

Ver referencia pdf "18200D008P018.PDF"