DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 12 de setembro de 2008 pola que se convocan seis bolsas de formación e especialización en materia de vivenda.

Co obxectivo de facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos universitarios e á formación profesional así como o acceso ao mercado de traballo dos estudantes que rematasen recentemente os ditos estudos, e tendo en conta o éxito da convocatoria do ano 2007, convócanse seis bolsas de formación e especialización orientadas ao estudo das liñas de subvencións da consellería, da interacción administrativa con outras administracións, das normas do hábitat galego así como doutras materias relacionadas coa vivenda, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Consellería de Vivenda e Solo convoca seis bolsas de formación e especialización en materia de vivenda para un arquitecto/a e cinco licenciados/as en dereito co obxecto de especializar profesionais en materia de vivenda.

Estas bolsas serán concedidas en réxime de concorrencia competitiva.

Segunda.-Duración e dotación.

As actividades iniciaranse desde a incorporación dos bolseiros/as e rematarán aos doce meses desta. Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga das bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

A dotación económica mensual de cada bolsa será de 1.000 € brutos coa retención fiscal que lle corresponda. Respecto ao pagamento, observarase o disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o disposto nos artigos 45 e) e 46 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado.

O custo total destas actividades de formación é de setenta e dous mil euros (72.000 €) que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 17.01.451C.480.2. dos orzamentos xerais para 2008 e a correspondente no orzamento de 2009 coa seguinte distribución de anualidades:

2008: 6.000 €.

2009: 66.000 €.

Antes de proceder ao último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude desta convocatoria e, así mesmo, deberán presentar un informe sobre a actividade realizada e a formación recibida.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro/a será incompatible co desfrute doutras bolsas. Non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin suporá a inclusión na Seguridade Social. A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a concertación dun seguro de responsabilidade pola consellería.

Para o que non se estableza expresamente nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, en canto non se opoña á citada lei.

Cuarta.-Requisitos dos candidatos.

Poderán optar á bolsa aquelas persoas que reúnan os requisitos seguintes:

1. Ter aboadas as taxas para a obtención do título de arquitecto/a ou licenciado/a en dereito nos anos 2006, 2007 ou 2008, con anterioridade á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.

2. Acreditar un coñecemento da lingua galega con nivel de perfeccionamento ou equivalente. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes deberán entregarse no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou en calquera dos lugares que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Coa presentación da solicitude préstase o consentimento para que a Consellería de Vivenda e Solo, de acordo co establecido na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos.

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Deberá presentarse a seguinte documentación orixinal ou compulsada:

1. O impreso de solicitude publicado como anexo a esta convocatoria.

2. Fotocopia do DNI ou pasaporte.

3. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas, constando en todo caso a nota media simple.

4. Memoria descritiva, cunha extensión mínima de tres folios e máxima de seis, sobre un tema de actualidade relacionado coa problemática da vivenda.

5. Curriculum vitae.

6. Declaración xurada comprometéndose a renunciar a calquera outra bolsa de colaboración.

7. Documentos que acrediten a formación e/ou coñecementos en lingua galega.

8. Acreditación da titulación universitaria exixida.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, exporase no taboleiro de anuncios da sede da Consellería de Vivenda e Solo e na páxina web desta a resolución provisional de persoas admitidas e excluídas para participar no proceso de selección. As persoas solicitantes disporán dun prazo de 5 días hábiles desde a exposición na páxina web para realizar reclamacións. Unha vez resoltas estas exporase novamente a lista definitiva de admitidos/as.

Sexta.-Tribunal.

Presidenta: a secretaria xeral da Consellería de Vivenda e Solo ou quen a substitúa.

Vogais:

O xefe do Servizo Técnico Xurídico.

O xefe do Servizo de Contratación da Consellería de Vivenda e Solo.

O xefe do Servizo de Calidade da Edificación.

Secretario: un/unha funcionario/a da Consellería de Vivenda e Solo, nomeado pola secretaria xeral que actuará con voz e voto.

Sétima.-Criterios de valoración para a elección dos bolseiros.

I. Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos, en proporción á nota media. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo de 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo).

II. Curriculum vitae: ata 11 puntos, dos que se valorarán:

a) Por acreditar unha segunda licenciatura ou diplomatura universitaria: 3 e 2 puntos, respectivamente.

b) Por acreditar estudos de posgrao: 2 puntos para os que teñan unha duración de máis de 50 créditos e 1 punto para os que teñan unha duración entre 20 e 49 créditos.

c) Por cursos realizados nos últimos tres anos sobre ferramentas relacionadas con ofimática: 0,30 puntos por cada 20 horas recibidas, ata un total de 1,5 puntos nesta alínea.

d) Por cursos realizados nos últimos tres anos e que estean relacionados directamente coas actividades que se van desenvolver: 0,30 puntos por cada 20 horas recibidas, ata un total de 1,5 puntos nesta alínea.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

Oitava.-Procedemento de selección.

Unha vez valorados polo tribunal os méritos dos puntos I e II da base anterior, exporase no taboleiro de anuncios da consellería e na páxina web desta unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de dez días hábiles desde a exposición na páxina web.

Resoltas as reclamacións, publicarase unha nova lista e o tribunal realizaralles unha entrevista persoal aos tres aspirantes con maior puntuación para cada unha das bolsas ofertadas. A entrevista versará sobre a capacidade de resposta a preguntas formuladas polo tribunal relacionadas cun tema de vivenda ou algunha das especialidades técnicas correspondentes ás titulacións requiridas, os seus méritos curriculares ou da memoria, e terá unha duración máxima de quince minutos, valorándoa ata 3 puntos.

Finalmente, o tribunal públicará a relación definitiva de candidatos/as por orde de puntuación. Se as persoas con maior puntuación non aceptasen as bolsas ou posteriormente renunciasen a elas, chamaranse as seguintes persoas da lista pola orde de puntuación dentro de cada titulación.

Novena.-Obrigas dos bolseiros/as.

Os/as aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ao da notificación do outorgamento.

Os/as bolseiros/as realizarán a súa actividade e recibirán a súa formación de acordo cun plan formativo elaborado por un titor/a nomeado pola Secretaría Xeral, que coordinará e dirixirá a súa actividade en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres, nos servizos centrais da Consellería de Vivenda e Solo.

Os/as bolseiros/as presentarán antes do último mes do desfrute da bolsa un informe sobre a actividade realizada e a formación recibida.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a consellería considere convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola consellería, logo de que a Secretaría Xeral certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e mantenza non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, para os efectos da súa determinación.

No caso de que un/unha adxudicatario/a por calquera motivo non poida realizar a súa actividade, será substituído polo/a candidato/a seguinte por orde de puntuación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro/a das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro/a. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día do mes, aboarase a parte proporcional correspondente ao desfrute da bolsa.

As persoas beneficiarias estarán obrigadas a facilitar canta información lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións e control do destino das axudas.

Décima.-Anulación da bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación destas bases.

No caso de incumprimento das obrigas da base anterior, a consellería poderá, por proposta da Secretaría Xeral, e logo de escoitar a persoa afectada, anular a bolsa e, consecuentemente, proceder ao reintegro total ou parcial da axuda percibida.

Décimo primeira.-Incompatibilidades.

Non poderán solicitar estas bolsas os que xa desfrutasen algunha bolsa de colaboración con dotación económica da Consellería de Vivenda e Solo ou do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Décimo segunda.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa seralles notificada aos interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións expresas ou presuntas que se diten esgotarán a vía administrativa e poderá interpoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se fose expresa, ou no prazo de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto, se non o fose. Tamén se poderá optar por interpor directamente recurso contencioso-administrativo de acordo co disposto nos artigos 8 e 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se o acto fose expreso, e se non o fose, o prazo para interpoñelo será de seis meses, contados desde o

día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo