DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.315

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 12 de setembro de 2008 pola que se convocan as subvencións a propietarios de vivendas baleiras que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, modificado polo Decreto 115/2008, do 29 de maio, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008, e o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 115/2008, do 29 de maio, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008 e o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer, establece as condicións e requisitos para a concesión das subvencións a persoas propietarias de vivendas baleiras que as cedan para o seu arrendamento polo menos cinco anos a través do referido programa.

O seu artigo 3.3º dispón que estas subvencións se atenderán a través de convocatorias anuais polas que se cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar para cada exercicio.

Por outro lado, a disposición derradeira primeira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, faculta a conselleira de Vivenda e Solo para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar as subvencións a propietarios de vivendas baleiras que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do establecido no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, modificado polo Decreto 115/2008, do 29 de maio.

Artigo 2º.-Destinatarios.

De acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán solicitar a subvención a vivendas baleiras as persoas propietarias de vivendas que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 4 do referido texto normativo, estivesen desocupadas no período dos doce meses anteriores á presentación da solicitude de incorporación no Programa de vivenda en aluguer.

Artigo 3º.-Finalidade da subvención.

A finalidade destas subvencións é a de fomentar o arrendamento do parque de vivendas baleiras existentes en Galicia a través do Programa de vivenda en aluguer.

Artigo 4º.-Contía da subvención.

De acordo co establecido no artigo 22 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, a contía da subvención será de 6.000 euros.

Artigo 5º.-Consignación orzamentaria.

Para os efectos do disposto no artigo 3.3º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións a propietarios de vivendas baleiras do Programa de vivenda en aluguer do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, modificado polo Decreto 115/2008, do 29 de maio, polo que se modifica o Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008 e o Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o Programa de vivenda en aluguer, é a 17.01.451A.780.1.

2. O importe máximo das subvencións ao arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 900.000 €.

3. O importe máximo destas subvencións poderá incrementarse en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación. De producirse incremento na dotación orzamentaria destinada á concesión destas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia o importe polo que resultará finalmente dotada a aplicación que as financia.

Artigo 6º.-Solicitudes de subvención a propietarios de vivendas baleiras do Programa de vivenda en aluguer.

De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, atendéndose todas as solicitudes presentadas durante esta convocatoria ata o esgotamento do crédito.

Unha vez asinado o primeiro contrato de arrendamento no marco do Programa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, o propietario da vivenda libre poderá presentar a solicitude de subvención coa correspondente acreditación do período de desocupación establecido no artigo 21º deste decreto, trámite que se poderá realizar mediante o modelo de solicitude de subvención recollido como anexo desta orde.

Para optar á subvención, o propietario deberá achegar, xunto coa solicitude dela, os recibos de consumo de electricidade e auga correspondentes aos doce meses anteriores á solicitude de inclusión da vivenda no Programa de vivenda en aluguer.

Artigo 7º.-Lugar de presentación.

A documentación referida no artigo anterior presentarase no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou nos das súas delegacións provinciais, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de subvención a propietarios de vivendas baleiras reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 31 de decembro de 2008 no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou no das súas delegacións provinciais.

Artigo 9º.-Procedemento de concesión.

De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, exceptúase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, atenderanse todas as solicitudes presentadas durante esta convocatoria ata o esgotamento do crédito.

Artigo 10º.-Resolución.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en que delegue, logo de proposta realizada polos delegados provinciais desta consellería, ditará resolución expresa debidamente motivada sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de ser o caso, sobre a súa denegación, sempre dentro dos límites previamente xustificados. A resolución que se dite poñerá fin á vía administrativa.

O prazo máximo para notificar as resolucións ditadas no procedemento administrativo será de seis meses desde a presentación da solicitude. No caso de non se ditar resolución nese prazo as solicitudes de subvención entenderanse desestimadas.

Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e prodecemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Notificación.

As notificacións practicaranse no lugar que o interesado teña sinalado para tal efecto na solicitude, e de acordo co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

A concesión desta subvención non excluirá os seus titulares de poder ser beneficiarios, de ser o caso, da subvención por rehabilitación regulada no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro.

Disposición adicional

Única.-Incorporadas ao programa un número de vivendas baleiras que podan comprometer o crédito que sustenta a concesión das ditas subvencións, denegarase a incorporación ao programa de vivendas que precisen as ditas obras ata a seguinte convocatoria anual.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "18200D005P011.PDF"