DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2008, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de plantas de transferencia de Galicia.

Visto o texto do convenio de ámbito autonómico de plantas de transferencia de Galicia (código de convenio nº 8200953), que se subscribiu o 9 de xuño de 2008, entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2008.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Ámbito funcional.

Este convenio colectivo, de ámbito autonómico, será de aplicación a aquelas empresas que presten servizos, en réxime de adxudicatarias, nas plantas de transferencia cuxa titularidade corresponda a Sogama, situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As especificacións contidas neste convenio aplicaranse a todos os traballadores das mencionadas empresas, calquera que sexa a súa categoría profesional, así como a natureza ou tipo do seu contrato, que presten os seus servizos nas actividades incluídas no ámbito funcional descrito neste artigo, e durante o tempo en que se realicen as mencionadas actividades.

Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día 1 de xullo de 2008 e estenderá a súa vixencia ata o día 31 de decembro de 2008.

Finalizada a súa vixencia e ata a sinatura dun novo convenio, manterase en vigor todo o seu articulado e contido.

Este convenio quedará denunciado automaticamente no momento de finalización da súa vixencia.

Xornada laboral.

O persoal afectado por este convenio e durante a súa vixencia manterá a actual xornada laboral e réxime de traballo.

Garantía ad personam.

As condicións máis beneficiosas para os traballadores con respecto a este convenio, individual ou colectivamente, subsistirán para aquelas que as viñan desfrutando, non sendo compensables nin absorbibles.

Tamén serán respectadas e consideradas, como se parte deste convenio se tratase, as condicións máis beneficiosas para os traballadores, recollidas no convenio colectivo do sector de limpeza pública, viaria, regas, recollida, tratamento e eliminación de residuos, limpeza e conservación de sumidoiros, así como calquera outra norma ou lei de rango superior a este convenio colectivo. Así mesmo, serán respectados a título individual, todos os dereitos adquiridos que non se recollan neste convenio colectivo e teñan un carácter máis beneficioso para o traballador.

Subrogación do persoal.

Ademais do previsto no artigo 49 e seguintes do convenio colectivo do sector de limpeza pública, viaria, regas, recollida, tratamento e eliminación de residuos, limpeza e conservación de sumidoiros, que será norma básica, acórdase:

No momento de finalización da concesión das contratas, os seus traballadores, calquera que sexa a súa modalidade de contrato no momento da subrogación, continuarán prestando servizos na nova contratista, e respectaránselles todos os dereitos, obrigas, condicións de traballo e melloras que se producisen ao longo da relación laboral entre ambas as partes.

Igualmente, a empresa entrante respectará todos os dereitos de representación e garantías dos representantes legais dos traballadores na forma existente, con todas as garantías que deriven desa representación.

Condicións económicas.

As que figuran na táboa salarial adxunta.

Cláusulas adicionales

Primeira.-Para o non previsto neste texto e sempre que non o contradiga, observarase o previsto no convenio colectivo do sector de limpeza pública, viaria, regas, recollida, tratamento e eliminación de residuos, limpeza e conservación de sumidoiros (código de convenio número 9910035 que foi subscrito con data do 20 de decembro de 1995) así como a resolución da comisión paritaria do dito convenio, publicada no BOE nº 306, do 22 de decembro de 2000, ET, LOLS e demáis lexislación vixente.

Segunda.-As discrepancias que se produzan no seo da comisión paritaria resolveranse de acordo cos procedementos regulados no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA).

Terceira.-As partes asinantes deste convenio colectivo acordan incorporar a este as actas da comisión paritaria, Inspección de Traballo e AGA, como parte del, e que figuran como anexos.

Ver referencia pdf "18200D004P010.PDF"