DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 19 de setembro de 2008 Páx. 17.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 209/2008, do 28 de agosto, polo que se modifican a denominación e os estatutos do Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A., aprobados polo Decreto 229/1994, do 14 de xullo.

O Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec) foi constituído mediante Decreto 229/1994, do 14 de xullo, como unha sociedade pública autonómica con forma de sociedade anónima e capital integramente público, adscrita ao Servizo Galego de Saúde, ao abeiro da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da comunidade autónoma, e da entón vixente Lei 11/1992, do 7 de abril, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Durante os seus catorce anos de actividade, Medtec veu prestando diversos servizos de xestión e consultoría especializada no ámbito sanitario. Así mesmo, veu dando cobertura asistencial no ámbito da alta tecnoloxía sanitaria á poboación da rexión sanitaria sur de Galicia a través das unidades de cirurxía cardíaca, cardioloxía intervencionista, diagnóstico por imaxe, medicina nuclear e oncoloxía radioterápica, integradas funcionalmente nos complexos hospitalarios de Vigo e de Ourense.

Por outra banda, a satisfacción do dereito á protección da saúde dos cidadáns exixe contar cos medios suficientes e as infraestruturas axeitadas para atender as necesidades da poboación, tomando en consideración o número e características desta e a súa distribución demográfica e xeográfica, en liña cos compromisos asumidos no novo Plan director de infraestruturas sanitarias para o período 2008-2013.

Neste contexto, considérase a conveniencia de dotar a sociedade das facultades necesarias co fin de que poida converterse en instrumento ao servizo das políticas públicas de desenvolvemento e execución de infraestruturas sanitarias que permitan satisfacer axeitadamente o dereito á saúde dos cidadáns.

A nova Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, considera no seu artigo 4.1º n) como negocios e contratos excluídos do ámbito de aplicación dela, aqueles en virtude dos cales se encargue a unha entidade que, conforme o sinalado no artigo 24.6º da mesma norma, teña atribuída a condición de medio propio e servizo técnico del, a realización dunha determinada prestación.

Esa condición de medio propio e servizo técnico das entidades que cumpran os criterios mencionados deberá recoñecerse expresamente pola norma que as cree ou polos seus estatutos, que deberán determinar as entidades respecto das cales teñen esta condición e precisar o réxime das encomendas que se lles poidan conferir ou as condicións en que poderán adxudicárselles contratos, e determinará para elas a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas polos poderes adxudicadores dos cales sexan medios propios, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se lles poida encargar a execución da prestación obxecto delas.

Á vista do exposto, e coa finalidade, esencialmente, de adaptar a denominación e o obxecto social de Medtec ás novas finalidades e necesidades públicas detectadas, faise preciso modificar os seus estatutos aprobados polo Decreto 229/1994, do 14 de xullo.

De conformidade co disposto nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A. (Medtec), pasará a denominarse Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Artigo 2º

Apróbase a modificación dos artigos 1, 2, 5, 16.1º k), e 20 l), dos estatutos da entidade engádeselles unha nova disposición adicional na redacción que figura como anexo a este decreto.

Artigo 3º

Declárase a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública, para a execución das actividades que por elas lle sexan encomendadas, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social, estando obrigadas a realizalas de acordo coas instrucións fixadas unilateralmente polo encomendante. As relacións coas anteriores entidades non se consideran de natureza contractual, sendo para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado e articulándose a través das encomendas de xestión previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Esta natureza de medio propio e servizo técnico determinará a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos e entidades de natureza pública, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, poida encargárselles a execución da prestación obxecto delas.

A empresa realizará a parte esencial da súa actividade cos entes dos que é medio propio e servizo técnico.

Artigo 4º

As tarifas que percibirá Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. en concepto de retribución pola execución das encomendas serán fixadas por unha comisión paritaria, en que participarán representantes das consellerías de Sanidade e de Economía e Facenda. En canto esta comisión non fixe as correspondentes tarifas, a retribución dos traballos que realice establecerase nas encomendas de xestión, que en calquera caso deberá cubrir o valor das prestacións encargadas, tendo en conta os custos directos e indirectos, e as marxes razoables acordes co importe das prestacións. Estas marxes deberán figurar como partida independente do resto da tarifa.

Artigo 5º

Será de titularidade pública a totalidade do capital da sociedade.

Artigo 6º

Como consecuencia das modificacións estatutarias a que se refire este decreto, o Consello de Administración da sociedade procederá a realizar as adaptacións que resulten necesarias nos regulamentos de réxime interior e nos de organización interna, estrutural e funcional da sociedade, de conformidade co previsto no artigo 16.1º c) dos seus estatutos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para ditar os actos necesarios para a execución, desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Modifícase a redacción dos artigos 1, 2, 5, 16.1º k) e 20.1º l) dos estatutos da sociedade pública a que se refire este decreto, e engádese unha nova disposición adicional; quedarán redactados como segue:

«Artigo 1º.-Denominación e réxime xurídico.

1. Baixo a denominación de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. constitúe a Comunidade Autónoma de Galicia unha sociedade pública con forma de sociedade mercantil anónima, que se rexerá por estes estatutos e, no non previsto neles, polos preceptos que resulten de aplicación do Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de sociedades anónimas; da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia; do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación en materia de persoal e contratación nas sociedades públicas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia; coa normativa que regula a contratación do sector público, e coas demais disposicións que lle sexan aplicables.

2. A sociedade terá a consideración de medio propio instrumental e servizo técnico da Xunta de Galicia para a execución de actividades que lle sexan encomendadas por esta ou polos seus organismos e entidades de natureza pública, dentro das materias que constitúen o seu obxecto social, e estará obrigada a realizalas.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual sendo para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado e articulándose a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, de 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, requirindo para tales efectos da preceptiva e previa resolución do órgano que efectúe a encomenda, onde se identificarán os termos e condicións en que deberá realizarse a dita encomenda.

A retribución dos traballos que leve a cabo determinarase nas encomendas, calculándose de xeito que permita a recuperación dos investimentos feitos e os custos de xestión, de ser o caso.

Artigo 2º.-Obxecto social.

1. A sociedade Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. ten por obxecto o desenvolvemento, execución e explotación de infraestruturas sanitarias, a prestación de servizos de consultoría no eido sanitario, así como a prestación de servizos relacionados co ámbito sanitario.

2. En particular, constituirán parte do obxecto social as seguintes actividades:

2.1. A promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación, por si mesma ou mediante terceiros, de toda clase de infraestruturas sanitarias que sexan promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou en que esta participe, vinculadas ao ámbito sanitario.

2.2. A prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector sanitario, especialmente no eido da alta tecnoloxía sanitaria.

3. As actividades abranguidas no obxecto social poderanse realizar, total ou parcialmente, ben mediante a creación de sociedades filiais, ben participando noutras sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou ben mediante calquera outra fórmula admitida en dereito, respectando en todo caso o marco normativo definido no artigo 1.1º destes estatutos.

Artigo 5º.-Capital social.

O capital social fíxase na cantidade de dous millóns cento tres mil cincocentos corenta e dous euros, dividido en trescentas cincuenta accións de seis mil dez euros con dez céntimos, de valor nominal cada unha, totalmente subscritas e desembolsadas.

O capital será integramente subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Funcións do Consello de Administración.

1. Con estrita suxeición á normativa vixente, corresponderanlle ao Consello de Administración as seguintes funcións: (…..)

k) Actuar como órgano de contratación nos contratos, convenios ou concertos cuxa conclusión fose precisa para o desenvolvemento das actividades comprendidas no obxecto social.

Artigo 20º.-Funcións do director xerente.

Son funcións do director xerente: (….)

l) A formalización dos contratos, convenios ou concertos, precisos para o desenvolvemento das actividades comprendidas no obxecto social, unha vez adxudicadas polo órgano de contratación.

Disposición adicional

Os recursos económicos da sociedade pública estarán constituídos por:

a) As asignacións orzamentarias da Xunta de Galicia e dos seus organismos autónomos e outros entes dependentes.

b) As subvencións, as achegas voluntarias ou as doazóns que lle conceda calquera persoa pública ou privada.

c) O rendemento do seu patrimonio.

d) Os ingresos obtidos por operacións de crédito, que en todo caso se axustarán ao réxime xeral de autorización e de información sobre o endebedamento público regulado na normativa orzamentaria da comunidade.

e) As remuneracións derivadas da prestación de servizos ou pola realización de actuacións que lle sexan encomendadas, de conformidade co seu obxecto social pola Administración galega, os seus organismos autónomos ou entes dependentes, ou, de ser o caso, calquera outra Administración pública.

f) Por calquera outro que lle corresponda de conformidade coas leis».