DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 18 de setembro de 2008 Páx. 17.257

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de agosto de 2008 pola que se regula o Libro Oficial de Movemento de Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A comercialización e aplicación de biocidas clasificados como tóxicos ou moi tóxicos, está sometida, en virtude do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, polo que se regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas, a estar baixo un sistema de control baseado no rexistro de cada operación, coa correspondente referencia do lote de fabricación e o número do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, nun Libro Oficial de Movemento de Biocidas, que será supervisado pola autoridade competente da comunidade autónoma, co obxecto de advertir ao comprador da súa responsabilidade acerca da adecuada manipulación destes produtos, así como de facilitar á Administración a vixilancia e investigacións pertinentes sobre o seu cumprimento.

Coa entrada en vigor da Orde do 26 de maio de 2008 pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, e se establecen as bases para a súa inscrición e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, cómpre actualizar a Orde do 9 de abril de 1996 pola que se regula o Libro Oficial de Movemento de Praguicidas Perigosos.

Polo que, ao abeiro do Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, de transferencias de competencias da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia, entre outras de Sanidade, e por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Pola presente orde regúlase o Libro Oficial de Movemento de Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia, no sucesivo LOMB, como sistema de control dos biocidas moi tóxicos, tóxicos, canceríxenos, mutaxénicos e tóxicos para a reprodución categorías 1 e 2, que se comercialicen ou apliquen en Galicia por establecementos e servizos, autorizados ou recoñecidos nesta comunidade autónoma.

Artigo 2º.-Definición.

O Libro Oficial de Movemento de Biocidas é o soporte físico onde se rexistrarán as operacións de cesión ou adquisición, a título oneroso ou gratuíto, dos produtos especificados no artigo 3º desta orde, en cumprimento do disposto no artigo 28 do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, polo que se regula o proceso de avaliación para o rexistro, autorización e comercialización de biocidas.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Están obrigados á tenza do LOMB todos os establecementos e servizos, inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia, que adquiran, expendan e/ou apliquen biocidas clasificados como moi tóxicos, tóxicos, canceríxenos, mutaxénicos e tóxicos para a reprodución categorías 1 e 2.

Os establecementos e servizos unha vez inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas terán obrigatoriamente que estar en posesión do LOMB antes de iniciar a súa actividade é telo á disposición da autoridade sanitaria.

2. O requisito de anotación no LOMB afecta os biocidas clasificados como moi tóxicos, tóxicos, canceríxenos, mutaxénicos e tóxicos para a reprodución categorías 1 e 2, que estean xa envasados na forma na que se lles subministran aos usuarios, desde o momento da súa primeira cesión no mercado da Comunidade Autónoma de Galicia ata a súa aplicación.

Quedan excluídos da exixencia de anotación no LOMB os desinfectantes de material clínico, farmacéutico ou de ambiente clínico, cirúrxico ou praguicidas de uso na hixiene persoal.

Artigo 4º.-Órganos responsables.

Os órganos responsables, na Comunidade Autónoma de Galicia, da tramitación administrativa do LOMB son as delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

Artigo 5º.-Estrutura do LOMB e instrucións de uso.

1. O LOMB estará composto dun xogo de dúas follas autocopiativas para dilixenciado e por follas numeradas para anotación de movemento de biocidas coa estrutura que figura no anexo II. O xogo de dúas follas autocopiativas estará composto por unha primeira folla de cor branca e a outra de cor diferente á branca. Para cada operación anotaranse os datos seguintes:

a) Data en que se realiza a adquisición ou cesión do produto.

b) Identificación do biocida, que inclúa nome comercial, número de inscrición no seu correspondente rexistro oficial, número de lote de fabricación, categoría toxicolóxica e cantidade cedida ou adquirida de produto.

c) Identificación do subministrador ou receptor, que inclúa nome, enderezo e número de identificación fiscal (NIF) en caso de que se trate dunha persoa física, ou denominación, domicilio social e código de identificación fiscal (CIF), no caso de que se trate de persoas xurídicas.

d) Sinatura do comprador ou receptor, aceptando a súa responsabilidade na custodia e adecuada manipulación do produto, ou ben número do documento comercial (albará, factura ou recibo), en que se encontre recollida tal aceptación de responsabilidade de acordo co que se indica no punto seguinte. Nos casos en que o produto sexa retirado do establecemento polo propio comprador ou receptor, a «adecuada manipulación» inclúe tamén o transporte.

2. No caso de venda ao contado, a sinatura do comprador ou receptor dos produtos a que se refire o punto anterior pode ser recollida no albará de entrega do produto ou ben na factura. Para tal efecto, os documentos comerciais utilizados deberán conter os datos especificados nas letras a), b) e c) do punto 1. Sobre o espazo destinado para a sinatura deberá figurar o texto seguinte: «Acepto a custodia e adecuada manipulación dos biocidas descritos neste documento».

3. Cando se trate de aplicadores ou de empresas de tratamentos farase constar a identificación do cliente e o número de contrato ou factura-contrato subscrito con este para cubrir os datos expresados nas letras c) e d) do punto 1.

4. Nos establecementos en que os controis de almacén, de facturación e contabilidade se realicen mediante sistemas informáticos, dos que a súa fiabilidade estea xustificada pola súa utilización para outros fins, a Delegación Provincial da Consellería de Sanidade poderá autorizar a levar as anotacións do LOMB sobre soporte informático tendo prevista unha saída impresa segundo o modelo especificado no anexo II. Neste caso, as follas que se utilicen na impresión estarán numeradas correlativamente e seladas pola Delegación Provincial da Consellería de Sanidade.

Para permitir a súa consulta listaranse mensualmente nos dez primeiros días do mes seguinte do que se trate.

Artigo 6º.-Solicitudes e tramitación.

1. As solicitudes de apertura do LOMB axustaranse ao modelo que figura no anexo I desta orde e presentaranse na Delegación Provincial da Consellería de Sanidade da provincia en que estea situado o establecemento ou onde teña o domicilio social o servizo. Igualmente, poderán presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os servizos técnicos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, deberán emitir informe sobre as solicitudes de apertura do LOMB.

Artigo 7º.-Apertura.

1. Recibidos os informes mencionados no artigo anterior, o/a delegado/a provincial da Consellería de Sanidade autorizará ou non a apertura do LOMB; posteriormente dilixenciarase o correspondente libro.

2. Na dilixencia de apertura farase constar o nome do solicitante, a denominación e a dirección postal do establecemento ou do servizo, o seu número de inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas e a data de inscrición. Esta dilixencia farase na primeira folla do LOMB, se se trata dun libro de follas numeradas, ou sobre un exemplar do modelo de impreso informatizado.

Artigo 8º.-Cancelación do LOMB.

1. O LOMB, unha vez esgotado ou por cesamento da actividade, cancelarase mediante unha dilixencia que se realizará a continuación do último asento. Nela farase constar o nome do solicitante, o motivo da cancelación e a indicación de que o dito libro, xunto cos correspondentes documentos acreditativos, deberá conservarse á disposición dos servizos oficiais competentes durante un prazo de cinco anos, contado a partir da data de dilixencia.

2. Nos casos en que a cancelación se produza por cambio ou cesamento de actividade, o/a titular do establecemento e/ou do servizo poderá solicitar a custodia do LOMB por parte da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade. Da aceptación da dita custodia estenderáselle o oportuno xustificante.

Artigo 9º.-Control.

1. As solicitudes do LOMB deberán arquivarse no correspondente expediente de inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas na respectiva delegación provincial.

2. Os servizos técnicos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, segundo corresponda, controlarán os LOMB autorizados na súa provincia, co fin de comprobar o grao de cumprimento das obrigas que este leva consigo.

3. O LOMB deberá manterse no establecemento ou no servizo, segundo corresponda, á disposición dos servizos oficiais competentes durante un prazo de cinco anos contados a partir da data de dilixencia de cancelación. Este mesmo prazo aplicaráselles aos LOMB que sexan depositados nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, para a súa custodia.

4. Os albarás de compra ou entrada no establecemento ou servizo dos biocidas sometidos a este sistema de control, así como os documentos comerciais en que estivesen recollidas as sinaturas dos compradores ou receptores, manteranse á disposición dos servizos oficiais competentes, conxuntamente co LOMB, durante un período de cinco anos despois da data en que se emitiran.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

A non posesión do LOMB nos termos marcados nesta orde sancionarase de acordo co previsto no artigo 31 do Real decreto 1054/2002, do 11 de outubro, na Lei xeral de sanidade ou normativa que os substitúan.

Disposición transitoria

Os establecementos e servizos inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas en virtude da Orde do 8 de abril de 1996, deberán solicitar o Libro Oficial de Movemento de Biocidas para o que disporán dun prazo dun ano contado desde a data de entrada en vigor desta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 9 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandaría e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se regula o Libro Oficial de Movemento de Praguicidas Perigosos, en todo o que se opoña ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade poderá elaborar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "18100D003P017.PDF"

Ver referencia pdf "18100D004P021.PDF"