DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 17 de setembro de 2008 Páx. 17.202

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 204/2008, do 28 de agosto, sobre asunción da ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1319/2008, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, e sobre a súa asignación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Constitución española no seu artigo 149 reserva para o Estado a competencia exclusiva en materia de regulación das condicións de obtención, expedición e homologación de títulos académicos e profesionais.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis, graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A través do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasáronse funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. Estas funcións e servizos foron asumidos polo Decreto 114/1982, do 1 de setembro.

Mediante o Real decreto 1319/2008, do 24 de xullo, amplíanse as funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias.

Procede, en virtude da citada ampliación de funcións e servizos, asumilos de forma expresa, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias polo que se amplían os medios adscritos ás funcións e servizos traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, en materia de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Asunción do traspaso.

Quedan asumidas as funcións e servizos traspasados pola Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 1319/2008, do 24 de xullo, sobre ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de educación: homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros en ensinanzas non universitarias, nos termos e condicións especificados no acordo da Comisión Mixta de Transferencias do 23 de xuño de 2008, de ampliación das funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, publicado como anexo ao Real decreto 1319/2008.

Artigo 2º.-Asignación de funcións.

De acordo co establecido no Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, asígnanselle á citada consellería, as funcións e servizos asumidos.

Artigo 3º.-Efectividade do traspaso.

A asunción de funcións e servizos obxecto deste decreto terá efectividade a partir da data sinalada no acordo da Comisión Mixta, conforme o disposto no Real decreto 1319/2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto e para adoptar as medidas precisas para a plena efectividade das funcións e servizos traspasados.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza