DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 15 de setembro de 2008 Páx. 17.069

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 28 de agosto de 2008 de desenvolvemento do Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioletas, e pola que se establecen os requisitos exixibles aos organismos de control para actuar neste campo.

O Real decreto 1002/2002, do 27 de setembro, que regula a venda e utilización de aparellos de bronceado mediante radiacións ultravioleta, establece as medidas de seguridade para ese tipo de equipamentos e instalacións, as obrigas das empresas que exerzan esa actividade e os requisitos do persoal dos centros de bronceado, co fin de evitar os riscos que poida provocar a utilización destes equipamentos na saúde e na seguridade das persoas. Con ese fin establece as obrigas e actuacións que deben levar a cabo as administracións públicas en materia de industria, sanidade e consumo, nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Ademais, o mencionado real decreto establece que as empresas que exerzan esa actividade, aínda que non sexa de maneira exclusiva, deben acreditar ante a Administración competente, mediante unha declaración, a descrición técnica dos aparellos e materiais de que dispoñen, así como a formación recibida polo persoal dos devanditos establecementos. Obriga, así mesmo, a que se realicen, por parte dun organismo autorizado, revisións técnicas dos aparellos de bronceado.

O Decreto 253/2004, do 7 de outubro, polo que se regulan as actividades de bronceado artificial mediante radiacións ultravioletas, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 213, do 2 de novembro de 2004, desenvolveu no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o disposto no mencionado real decreto.

No artigo 7 do antedito decreto establécese que as revisións dos aparellos de bronceado deberán ser feitas como mínimo unha vez ao ano, e cando se fagan cambios que afecten as súas características de irradiancia efectiva e lonxitude de onda. Ademais establece que estas revisións serán realizadas por un organismo de control autorizado para actuar na Comunidade Autónoma de Galicia, no campo de instalacións eléctricas.

Como consecuencia da experiencia acadada durante o tempo de aplicación do antedito decreto e da creación da nova acreditación no campo de aparellos de bronceado pola Empresa Nacional de Acreditación (Enac), considérase preciso establecer uns requisitos mínimos que deberán cumprir os organismos de control que realicen medicións no campo da radiación ultravioleta. Por iso nesta orde se fixan os requisitos exixibles aos organismos de control autorizados para a realización das revisións técnicas de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioletas. Asemade desenvólvense as condicións que deben cumprir os centros que realizan actividades de alugamento de equipamentos de bronceado artificial.

Na súa virtude, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto:

1. Establecer os requisitos que deben cumprir aqueles organismos que pretendan realizar as revisións técnicas de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioletas.

2. Desenvolver as condicións que se deben cumprir para levar a cabo a actividade de alugamento de aparellos de bronceado.

Artigo 2º.-Requisitos necesarios para realizar a revisión técnica de aparellos de bronceado.

1. Os organismos de control autorizados que pretendan realizar as revisións técnicas dos aparellos de bronceado deberán contar con acreditacións nos ámbitos regulamentarios de instalacións eléctricas, área de baixa tensión, e de instalacións que empregan aparellos para a exposición da pel a radiacións ultravioletas, de conformidade coa súa normativa específica.

2. Para actuar no ámbito da Comunidade Autónoma galega deberán xustificar as ditas acreditacións perante o director xeral competente en materia de industria, presentando a seguinte documentación:

a) Solicitude normalizada, segundo modelo que figura no anexo.

b) Certificados de acreditación da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) ou organismo equivalente no ámbito regulamentario de instalacións eléctricas, área de baixa tensión, e no ámbito de instalacións que empregan aparellos para a exposición da pel a radiacións ultravioletas.

3. A documentación presentarase en calquera dos lugares a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3º.-Actividade de alugamento de aparellos de bronceado.

Terán a consideración de centros de bronceado conforme o disposto polo Decreto 253/2004, do 7 de outubro, ademais daqueles onde os usuarios reciben os tratamentos de bronceado nas propias instalacións, os seguintes:

a) Centros de bronceado onde os usuarios poden recibir os tratamentos nas propias instalacións ou ben poden alugar os aparellos de bronceado.

b) Establecementos dedicados, exclusivamente, ao alugamento de aparellos de bronceado.

Disposición transitoria

No prazo dun ano contado a partir da entrada en vigor desta orde, os organismos de control autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia que estean realizando as revisións técnicas de aparellos de bronceado artificial mediante radiacións ultravioletas, deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de industria a documentación exixida no artigo 2º desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral con competencias en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias en garantía de aplicación, supervisión e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "17800D001P005.PDF"