DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Venres, 12 de setembro de 2008 Páx. 17.021

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 8 de setembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, e se convocan para o ano 2008.

O Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro do Parlamento e do Consello da Unión Europea establece as normas sanitarias aplicables aos subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano (en adiante SANDACH) e prohibe a súa entrada na cadea alimentaria.

A Comisión Nacional de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano, constituída mediante o Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro, traballou na mellora do sistema de recollida e os seus traballos foron, recollidos nun plan nacional integral de subprodutos de orixe animal non destinados a consumo humano e aprobados na xuntanza da Comisión do día 26 de abril de 2007.

Entre as medidas previstas polo dito plan integral estaba o de alcanzar unha mellora na capacidade estrutural así como a sustentabilidade económica da xestión dos SANDACH.

O Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos, para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, establece o marco normativo das actuacións subvencionables no citado campo.

Estas axudas axústanse, no caso das explotacións gandeiras, ao Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001. Por outra banda, as axudas a industrias agroalimentarias e plantas de transformación de subprodutos acolleranse ao establecido no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis.

Estas axudas financiaranse con fondos de Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño así como con outras achegas que para estes mesmos fins puidese aportar a Consellería do Medio Rural.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), de normas reguladoras da xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Disposición xerais e obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2008, en concorrencia competitiva, das axudas establecidas polo Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, polo que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a explotacións gandeiras, industrias agroalimentarias e establecementos de xestión de subprodutos, para a mellora da capacidade técnica de xestión de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde son de aplicación as definicións establecidas no artigo 2 do Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo.

Artigo 3º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das axudas a pequenas e medianas empresas agrarias, industrias agroalimentarias e establecementos SANDACH, para a mellora da xestión técnica dos SANDACH segundo as condicións, finalidades e obxectos establecidas nos capítulos II, III, IV e V do Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, que se corresponden con catro liñas de axuda:

1. Axudas ás pequenas e medianas empresas agrarias.

2. Axudas a industrias agroalimentarias.

3. Axudas ao almacenamento e procesado intermedio de subprodutos.

4. Axudas a plantas de transformación, destrución e valorización de subprodutos.

Capítulo II

Axudas a pequenas e medianas empresas agrarias

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

1. Construción, adquisición ou arrendamento con opción de compra de dispositivos de almacenamento e categorización de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na explotación, distintos dos animais mortos na explotación gandeira, e que se atopen no ámbito de aplicación do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro.

2. Construción, adquisición e mellora de equipamentos para a mellora das condicións ambientais ou de bioseguridade en relación co almacenamento e categorización de subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano, así como os custos indirectos relacionados con estes investimentos, incluíndo a modificación das estruturas xa existentes mediante o seu cambio de localización, valado ou aplicación de dispositivos que permitan a súa manipulación desde o exterior da explotación.

3. Primeira adquisición de contedores ou dispositivos equivalentes para o almacenamento previo á retirada de cadáveres de animais mortos na explotación gandeira.

4. Modernización dos sistemas de almacenamento de cadáveres preexistentes, incluíndo a adquisición de novos contedores ou a súa dotación con dispositivos de refrixeración. Para os efectos deste punto enténdese como modernización, a substitución de contedores de material plástico por outros metálicos, a adquisición de contedores dotados de tapón de desaugamento que facilite a limpeza cando o contedor preexistente careza deste, ou a adquisición de contedores de capacidade notablemente superior á dispoñible ata ese momento, así como a adquisición de conxeladores de clase enerxética A ou superior cando os dispoñibles na explotación non sexan desa categoría. A axuda á adquisición de novos contedores para un mesmo gandeiro que xa dispón destes dispositivos admitirase cando a explotación aumentase significativamente a súa capacidade produtiva ou constituíse outra unidade produtiva separada da anterior que aínda non dispoña destes dispositivos. Non se admiten, en calquera caso, os simples

investimentos substitutivos.

5. Construción de comedeiros de aves, de acordo cos requisitos de localización e autorización recollidos no Real decreto 664/2007, do 25 de maio, polo que se regula a alimentación de aves rapaces necrófagas con subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

6. Os investimentos subvencionables teñen que ser posteriores á data da solicitude.

Artigo 5º.-Beneficiarios e requisitos.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles titulares de explotacións gandeiras que cumpran os seguintes requisitos:

a) Axustarse á definición de pequena e mediana empresa, segundo o establecido no anexo I do Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas.

b) Non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de acordo co disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/ C244/02) .

c) Ter en vigor un seguro de retirada de gando morto ou un contrato cun xestor autorizado de subprodutos segundo a lexislación vixente.

d) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan, conforme a normativa vixente.

e) Estar inscritas no Rexistro de Explotacións Gandeiras conforme o Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, así como dispor do correspondente libro de explotación actualizado.

f) Deberá acreditar o cumprimento das normas ambientais de aplicación, en particular, as relacionadas coa xestión dos SANDACH xerados na empresa.

g) Deberá acreditar o cumprimento da normativa aplicable en materia de benestar animal, recollida no Real decreto 348/2000, do 10 de marzo.

h) Deberá acreditar o cumprimento da normativa sanitaria establecida no Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos nos animais vivos e os seus produtos.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

1. Dentro do crédito dispoñible, a contía individualizada da subvención determinarase atendendo os criterios de valoración establecidos no artigo correspondente, sen que a devandita contía poida superar en cada caso o establecido no número 2 deste artigo.

2. A contía máxima total por beneficiario non superará os 6.000 euros, e en ningún caso superará o 75 por cento dos investimentos subvencionables nas rexións desfavorecidas ou nas zonas indicadas no artigo 36, letra a), incisos i), ii) e iii), do Regulamento (CE) nº 1698/2005, e o 60 por cento destas noutras rexións.

Capítulo IV

Axudas a establecementos SANDACH de almacenamento

e procesado intermedio de subprodutos

Artigo 10º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades realizadas por establecementos SANDACH de almacenamento e procesado intermedio de subprodutos subvencionables son as seguintes:

a) Construción de plantas intermedias que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, especificamente destinados ao almacenamento de gando morto, ou ampliación de estruturas xa existentes de forma que se mellore significativamente a súa capacidade de xestión.

b) Construción de plantas intermedias, de acordo cos requisitos establecidos no artigo 10 do Regulamento 1774/2002, do 3 de outubro, que presten servizos en común ou racionalicen a xestión de certo tipo de subprodutos diferentes dos animais mortos nas explotacións gandeiras nunha zona determinada, ou ampliación de estruturas xa existentes de forma que se mellore significativamente a súa capacidade de xestión.

2. A axuda non poderá repecutirse total ou parcialmente sobre os produtores primarios. Os investimentos subvencionables teñen que ser posteriores á data da solicitude.

Artigo 11º.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán ser beneficiarios os titulares de establecementos SANDACH, de almacenamento e procesado intermedio de subprodutos, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar autorizados de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados de conformidade co artigo 7 do Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro.

b) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma que correspondan, conforme a normativa vixente.

c) Acreditar o cumprimento coas normas en materia de ambiente, en particular, as relacionadas coa xestión dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na súa empresa, segundo determine a autoridade competente.

d) Non estar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/ C244/02) .

e) Presentar unha memoria técnica valorada, elaborada por un titulado universitario en disciplina de contido agrario ou industrial, onde se expoña claramente o conxunto do proxecto, a súa viabilidade e a súa repercusión no medio onde se desenvolva. En particular, deberá xustificar:

1º Nas axudas recollidas nesta orde na letra a) do artigo 10º, o impacto económico e estrutural sobre a zona, en relación co sistema habitual de recollida de cadáveres que opere nela.

2º Nas axudas recollidas nesta orde na letra b) do artigo 10º, a natureza dos subprodutos que recibirá, o impacto estrutural e o beneficio esperable da construción do establecemento.

3º As condicións que aseguren a bioseguridad e das instalacións.

2. No caso de establecementos SANDACH de nova creación, os proxectos, deberán:

a) Contar cos permisos e licenzas necesarios para o inicio dos labores de construción, en particular no ámbito ambiental.

b) Ademais deberá presentar unha memoria técnica valorada tal e como se describe nos puntos 1º e 2º da letra e) anterior.

3. O beneficiario presentará unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

Artigo 12º.-Contía das axudas.

Nos establecementos SANDACH de almacenamento e procesado intermedios, a contía máxima por beneficiario nun período de tres anos non superará os 200.000 euros.

Capítulo V

Axudas a plantas de transformación, destrución

ou valorización de subprodutos

Artigo 13º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades subvencionables realizadas polos titulares de establecementos SANDACH de transformación, destrución ou valorización de subprodutos son:

a) Realización de proxectos innovadores para a implantación de sistemas de xestión de subprodutos de orixe animal, á parte dos procedentes da pesca e da acuicultura:

1º Que cumpran os requisitos establecidos polo artigo 3 do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro.

2º Que estean destinados especificamente á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión segundo os define o artigo 2.2º do Real decreto 1178/2008.

b) Adopción de sistemas de aproveitamento enerxético baseado na utilización de SANDACH ou ampliación de estruturas xa existentes, conforme os requisitos establecidos no Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro de 2002, e as disposicións ambientais aplicables, en particular o Real decreto 653/2003, do 30 de maio, sobre incineración de residuos, cando este sexa de aplicación.

c) Implantación de instalaciones para compostaxe de SANDACH, conforme os requisitos establecidos no anexo VI do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, ou ampliación de estruturas xa existentes.

d) Diversificación da actividade cara ao procesado de subprodutos de categoría 2, cumprindo os requerimentos previstos pola lexislación vixente.

2. A axuda non poderá repecutirse total ou parcialmente sobre os produtores primarios. Os investimentos subvencionables teñen que ser posteriores á data da solicitude.

Artigo14º.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán ser beneficiarios os titulares de establecementos que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar autorizados de acordo co previsto polo Regulamento (CE) nº 1774/2002, do 3 de outubro, e rexistrados na lista de establecementos autorizados segundo o previsto no artigo 7 do Real decreto 1429/2003, do 21 de novembro.

b) Estar ao día das obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autonoma que correspondan, conforme a normativa vixente.

c) Cumprir coas normas en materia de ambiente, en particular, as relacionadas coa xestión dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano xerados na súa empresa, segundo determine a autoridade competente.

d) Non estar dentro da categoría de empresa en crise, segundo o disposto nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2004/ C244/02).

e) Presentar unha memoria técnica valorada, elaborada por un titulado universitario en disciplina de contido agrario ou industrial, onde se expoña claramente o conxunto do proxecto, a súa viabilidade e a repercusión no medio onde se desenvolva. En particular, deberá xustificar:

1º Nas axudas recollidas na letra a) do artigo 13º, o innovador do proxecto e as posibilidades de xestión e valorización dos subprodutos procesados, así como a natureza dos subprodutos que se van xestionar, e unha exposición razoada das dificultades específicas de xestión que presenten.

2º Nas axudas recollidas nas letras b) e c) do artigo 13º, a capacidade de xestión e a súa incidencia ambiental.

3º Nas axudas recollidas na letra d) do artigo 13º, o impacto económico da medida en relación cos sistemas de recollida de cadáveres que operen na zona e xestión ou destino final dos subprodutos xerados.

2. No caso de establecementos SANDACH de nova creación, os proxectos, deberán:

a) Contar cos permisos e licenzas necesarias para o inicio dos labores de construción dos establecementos, en particular no ámbito ambiental.

b) Ademais deberá de presentar unha memoria técnica valorada tal e como se describe na letra e) anterior.

3. O beneficiario presentará unha declaración, escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

Capítulo VI

Xestión das axudas

Artigo 15º.-Réxime de concesión.

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta convocatoria tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e de acordo cos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Artigo 16º.-Criterios obxectivos de outorgamento das subvencións e prelación das solicitudes.

1. A concesión das subvencións estará supeditada ás dispoñibilidades orzamentarias existentes para o exercicio 2008.

2. Conforme o artigo 19.1º do Real decreto 1178/2008, na concesión de subvencións terán prioridade as axudas recollidas nos capítulos II e IV desta orde.

3. De acordo co anterior, as solicitudes de axuda avaliaranse e seleccionaranse, atendendo os criterios de valoración reflectidos no artigo 19 do real decreto que as regula, que son:

a) Axudas a pequenas e medianas empresas agrarias:

1º Proxectos cuxa finalidade última sexa a valorización dos subprodutos fronte á destrución: dous puntos.

2º Proxectos cuxa execución permita unha menor frecuencia de recollida dos SANDACH xerados na explotación: dous puntos.

3º Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º Proxectos que redunden na mellora da bioseguridade das explotacións: dous puntos.

5º Explotacións con gandaría extensiva: un punto.

b) Axudas a industrias agroalimentarias:

1º Adopción dun sistema de aproveitamento enerxético baseado na utilización de subprodutos: dous puntos.

2º Proxectos destinados á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión: dous puntos.

3º Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º Proxectos que redunden no aproveitamento de materiais de categorías 1 e 2: dous puntos.

c) Axudas ao almacenamento e procesado intermedio de subproductos:

1º Proxectos realizados por agrupacións de produtores legalmente recoñecidas: dous puntos.

2º Proxectos cuxa finalidade última sexa a valorización dos subprodutos fronte á súa destrución: dous puntos.

3º Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º Proxectos emprendidos en zonas en que a distancia á planta de transformación máis próxima sexa o dobre da media da comunidade autónoma: dous puntos.

d) Axudas a plantas de transformación, destrución ou valorización de subprodutos:

1º Proxectos realizados por agrupacións de produtores legalmente recoñecidas: dous puntos.

2º Proxectos destinados á xestión de subprodutos de orixe animal con dificultades específicas de xestión: dous puntos.

3º Proxectos que redunden en melloras ambientais: dous puntos.

4º Proxectos destinados á valorización específica de subprodutos de categoría 2, en rexións onde non existan establecementos para a xestión de SANDACH desa categoría: dous puntos.

4. Os cinco puntos que o artigo 19º reserva para a súa adxudicación polas respectivas comunidades autónomas outorgaránselle na convocatoria para a Comunidade Autónoma de Galicia segundo se indica:

a) Liña de axuda a pequenas ou medianas empresas agrarias:

1º Explotacións das especies ovina ou cabrúa con máis de cincuenta animais ou ben as de aves, coellos ou gando porcino: un punto.

2º Por tratarse de explotacións prioritarias ou profesionais (terá que acreditarse documentalmente) ou que teñan subscrito un contrato de explotación sustentable (CES) ou por solicitar axuda polos números 3 ou 4 do artigo 4º: catro puntos.

b) Axudas a industrias agroalimentarias:

1º Por ter ou implantar sistemas de rastrexabilidade dos subprodutos: dous puntos.

2º Se adoptan no proxecto un proceso de separación de subprodutos: tres puntos

c) Axudas ao almacenamento e procesado intermedio de SANDACH:

1º Proxecto que inclúan o almacenamento ou procesado de dexeccións gandeiras ou peles: dous puntos.

2º Proxectos que redunden en melloras na eficiencia económica da xestión dos SANDACH: tres puntos.

d) Axudas a plantas de transformación, destrución e valorización de subprodutos:

1º Proxectos que redunden en melloras na eficiencia económica da xestión dos SANDACH: tres puntos.

2º Plantas que dispoñan ou vaian implantar sistemas de valorización de suprodutos de categoría 2: dous puntos.

5. Aqueles solicitantes que non obteñan unha puntuación mínima de oito puntos non poderán beneficiarse destas subvencións.

6. No caso de que máis dun solicitante obtivese a mesma puntuación, aplicarase para establecer a prioridade das solicitudes, os criterios do número 2 deste artigo, na orde alí establecida.

No caso de que algún dos beneficiarios renunciase á subvención, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante o solicitantes seguintes a aquel na orde da súa puntuación, sempre e cando coa renuncia por parte dalgún dos beneficiarios se liberase crédito abondo para atender, polo menos, unha das solicitudes denegadas.

7. No caso das axudas recollidas nos capítulos II e IV atenderase o establecido na Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do mundo rural, de maneira que se prestará unha atención preferente aos profesionais da agricultura e, deles, prioritariamente aos que sexan titulares dunha explotación territorial, segundo o establecido na citada lei.

Artigo 17º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención formularanse conforme os modelos que se achegan como anexos I, II, III e IV desta orde segundo correspondan ao tipo de beneficiario e irán acompañadas da documentación que se establece no seguinte artigo.

2. As solicitudes presentaranse nas oficinas agrarias comarcais ou nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde e finalizará o día 30 de setembro de 2008.

Artigo 18º.-Documentación.

1. Sen prexuízo da achega de calquera outro documento e información que o interesado puidese presentar para resolver sobre o outorgamento da subvención ou as que puidese solicitar a Administración, o beneficiario deberá xuntar á solicitude de subvención, en cada caso, a seguinte documentación que se indica, que serán orixinais ou fotocopias compulsadas:

a) Titulares de pequenas e medianas empresas agrarias.

-Anexo I.

-Fotocopia da/s folla/s de saneamento das explotacións polas que se solicita axuda, das primeiras e últimas follas do/s libro/s de explotación/s actualizado/s e/ou declaración censual segundo proceda.

-Memoria descritiva e orzamento da actividade que se vai realizar e/ou facturas pro forma dos equipamentos que se van adquirir no caso dunha simple adquisición de bens, indicando a que unidade produtiva (Rega) vai destinada cada un dos investimentos.

-Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola que se solicite a subvención.

-Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

b) Industrias agroalimentarias.

-Anexo II.

-Indicar o número de rexistro xeral sanitario de alimentos (Rgsa), ou de explotacións gandeiras no caso de matadoiros (Rega).

-Copia da licenza de actividade da industria agroalimentaria.

-Se se trata dun proxecto innovador do sistema de xestión de subproductos débese presentar memoria técnica valorada elaborada por un técnico.

-Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola que se solicite a subvención.

-Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

-Presentar declaración escrita sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

c) Establecementos SANDACH de almacenamento e procesado intermedio de subprodutos.

-Anexo III.

-Copia da licenza de actividade.

-Memoria técnica valorada elaborada por un técnico, tal e como se describe nesta orde na epígrafe correspondente a requisitos.

-Se se trata dun establecemento de nova creación, copia de permisos e licenzas para o inicio de labores de construción, en particular no ámbito do ambiente.

-Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola que se solicita subvención.

-Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

-Presentar declaración escrita sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

d) Establecementos SANDACH dedicados á transformación, destrución ou valorización de subprodutos.

-Anexo IV.

-Copia da licenza de actividade.

- Memoria técnica valorada elaborada por un técnico, tal e como se describe nesta orde na epígrafe de requisitos.

-Se se trata dun establecemento de nova creación, copia de permisos e licenzas para o inicio de labores de construción, en particular no ámbito do ambiente.

-Se procede, documento en que conste o acordo do órgano correspondente da entidade pola que se solicita subvención.

-Se procede, documento que acredite a representación da persoa que subscribe a solicitude.

-Presentar declaración escrita sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios anteriores e durante o exercicio fiscal en curso.

Artigo 19º.-Instrución.

1. A instrución do procedemento correspondente ás solicitudes realizaraa a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

2. O órgano instrutor poderá solicitarlles aos beneficiarios da subvención cantas aclaracións e ampliacións de información e documentos sexan precisos para a adecuada tramitación do procedemento e, en xeral, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba ditarse a resolución.

3. Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, terase por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE nº 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE nº 12, do 14 de xaneiro) .

Artigo 20º.-Avaliación das solicitudes.

A avaliación das solicitudes efectuarase conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 19 do Real decreto 1178/2008 e no artigo 15º desta orde.

Por proposta do órgano de instrución das axudas logo de consultar o informe da avaliación das solicitudes elaborado por un órgano colexiado presidido polo subdirector xeral de Produción Agraria Sustentable e Fomento Asociativo e integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, o conselleiro do Medio Rural resolverá sobre as solicitudes presentadas no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 21º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.

Artigo 22º.-Modificación da resolución.

1. A alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, despois do oportuno procedemento de audiencia do interesado.

2. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das axudas percibidas por cada beneficiario supere os máximos previstos na normativa nacional ou comunitaria aplicable, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas nesta orde ata respectar o dito límite.

Artigo 23º.-Xustificación do cumprimento.

1. Unha vez realizados os investimentos previstos, os interesados deberán comunicar a finalización da execución do investimento antes do 1 de decembro, por escrito, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural ou nas oficinas agrarias comarcais. A xustificación da realización da actividade subvencionada, do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención documentarase mediante conta xustificativa do gasto realizado, consistente nunha relación documentada que acredite os gastos realizados e os seus correspondentes pagamentos.

Na rendición da conta xustificativa deben incluírse:

a) A declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo.

b) O desagregamento de cada un dos gastos realizados, que se acreditarán documentalmente.

c) Xustificantes do gasto acompañados dos do pagamento, que deberá terse realizado antes de que expire o prazo de xustificación.

d) Declaración do beneficiario de non ter obtido ou estar pendente de obter outra axuda que sexa incompatible coa subvención concedida.

e) O prazo previsto na resolución da concesión da subvención poderá ser obxecto de prórroga, logo de solicitude motivada presentada polo beneficiario ante o órgano concedente, debendo ser solicitada a prórroga e autorizada antes da terminación do prazo de xustificación.

2. A falta de comunicación ou de realización dos investimentos con posterioridade á data prevista entenderase como renuncia ás axudas concedidas, quedando sen efecto a resolución de concesión da axuda.

Artigo 24º.-Pagamento das subvencións.

O pagamento da subvención efectuarase logo da xustificación polo beneficiario, e na parte proporcional á contía xustificada, da realización da actuación obxecto de subvención.

Non poderá realizarse o pagamento, mentres o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigacións tributarias e fronte a Seguridade Social ou sexa debedor por resolución que declare a procedencia do reintegro. A presentación da solicitude comportará a autorización do solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar as correspondentes certificacións.

Poderán efectuarse pagamentos anticipados, conforme o artigo 21.4º do Real decreto 1178/2008, sempre suxeitos aos correspondentes réximes de garantías. Nestes casos exixiráselle ao beneficiario a presentación dun aval polo valor do 100% da cantidade anticipada.

Artigo 25º.-Incumprimento e reintegro.

1. Se o beneficiario incumprise os requisitos exixidos para a concesión da subvención, con independencia doutras responsabilidades en que puidese incorrer, perderá o dereito á subvención concedida, coa obriga de rembolsar as cantidades xa percibidas, incrementado cos xuros de demora.

2. No caso de incumprimentos parciais relativos ás actividades subvencionables, procederase á redución proporcional das subvencións concedidas ou aboadas.

3. Así mesmo, procederá o reintegro das cantidades percibidas, así como a exixencia dos xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención, nos demais supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 37.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 26º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 27º.-Acumulación e compatibilidade de axudas.

1. As subvencións previstas nesta orde, serán compatibles con calquera outra que, para a mesma finalidade e obxecto, puidesen establecer outras administracións públicas ou outros entes públicos ou privados, nacionais e internacionais.

2. Non obstante, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a mesma finalidade por todas as administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere o custo de toda a actividade que vaia desenvolver para o período de que se trate, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións reguladas neste real decreto, ata axustarse a ese límite.

Se aínda así a suma de subvencións supoñen unha intensidade da axuda superior aos máximos establecidos neste real decreto ou na normativa estatal ou comunitaria aplicable, reducirase ata o devandito límite. Especificamente, as axudas previstas no capítulo II axustaranse ao establecido no artigo 19 do Regulamento (CE) nº 1857/2006, do 15 de decembro.

3. No caso das axudas recollidas nos capítulos III, IV e V, as autoridades competentes informarán por escrito o beneficiario da condición da axuda de minimis concedida, citando expresamente o Regulamento (CE) 1998/2006, así como o importe bruto da subvención concedida baixo este réxime.

Artigo 28º.-Normativa que se aplica.

1. O Regulamento (CE) nº 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro, sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado as axudas estatais para as pequenas e medianas empresas dedicadas á produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) nº 70/2001 é de aplicación para as axudas do capítulo II.

2. O Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado as axudas de minimis é de aplicación nas liñas de axudas para a industrias agroalimentarias e plantas de intermedias ou de transformación de subprodutos. Segundo este regulamento o conxunto de axudas recibidas polo dito réxime de minimis non poden superar os 200.000 euros en tres exercicios fiscais. Ademais cando un importe global de axuda concedido consonte a unha medida supere este límite máximo, o dito importe de axuda non poderá acollerse a este regulamento nin sequera para unha fracción que non supere o citado límite máximo.

Artigo 29º.-Financiamento para o ano 2008.

As axudas reguladas nesta orde estarán financiadas no exercicio 2008 con cargo á aplicación orzamentaria 2008 11 03 713E 7700 da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, por un importe de 100.000 euros sen perxuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles e da ampliación da dotación orzamentaria da orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os beneficiarios destas axudas que non superen os 1.500 euros están exentos de acreditar que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por calquera concepto coa Administración da comunidade autónoma, así como de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social segundo permite o letra g) do artigo 45 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Segunda.-No non previsto nesta orde observarase o disposto no Real decreto 1178/2008, do 11 de xullo, a Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Terceira.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas no capítulo II desta orde queda condicionada á publicación do número de rexistro da solicitude de exención na páxina web da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, non sendo aplicables antes da dita data.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "17700D002P005.PDF"