DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 10 de setembro de 2008 Páx. 16.862

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 198/2008, do 28 de agosto, polo que se regula a estrutura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio e pola Lei 16/2006, do 27 de decembro, creou o Instituto Galego de Estatística como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda, sendo as súas competencias as previstas no artigo 39 da propia lei.

O artigo 40 da Lei 9/1988 establece que a estrutura do Instituto Galego de Estatística se determinará mediante decreto e que á fronte del existirá un director ou directora, que será nomeado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do titular da Consellería de Economía e Facenda. En cumprimento deste mandato, o Decreto 203/2000, do 21 de xullo, aprobou a estrutura orgánica do instituto.

O tempo transcorrido desde a publicación do antedito decreto, así como a necesidade de adecuar a estrutura orgánica existente á realidade actual derivada das modificacións da Lei 9/1988 nas súas disposicións sobre os órganos estatísticos sectoriais, aconsellan a publicación dun novo decreto que substitúa o anterior.

Mediante este decreto preténdese configurar unha estrutura organizativa e funcional que atenda aos principios de economía do gasto e coordinación, delimitando as funcións e competencias das diferentes unidades administrativas, de acordo con criterios racionais e de eficacia administrativa.

Na súa virtude, por proposta do titular da Consellería de Economía e Facenda, no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Estatística (IGE) é o organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Economía e Facenda ao cal lle corresponden as competencias e funcións que en materia estatística e para os fins da Comunidade Autónoma se establecen na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio, e pola Lei 16/2006, do 27 de decembro.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o IGE terá a seguinte estrutura orgánica:

I. Dirección.

II. Secretaría Xeral.

III. Subdirección de Síntese, Análise e Difusión.

IV. Subdirección de Produción Estatística.

Artigo 3º

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta do titular da Consellería de Economía e Facenda, nomeará un director ou directora do IGE, con rango de director xeral, que terá ao seu cargo a xestión directa do instituto e a alta dirección, control e supervisión das súas actividades.

2. Á persoa titular da Dirección correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Representar legalmente o instituto e dirixir as relacións deste cos servizos estatísticos das demais administracións públicas e das organizacións europeas e internacionais.

b) Coordinar os servizos estatísticos da Administración da comunidade autónoma, velar polo adecuado cumprimento dos plans e programas e aprobar e certificar os resultados das operacións estatísticas, de acordo coa lexislación vixente.

c) Desempeñar a xefatura superior de persoal.

d) Subscribir contratos e convenios, autorizar gastos, ordenar pagamentos e render contas.

e) Impulsar o establecemento de procedementos de calidade nas diferentes fases das actividades estatísticas.

f) Desempeñar cantas outras funcións se lle atribúan por calquera outra norma legal ou regulamentaria.

3. As competencias e funcións do director ou directora do IGE poderanse delegar nos órganos previstos no artigo 2º.

Artigo 4º

1. A persoa titular da Secretaría Xeral terá rango de subdirector e as seguintes funcións:

a) Colaborar coa Dirección na coordinación das relacións externas do instituto.

b) A xestión do persoal e das actividades de réxime interior e asuntos xerais.

c) O seguimento e coordinación da execución orzamentaria e da contabilidade económico-financeira, así como a formación e mantemento do inventario patrimonial do instituto.

d) Elaborar os anteproxectos e proxectos de disposicións emanadas do instituto, compilar, refundir e arquivar a normativa propia ou de aplicación e planificar, normalizar e harmonizar as normas e os procedementos.

e) Tramitar os expedientes que se teñan que elevar ao Consello da Xunta de Galicia, así como remitirlle ao Diario Oficial de Galicia para a súa publicación os actos administrativos do instituto.

f) Tramitar os expedientes de contratación e os convenios que asine o IGE no exercicio das súas competencias.

g) Estudar as propostas de resolución que deban adoptar as distintas unidades do IGE e elaborar os informes ás reclamacións e recursos que se produzan contra actos administrativos deste.

h) Executar as tarefas necesarias para o funcionamento dos órganos consultivos e de coordinación.

i) Elaborar e manter os sistemas de clasificacións, códigos e nomenclaturas que vai utilizar a organización estatística da comunidade autónoma.

j) Coordinar os procesos de elaboración, seguimento e avaliación dos plans e programas estatísticos, supervisar os proxectos técnicos e prestar asistencia na redacción dos proxectos das operacións dos órganos estatísticos sectoriais.

k) Inventariar as actividades estatísticas de interese para Galicia e colaborar no deseño dos ficheiros-directorios e dos procedementos da Administración da comunidade autónoma que poidan ter consecuencias na produción de información estatística.

l) Investigar e desenvolver novas metodoloxías de aplicación á actividade da organización estatística da comunidade autónoma.

m) Deseñar, implantar e manter os sistemas e aplicacións informáticas necesarios para o instituto.

n) Administrar e xestionar a seguridade dos sistemas, bases de datos e comunicacións.

o) Investigar as tecnoloxías e produtos informáticos e de telecomunicacións de interese para o instituto, así como seleccionar e especificar tecnicamente os que sexan precisos para adaptar a súa infraestrutura ás novas necesidades e cambios tecnolóxicos.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas unidades seguintes:

2.1. Servizo de Persoal e Xestión Orzamentaria.

2.2. Servizo Técnico-Xurídico e de Contratación.

2.3. Servizo de Coordinación e Planificación.

2.4. Servizo de Informática.

Artigo 5º

1. Á persoa titular da Subdirección de Síntese, Análise e Difusión correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Colaborar coa Dirección no fomento e promoción das relacións con outras institucións e organismos para impulsar actuacións coordenadas nos aspectos técnicos da metodoloxía das estatísticas de síntese e da difusión.

b) Promover, executar e manter os sistemas integrados de indicadores e de contas económicas, tanto de carácter conxuntural como estrutural, así como os subsistemas contables derivados.

c) Promover e elaborar estudos prospectivos e de análise con base na información estatística.

d) Elaborar e executar os proxectos técnicos das operacións estatísticas de síntese que os plans e programas lle encomenden ao instituto, ou que deriven de convenios de colaboración con outros organismos, e participar na elaboración e execución dos desta natureza que formen parte do sistema integrado de contas económicas de Galicia.

e) Deseñar e desenvolver métodos e procedementos que aseguren a calidade dos procesos de elaboración, análise e difusión de información estatística.

f) Coordinar, xestionar e, se for o caso, canalizar as peticións de información estatística.

g) Prestar servizos de recompilación, almacenaxe e difusión da documentación estatística dispoñible, organizar os servizos de atención aos usuarios e deseñar e manter o banco de datos estatísticos da comunidade autónoma.

h) Planificar a difusión da información estatística, materializando os correspondentes produtos de difusión e mantendo e mellorando os contidos do servidor da internet do instituto.

i) Analizar as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas en Galicia.

j) A coordinación e asesoramento en relación cos aspectos técnicos da metodoloxía das estatísticas de síntese.

k) Desenvolver novas metodoloxías de aplicación ás súas actividades.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas unidades seguintes:

2.1. Servizo de Contas Económicas.

2.2. Servizo de Análise e Estudos.

2.3. Servizo de Difusión e Información.

Artigo 6º

1. Á persoa titular da Subdirección de Produción Estatística correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Colaborar coa Dirección no fomento e promoción das relacións con outras institucións e organismos para impulsar actuacións coordenadas nos aspectos técnicos da metodoloxía das estatísticas de base.

b) Promover e elaborar as estatísticas de base nos distintos ámbitos de investigación, tanto de carácter conxuntural como estrutural.

c) Elaborar os directorios de unidades estatísticas necesarios para crear, manter e actualizar os marcos e os instrumentos básicos de información nos ámbitos económico e social.

d) Elaborar e executar os proxectos técnicos das operacións estatísticas de base que os plans e programas lle encomenden ao instituto, ou que deriven de convenios de colaboración con outros organismos.

e) Deseñar e desenvolver métodos e procedementos que aseguren a calidade dos procesos de produción estatística.

f) Planificar e executar as operacións de recollida de datos primarios e as tarefas relacionadas coa cartografía e planimetría de interese para o instituto.

g) Inspeccionar os traballos de campo e dirixir, coordinar e formar os axentes entrevistadores.

h) A coordinación e asesoramento en relación cos aspectos técnicos da metodoloxía das estatísticas de base.

i) Desenvolver novas metodoloxías de aplicación ás súas actividades.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servizo, coas unidades seguintes:

2.1. Servizo de Estatísticas Sociais.

2.2. Servizo de Estatísticas de Empresas.

2.3. Servizo de Infraestrutura e Técnicas Estatísticas.

2.4. Servizo de Traballos de Campo.

Disposición transitoria

Única.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido das subdireccións ou servizos existentes con anterioridade, ou se supriman algunhas das devanditas unidades, autorízase o titular da Consellería de Economía e Facenda, por proposta do director ou directora do Instituto Galego de Estatística, para readscribir o persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sendo de aplicación o establecido no artigo 65.4º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes nas unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida nesta norma. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución do titular do departamento, por proposta do titular da Dirección do Instituto Galego de Estatística aos órganos regulados nesta norma, en función das atribucións que este teña atribuídas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 203/2000, do 21 de xullo, polo que se regula a estrutura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Consellería de Economía e Facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE