DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 09 de setembro de 2008 Páx. 16.833

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 195/2008, do 28 de agosto, polo que se modifica o Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, e o Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

O incremento das competencias asumidas polas seccións de sanidade ambiental fai necesario adecuar a estrutura organizativa e funcional, separando as áreas funcionais de seguridade alimentaria e sanidade ambiental, que ata agora aparecían integradas nos servizos de protección da saúde das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

Por outra banda, o Decreto 202/2005, do 7 de xullo, creou a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, dándolle cumprimento á previsión contida na disposición adicional segunda da Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica.

Este Decreto 202/2005, no seu artigo 3.2º establece que os inspectores farmacéuticos de saúde pública dependerán funcionalmente do servizo de protección da saúde das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, sen prexuízo da supervisión que sobre eles exerza a Dirección Xeral de Saúde Pública. Ademais, o artigo 6 do mesmo decreto prevé entre as funcións dos servizos de inspección farmacéutica de saúde pública aquelas correspondentes ao eido da seguridade alimentaria.

De conformidade co anterior, resulta conveniente e necesario a eliminación dos Servizos de Protección da Saúde, tal como aparecen no artigo 24.4º do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, creando no seu lugar os servizos de seguridade alimentaria e de sanidade ambiental, o que implica necesariamente modificar as normas regulamentarias indicadas anteriormente.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de agosto do dous mil oito

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación do Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

O Decreto 45/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, queda modificado como segue:

Un. O número 4 do artigo 24, queda redactado do seguinte xeito:

«4. As delegacións provinciais da Consellería de Sanidade estarán integradas polas seguintes unidades administrativas:

-A Secretaría.

-Servizo de Aseguramento, Planificación e Ordenación Sanitaria.

-Servizo de Promoción da Saúde.

-Servizo de Seguridade Alimentaria.

-Servizo de Sanidade Ambiental.

-Servizo de Laboratorio de Saúde Pública».

Dous. O artigo 28 queda redactado como segue:

«Artigo 28º.-Servizo de Seguridade Alimentaria.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións, sen prexuízo das que teñan atribuídas no control da cadea alimentaria outros órganos da Administración autonómica:

a) A vixilancia e control do cumprimento das disposicións ditadas en materia de seguridade alimentaria.

b) A organización da execución dos programas de seguridade alimentaria elaborados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

c) O seguimento dos cursos e programas de formación e información en materia de seguridade alimentaria.

d) A coordinación e supervisión das inspeccións en materia de seguridade alimentaria.

e) A instrución e proposta de resolución dos expedientes sancionadores en materia de seguridade alimentaria.

f) A coordinación e a emisión de informes de avaliación dos programas e actividades encomendados.

g) O control e supervisión das actividades que realice o persoal adscrito ao desenvolvemento de cada unha das actividades relacionadas coa seguridade alimentaria.

h) Calquera outra función que lle sexa encomendada en materia de seguridade alimentaria.

i) A tramitación dos expedientes administrativos de centros, establecementos ou servizos non sanitarios relacionados coa seguridade alimentaria.

j) O informe e a proposta de gastos derivados da execución dos programas de seguridade alimentaria que se lle encomenden, acorde cos créditos que se lle atribúan.

k) Aquelas que lle encomende o/a delegado/a provincial».

Tres. Engádese un artigo 28 bis, coa seguinte redacción:

«Artigo 28º bis.-Servizo de Sanidade Ambiental.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A vixilancia e control do cumprimento das disposicións ditadas en materia de sanidade ambiental.

b) A organización da execución dos programas de sanidade ambiental elaborados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

c) O seguimento dos cursos e programas de formación e información en materia de sanidade ambiental.

d) A coordinación e supervisión das inspeccións en materia de sanidade ambiental.

e) A instrución e proposta de resolución dos expedientes sancionadores en materia de sanidade ambiental.

f) A coordinación e a emisión de informes de avaliación dos programas e actividades encomendados.

g) O control e supervisión das actividades que realice o persoal adscrito ao desenvolvemento de cada unha das actividades relacionadas coa sanidade ambiental.

h) Calquera outra función que lle sexa encomendada en materia de sanidade ambiental.

i) A tramitación dos expedientes administrativos de centros, establecementos ou servizos non sanitarios relacionados coa sanidade ambiental.

j) O informe e a proposta de gastos derivados da execución dos programas de sanidade ambiental que se lle encomenden, acorde cos créditos que se lle atribúan.

k) Aquelas que lle encomende o/a delegado/a provincial».

Artigo segundo.-Modificación do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, polo que se crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

Modifícase o número 2 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«2. Dependerán funcionalmente dos servizos de sanidade ambiental das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, sen prexuízo da supervisión que sobre estas exerza a Dirección Xeral de Saúde Pública».

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia das modificacións introducidas por este decreto na estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, por este se modifique a denominación, se cree ou se suprima algunha das unidades administrativas existentes con anterioridade, autorízase a persoa titular da Consellería de Sanidade, por proposta da Secretaría Xeral, para adscribir o persoal afectado polo cambio de estrutura a postos do mesmo ou inferior nivel, segundo o disposto na normativa vixente en materia de función pública. Todo iso sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas nesta materia outros órganos dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

Nos casos de supresión de servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada ás modificacións da estrutura orgánica establecidas neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente aos órganos regulados neste decreto, en función das atribucións que estes teñan asignados.

Segunda.-A Consellería de Sanidade, de conformidade co disposto na normativa vixente en materia de función pública, elaborará a proposta de relación de postos de traballo resultantes da aplicación deste decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Terceira.-Cando, como consecuencia das modificacións da estrutura orgánica que se establecen neste decreto, algunha das unidades administrativas existentes cambie a súa adscrición ou dentro da mesma sección cambie de servizo, poderán continuar coa xestión dos créditos orzamentarios que teñan encomendados independentemente do orzamento de gastos onde se sitúen estes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do previsto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade