DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 08 de setembro de 2008 Páx. 16.689

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 192/2008, do 28 de agosto, polo que se modifica o Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, describe o ámbito competencial e os órganos en que se estrutura, así como as unidades con que contarán para desenvolver as súas funcións.

Así, o artigo 6 do citado Decreto 585/2005 establece que a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especias se estrutura nas seguintes unidades administrativas: Subdirección Xeral de Formación Profesional coas unidades de nivel orgánico de Servizo de Formación Profesional e Servizo de Formación en Empresas e Orientación Profesional e Subdirección Xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente, coas unidades de nivel orgánico de Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

A experiencia derivada da execución das funcións que este decreto lle atribúe á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais aconsella proceder a introducir modificacións nas unidades administrativas deste centro directivo e a establecer novas funcións relativas ao desenvolvemento do II Plan galego de formación profesional, como a integración dos sistemas de cualificacións e formación profesional, a calidade e a innovación na formación profesional, o recoñecemento, avaliación e acreditación da competencia profesional da poboación activa e a posta en marcha da formación profesional a distancia, entre outras.

En consecuencia, por proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo dos informes das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, no exercicio das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de agosto de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Modifícase o artigo 6 do Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que quedará redactado nos seguintes termos:

Artigo 6º.-Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Correspóndelle a esta dirección xeral a ordenación académica das ensinanzas de formación profesional e as ensinanzas de réxime especial e adultos; a determinación das normas e das orientacións precisas para a súa efectividade; a emisión de informes sobre a autorización de ensinanzas; a proposta dos equipamentos e a adecuación das instalacións para as ensinanzas dependentes desta dirección xeral; a xestión das axudas procedentes do Fondo Social Europeo para a mellora do sistema de formación profesional; a xestión dos programas europeos, internacionais e doutros propios que os complementan; a articulación e desenvolvemento dos programas, plans e medidas que determinen os plans galegos de formación profesional no eido da ensinanza regrada; o deseño e desenvolvemento de plans de formación permanente do profesorado das ensinanzas que dependen desta dirección xeral; a atención ás necesidades formativas das persoas adultas; formar parte do Consello Galego de Formación Profesional, de acordo

co Decreto 110/1999, do 8 de abril.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta dirección xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas:

6.1. Subdirección Xeral de Formación e Orientación Profesional.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a confección das propostas de ordenación, elaboración e renovación dos plans e dos programas educativos das ensinanzas de formación profesional inicial e as orientacións precisas para a súa efectividade; a potenciación da orientación profesional; a formación do profesorado e a innovación na formación profesional; a coordinación da rede de centros integrados de formación profesional e a adopción dos actos e medidas necesarios para o desenvolvemento da normativa que os regule; a planificación da oferta educativa das ensinanzas de formación profesional, así como a emisión de informes sobre a súa autorización; a prestación de apoio ao Consello Galego de Formación Profesional desempeñando a secretaría deste órgano colexiado e dirixindo o persoal adscrito para tal fin; así como a atención ás necesidades formativas das persoas adultas que requiren unha formación e cualificación profesional.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ordenación e Formación Profesional.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elaboración de estudos, informes e propostas de normativa de ordenación académica dos estudos de formación profesional inicial nas súas diferentes modalidades e dos módulos específicos pertencentes aos programas de cualificación profesional inicial.

-Deseño e actualización dos currículos dos ciclos formativos de formación profesional e dos módulos específicos dos programas de cualificación profesional inicial, así como a elaboración de materiais de apoio para o seu desenvolvemento.

-Elaboración das propostas de resolución sobre validacións e convocatorias excepcionais referentes ás ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional e programas de cualificación profesional inicial.

-Elaboración e supervisión dos materiais didácticos para a formación profesional nas modalidades presencial, semipresencial e a distancia.

-Elaboración de informes de autorización para a impartición das ensinanzas de ciclos formativos en centros privados.

-Coordinación dos plans de formación permanente do profesorado de formación profesional.

-Calquera outra análoga que se lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola dirección xeral.

b) Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elaboración de propostas normativas que regulen a orientación profesional nos centros educativos e o impulso de actividades de información e orientación profesional.

-Potenciación da inserción profesional e académica do alumnado que curse ensinanzas de formación profesional e fomento do espírito emprendedor.

-Realización de accións de divulgación e comunicación relacionadas coa formación profesional e a elaboración de recursos educativos para o seu desenvolvemento.

-Elaboración e difusión de estudos e informes de inserción laboral do alumnado que cursa ensinanzas de formación profesional, así como de avaliación sobre o grao de satisfacción dos axentes implicados na formación profesional.

-Impulso das relacións entre os responsables da formación, do emprego e da produción, mediante plans de información e establecemento de convenios.

-Elaboración das propostas de normativas de organización, coordinación e xestión da formación en centros de traballo dos ciclos formativos de formación profesional e dos programas de cualificación profesional inicial.

-Elaboración de estudos, informes e propostas de normativa de autorización da oferta de ciclos formativos de formación profesional e de programas de cualificación profesional inicial.

-Impulso do desenvolvemento da oferta integrada dos subsistemas de formación profesional.

-Desenvolvemento e execución de proxectos de I+D+i na formación profesional.

-Coordinación da rede de centros integrados de formación profesional.

-Calquera outra análoga que se lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola dirección xeral.

6.2. Subdirección Xeral de Xestión e Calidade da Formación Profesional.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a planificación e organización do acceso e admisión ás ensinanzas de ciclos formativos, as probas libres para a obtención dos títulos de formación profesional, a organización e coordinación do sistema de recoñecemento, avaliación e acreditación de competencias profesionais e a definición e avaliación de modelos de xestión da calidade.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase na seguinte unidade, con nivel orgánico de servizo:

Servizo de Xestión da Formación Profesional.

Correspóndelle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Planificación e organización das probas de acceso ás ensinanzas de formación profesional inicial e das probas libres de obtención dos títulos de formación profesional.

-Planificación e xestión da admisión ás ensinanzas de formación profesional.

-Xestionar as convocatorias de bolsas e axudas para as ensinanzas de formación profesional.

-Elaboración de estudos, informes e propostas dos equipamentos requiridos para a posta en marcha e posterior funcionamento de ciclos formativos de formación profesional.

-Coordinación do dispositivo para o recoñecemento, avaliación, acreditación e rexistro da competencia profesional da poboación activa.

-Definición e desenvolvemento do modelo de avaliación da calidade aplicable a todo o sistema da formación profesional.

-Implantación e avaliación de políticas de promoción da calidade e mellora continua no sistema da formación profesional.

-Calquera outra análoga que se lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola dirección xeral.

6.3. Subdirección Xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a confección das propostas de ordenación, a elaboración e renovación dos plans e dos programas educativos das ensinanzas escolares de réxime especial, así como os dirixidos ás persoas adultas; a planificación, execución e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento, innovación educativa e actualización do profesorado que imparte estas ensinanzas; a colaboración coas institucións universitarias responsables da formación inicial do profesorado; a promoción da participación dos centros escolares en proxectos de cooperación multilateral en ámbitos diversos como a educación intercultural, a formación continua dos docentes, a utilización de novas tecnoloxías, o ensino de idiomas e a educación de adultos; así como a atención ás necesidades formativas ao longo da vida.

Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nas seguintes unidades, con nivel orgánico de servizo:

a) Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-A planificación e proposta da ordenación académica das ensinanzas de réxime especial nas súas diferentes modalidades; así como as propostas normativas que regulen estas ensinanzas.

-Realización de estudos sobre as necesidades de espazos e equipamentos nas ensinanzas de réxime especial, así como o asesoramento ás unidades administrativas con competencia no relativo á planificación e oferta destas ensinanzas.

-Deseño e actualización dos currículos destas ensinanzas, así como a elaboración de materiais de apoio para o seu desenvolvemento.

-A proposta de autorización, seguimento e avaliación de proxectos experimentais e a fixación dos criterios para asesoramento e supervisión dos proxectos curriculares dos centros no referente a estas ensinanzas.

-A proposta de resolución sobre validacións e equivalencias, e dos recursos administrativos que se interpoñan referentes ás ensinanzas de réxime especial.

-Planificación e organización das modalidades das ensinanzas de réxime especial.

-Deseño de plans para o aproveitamento das novas tecnoloxías e proxectos de innovación relacionados con estas ensinanzas.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola dirección xeral.

b) Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elaboración do anteproxecto de orzamentos da dirección xeral e control da xestión e execución do gasto nas súas unidades.

-Planificación e proposta da ordenación académica da educación de adultos; así como a proposta de normativa que regule estas ensinanzas e a coordinación na elaboración de materiais de apoio para o seu desenvolvemento.

-Coordinación das actuacións que en materia de educación de adultos realicen as diferentes unidades e centros docentes desta consellería.

-As propostas de autorización, seguimento e avaliación de proxectos experimentais e a determinación dos criterios para asesoramento e supervisión dos proxectos curriculares dos centros no referente a estas ensinanzas.

-Coordinación, seguimento e avaliación dos programas educativos europeos e internacionais.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada por razón da súa competencia pola dirección xeral.

Disposición derradeira

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Autorízase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desde decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de agosto de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación de Ordenación Universitaria