DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 05 de setembro de 2008 Páx. 16.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 11 de xullo de 2008 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual número 1 (modificación da cualificación de solo na área de repartición AR-81) do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Allariz.

O Concello de Allariz, ao abeiro do artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, e pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, remite novamente o expediente de referencia e solicita a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Allariz dispón de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 9 de abril de 2003 e publicado no BOP nº 106, do 10 de maio de 2003.

I.2. A tramitación da modificación foi a seguinte:

-O Pleno da Corporación, en sesión extraordinaria que tivo lugar o día 22 de decembro de 2006, aprobou inicialmente a modificación. Someteuse a información pública por medio de anuncios publicados nos xornais La Voz de Galicia e La Región o 17 de xaneiro de 2007 e no DOG nº 14, do 19 de xaneiro de 2007. Durante o prazo de exposición pública non se presentou ningunha alegación. Deuse trámite de audiencia aos concellos limítrofes o 19 de xaneiro de 2007, sen que conste a presentación de ningunha reclamación ou observación.

-Pedíronse informes sectoriais á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, á Consellería de Cultura e Deporte, á Deputación Provincial de Ourense e á Confederación Hidrográfica do Norte o 26 de xaneiro de 2007. Constan informes favorables da Consellería de Cultura e Deporte, da Deputación Provincial de Ourense e do Ministerio de Fomento. Non consta informe da Confederación Hidrográfica do Norte. Pola súa parte a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comunicoulle ao Concello de Allariz o 28 de febreiro de 2007 que a modificación puntual debía someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

-En aplicación da Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, someteuse a información pública e consultas o informe de sustentabilidade ambiental (ISA) e expúxose novamente o proxecto de modificación puntual do PXOM mediante publicación no DOG nº 87, do 7 de maio de 2007. Durante o novo prazo de exposición pública non se presentou ningunha alegación. Deuse novamente trámite de audiencia aos concellos limítrofes e pedíronse informes sectoriais, sen que conste ningunha reclamación ou suxestión.

-O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o 5 de decembro de 2007, aprobou provisionalmente a modificación. O 11 de abril de 2008 a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 1 do PXOM do Concello de Allariz, sinalando que o Ccncello debía introducir no proxecto as modificacións precisas para emendar as deficiencias detectadas.

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria que tivo lugar o 20 de maio de 2008, aprobou un documento de emenda de deficiencias da modificación puntual nº 1 do PXOM de Allariz.

I.3. O ámbito de actuación é a área de repartición de solo urbano non consolidado AR-81, próxima ao río Arnoia e que linda polo sur coa estrada de Xunqueira, parcialmente ocupada por construcións da antiga industria láctea Iberolacto, S.A. A superficie da área de repartición é de 19.031 m2, o aproveitamento tipo 0,4 m2/m2, e as ordenanzas de aplicación son as de equipamento e edificación extensiva (EE).

O obxecto da modificación puntual é mellorar as condicións de desenvolvemento da área de repartición AR-81, substituíndo a ordenanza de aplicación de edificación extensiva (EE) por outra ordenanza de edificación intensiva en bloque aberto definida no proxecto de modificación puntual.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Logo de analizar a documentación remitida polo Concello de Allariz, e á vista do informe técnico elaborado polo Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial, fanse as seguintes consideracións para os efectos da aprobación definitiva do expediente de referencia:

-Tendo en conta que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Allariz é un planeamento non adaptado á LOUG, e por tratarse dunha modificación posterior á súa entrada en vigor, o novo documento da modificación puntual acredita a clasificación como solo urbano do ámbito da área de repartición AR-81, considerándoo como non consolidado.

-No novo documento modifícase lixeiramente a posición dos bloques grafados no plano de ordenación (plano 3, folla 8), sendo coincidentes cos grafados no plano de urbanización (plano 3, folla 8.1). Nos planos de ordenación tamén se sinalan as ordenanzas de aplicación e as alturas máximas permitidas. En canto aos espazos libres e equipamentos de cesión exprésase que son de carácter local.

-Mantense no proxecto de modificación a proposta de suprimir a vía que o plan xeral vixente trazaba ao norte da área por consideralo innecesario para a resolución das ordenacións das áreas AR-81 e AR-83, sendo, ademais, ambientalmente negativo para a zona afectada pola súa proximidade ao leito do río Arnoia. No novo proxecto xustifícase a resolución da circulación dentro do ámbito da AR-81.

-No novo documento xustifícase o cumprimento na área de repartición AR-81 do número mínimo de prazas de aparcadoiro previsto no artigo 47 da Lei 9/2002.

-No documento aprobado o 20 de maio de 2008 tivéronse en conta as normas do hábitat galego, especialmente no referente ás condicións de vivenda exterior, asollamento, luz natural, alturas libres mínimas e vivendas en planta baixa.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede, de acordo co artigo 85.5 a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, apróbase definitivamente á modificación puntual nº 1 (na área de repartición AR-81) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Allariz (Ourense).

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa en ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes