DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 05 de setembro de 2008 Páx. 16.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2008, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade pública de Galicia, que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2008-2009 (PR 101 C).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2º e 148.1º.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que ao remate dos ciclos educativos, nos que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Igualmente, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia na súa sesión do día 22 de setembro de 2004, reitera a necesidade de promover medidas favorables para o galego para conseguir equiparar o nivel de competencia do alumnado en lingua galega e castelá, así como para corrixir a situación social de desigualdade entre os dous idiomas, polo que a Administración educativa debe desenvolver e apoiar aquelas medidas que axuden a incrementar o uso da lingua galega na comunidade educativa.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, (DOG nº 125 do 29 de xuño). Este decreto pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística na que se enmarca cada centro.

Con ese obxectivo, cada centro dentro do seu proxecto educativo elaborará o seu proxecto lingüístico que será avaliado e aprobado polo Consello Escolar de Galicia.

O citado decreto tamén regula, no artigo 18 e seguintes, o funcionamento dos equipos de normalización e dinamización lingüística e das comisións territoriais de coordinación. No artigo 20 establécese que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaria Xeral de Política Lingüística (SXPL) divulgarán as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos no campo da normalización lingüística, avaliarán o grao de cumprimento do Plan de normalización lingüística nos centros educativos. Establece tamén que o Goberno de Galicia, con periodicidade anual, avaliará os resultados da aplicación deste decreto e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións fosen necesarias co fin de que poida achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

É por iso que se considera necesario, ao igual que en exercicios anteriores, realizar unha convocatoria de proxectos de fomento do uso do galego para coñecer, valorar e apoiar o labor dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino, asignándolle unha achega económica segundo o seu grao de calidade, orixinalidade e interese para a comunidade educativa e mais a súa contorna, de acordo cos criterios de valoración que se establecen nas bases desta convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria non terán carácter de subvención xa que se trata de achegas monetarias a favor de entidades (os centros de ensino públicos) dependentes da Administración autonómica, destinadas a financiar actividades da súa competencia e impostas por unha norma emanada da propia administración outorgante.

Polo que respecta á competencia para efectuar a convocatoria, o Decreto 145/2007, do 19 de xullo, polo que se modifica o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a función de impulsar e coordinar o labor de normalización lingüística dos servizos de normalización dos demais organismos públicos, polo que, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, órgano competente en materia de ensino regrado na comunidade autónoma e en uso das facultades que lle outorga á citada Secretaría Xeral a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006 antes citado, resolvo efectuar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia para o curso escolar 2008-2009, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar a presentación de proxectos de fomento do uso do galego para apoiar o seu financiamento nos centros públicos de ensino de Galicia, dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, promovidos polos equipos de normalización e dinamización lingüística e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino de menos de tres unidades, durante o curso escolar 2008-2009.

2. Destinatarios.

Os centros de titularidade pública de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario.

3. Requisitos.

Poderán presentarse a esta convocatoria todos os centros públicos de ensino de Galicia. Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberán presentarse e desenvolverse de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG nº 84 do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos ascende á cantidade de 1.000.000 de euros.

Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 04.60.151A.640.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme coa seguinte distribución de anualidades.

-Ano 2008: 200.000 euros.

-Ano 2009: 800.000 euros.

O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto terá os seguintes límites:

-2.500 euros para os centros con máis de 50 alumnos e máis de 20 puntos na calidade do proxecto.

-600 euros para os centros que conten cun número de alumnos de entre 25 e 50.

-400 euros para os centros con menos de 25 alumnos.

Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto. Se para o mesmo proxecto se solicitase algunha axuda ou subvención ante calquera outra administración ou ente público deberá xuntarse á solicitude unha declaración na que se exprese o conxunto das solicitudes efectuadas ou concedidas.

5. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 6 de outubro de 2008 (incluído).

6. Forma de presentación das solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria realizaranse segundo o formulario que figura anexo a esta resolución.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 6, dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño). Sen prexuízo de que tamén poderán presentarse segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros anteriores. Para os efectos deste cómputo non ten validez a data de saída do rexistro do centro de ensino. De enviar a documentación mediante o servizo de correos, a solicitude deberá ser selada polo citado servizo postal para a constancia da data de

presentación.

7. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

7.1. Copia impresa do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de normalización, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá desenvolver os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado atendendo a:

-Contorno sociolingüístico do centro.

-Situación do profesorado.

-Situación do alumnado.

-Situación lingüística do centro.

b) Descrición de obxectivos adecuados a cada un dos catro sectores mencionados anteriormente

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

7.2. Cadro resumo de actividades asinado polo/a coordinador/a co visto e prace do director ou da directora do centro, no que figure expresamente o compromiso de desenvolvemento das actividades programadas no caso de obter o financiamento. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporalización, nome da actividade, responsable/s, destinatarios/as e departamento/s aos que pertence, así como o orzamento previsto, segundo o seguinte modelo:

Ver referencia pdf "17200D003P009.PDF"

7.3. Certificación bancaria, selada e asinada pola entidade correspondente, na que consten os datos da conta do centro na que se solicita o ingreso da axuda, se é a primeira vez que recibe este financiamento da Xunta de Galicia.

8. Procedemento.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta Secretaría Xeral, revisarase a documentación e, se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles aos solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71, da Lei 30/1992.

9. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación. Unha vez completos os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resultasen admitidos por seren presentados en tempo e forma, con este fin, constituirase en cada gabinete provincial desta secretaría xeral unha comisión provincial integrada por:

Presidencia:

-O xefe ou a xefa do gabinete provincial de normalización lingüística

Vogais:

-O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de normalización e de dinamización lingüística.

-Un/unha representante da Inspección Educativa que será designado/a polo delegado ou pola delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle poderán designarse ata 3 especialistas máis por comisión.

-Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de normalización e de dinamización lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Secretaría:

Desenvolverá estas funcións, un funcionario ou funcionaria do gabinete ou da delegación provincial. No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

Homoxeneización de criterios. Coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con anterioridade ao inicio das sesións das comisións provinciais, na Secretaría Xeral de Política Lingüística levarase a cabo unha sesión conxunta na que participen 3 membros de cada comisión provincial, incluíndo a persoa que a presida, para a valoración en común de 5 proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

Así mesmo, unha vez valorados os proxectos polas 4 comisións provinciais, a comisión anterior, tendo en conta o número e a calidade dos proxectos presentados, determinará o valor ou asignación económica que lle corresponda outorgar a cada punto obtido, así como a puntuación ou valoración da calidade que permita outorgar o financiamento máximo aos proxectos que a acaden (esta puntuación non poderá ser inferior a 20 puntos).

10. Criterios de cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

A calidade do proxecto terá un peso do 80%. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A calidade será puntuada de 0 a 24 puntos, en función de:

a) Implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado de distintos departamentos, alumnado de distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos), de 0 a 3 puntos.

b) Orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa, de 0 a 3 puntos.

c) Potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade, de 0 a 3 puntos.

d) Utilización de novas tecnoloxías, de 0 a 3 puntos.

e) Colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro, de 0 a 3 puntos.

f) Colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou realización de actividades, de 0 a 3 puntos.

g) Realización de actividades plurianuais, de 0 a 3 puntos.

h) Diversificación de actividades ao longo do curso, número e coherencia entre estas e os obxectivos correspondentes, de 0 a 3 puntos.

O número de estudantes terá un peso do 20%. Concederáselle a cada centro 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

11. Proposta de resolución.

Rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán a listaxe coa puntuación outorgada a cada proxecto e o gabinete de normalización lingüística correspondente, de acordo co valor/punto establecido no artigo 9 e cos límites previstos no artigo 4, formulará unha proposta de resolución de adxudicación do financiamento de cada proxecto.

Estas propostas faranse públicas na web www.xunta.es/linguagalega e comunicaránselles aos centros interesados. Nelas expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de 10 días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta. Rematado este prazo, o gabinete elevaralle a proposta de resolución definitiva á delegación correspondente.

12. Resolución.

Delégase nos/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a competencia para resolver a convocatoria e asignar o financiamento definitivo a cada proxecto. Na resolución farase referencia a que actúan por delegación da secretaria xeral de Política Lingüística.

As resolucións publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na web www.xunta.es/linguagalega e comunicaránselles aos centros interesados. Nelas expresarase a contía outorgada a cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Na mesma resolución acordarase o pagamento do 20% do importe total concedido, en concepto de anticipo.

13. Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

14. Anticipo a conta.

Con cargo á partida orzamentaria prevista para o ano 2008 e co obxecto de facilitar o desenvolvemento do programa, os centros, cuxos proxectos fosen seleccionados segundo a resolución prevista no artigo 12 desta convocatoria, recibirán un anticipo a conta do 20% do importe total concedido.

15. Xustificación.

A xustificación dos gastos correspondentes aos proxectos, que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria, deberá ser presentada ante os gabinetes provinciais de normalización lingüística antes do 1 de xullo de 2009. A forma de presentación é a mesma que a sinalada no parágrafo 6, a propósito da presentación das solicitudes.

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva e gráfica que analice en detalle o desenvolvemento de cada unha das actividades para as que se lle concedeu a asignación económica. Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e propoñeranse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

b) Facturas orixinais ou copias compulsadas expedidas a nome do centro educativo, nas que se exprese o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

16. Perda do dereito ao cobramento do financiamento.

O centro perderá o dereito ao cobramento do financiamento concedido polas seguintes causas:

-Xustificación presentada fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2009).

-Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

-Incumprimento do requisito previsto no parágrafo 3.4 desta convocatoria sobre o uso correcto do galego e o respecto á toponimia oficial.

17. Pagamento.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria, nin aos gastos realmente realizados, de ser estes inferiores ao importe concedido. Do pagamento final deducirase o importe recibido polo centro con carácter de anticipo.

Os pagamentos serán efectuados a través das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

18. Reintegro do anticipo.

Para o caso de que o centro non realice e/ou non xustifique debidamente a realización da actividade ou das actividades programadas polo importe ao que ascendeu o anticipo recibido, deberá reintegrar ao erario da Xunta de Galicia o citado importe.

19. Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria e delegaranse as facultades correspondentes para resolver e pagar os importes correspondentes a cada centro de ensino nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

20. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos será realizado polos coordinadores e coordinadoras territoriais sobre a base das memorias de xustificación.

Non obstante, co obxecto de analizar a consecución dos obxectivos globais desta convocatoria e, se fora necesario, para propor medidas correctoras para o mellor funcionamento dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) e para o mellor desenvolvemento dos proxectos de fomento de uso do galego, durante o mes de xullo constituirase unha comisión que emitirá un ditame global sobre a convocatoria. A comisión mixta estará formada por representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

21. A secretaria xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

22. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados os prazos, en ambos os dous casos, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2008.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "17200D003P009.PDF"