DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 05 de setembro de 2008 Páx. 16.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2008, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas, pola que se dá publicidade á adhesión de diversas entidades locais ao convenio marco asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a implantación dunha rede de oficinas integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.

Con data do 17 de abril de 2007 asinouse un convenio marco de colaboración entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia que ten como obxectivo o desenvolvemento das actuacións precisas para establecer, no ámbito territorial de Galicia, unha rede de espazos comúns de atención ao cidadán que permitan a prestación de servizos integrados de información, orientación, atención e tramitacións sobre determinados aspectos da actividade administrativa, coordinando para tal fin o exercicio das competencias das administracións intervenientes, entendendo por tales, as asinantes do convenio e as que se adhiran nun futuro.

Entre as medidas tendentes a lograr o mencionado modelo de funcionamento administrativo destaca a de implantar, nas entidades locais que se adhiran, oficinas integradas de atención ao cidadán que se clasificarán, segundo o establecido na cláusula segunda do convenio, en función das súas capacidades e o nivel de servizos que presten.

O convenio marco establece, na súa cláusula décimo segunda, que as entidades locais interesadas en adherirse poderán solicitalo á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia sempre que, xunto coas súas solicitudes, cumprisen cos requisitos que a dita cláusula determina, circunstancia que foi comunicada no seu momento ás entidades locais de Galicia.

Solicitada a adhesión polas entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan no anexo e aceptadas pola comisión de seguimento e avaliación do convenio segundo o previsto nas cláusulas sétima e décimo segunda, procede agora a publicación desta adhesión no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co acordado entre a Administración xeral do Estado e a comunidade autónoma na reunión da comisión de seguimento e avaliación do convenio, a inserción no Diario Oficial de Galicia a que se fai referencia, por razóns de eficacia e para evitar un trámite máis ás entidades locais, realízaa a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

En consecuencia

RESOLVO:

1. Publicar, como anexo a esta resolución, a relación de entidades locais que se adhiren ao convenio marco asinado entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a implantación dunha rede de oficinas integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.

A partir da data desta publicación no Diario Oficial de Galicia, os cidadáns poderán presentar documentos dirixidos á Administración xeral do Estado ou á Comunidade Autónoma de Galicia nos rexistros destas entidades locais.

2. Comunicar a aceptación destas adhesións e o acordado na reunión da comisión de seguimento e avaliación do convenio ás entidades locais afectadas.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2008.

Juan José Gómez Romero

Director xeral de Calidade e Avaliación

das Políticas Públicas

Ver referencia pdf "17200D003P009.PDF"